A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 5 de enero de 2017

100 ANOS DA REVOLUCIÓN DOS SOVIETS EN RUSIA



Carlos Dafonte

No presente ano cómprense cen dun dos acontecementos máis importantes da historia da humanidade; por primeira vez, dende que existe propiedade privada, as clases poderosas, explotadoras da forza de traballo, fose como escravos, servos, artesáns ou proletarios, foron desprazadas do poder e @s traballador@s asalariad@s e @s campesiñ@s pobres tomárono e  enfrontándose á enorme capacidade do imperialismo, tanto económica como militar, foron capaces, en condicións de extrema debilidade, de comezar a construír unha sociedade máis igualitaria, o socialismo, co obxectivo de poñer fin a existencia de clases sociais e avanzar cara ó comunismo.
E se neste blog imos reflexionar neste ano sobre ese acontecemento non é por levar a cabo un labor de arqueoloxía político-social, senón porque a realidade do capitalismo nos últimos cento corenta anos, cas súas constantes crises, guerras, conquistas, destrución do medio, desigualdades, indícanos que, ou avanzamos cara a outra sociedade, ou de seguir avanzando pola senda marcada por este modo de produción seguiremos mergullándonos na barbarie.

Todo proceso revolucionario, aínda que o capitalismo e os erros cometidos por quen debía facelo avanzar, o levaron cara o seu final, sempre ten ensinanzas que os revolucionarios de agora, nunca deben esquecer. Ensinanzas que son prácticas, que medidas tomaron  para despraza-la autocracia e os seus aliados burgueses do poder, para facerse co control da economía, para inicia-la construción do novo estado, etc., e teóricas, pois como dicía un dos artífices da revolución soviética, “sen teoría revolucionaria non hai revolución”.
Pero tamén é moi importante considerar, que a pesares de que a revolución soviética non se espallou polo mundo, o medo dos capitalistas a que o fixese permitiu que o movemento obreiro acadase toda unha serie de avances na súa vida cotiá, impensables sen a presencia do trunfo da revolución rusa e a existencia do “perigo comunista”. Alguén pode pensar que o New Deal nos EEUU de América do Norte, se produciría sen ter trunfado a revolución de 1917? Ou a etapa que chamamos do “estado de benestar”, na Europa de despois da IIª Guerra Mundial? Na maior parte do países industrializados, a clase obreira, seguindo o exemplo dos bolxeviques lánzanse ó “asalto dos ceos”; en EEUU son incontables as folgas que se producen e que enmarcan a aplicación do New Deal. En Alemaña son varios os intentos que son afogados en sangue polo pacto entre a socialdemocracia e os sectores máis  reaccionarios do exército. En Italia prodúcese o proceso da ocupación das fábricas e a creación de Consellos Obreiros. No estado español, no ano 17 a folga xeral e a partires dese momento o período que se coñece na historiografía das loitas sociais como o “trienio bolxevique”. E non esquezamos tampouco que da II Guerra Mundial, a URSS sae fortalecida como país guía dos que queren edificar unha nova sociedade e que nas primeiras eleccións celebradas en Francia despois do fin da guerra, o Partido Comunista foi o que máis votos acadou e os partidos respectivos máis do 20 % en Italia, Checoeslovaquia, Finlandia...Como dixo Karl Kraus ó que non se lle pode alcumar de comunista, nunha célebre pasaxe escrita en 1920 : “que o diaño se leve a praxe do comunismo, pero en cambio que deus o conserve na súa condición de ameaza constante sobre as cabezas dos que teñen as riquezas (...) deus nos conserve para sempre o comunismo para que esa chusma non se volva máis desvergoñada (...) e que, ó menos, cando se vaian a durmir, o fagan cun pesadelo”. Polo tanto é imposible analizar o que aconteceu no século XX sen comprender o que significou no mundo a “revolución rusa”.
Facer unha revolución dirixida polo proletariado no atrasado Imperio Ruso, levou ó comunista italiano Antonio Gramsci a escribir un artigo titulado “A revolución contra O Capital”, que se ten interpretado dun xeito torticero como unha crítica ós bolxeviques; el non pensaba así, non hai máis que le-lo artigo, pero a socialdemocracia alemá si que o pensaba, levaba moitos anos de secuestro do pensamento de Marx, no senso de que a revolución e os avances cara ó socialismo, só eran posibles en países moi industrializados e por medio de procesos electorais e condenaban todo intento de escoller outro camiño. Engels deixara constancia da súa posición contraria, na crítica demoledora ó chamado “programa de Erfurt”  redactado  polo propio Karl Kautsky, un dos “popes”, xunto con Bebel, Berstein, Ebert, e outros que dominaban ese partido, no que as friccións e as controversias internas non estiveron ausentes, pero sempre mantendo a “ortodoxia do pensamento marxista”, o que eles consideraban era a lectura correcta da obra de Marx.
Fronte a esas posicións que conducían a ningures, levantouse a “rosa vermella”, Rosa Luxemburgo, asasinada polo goberno socialdemócrata xunto a Karl Liebknecht, o único deputado dese partido que votou no Parlamento contra os créditos para sufragar a primeira grande guerra.
En Rusia as cousas non ían polo mesmo camiño. Lenin dende finais do século XIX iniciou un dobre combate;  combate teórico contra os restos do populismo que negaba a posibilidade do capitalismo en Rusia, primeiro; en segundo lugar contra os chamados marxistas legais, que despoxaban ó marxismo do seu contido revolucionario; os economicistas mais tarde, que defendían que os marxistas debíanse dedicar á loita social abandonando a loita política contra o tsarismo; contra a á minoritaria dos menxeviques sempre, que viñan a representar en Rusia o mesmo que a socialdemocracia en Alemaña e o Partido dos Socialistas Revolucionarios dirixidos por Chernov que recollía os restos dos “populistas”; así como contra Bogdanov e Gorki e os seus seguidores; e despois, xa no ano 1917 contra sectores da dirección do seu propio partido que consideraban que a revolución debía ser “democrático burguesa”. Non foi unha batalla fácil, a maioría das veces a deu en minoría, sen medios económicos e afastado do seu país. Para defender a posición de que no Imperio Ruso era posible unha revolución proletaria, redactou numerosos folletos, libros e unha obra capital para entender os acontecementos posteriores, “Desenvolvemento do capitalismo en Rusia” centrados na teorización sobre a implantación do capitalismo, a súa industrialización e como consecuencia, a existencia dun movemento obreiro que se ía consolidado e a posibilidade dunha revolución proletaria.
O outro combate foi a nivel organizativo; a súa loita centrouse na creación dunha organización capaz de dirixir ó proletariado cara a toma do poder en alianza cos campesiños pobres e que lle permitira ser hexemónico na sociedade. E despois de moitas vicisitudes, avances e retrocesos, primeiro na revolución de 1905 e máis tarde no ano 1917, o Partido Bolxevique, dotado dunha teoría revolucionaria, o marxismo, que lle permitía analizar cientificamente a realidade da loita de clases e era ó mesmo tempo unha guía para a acción, conseguiu que os Soviets acadaran o poder e transformar unha revolución burguesa liberal con grande mobilización de masas cun forte contido espontáneo, que obrigou ó tsar a abdicar, pero situou á fronte do goberno a un príncipe, Lvov. Era unha revolución burguesa que cabalgou polo tanto sobre as costas do pobo traballador en beneficio da clase burguesa, pero nun breve período de tempo, o que transcorre entre febreiro e outubro polo antigo calendario, grazas a actividade dese instrumento,  o Partido Bolxevique, convértese nunha revolución proletaria, que inicia fondas transformacións sociais, políticas e económicas, nun contexto moi desfavorable, soportando unha guerra civil e a intervención militar de Gran Bretaña, Francia, Xapón, USA, Checoeslovaquia e Romanía.
Antes de que se producira a agresión militar Lenin fixo unhas declaracións, con anterioridade a que  fose disolto o Goberno Provisorio da burguesía, no senso de que, “unha vez co poder nas súas mans, os soviets puideran aínda agora- e é probablemente a súa última oportunidade- asegura-lo desenvolvemento pacífico da revolución, a elección pacífica dos deputados populares, a loita pacífica dos partidos no seo dos soviets, a comprobación na práctica dos programas dos diferentes partidos, o paso pacífico do poder dun partido a outro”. Este era o proxecto xenuíno da revolución proletaria; pero todo traballaba na súa contra dende os grandes capitalistas como Rodzianko que lle asegurou a John Reed “A revolución é unha enfermidade. Máis tarde ou máis cedo as potencias estranxeiras deberán intervir, como se faría para curar a un neno enfermo e ensinarlle a andar”. Máis contundente se amosaba outro burgués importante, Riabushinski que declaraba que a única solución “era apoderarse dos falsos amigos do pobo, os soviets e os comités democráticos, e colgalos”. Antes de que se producira os acontecementos do Pazo de Inverno o embaixador británico, Samuel Hoare, apoiaba o establecemento dunha ditadura militar, solución tamén apoiada por Francia, pero non había acordo se o xeral tiña que ser Kolchak ou Kornilov; ó final foi este último o elixido.
Teño claro que o capitalismo, os seus medios de comunicación hexemónicos e todo o seu aparello de propaganda, enorme, eficaz, formado tamén por multitude de “intelectuais a soldo”, que chega a todos os currunchos do planeta vai dar unha batalla, para que a imaxe do proceso revolucionario acontecido hai cen anos, sexa completamente deturpada, que non se coñeza a realidade do mesmo e como no caso recente da morte de Fidel, os seus líderes serán presentados como ditadores, seres sedentos de sangue, con problemas psicolóxicos que nacen na súa infancia e os seus actos como impropios e contrarios ós intereses sociais que dicían representar.
Polo tanto hoxe o debate sobre a revolución de 1917 convértese nunha tarefa fundamental na loita ideolóxica e sacar consecuencias da mesma, nunha necesidade imperiosa. O que non significa que os que defendemos o ciclo iniciado en outubro do ano 17, pensemos que a historia se vai repetir mecanicamente.

En Galicia no mes de xaneiro de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario