A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

sábado, 30 de junio de 2012

A MANIPULACIÓN DA MEMORIA





Carlos Dafonte

viñeta roto trinchera guerra
A loita ideolóxica é un dos compoñentes fundamentais da loita de clases; por medio da mesma explotadores e explotados disputan a hexemonía cultural no seo da sociedade; no enfrontamento entre as clases, quen impón as súas ideas, se consegue que os seus argumentos sexan aceptados por outras clases, se os utilizan como se fosen propios, ten menores dificultades para ser hexemónico. Cando se da esta circunstancia, a clase dominante ten moitas posibilidades de manterse no poder. Se a burguesía consegue que os explotados asuman os seus argumentos, a revolución social, os cambios nas estruturas estarán máis lonxe; se outras clases, a pequena burguesía por exemplo, a burguesía nunca o fará, asume a forma de pensar, as solucións que propón a clase obreira e esta actúa maioritariamente con conciencia de clase, os cambios estruturais a posibilidade de revolución social, son maiores, está máis próxima.
Este mes de xuño produciuse un novo intento, desde a maioría dos medios de comunicación, de manipula-la realidade baixo o franquismo e de engadir un novo “ladrillo”, a esa construción ficticia da “transición política” cara a democracia actualmente existente, que a burguesía pretende. Tenta que consideremos este proceso froito, no mellor dos casos, do papel desempeñado por toda unha serie de persoeiros burgueses e no peor, como unha operación de laboratorio, cuxos autores fundamentais foron dous franquistas, o príncipe e despois rei Juan Carlos I e Torcuato Fernández Miranda. O resto meros comparsas.
manifestacion asturias 1962 minerosNeste mes de xuño, lembrouse, desde os medios de comunicación que a burguesía ten, a xuntanza celebrada hai 50 anos en Munich, á que o franquismo denominou o “contubernio de Munich”, cando co gallo dunha asemblea europeísta, diversos individuos que vivían en España e outros que o facían fora, algúns partidarios da sublevación militar, son presentados como opositores ó franquismo; sería en sonos, pois ninguén coñecía no estado as súas tarefas opositoras, e téntaselle dar a esta participación, nuns casos, a categoría de “inicio da transición política”, noutros a sentenza de morte do franquismo, o miolo da transición. En calquera caso, veñen a dicirnos, que son as forzas burguesas alí reunidas, persoeiros sen partido, ou cando o tiñan, dun que continuou de vacacións ata a morte do ditador, os protagonistas da loita pola democracia.
Curioso o rebumbio que se lle da a esta xuntanza que significou moi pouco para a loita antifranquista, e o cativo a outro acontecemento do mesmo ano, pero do mes de abril, a importante folga da minería asturiana, que paralizou as concas mineiras, que incorporou á loita antifranquista a centos de miles, contou ca solidariedade dos traballadores en numerosos lugares do estado, moi distantes a onde ocorrían os feitos, e a pesares das detencións masivas, as torturas os secuestros, os peches das minas e todos os métodos que podamos imaxinar de represión, nun estado ditatorial, finalizou co trunfo dos traballadores.
mineria cartel
As primeiras páxinas dos diarios do mes de abril e a apertura dos telediarios, pola importancia desta mobilización antifranquista, debían ser ocupados por estes acontecementos, pero, salvo contadas excepcións, o silencio máis absoluto reinou nos medios que debían informar.
Vivimos momentos moi difíciles, de reformas que levan á perda de dereitos gañados con grandes sacrificios, a causa dun sistema que ten a tendencia á crises constantes, que a clase dominante, a burguesía mentres sexa hexemónica, sempre fará pagar ós traballadores e traballadoras. Do que se trata nestes momentos é de borrar da memoria da clase traballadora, as súas loitas, os seus sacrificios por un mundo mellor para todos, para que non se poida aprender do pasado, para que non recorde que sempre que conseguiu algún dereito, algunha mellora, foi loitando, a costa de moita represión, de moito esforzo.
Sobre todo hoxe a oligarquía, necesita exercicios de desmemoria, en momentos en que a grande maioría da poboación sofre a situación económica á que nos levou o sistema capitalista, a quebra do mesmo, do proxecto da burguesía e da oligarquía e a posibilidade, aínda que os sindicatos maioritarios fagan todo o posible para controla-las mobilizacións e mantelas dentro dos límites dunha alternativa á actual realidade, enganosa, falsa, de “capitalismo de faciana humana”, sobre todo hoxe, repito, é máis necesario que nunca para a burguesía, borrar da memoria dos explotados a lembranza das súas loitas, para que non se actúe hoxe, como se facía hai 50 anos, utilizando a arma máis importante dos traballadores; por iso non falaron no seu momento da folga da minería e das comarcas mineiras do ano 1962, da solidariedade recibida, e do trunfo da mobilización.
marcha minera 2012 huelga manifestacion mineria mineros
A pesares de todo a realidade se impón, é testana, e 50 anos despois a minería e as comarcas mineiras volven a estar en loita, erixíndose, se hai 50 anos como a vangarda da loita antifranquista, como foran con anterioridade a folga dos tranvías de Barcelona do 51, a de Euskalduna do 53, a xeral de Biscaia do 56, máis tarde a dos traballadores de Bandas, Ferrol e Vigo no 1972, por só citar algunhas das mobilizacións, que foron abrindo os camiños da liberdade, ata evitar unha saída franquista, sen Franco, hoxe son a vangarda da loita contra as políticas neoliberais, impostas pola UE, o BCE e o FMI e executadas polo PP, e con anterioridade polo PSOE.
A mobilización mineira de hoxe, merece a solidariedade de todos cantos apostamos por unha saída desta crise, distinta da que a oligarquía ten prevista. Son necesarias a creacións de comités de axuda, de recollida de sinaturas e cartos para a caixa de resistencia; é preciso que a súa loita sexa apoiada, que as loitas dos diferentes sectores de traballador@s que se están a producir, non sexan illadas, tod@s somos unha mesma clase, se queremos comezar a rachar dunha vez por todas, co control burocrático das mobilizacións e que a resposta obreira sexa a vangarda da loita por unha sociedade socialista, única saída a actual crise.

En Galicia no mes de xuño de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario