A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 13 de mayo de 2012

A OLIGARQUÍA TEN UN PLANO. O PP EXECUTA A PARTE QUE LLE CORRESPONDE. A ESQUERDA NON O TEN.






Carlos Dafonte

O plano da oligarquía esta claro: rebaixar dereitos laborais e sociais, salarios e pensións, recorta-los orzamentos daqueles servizos que configuran o que se chama “estado de benestar”, privatización daqueles sectores ata o de agora de xestión pública, que sexan rendibles; subir os impostos indirectos, rebaixar os tramos dos impostos directos que afecten ós máis ricos da sociedade; facer desaparecer ou mingua-los que gravan as rendas do capital; mirar para outro lado no tema do fraude fiscal e a economía mergullada; acrecenta-lo centralismo do estado poñendo ás administracións autonómicas no centro dun debate, que esconde unha revisión da constitución; despregar unha ampla campaña propagandística, é parte da loita ideolóxica, acusando á sociedade de atoparse na situación de crise na que se atopa, a causa de “vivir por enriba” das súas posibilidades, ou que non se pode manter un nivel de servizos e prestacións como os actuais, pois non hai cartos para todo; pagar cos impostos dos cidadáns os buratos producidos pola mala xestión dos bancos e como “premio”, regalarlles as caixas de aforros; manter uns enormes gastos militares como consecuencia da compra de material armamentístico e as intervencións fora do territorio do estado, nunha nidia complicidade co imperialismo ianqui; cercenar ó máximo os dereitos e liberdades de todo tipo, nun ataque, que aínda non comezou na súa etapa máis aguda, pero que o fará nos tempos próximos, contra a xa recortada democracia actual.
A resposta contra este plano e un proceso de mobilizacións importante, cuxos fitos son varias xornadas de manifestacións e dúas folgas xerais, contra dous diferentes gobernos e a aparición dun movemento “autónomo” de masas, que no estado español coñécese como “o 15 M”; pero se analizamos en profundidade todo este proceso, sacaremos a conclusión de que non ten obxectivos claros, e non os terá mentres sexan os sindicatos, os que se atopen o seu fronte.
O importante hoxe é contrapoñer ó modelo capitalista, que actúa sen máscara, que está obsoleto, que é incapaz de satisface-las necesidades das maiorías da sociedade, na que o capital o controla todo e actúa desde as instancias de poder, no seu exclusivo beneficio, contrapoñer dicía, outro modelo no que o control lle corresponda á sociedade e as medidas que se tomen se faga en beneficio da maioría da poboación; iso non o van facer nunca os sindicatos actuais a non ser que se levaran a cabo importantes procesos internos, que cambiaran a correlación de forzas actual. Algún dos sindicatos maioritarios, en tempos tiña unha perspectiva sociopolítica, interesado pola transformación social, pero nos últimos anos convertéronse en “sindicatos de servizos”, próximos ó poder; un bo exemplo desta afirmación témolo en CCOO; despois da retirada de Marcelino Camacho un dos secretarios xerais acabou como deputado do PSOE e outro colaborando con FAES, a fundación do PP.
A dirección por parte dos sindicatos da oposición ás medidas dos gobernos neoliberais, só nos vai levar a unha loita sindical, por melloras algunhas veces, aceptando o que o poder establece, outras. O que se necesita é supera-lo marco da loita sindical e avanzar cara a loita de clases. Cara á loita política. Ese ademais é un dos papeis fundamentais dunha forza de esquerdas, non tentarlle lava-la cara ó capitalismo, senón que en momentos como como os actuais, no que a grande maioría da poboación atópase negativamente afectada polo sistema capitalista, sofre o paro, rebaixa de salarios, atópase con menos dereitos fronte a ofensiva do capital, ser capaces de levantar unha alternativa política ó sistema actual e conseguir que amplos sectores da poboación, preferentemente o dos asalariados, a vexan como unha saída a súa situación e a clase traballadora se converta en hexemónica, marcando o camiño ó resto de clases e capas da sociedade afectadas polo sistema. Hai que delimitar ben os campos, o dos partidarios do capitalismo, os partidarios da barbarie e os partidarios dunha nova sociedade que rache ca explotación da forza de traballo, da natureza, etc.
Non hai un debate sobre ese modelo de sociedade alternativo ó existente, quizais pola razón de que os sectores da esquerda do estado, non son capaces de abandona-lo seu sectarismo, e avanzar, cun programa aínda que sexa mínimo, cara a constitución dunha Fronte de Esquerdas. Sen esquecer nunca a imperiosa necesidade de organiza r un partido dos traballadores, marxista, revolucionario. Hai demasiadas cabezas de rato. Pero son grandes as responsabilidades de quen non dea pasos nese senso.

En Galicia no mes de maio de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario