A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 3 de junio de 2012

EFEMÉRIDES




A comezos de cada mes, baixo este título, destacaremos aqueles feitos relevantes ó noso entender, acontecidos principalmente no século XX, para as xentes de esquerdas.
Unhas veces serán mobilizacións sociais, creación de organizacións, fitos importantes das mesmas, outras nacementos, mortes ou asasinatos de dirixentes populares que contribuíron ca súa vida, ca súa obra, ó avance das ideas de transformación social, de loita contra o capitalismo .
Tamén aqueles outros feitos que nos permitan facer unha mellor interpretación da historia. O imperialismo, o capitalismo globalizado, tamén co seu monopolio da cultura e da memoria, quere deixar os pobos e @s traballador@s, orfos do seu pasado, das súas loitas.
Sabemos que faltarán moitos acontecementos e persoeiros, esperamos que os visitantes destas páxinas nos axuden na nosa tarefa de completalos.


MES DE XUÑO

Día 4,

1932. Proclámase en Chile a república socialista presidida por unha xunta na que se atopan Marmaduke Grove, xefe da forza aérea e dirixente do movemento, os xerais Carlos Dávila e Arturo Puga e Eugenio Matte, estrana alianza de mozos esquerdistas e antimilitaristas con xerais, unidos para poñer fin á ditadura de sucesor do ditador Ibañez. Todas estas faccións confluirán un ano máis tarde no Partido Socialista de Chile. Nos 12 días que durou, aprobouse unha lei de amnistía para os presos e exiliados políticos, obrigouse á Caixa de Creto Popular a devolver a todos os empeñantes os artigos de uso doméstico e de traballo, ó Banco Central a conceder cretos a pequenos industriais, mineiros e agricultores, así como tamén se tomaron medidas a favor dos traballadores. Apróbanse fortes impostos ás grandes fortunas, se establece o monopolio do estado no comercio exterior e créase un Ministerio de Saúde Pública. Os estudantes toman a universidade e crean soviets Tamén se iniciaron relacións diplomáticas ca URSS. A oligarquía asustada deu un golpe, apoiándose na Mariña, e rematou ca primeira experiencia de república socialista en América.

Día 7.

1914. Iníciase en Italia a “semana vermella”, un período, do 7 ó 14 do mes, de manifestacións e folga xeral, resposta dos traballadores italianos á morte de tres traballadores que se manifestaban contra a entrada do país na Iª guerra mundial. Benito Mussolini, como director do periódico do PSI, Avanti!, xogou un certo papel nestas mobilizacións; tamén Enrico Malatesta, dirixente anarquista. O presidente do goberno, Salandra, tivo que empregar máis de 100.000 soldados para poñer fin a insurrección.

Día 9.

1923. Bulgaria, golpe militar de carácter fascista contra o goberno agrario, cuxo presidente é asasinado.

1964. Inicia en Perú a súa actividade a guerrilla do Movemento de Izquierda Revolucionaria (MIR), dirixido por Luís de la Puente Uceda.. A primeira acción guerrilleira a leva a cabo a fronte Tupac Amaru, comandada por Guillermo Lobatón, que operaba na rexión de Junin, ca toma da facenda Ronatullo e o asalto á mina Santa Rosa.

Día 12.

1929. Comeza en Bós Aires a Iª Conferencia de partidos Comunistas de América Latina. Asisten delegacións de 15 partidos comunistas e obreiros así como de grupos comunistas. Había delegados de Arxentina, Brasil, Bolivia, Colombia, Cuba, Chile, Ecuador, El Salvador, Guatemala, México, Panamá, Paraguay, Perú, Uruguay e Venezuela. Tamén asistiu o Partido Comunista dos EEUU. Trataron dúas cuestións; o esforzo de caracterización da revolución latinoamericana segundo o marxismo-leninismo e a determinación das forzas motrices da mesma. A revolución en America Latina se caracterizará como democrático burguesa, agraria e antiimperialista. As forzas motrices debía se-la alianza entre o proletariado e o campesiñado baixo a hexemonía do primeiro. Considerouse tamén o papel da pequena burguesía e da burguesía na loita antifeudal e antiimperialista, poñendo énfase que estas clases nun momento da loita, sempre vacilaban e acababan pactando co imperialismo.

Día 14.

1894. Nace en Moquehua, Perú, José Carlos Mariátegui. O seu pai, Francisco Mariátegui era un empregado público de ascendencia vasca e a súa nai, Mª Amalia La Chira, unha mestiza filla de pequenos agricultores. O pai abandonou á familia e a súa nai quedou na miseria con catro fillos. Estudou na escola de Huacho ó norte de Lima e destacou polo interese pola poesía e o idioma francés. Nesta época sofre un golpe no xeonllo esquerdo que lle deixa con serias dificultades para desprazarse. En 1909 comeza a traballar nos talleres do diario A Prensa, de aprendiz primeiro e despois de axudante de linotipista. Máis tarde entra a formar parte da redacción e escrebe crónicas de sucesos, hípica e outras columnas secundarias. Os primeiros artigos asinados, aparecidos en 1914, fainos baixo o alcume de “Juan Croniqueur”. En 1916 comeza a traballar no diario “O Tempo”, para realiza-la crónica parlamentar o que lle permite coñece-la vida política do país. Vive unha vida bohemia que o leva á cárcere; entre os seus amigos cóntanse Abraham Valdelomar, César Falcón, Felix del Valle e César Vallejo, “compañeiro da mala sorte”, “da bohemia involuntaria”. Nesta época destaca pola súa posición antiacadémica e a rebelión fronte ós canons artísticos convencionais, posición que terá o seu canle na revista “Nosa Época”, “unha revista de combate”, que codirixe con César Falcón; só publicarán dous números debido á reacción do exército o seu artigo “O deber do exército, o deber do estado” que o leva a recibir varias malleiras por parte de oficiais, unha na propia redacción do diario onde traballaba o que lle leva a abandona-lo mesmo, diante da insolidariedade do director. Nesta época ca revolución soviética en marcha en Rusia, comeza a acercarse as teses socialistas e funda, xunto cun grupo de obreiros e intelectuais o “Comité de propaganda e Organización Socialista”, que durará pouco tempo; como lembra nunha carta a Samuel Glusberg “Desde 1918, nauseado da política crioula (como periodista, e durante algún tempo redactor político e parlamentar, coñecín polos adentros os partidos e vin en zapatillas ós estadistas), orienteime dun xeito resolto cara ó socialismo”. Tamén o diario “A Razón”, “diario do pobo para o pobo”, que dirixe conxuntamente con César Falcón e que unha vez chegada a ditadura de Augusto Leguía, a partires do 4 de xullo de 1919, se converte no diario antigubernamental máis importante do país. Agora recollen os conflitos sociais, moi numerosos, pola mellora nas condicións de vida, pola xornada de oito horas, fundamentalmente dos obreiros e as mobilizacións estudantís pola reforma, na universidade, o que leva a súa detención o 8 de outubro e a aceptar unha beca para Europa; Falcón marchará a España, Mariátegui a Italia; para uns é unha traizón as súas ideas e a súa traxectoria, para outros unha deportación encuberta. Permanecerá en Europa, ata 1923. Escreberá crónicas sobre arte e política para O Tempo, que asina de novo como Juan Croniqueur. En 1921 asiste en Livorno á fundación do Partido Comunista e baixo a influenza do pensamento de Gramsci, funda cun grupo de peruanos unha célula comunista que durará pouco tempo e non terá repercusión algunha, como non sexa a de asumir por parte de Mariátegui o marxismo. No mesmo ano casa cunha italiana, Anna Maria Chiappe, ca que terá catro fillos. Viaxa por Alemaña, Hungria e Austria, entrevistándose con políticos da esquerda e intelectuais. Seguirá atentamente a evolución da república soviética en Hungria. Cando regresa ó Perú en 1923, seguían as mobilizacións estudantís e se producira unha aproximación entre sectores obreiros e estudantes. Haya de la Torre, naquel momento un dirixente estudantil sen unha ideoloxía moi definida, funda a Universidade Popular e encarga a Mariátegui dirixir unha das cátedras; desenvolve o tema, ó longo de varias conferencias e seminarios, de “A crise mundial e a revolución”, onde toma partido dun xeito nidio pola alternativa comunista. A terceira conferencia titulouna “O fracaso da IIª Internacional” e a traveso das 17 conferencia amosase un firme partidario da revolución soviética. Inicia a participación na revista “Variedades” e despois da detención de Haya de la Torre, coordina “Claridade” que era a revista da Universidades Populares á que lle da unha orientación obreirista . En 1924 ampútanlle a perna esquerda e pasa a convalecencia en Chosica, preto da cordilleira. Colabora na revista “Mundial”. En 1925 funda a editorial Minerva e publica a súa primeira obra “A Escena Contemporánea” onde agrupa artigos e conferencias en sete capítulos; o primeiro titulado “Bioloxía do feixismo”. Manten unha intensa correspondencia con numerosos intelectuais de todo o país, nas que insiste na necesidade de afondar no teme indixenista. Tamén con persoeiros de México, Chile, Bos Aires, Córdoba, Montevideo, Cuba, Costa Rica, a Nicaragua de Sandino, con quen mantén correspondencia, etc. Son anos de persecución por parte da ditadura, que asalta súa casa en varias ocasións, lle rouba os papeis, pero como dixo o seu amigo Waldo Frank, “O espírito que se atopa nunha cadeira de rodas, comeza a radiar máis aló dos Andes”. En 1926 funda a revista “Amauta”, que publicará 32 números ata 1930. Pero vai sufrir todo tipo de persecucións e será pechada, en xullo de 1927, despois do número 9; Mariátegui e outros colaboradores privados de liberdade, baixo a acusación de complot comunista. A reacción en toda América Latina foi moi importante, non só por parte de numerosos intelectuais, senón tamén por parte de sectores da esquerda. Nesta época prodúcese a ruptura definitiva con Haya de la Torre, o lider do APRA. En outubro de 1928 funda o Partido Socialista de Perú, partido marxista -leninista, da clase obreira, do que Mariátegui é elixido secretario xeral, e a fins de ano aparece a súa obra fundamental “Sete ensaios de interpretación da realidade peruana”, o ensaio marxista máis certeiro sobre a realidade non só do país, senon de toda América Latina. En 1929, segue colaborando en “Mundial”, “Variedades” e “Labor”, revista adicada á clase obreira e dirixindo “Amauta”, onde publica o seu manifesto dirixido ó Congreso Obreiro Latinoamericano, en Montevideo.
O Partido Socialista do Perú participa no Iº Congreso de Partidos Comunistas de América Latina celebrado en Bos Aires; os documentos foron redactados por Mariátegui e atacados por unha parte dos asistentes, por consideralos heterodoxos. A finais de ano, a represión da ditadura lle obriga a estudar a posibilidade do seu exilio na Arxentina. Morre o 16 de abril de 1930. Entre os seus traballos inéditos que se publicarán máis tarde, destaca “En defensa do marxismo”


1928. Nace Ernesto Guevara de la Serna, máis coñecido polo alcume de “Che”, en Rosario, no seo dunha familia da pequena burguesía liberal. É o maior de cinco irmáns e toda a súa vida sufriu de asma o que lle obrigou a grandes esforzos para levar unha vida de normalidade. Desde moi novo foi un grande lector e xogador de rugbi e xadrez.
Entre os anos 1950 e 1954 fixo tres viaxes por América ó tempo que estudaba menciña. No último, cando se atopaba en Guatemala participando no proceso de democratización, prodúcese o golpe terrorista dos EEUU contra o goberno de Jacobo Arbénz, e ten que pedir asilo na embaixada arxentina; marcha cun salvoconduto cara a México, onde coñecerá a Fidel Castro e o seu grupo de revolucionarios cubanos. Participa na viaxe do barco Gramma e forma parte do grupo que se interna na Serra Mestra, para loitar contra a ditadura de Batista, acadando o grao de “comandante”.
Despois da toma do poder, é director do cuartel da Cabaña, onde se celebran xuízos populares contra os esbirros da ditadura; escrebe “A guerra de guerrillas”; foi nomeado Director do Departamento de Industrialización do Instituto Nacional de Reforma Agraria, Ministro de Industria e Presidente do Banco Nacional. Ademais representou a Cuba en numerosos eventos internacionais. Foi creador da axencia Prensa Latina, xunto con Massetti, Walsh, García Marquez, Galeano e outros, e impulsor do “traballo voluntario”.
Como comunista, internacionalista e comprometido cos pobos oprimidos, abandona Cuba clandestinamente e tentar axudar no Congo a loita contra a ditadura. Fracasada esta experiencia, escrebe “Pasaxes da guerra revolucionaria.Congo”. Despois dun tempo en Tanzania e Praga, onde escrebe “As anotacións e comentarios ó Manual sobre Economía Política” regresa clandestinamente a Cuba e do mesmo xeito parte para as selvas de Bolivia, para crear un movemento guerrilleiro que poña fin á ditadura militar, e crear en America Latina, “un, dous, tres Vietnams”, nunha clara posición antiimperialista que chocaba ca de “cohesión pacífica”. Ë asasinado pola CIA despois de ser capturado polo exército boliviano, o 8 de outubro de 1967

Día 16.

1976. Na República Sudafricana, onde a maioría negra se rebelaba contra a segregación racial imposta polo goberno de brancos, ese día pola maña, milleiros de estudantes negros de Soweto, un área próxima a Johannesburgo, a pesares das represivas leis impostas polo réxime de segregación racial, saíron á rúa a protestar contra a imposición do goberno racista, que obrigaba a estudar no idioma afrikaner nas escolas: era o idioma do opresor, constituído por unha base do holandés antigo, con algúns elementos de diversas etnias africanas. A brutal represión da protesta deixou máis de 500 mortos e milleiros de feridos. O primeiro escolar e morrer foi Hector Pieterson, un neno de 13 anos que se converteu nunha icona da loita da mocidade. Todos os 16 de xuño celébrase o “Dia dos nenos africanos”. No exterior do país, as imaxes da matanza tiveron un enorme impacto, aínda que unha grande parte dos países imperialistas continuaron apoiando o “réxime do apartheid”, que recorría á represión máis brutal para afoga-los devezos de liberdade da maioría negra.

Día 18.

1882. Nace Jorge Dimitrov na aldea de Kovachevtsi, en Bulgaria, no seo dunha familia de artesáns pobres que se trasladan axiña á capital, Sofía. Ós doce anos comeza a traballar como aprendiz de tipógrafo e desde moi novo pertence a organizacións obreiras. Autodidacta, adica moito tempo á súa preparación teórica e en 1902, atópase militando no Partido Obreiro Socialdemócrata Búlgaro.
En 1909 é elixido membro do seu Comité Central e Tesoureiro da Unión Xeral de Sindicatos. A partires de 1917, co trunfo da revolución soviética en Rusia, coñece a obra de Lenin e convértese nun dirixente da Internacional Comunista e desde a súa creación, en 1921, da “Internacional Sindical Vermella”. Despois do golpe militar fascista do 9 de xuño de 1923 en Bulgaria, escrebe diferentes artigos nos que propón a formación dunha fronte única para poñer fin ó fascismo, ó tempo que o PCB prepara a primeira insurrección popular contra a ditadura permanente do capital, que se leva a cabo en setembro, resultando un fracaso. Diante da represión desatada contra os comunistas, Dimitrov exíliase e vive clandestinamente en Viena, Berlín e outras cidades europeas, adicado a tarefas internacionalistas. No XII Plenario do Comité Executivo da Internacional Comunista celebrado en setembro de 1932, deu a coñece-lo seu informe sobre a formación das Frontes Únicas e a acción dos traballadores contra o fascismo. No mesmo ano participa na preparación e realización do Congreso Internacional Antibélico celebrado en Amsterdam.
O 9 de marzo de 1933 é detido en Alemaña e acusado, xunto os seus camaradas B. Popov e W. Tanev, do incendio do edificio do Parlamento Alemá. Xulgado en Leipzig, converte o xuízo nunha tribuna contra o nazismo como ditadura ó servizo do capital e fixo un chamamento a unidade dos traballadores e forzas antifascistas e democráticas, para opoñerse ó seu avance e consolidación ó tempo que acusaba ós nazis de ser quen incendiaran o parlamento; o xuízo levouse a cabo en medio dunha grande campaña internacional pola súa liberdade, sendo absolvido e marchando á URSS onde desempeñará o cargo de Secretario Xeral da Internacional Comunista desde 1935 ata 1943. No VII Congreso da Internacional Comunista celebrado en 1935, presenta o seu famoso informe “A ofensiva do fascismo e a tarefa da Internacional Comunista na loita pola unidade da clase obreira”. Ten unha grande participación na creación da “Fronte da Patria” en Bulgaria, unión das forzas na loita contra a ditadura monarco-fascista e a creación do exército guerrilleiro, que expulsa ós nazis en setembro de 1944. A Asemblea Nacional o elixe primeiro ministro da República Popular de Bulgaria, cargo que desempeña ata a súa morte o 2 de xullo de 1949.

Día 19.

1965. Prodúcese en Arxelia un golpe militar contra o presidente Ben Bella, a causa dos enfrontamentos internos dentro da Fronte de Liberación Nacional, o partido único segundo establecía a constitución, organización onde se agruparon as forzas que loitaron contra o colonialismo francés desde 1955 ata a independencia en 1962. É substituído polo coronel Boumedian.

Día 20.

1933. Morre Clara Zetkin. Nacera como Clara Eissner en Wiedenau en 1857 e morre en Arjansqueslskoie, antiga URSS. Cambiou o seu apelido cando casa co revolucionario ruso Ossip Zetkin. Estudou maxisterio en Leipzig e desde moi nova pertenceu ás xuventudes do Partido Socialdemócrata de Alemaña. A partires de 1881 exiliase na Suiza e París e participa no congreso fundacional da IIª Internacional en 1889. De regreso a Alemaña, edita en Sttugart o periódico das mulleres socialistas “Igualdade” que se publicou entre 1892 e 1917. En 1907 é unha das promotoras do Congreso Internacional Socialista da Muller e en 1910, noutro congreso de mulleres, fai a proposta, que se aproba, de que o día 8 de marzo fora o Día Internacional da Muller Traballadora. Amiga persoal de Lenin e Rosa Luxemburgo, organizou a Conferencia Internacional de Mulleres contra a guerra en 1915. Cofundadora da Liga Espartaquista en 1916 e do Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña en 1917, únese ó Partido Comunista en 1919 sendo deputada no Reichtag, por este partido desde 1921 ata 1933. Así mesmo foi membro do Comité Executivo da IIIª Internacional e en 1923 elixida presidenta da asociación de solidariedade “Socorro Vermello”.

Día 22.

1921. Inaugúrase o IIIº Congreso da Internacional Comunista, no que participan 605 delegados de 103 organizacións de 53 países. É un congreso no que se produce un grande debate ideolóxico sobre a situación internacional , tese que redactaron Trotski e Varga e sobre o problema da táctica, onde se aborda o fracaso da insurrección obreira en Alemaña de marzo dese mesmo ano, e o cambio na situación mundial despois dos fracasos en Hungria de 1919, de Italia en 1920, e da derrota do exército vermello en Polonia. Afirmase “Hoxe por primeira vez, vemos e sentimos que non estamos próximos ó obxectivo, a saber, da conquista do poder, da revolución mundial. En 1919 nós dicíamos 'é unha cuestión de meses'. Hoxe nós dicimos 'é unha cuestión de anos'”.
Produciuse un enfrontamento entre Lenin e Trotski por un lado, con Radek, Kun, Zinoviev e dirixentes do Partido Comunista de Alemaña, holandés, británico e italiano, que chegan a acusar de “dereitistas” ós primeiros, polo tema da sublevación proletaria en Alemaña, en marzo Deféndense diferentes posturas, a da necesidade de creación dunha Fronte Ünica, Lenin-Trotski e os que consideraban a necesidade de proseguir ca ofensiva revolucionaria. Os primeiros afirmaban que o acertado era consolida-los partidos comunistas, gañar posicións no movemento obreiro e participar nas loitas defensivas dos traballadores. Nestas circunstancias definiuse a política da Fronte Única. Diante da ofensiva da burguesía, chegar á base obreira socialdemócrata e adoptar unha política defensiva que unise ó movemento obreiro. O que se dicía de “golpear xuntos, marchar separados”; respectando sempre a independencia do programa comunista.

Día 23.

1936. Nace Carlos Fonseca Amador en Matagalpa, Nicaragua, no barrio El Laborio, fundador e máximo dirixente ata a súa morte en combate, da Fronte Sandinista de Liberación Nacional de Nicaragua.
Entre 1945 e 1952, dada a pobreza da súa familia, estuda e traballa en diferentes oficios, vendendo caramelos, diarios, como mensaxeiro, axudante nunha adega, vendedor de follas de parra para familias árabes, etc. En 1952 participa na primeira folga, no instituto onde cursaba estudos, a favor da retirada no edificio da Universidade de León dunha estatua do ditador Somoza García.
En 1953 comeza a ler a Marx e Engels na vella librería do poeta Samuel Meza. En 1954, funda con outros compañeiros a revista “Segovia” e participa en círculos de estudo onde discutían sobre o Manifesto do Partido Comunista e artigos sobre a Revolución Industrial, periódicos obreiros, etc. Vendía polas rúas o periódico “Unidade” do Partido Socialista Nicaraguense. En 1955 finaliza o bacharelato e contrátano como director da Biblioteca do Instituto Ramirez Goyena, en Managua, combinando o traballo cos estudos na Escola de Economía da Universidade Nacional . Ingresa no Partido Socialista. O ano seguinte trasládase a León e traballa na axencia A Prensa. Matricúlase na Facultade de Dereito e integra con Silvia Mayorga, Tomás Borge e o guatemalteco Heriberto Carrillo unha célula identificada cos principios do proletariado. Cando o ditador Somoza García é axustizado, e detido durante dous meses, en Matagalpa.
O 3 de xullo de 1957, trasládase a Moscova para asisti-lo Festival da Mocedade. Viaxa á República Democrática de Alemaña e volve á URSS e despois viaxará a Praga. A súa volta a Nicaragua é detido no aeroporto. En 1959 publica un pequeno libro, Un nicaraguense en Moscova. Como secretario de relacións da Universidade Nacional Autónoma, organiza en novembro, mobilizacións contra a ditadura e pola liberdade dos presos políticos, sendo apresado en Managua. No mes de marzo de 1959 organiza a “Xuventude Democrática Nicaraguense”, que inicia unha campaña de mobilizacións e de denuncia da Unión Nacional Opositora (UNO), controlada polo Partido Conservador. Na represión que se desata é capturado de novo o 2 de abril, con Silvio Mayorga e Ferando Ampié e deportado a Guatemala. Marcha a Honduras e se integra na columna guerrilleira “Rigoberto López Pérez” que é masacrada no Chaparral, cando tentaba entrar en Nicaragua, e Carlos Fonseca ferido de gravidade. Se recupera na Habana. En 1960 viaxa a Venezuela para asistir a unha xuntanza da Fronte Único Nicaraguense; detido no aeroporto de Maiquetía, é deportado a México. En xuño entra clandestinamente en Nicaragua pero é detido e encarcerado; deportado a Guatemala, as autoridades o confinan no Petén, na aldea Upman, onde fai amizade con Luís Augusto Turcios Lima, futuro comandante das Forzas Armadas Revolucionarias de Guatemala; escapa ó Salvador e máis tarde a Cuba; en decembro volve a Nicaragua e contacta ca Xuventude Patriótica Nicaraguense.
En 1961 funda o Movemento Nova Nicaragua e no mes de xuño propón a creación da Fronte Sandinista de Liberación Nacional na que se deben integrar todas as forzas que actúan contra a ditadura. Publica “O primeiro ideario de Sandino” No ano 1962 viaxa con Santos López, antigo loitador con Sandino, polas montañas de Nicaragua para atopa-lo lugar idóneo onde instalar un “foco” guerrilleiro; o lugar escollido é a confluencia dos rios Coco e Bocai. O ano seguinte viaxa por Centroamécica entrando e saíndo de Nicaragua segundo as necesidades da organización; os primeiros comunicados asinados como Fronte Sandinista son de setembro -outubro de 1963; en xuño do 64 e capturado en Managua xunto con Víctor Tirado, escrebe o folleto “Desde a cárcere eu acuso á ditadura” . A principios do ano 65 e expulsado e marcha a México e a finais de ano esta de volta en Nicaragua. O ano 66 será de potenciación do movemento estudantil e das organizacións de base nas barriadas e se acorda prepara-la loita armada tamén nas cidades; en xuño atópase na montaña preparando unha base da guerrilla.
En 1967 racha ca esquerda tradicional nicaraguense; en abril entra de novo na montaña e en setembro desátase unha forte represión contra os campesiños que apoian á guerrilla, e unha das tres columnas que operaban é aniquilada en Pancasán.
En 1968, a pesar da división interna dentro do sandinismo en “Larga marcha”, “Guerra popular prolongada” e “Terceira vía”, se lle recoñece como o principal xefe político e militar da Fronte sandinista.
Detido en Costa Rica xunto cun grupo de compañeiros e liberado e marcha a Cuba despois dunha operación de intercambio de reféns. En Cuba vivirá ata 1975 escribindo artigos e axudando á reorganización da Fronte. En 1976 volve á montaña nicaraguense para integrarse na guerrilla; escrebe “Notas sobre a montaña” e “Notas sobre alguns problemas de hoxe”. O 7 de novembro morre en combate na rexión de Zinica.

Día 27.

1954. Os EEUU de Norteamérica executan un golpe de estado contra o presidente democrático de Guatemala Jacobo Arbenz. Non podían aceptar que en centroamérica houbera estados democráticos, como era o caso de Guatemala, que tentaba mellora-las condicións de vida dos seus habitantes. En 1901 chegou a United Fruit Company (UFCO), poderosa compañía norteamericana que axiña fíxose con enormes extensións de terreos, tamén controlaba compañía de vapores e ferrocarrís. O seu proxecto expansionista levouna a absorver outras compañías froiteiras doutros países centroamericanos e a controla-la produción de enerxía eléctrica. En 1944 instaurase en Guatemala un goberno democrático tra-la expulsión por un movemento popular do ditador Ubico, en xuño e do seu substituto o tamén ditador, Ponce, o 21 de outubro. Se fai co poder un trunvirato militar, formado por Francisco J. Arana, Jacobo Arbenz e Jorge Toriello. Convocadas eleccións democráticas no mes de decembro é elixido o pedagogo Juan J. Arévalo, que leva a cabo numerosas reformas na educación; no último ano do seu mandato, o de educación foi o orzamento máis elevado. Tras novas eleccións democráticas foi elixido Jacobo Arbenz que choca cos EEUU pola súa proposta de formar unha Federación Centroamericana, tachada polos ianquis como comunista, que tampouco consideraban aceptable a legalización do Partido Guatemalteco dos Traballadores (comunista) e sindicatos; a Lei de Reforma Agraria presentada como anteproxecto en 1952, que afectaba a algunhas terras improdutivas da UFCO, levounos a intervención militar por medio dun exército de mercenarios e das ditaduras de Nicaragua e Honduras. O xeral Armas fíxose co poder e deixará sen efecto as reformas iniciadas no período democrático. Ernesto Guevara de la Serna, coñecido como o Che, que se atopaba en Guatemala observando o proceso de reformas, ten que refuxiarse na embaixada arxentina e partirá, cun salvoconduto, cara a México, onde entrará en contacto con Fidel Castro e o seu grupo.

Día 28.

1920. En México, Pancho Villa, o afamado xeral revolucionario da División do Norte do Exército Constirucionalista, asina o armisticio. Os seus homes reciben unha recompensa e retírase á finca “O Canutillo”, onde vivirá ata o día do seu asasinato, por un grupo de sicarios, en 1923.

Día 30. No acto da “transmisión de poderes”, despois da declaración da independencia da antiga colonia belga do Congo, Patricio Lumumba, primeiro ministro do goberno da República do Congo presidida por Kasavuvu, le inesperadamente un discurso, fora do protocolo, diante do rei Balduino de Bélxica e todos os políticos invitados de diferentes países, que se considera a súa sentenza de morte. Afirma con determinación:


A vosa Maxestade, 
Excelencias, señoras e señores, 
homes e mulleres congoleses, 
loitadores da independencia, que hoxe sodes vitoriosos, 
saúdovos en nome do goberno congolés. 
Pídovos a todos, amigos meus que loitastes incesantemente ao noso lado, que o trece de xuño de 1960 sexa conservado como unha data gravada indeleblemente nos vosos corazóns, unha data cun significado que ensinaredes con orgullo aos vosos fillos, para que eles, á súa vez, transmitan aos seus fillos e aos seus netos a historia gloriosa da nosa loita pola liberdade. 
Porque aínda que a independencia do Congo é celebrada hoxe co acordo de Bélxica, unha nación amiga coa cal estamos en pé de igualdade, ningún congolés digno dese nome poderá esquecer xamais que foi coa loita que gañamos a independencia, cunha continua e prolongada, ardente e idealista loita, na cal non aforramos a nosa forza nin as nosas privacións, os nosos sufrimentos nin o noso sangue. 
Desta loita de bágoas, lume e sangue estamos orgullosos ata as raíces máis profundas do noso ser porque foi unha loita nobre e xusta, absolutamente necesaria para acabar coa infamante escravitude que nos foi imposta pola forza. 
Este foi o noso destino durante os oitenta anos de goberno colonial; as nosas feridas están aínda demasiado frescas e son aínda moi dolorosas para permitirnos borralas da nosa memoria. 
Coñecemos o traballo deslombador que se nos esixía a cambio de salarios que non nos permitían satisfacer a nosa fame, vestirnos ou aloxarnos decentemente, nin criarmos aos nosos nenos como as amadas criaturas que son. 
Coñecemos a burla, os insultos, os golpes, sometidos mañá, tarde e noite, porque eramos negros. Quen esquecerá que a un negro se lle dirixía a palabra con termos familiares non por certo como a un amigo, senón porque as formas máis corteses estaban reservadas aos brancos? 
Coñecemos a expoliación das nosas terras en nome de supostos textos legais que en realidade só recoñecían o dereito do máis forte. 
Coñecemos que a lei non era nunca a mesma, tratásese dun branco ou dun negro; que era benévola cun, cruel e inhumana co outro. 
Coñecemos o atroz sufrimento daqueles que foron encarcerados polas súas opinións políticas ou as súas crenzas relixiosas; exiliados no seu propio país, o seu destino foi peor que a mesma morte. 
Coñecemos que nas cidades onde había magníficas casas para os brancos e chozas destartaladas para os negros, que os negros non eran admitidos nos cines ou restaurantes, que non podían entrar nos negocios chamados "europeos", que, cando un negro viaxaba, era na adega máis baixa do barco, aos pés do branco acomodado na súa cabina de luxo. 
E, finalmente, quen esquecerá os aforcamentos, ou as escuadras incendiarias, polas que pereceron tantos dos nosos irmáns, ou as celas onde eran brutalmente arrebolados aqueles que escapaban das balas dos soldados, eses soldados que os colonialistas converteron en instrumento da súa dominación? 
Todo isto, irmáns, fíxonos sufrir profundamente. 
Pero todo isto, porén, nós, que polo voto dos vosos representantes electos debemos guiar ao noso amado país, nós que sufrimos na nosa carne e no noso corazón a opresión colonialista, nós dicímosvos: todo isto terminou desde hoxe. 
A República do Congo foi proclamada e o noso amado país está agora en mans dos seus propios fillos. 
Xuntos, irmáns meus, comezaremos outra loita unha loita sublime, que levará ao noso país á paz, á prosperidade e a grandeza. 
Xuntos estableceremos a xustiza social e aseguraremos a cada home a xusta remuneración polo seu traballo. 
Ensinaremos ao mundo o que o negro pode facer cando traballa en liberdade, e converteremos ao Congo no centro de África. 
Vixiaremos que as terras da nosa nación beneficien realmente aos fillos da nosa nación. 
Reexaminaremos as leis anteriores, e faremos outras, xustas e nobres. 
Terminaremos coa supresión do libre pensamento, e faremos que todos os cidadáns poidan gozar totalmente das liberdades fundamentais establecidas na Declaración dos Dereitos do Home. 
Suprimiremos a discriminación -calquera que fora- e outorgaremos a cada individuo o xusto lugar a que lle dá dereito a súa dignidade humana, o seu traballo e a súa devoción cara ao seu país. 
E para todo isto, amados compatriotas, podedes estar seguros de que contaremos, non só coas nosas enormes forzas e inmensas riquezas, senón tamén coa asistencia de numerosos países estranxeiros que a súa  colaboración aceptaremos mentres sexa honesta e non intente impornos ningún sistema político, calquera que sexa este. 
Neste terreo, aínda Bélxica, que comprendendo finalmente o sentido e dirección da historia cesou de oporse á nosa independencia, está disposta a brindarnos a súa axuda e amizade; asinamos, a este efecto, un tratado como dous países iguais e independentes. Estou seguro de que esta cooperación será proveitosa para ambos os países. Pola nosa banda, e aínda cando sigamos vixiando, saberemos como respectar os compromisos contraídos libremente. 
Así, nos asuntos internos como nos exteriores, o novo Congo que o meu goberno creará será un país rico, libre e próspero. Pero para chegar pronto a este obxectivo, pedireivos, lexisladores e cidadáns congoleses, que me axudedes con todas as vosas posibilidades. 
Pídovos que esquezades as vosas disputas tribais que consomen as nosas enerxías, e que arriscan converternos no obxecto de desprezo das demais nacións. 
Pido á minoría parlamentaria que axude ao meu goberno mediante unha oposición construtiva, e que permaneza dentro dos límites estritos da legalidade e a democracia. 
Pídovos a todos que non esixades dun día para outro aumentos desconsiderados de salarios, antes de que poida pór en marcha un plan xeral mediante o cal espero asegurar a prosperidade da nación. 
Pídovos que non evitedes ningún sacrificio para asegurar o triunfo da nosa magnífica empresa. 
Pídovos, por fin, que respectedes incondicionalmente a vida e a propiedade dos vosos concidadáns, e a dos estranxeiros establecidos no noso país. Se o comportamento destes estranxeiros deixase ás veces algo que desexar, a nosa xustiza apresurarase a botalos do territorio da República; se, pola contra, a súa conduta é satisfactoria, non se molestarán porque tamén traballan para a prosperidade do noso país. 
E isto, os meus irmáns de raza, os meus irmáns no conflito, os meus compatriotas, é o que eu quería dicirvos en nome do goberno, neste magnífico día da nosa independencia soberana e completa. 
O noso goberno -forte, nacional, popular- será a salvación deste país. 
¡Honremos aos Campións da Liberdade Nacional! ¡ Viva o Congo Independente e Soberano! “
( Tradución XMGR)

No hay comentarios:

Publicar un comentario