A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 15 de junio de 2012

RESCATAN Á OLIGARQUÍA ESPAÑOLA, PAGAMOS TOD@S



Carlos Dafonte.

A oligarquía española, ese pequeno grupo de malgastadores da riqueza producida pol@s traballador@s do estado, de especuladores, estafadores e defraudadores, como quedou demostrado no análise da crise actual, que desde hai séculos usurpa o poder do estado, desde o 9 de xuño, diante da bancarrota na que se atopa algún dos seus sectores como é o financeiro, vai recibir unha “liña de creto” de ata 100.000 millóns de euros, a cifra marea se a traducimos a pesetas, por parte de organismos internacionais, para recapitaliza-la banca.
Nos están rescatando como a Grecia, Portugal e Irlanda, que a cambio de diñeiro tiveron que tomar determinadas medidas?. Escolleuse, penso, aínda que no fondo sexa o mesmo, unha rota distinta; primeiro nos esixiron toda unha serie de reformas: as que tomou o goberno do PSOE a partires do ano 2010 e as que está a tomar o PP desde que o substituíu a finais de 2011. E unha vez tomadas as máis importantes para garantir que os cartos se devolven, fan o préstamo; pero no fondo, a pesares dos eufemismos que se queiran empregar, están a rescatarmos. O sector financeiro da economía atópase nunha grave situación, o conxunto da economía do estado non é capaz de facerlle fronte e ten que pedir axuda fora. Pero o rescate non vai afectar só ó sistema financeiro, como deixou claro a declaración do Eurogrupo, toda a estrutura económica se vai ver afectada, “falando en prata”, que virán novas medidas, contra as pensións, salarios, servizos públicos, funcionarios, suba de impostos, etc. e que estas medidas serán revisadas pola “troika”, UE, BCE, FMI
No tratado de Maastricht, un dos piares da creación da UE actual, aprobaron elementos substanciais para que os estados carguen cas débedas da oligarquía, da clase dominante, limitando por exemplo, entre outros elementos, a actuación do Banco Central Europeo ou permitindo a libre circulación de capitais. Por iso, os sectores da esquerda española levamos moitos anos opoñéndonos á U.E., por ser unha construción oligárquica e imperialista, ó servizo de determinadas minorías.
O “caso Bankia” é un máis dos desaguisados deste grupo, pero tamén a burbulla inmobiliaria, os enormes buratos que reflectirían os balances bancarios, si se lles obrigara a poñe-lo “ladrillo” do que son propietarios ó prezo real do mercado; as chamadas “preferentes”; o fraude das empresas, tanto á seguridade social como a facenda, que xera un déficit enorme; os paraísos fiscais repartidos por todo o mundo e permitidos polas institucións por eles hexemonizadas; o saqueo do estado e polo tanto dos contribuíntes, no seu beneficio; todas estas actuacións, entre outras, da oligarquía deben facernos reflexionar sobre que de proseguir na dinámica actual, de control do estado e da economía, da estrutura económica e da superestrutura política, por parte deste pequeno grupo e dalgúns aliados, a grande maioría dos cidadáns deste estado, por moitos anos van vivir nun pesadelo.
Bankia é un exemplo clarificador da actuación desta oligarquía, pero podemos poñer outros, hai numerosos casos de actuacións de bancos e caixas de aforros que tamén serven; Bankia non é un caso único. Utilizaron as Caixas de Aforros no seu beneficio, foron modificando as leis polas que se rexían para evitar controis, situaron o PP e o PSOE desde os gobernos autonómicos, ós xestores culpables das políticas que levaron ás Caixas á situación actual. Sempre actuaron ó servizo deste grupo hexemónico, se están quebradas non foi por facer políticas a favor da grande maioría da poboación
Repartiron diñeiro en enormes cantidades, sen valorar riscos, entre os seus, moitas veces para obras inxustificables, e no colmo da desvergoña, tentan marchar con pensións multimillonarias, sen asumir responsabilidade algunha. Tamén hai responsabilidade nas institucións que debían controlar todas estas actuacións, nomeadas polos dous grandes partidos. Ámbolos dous son responsables, pois monopolizan o poder, durante os últimos trinta anos, desde a desaparición da ditadura. Algunha responsabilidade terán.
E cando se quere investigar como é posible que o que hai “dous días” eran beneficios, hoxe sexan enormes perdas, e que responsabilidade teñen os que en tempos eran saudados, polos medios de comunicación e as institucións, como “gurús da economía” e a ser nomeados “doutores hornoris causa” por facultades de económicas, e existe un clamor popular para que esa investigación se realice, os “representantes da cidadanía”, tenta tapalo todo, alegando que non se pode “asusta-los mercados, que medra a “prima de risco”. Que xa se fará. Como se os especuladores a quen se lles chama “mercados”, non coñeceran todos os miolos das economías contra as que actúan e sacan enormes beneficios.
Lembrade a estulticia do PP cando nos dicía unha e outra vez, que só polo feito de votarlles, xa se recuperaría a confianza e todo marcharía doutro xeito; agora o mesmo, co rescate todo irá ben, ¡pois non!, todo esta a seguir igual de mal, os “mercados” desconfían, a “prima de risco” segue a medrar, cada vez pagaremos máis para financia-la nosa débeda, un 80% do PIB, aceptable, se tiveramos un sistema produtivo distinto; os 100.000 millóns de euros non van solucionar nada, e van producir máis déficit, e para pagalo xa sabemos a receita, medidas contra os traballador@s, tod@s a pagar as consecuencias das políticas e o latrocinio duns poucos. E tentar tapar canto antes as responsabilidades individuais e colectivas, desta minoría de explotadores. Ata que chegue o segundo rescate, que virá.
Hai moitos anos, en plena guerra de Vietnam, diante da imposibilidade de que os tribunais existentes foran capaces de emitir unha condena contra as bestialidades cometidas polos imperialistas contra o pobo vietnamita, constituíuse o chamado “tribunal Bertrand Rusell”, onde os crimes do imperialista foron condenados; pois ben se os tribunais non queren ou se inhiben de actuar contra os responsables de todo tipo, da situación económica, os que pensen que non deben marchar sen pagar polas súas responsabilidades, teñen a obriga de estuda-la creación dun tribunal, formado por personalidades de todo tipo, que emita sentencia.
Necesítase medidas distintas das que a oligarquía aproba desde as institucións que domina; necesítase debater sobre todo, porque todas as certezas cas que viviamos se están a desmoronar; o cal é moi importante por que moitas desas certezas estaban construídas sobre a forma de pensar da clase dominante, da clase explotadora; pero sobre todo actuar; en Grecia hai servizos en determinados barrios e cidades que comezan a ser autoxestionados; necesitamos outros campos de xogo, discutir sobre eles, por exemplo que pasaría se nos saímos do euro, pero non da Unión; e si abandonamos esta?, sobre a entraña clasista desta U.E.; pero discutir a fondo numerosas cuestións, que en tempos de expansión parecían irrelevantes; ter información, coñecer, non actuar cas “verdades” dos nosos inimigos. Sen transparencia e información non hai democracia; e neste país nin a unha nin a outra; a información pasa pola peneira das grandes empresas; a democracia e algo máis que votar cada certo tempo.

En Galicia no mes de xuño de 2012


No hay comentarios:

Publicar un comentario