A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 24 de enero de 2017

O RELEVO DE PRESIDENTE NA CASA BRANCA

Carlos Dafonte

O relevo na presidencia dos USA se ten producido; un intermediario do capital, un xestor dos seus intereses, foi substituído por un capitalista que coñeceu tempos mellores para os seus negocios e chega para liderar a primeira potencia mundial militar, cuxa economía tamén coñeceu mellores épocas, agora en declive, rodeado dun goberno formado maioritariamente por persoas ricas, das que aparecen na revista Forbes.
Atrás quedan oito anos que crearan grandes expectativas, tantas que a burguesía mundial, concedeulle o Premio Nóbel da Paz ó comezo do seu mandato ó primeiro home negro que chegaba á Casa Branca, case tantas como as que levantara a señora Tatcher pola súa condición de muller. Cedo, tanto neste caso como no de Tatcher, a lóxica do capital e da loita de clases impuxéronse por enriba de calquera outra consideración de xénero ou raza. Como nos casos de Mandela en Sudáfrica e Mugica en Uruguai.

Un balanzo dos oito anos de presidencia demócrata a nivel internacional, situaría nun primeiro plano a crispación producida nas relacións con outras potencias militarmente moi poderosas, pola súa política hexemónica; sobre todo as que levaron ó enfrontamento con Rusia, que viu como nestes oito anos a OTAN se acercaba perigosamente as súas fronteiras; como se trastornaban os seus planos con respecto a Ucraína de integrala na Comunidade Europea Euroasiática co golpe de estado neonazi apoiado desde o primeiro momento polos EEUU, que irresponsabilidade a da señora Vitoria Nuland, vicesecretaria de Asuntos Exteriores que en conversa co seu embaixador en Kiev dixo o famoso “que se foda a U.E”; intervención en Ucraína que arrastraron á UE a levar acabo toda unha serie de sancións económicas cando Rusia como resposta das medidas adoptadas polos nazis no goberno despois do golpe, contra a comunidade rusófila, se apoderou de Crimea e apoiou a secesión nas rexións onde o ruso e moi maioritario e, en terceiro lugar, a intervención en Siria que tiña entre outros obxectivos, privarlle da única base naval no mar Mediterráneo. Estaba Obama devolvéndolle o golpe que significou que Rusia acollera ó exmembro da CIA Eduard Snowden e así puidemos coñecer de toda unha serie de actuacións criminais dos EEUU? A política internacional non debe ser resultado de rabietas; se ise fose o motivo.
Tampouco debemos esquecer a contribución dos USA na presidencia de Obama, á queda do réxime de Libia e o nacemento dun importante foco de tensións na fronteira sur da UE, como resultado das posicións estables acadadas na mesma polo islamismo radical dende onde se pode proxectar mellor sobre o Sahel e Europa.
O capitalismo norteamericano en plena decadencia, no caso de Rusia non calculou ben a capacidade de resposta deste país cando tentou convertela nunha especie de colonia; non se decatou que a época do borracho Yeltsin quedara atrás, cando co apoio ianqui e a comunidade “democrática”, tomou as medidas para poñer fin ó sistema político democrático que se estaba a establecer; había o perigo real de vitoria do PC e tomaron todas as iniciativas para acabar ca URSS, desmembralo seu territorio e poñer fin ó proceso democrático chegando ó bombardeo do seu parlamento. A nivel económico, abriron a súa economía á rapina máis feroz e privatizáronse servizos esenciais para a poboación, conseguindo as transnacionais norteamericanas e algunhas europeas, forte presenza sobre todo no sector do petróleo e o gaz. Putin non é máis que un autócrata, que utiliza no beneficio dun sector minoritario da poboación o sistema herdado de Yeltsin e deseñado polos EEUU, que plantándolle cara o imperialismo alleo, conta cun sector da poboación, o trucaxe electoral non permite coñecer en profundidade con cant@s elector@s, que están a favor de que Rusia sexa unha grande potencia e como tal xogue un papel nas relacións internacionais.
Se a chagada de Trump á presidencia, permite unha política internacional con menor crispación, unha política de distensión, que nos afaste dun conflito armado a grande escala, ben vida sexa. Aínda que un maior entendemento con Rusia, unha nova división do planeta en zonas de influencia, de producirse para illar a China, de continuar polo camiño que Obama tivo como outro dos seus grandes obxectivos, non vai mellorar moito a situación actual. Se van seguir aguzando as contradicións intercapitalistas.
A presidencia de Obama foi ademais moi intervencionista en Europa, tentando contrarrestar o poderío económico de Alemaña; por medio do grupo coñecido como VISEGRAD, formado por Polonia, Hungría, República Checa e Eslovaquia, oponse a que se afonde na integración europea, para o que contan tamén co apoio de Suecia e Dinamarca e a favor de reforzar en determinados aspectos, políticas estatais. Nembargantes os EEUU apoian a Francia e Italia no relaxamento da política fiscal que Alemaña tenta manter a toda costa e non o fai en cambio cando estes dous países promoven maior unidade na zona euro. Teño a impresión que o apoio de Obama a Cameron no referendo, o fixo ca “boca pequena”.

A tremenda presión do imperialismo sobre o resto do continente americano.
Outro aspecto salientable da presidencia de Obama foi a presión sobre os gobernos “progresistas” que non de esquerdas, de América Latina, aprobando nos primeiros momentos do seu mandato volver a “poñer operativa” a IV frota sen funcións desde había anos. Atopase esta rexión ó final do ciclo así caracterizado?. En Venezuela que era a argamasa de todo un proceso de integración latinoamericano e de rexeite dos Tratados de Libre Comercio potenciados polos EEUU, a oposición domina a Asemblea e a presión do imperialismo USA non cesa. En Arxentina o goberno Macri leva un ano no poder aplicando políticas neoliberais e desmontando o pouco positivo que construíron “os Kitchner”. En Brasil, as políticas de conciliación do PT ca oligarquía, non tiveron o resultado de tranquilizala e esta decidiuse polo golpe de estado institucional, facendo dimitir á presidenta. En Bolivia Evo Morales perdeu o referendo para continuar na presidencia e ábrese un período de espera e incerteza. Con Cuba estableceu relacións diplomáticas, pero o bloqueo que afoga ós habitantes da illa segue vixente e a base de Guantánamo non foi devolta. En Uruguai a presidencia de Mugica deixou todo como estaba e as noticias que chegan non son boas, como en Chile, onde a “socialista” Bachelet dende o goberno pula constantes ataques contra os dereitos de todo tipo d@s traballador@s. En Honduras e Paraguai a solución golpista e reaccionaria impúxose.
Polo tanto, debemos analizar a incapacidade dos chamados “ciclos progresistas”, primeiro para transformar a fondo as estruturas sociais e construír os elementos necesarios de masas para a súa defensa. En segundo lugar para manterse ó fronte das institucións senón se transforman en “procesos revolucionarios”. Os ciclos progresistas esgótanse en si mesmos, as masas que conseguiron ca súa loita poñer fin ó réxime anterior e apoiaron o novo que debe nacer, ó non producirse os cambios prometidos, ó ser apartadas do proceso, se consideran enganadas, defraudadas, perden a confianza na dirixencia que non avanza no seu medo a enfrontarse ca burguesía, se burocratiza e convértese nun atranco para as súas aspiracións; e como non podía ser doutro xeito, o grande patrón do norte utiliza as contradición para tentar poñerlle fin a toda experiencia que desborde a súa política e busca a saída máis acorde cos seus intereses.

A era Trump e os falsos dilemas de moitos comentaristas.
Diante do trunfo ¿inesperado? de Trump, moito mellor lle iría ó Partido Demócrata de ter presentado como candidato a Sanders, moitas análises se levan feitas sobre o porvir das relacións internacionais; ata algún político relevante, como o vicepresidente de Bolivia, afirmou que ca chegada do novo presidente a USA poñíase fin á globalización, esquecendo que o imperialismo non é unha política levada a cabo por un poderoso país capitalista, senón, como Lenin analizou, unha fase na que se chega pola evolución do mesmo, e globalización e imperialismo son a mesma cousa. Cando se di, “se vai a acabar-la globalización” se está a dicir, se está a poñer fin o imperialismo, formulación a todas luces incorrecta.
Trump atópase cun país en franco retroceso a todos os niveis, e as súas declaracións sobre economía son completamente contraditorias. Eu esperaba algo máis do discurso de toma de posesión que non foi máis que un novo acto, vergoñento e mesquiño, de campaña electoral. Esperaba un discurso no que formulara como vai acada-los obxectivos expostos na campaña electoral, pero nada aclarou, limitouse a repetir toda unha serie de consignas e slogans que nada aclaran. Por exemplo, unha cuestión que formula como o centro do seu programa, como lle vai devolve-lo poder ó pobo. ¡¡Está de broma!!
Cunha débeda de 19,8 billóns de $ e cunha capacidade para pagala cada ano menor; só no 2015 pagaron por intereses 223.000 millóns e se aumentasen os tipos de interese, como a Reserva Federal formula, ese gasto aumentaría a preto do dobre. O aumento dos tipos de interese é certo que fará os bonos máis vendibles, e a demanda de dólares fortalecerá a moeda o que é contraditorio ca idea do novo presidente de exportar máis e frea-las importacións. Pero ó mesmo tempo unha política proteccionista levará ó dólar a ter un uso menor o que o fará máis feble. Como explicou Rodolfo Bueno, nos EEUU cúmprese a chamada “Lei da Infamia”; cada vez que o presuposto dos EEUU ten déficit, en lugar de apretarse o cinto, o banco privado da Reserva Federal, condición que un elevado número de norteamerican@s descoñece, emite dólares que presta ó goberno que a súa vez paga con Bonos do Tesouro que a Reserva Federal coloca na banca mundial, onde invisten moitos países dun xeito case obrigatorio, polo que esta débeda medra aparentemente sen fin e sen que nunca poda ser pagada; como moitos países gardan as súas reservas en dólares e como a ninguén lle interesa que a economía dos EEUU colapse, mantense esta situación que cada vez se fai máis insostible. Pero hai un dato que debe ser tido en conta, que entre outubro de 2015 e o mesmo mes do 2016, cos bancos centrais con China e Arabia á cabeza, vendéronse Bonos do Tesouro por valor de mais de 343.000 millóns de $. De seguir así esta situación, algúns economistas fan cábalas sobre se o novo presidente pode suspende-lo pago da débeda, situación que tería consecuencias imprevisibles para a economía mundial.
Por outra banda os 500.000 millóns de $ que quere gastar en infraestruturas, non teñen financiación, pois este New Deal non vai representar maiores impostos para os máis ricos, como foi o precedente.
Obama ademais deixa un país en plena crise industrial e numerosos estados en recesións dende hai máis de seis trimestres, Alaska, Texas, Dakota do Norte, Illinois, Dakota do Sur, Oklahoma, Wyoming, Virxinia, Novo México, Lousiana e Arkansas. E os bos datos económicos do terceiro trimestre do ano 2016 que nos medios se destacaron moito, son conxunturais, pois as compañías mercan para abastece-lo inventario nesa época o que estimula a economía.
Trump ten certa razón nalgúns problemas que denuncia, como a cuestión da deslocalización de empresas para producir en países onde se pagan peores salarios e os costos de produción son menores, pero non explicou no seu discurso de toma de posesión como dentro dunha economía capitalista neoliberal, imperialista, vai solucionar o tema da perda de competitividade. Con reformas laborais para rebaixa-los salarios d@s traballador@s ata que sexan iguais que os dos países onde se deslocalizan?. Nin explicou como un capitalista vai actuar contra os intereses dos capitalistas desde un goberno cheo de capitalistas.
Se os traballadores pobres e brancos de EEUU, que din son a base fundamental dos seus votantes, quérenlle crer que o fagan pero ningún goberno da “ditadura perfecta” vai solucionar nunca os seus problemas que son graves. Por exemplo, a taxa de participación activa na forza laboral segue a minguar, persiste un continxente de desempregad@s de longa duración e de subdesempregad@s que traballan a tempo parcial, con soldos de miseria e sen beneficios sociais como seguro médico ou vacacións pagadas, @s traballador@s que tendo traballo son pobres. O 35,4 % da poboación se beneficiou e sobrevive con cupóns alimenticios e a supresión dos mesmos afectaría sobre todo á poboación infantil en aproximadamente 17 millóns de nenos e nenas. No 2012 o 49,5% da poboación se beneficiaba dalgunha clase de subsidio, máis de153 millóns de persoas que se viron afectadas pola supresión en 2013 dalgúns dos mesmos.
Respecto a taxa de participación da poboación activa na forza laboral, no 2009 era dun 64,7% no 2015 era un 62,4%, a máis baixa desde 1978. Un grupo de estudos independentes con sede en Washington, o EPI, chamaba a atención sobre o grupo de “traballadores desaparecidos”, os que xa non figuran nas estatísticas laborais oficiais, que calculaban podería aproximarse ós 10 millóns.
Segundo LE BRIS Investimet Strategies, a situación non era tan boa como o mercado laboral dicía en marzo de 2016, cando os medios europeas falaban da recuperación da economía dos USA. A Produción Industrial caera un 2% interanual. A utilización da capacidade produtiva atopábase no 74, 8%, afastada da súa media histórica do 80,4%. As vendas do comercio minoritario medraban por debaixo do 2%; nos períodos de expansión fano por enriba do 4%. As exportacións caían en taxa interanual dende xaneiro de 2015 a marzo de 2016 un -6,1%.
Hai xa algúns anos o actual presidente, descoñezo si naquel entón tiña intención de presentarse, definiu ó seu país como unha “economía quebrada chea de estatísticas ficticias”, pois ben que ninguén espere o derrube da primeira potencia militar do mundo. O seu réxime oligárquico debe ser derrotado pola acción dos seus traballador@s e capas explotadas, que sempre contarán ca solidariedade dos traballadores do planeta. Pensar que as cousas van cambiar por que gañen os demócratas ou os republicanos é un exercicio de “política ficción”, que debemos abandonar.
O Premio Nóbel da Paz, segundo un cartaz elaborado por Josetxo Ezcurra e publicado en Rebelión, non estivo nin un só día do seu mandato sin ter ó seu país en guerra; no ano 2016 os EE UU lanzaron 26.171 bombas; apoiaron con anterioridade ós nazis en Ucraína e ós yihadistas en Libia e Siria e hoxe, despois da súa marcha combaten en sete países diferentes, Iraq, Siria, Afganistán, Libia, Pakistán, Somalia e Iemen.
A política que vai implementar Trump e o seu equipo, debe ser combatida desde os primeiros días; do imperialismo nada podemos esperar e menos no seu período de decadencia. Pero o pobo norteamericano como xa sinalei ten unha enorme responsabilidade no mantemento do seu sistema político antidemocrático, onde o bipartidismo é un xeito eficaz de dominio da oligarquía, o patrioterismo e o chovinismo un arma máis de consolidación de esa clase e o exército sempre presente en todo tipo de actos, a garantía máis firme de que todo intento de cambio vai ser complicado.

En Galicia no mes de xaneiro de 2017



No hay comentarios:

Publicar un comentario