A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 27 de diciembre de 2016

SOBRE O DOCUMENTO POLÍTICO DE EN MAREA APROBADO NO PLENARIO DE DECEMBRO



Carlos Dafonte

O documento político presentado ó Plenario de En Marea contén algúns elementos que creo merecen unha análise pois configuran á nova organización, que acadou uns importantes resultados nas eleccións ás Cortes e o Parlamento Galego, como a forza central do cambio político no noso país. Pero ten tamén un defecto, que é un documento moi aberto, susceptibles as súas afirmacións que aparecen como consignas, de diferentes interpretacións. Vou dar a miña opinión sobre algunha delas. 
En primeiro lugar defínese como un movemento político e social, superando a etapa de “partido instrumental” figura xurídica utilizada para presentarse nos procesos electorais; supera tamén o que foi a
Alternativa Galega de Esquerdas, AGE, que non quixo ser máis que un grupo parlamentar, e significa un xeito de organizarse aberto á sociedade, a persoas independentes, movementos que xorden por reivindicacións concretas de determinados sectores sociais, candidaturas municipais e organizacións políticas; e paréceme acertado que a adcripción sexa de carácter individual evitando así, a política de cotas que deturparía o xogo democrático interno. Pero tamén lle vexo a esta formulación un elemento feble que é necesario soluciona-lo antes posible,  que o eido programático establecido nos apartados, tamén aprobados no Plenario e que forman parte do documento político, pódense interpretar de moi diferentes maneiras por quen sexa afiliad@ ou se quera afiliar a En Marea, polo que cumpre que o antes posible se elabore un programa político, que como tal debe supera-lo presentado para os períodos electorais, que sexa a argamasa de todo canto En Marea debe aglutinar da sociedade galega. Programa que debe unir dun xeito dialéctico, o que é o horizonte inmediato co máis afastado, o proxecto estratéxico de país. O programa ten ademais unha función pedagóxica, poñer a discusión cuestións sobre as que a xente do común, e tampouco @s militantes, moitas veces non reflexionan abrumad@s polos problemas cotiás. Nese senso En Marea debe actuar como un intelectual colectivo. O programa debe se-lo elemento fundamental para establecer alianzas, dentro e fora de Galicia.
En segundo lugar é de salientar que se defina como “un suxeito político de ruptura en construción”, “de impugnación do existente”, “instrumento para a creba democrática”, o que nos leva a que En Marea, lonxe de ambiguedades e un instrumento de combate democrático contra o réxime existente, contra o seu sistema político, contrario ó dominio e a hexemonía burguesa e, en principio, contra o capitalismo de corte neoliberal; é labor das mulleres e homes que formen parte da organización conseguir que se supere esta formulación e se autodefina como contraria ó capitalismo en calquera das súas acepcións, pois en calquera delas, a explotación da forza de traballo, a obtención de plusvalor, a sociedade dividida en clases, a necesidade de consumir por consumir, a destrución da natureza, o imperialismo xenocida, a concentración e centralización do capital, as crises periódicas, etc., son elementos consubstanciais con ese modo de produción, que leva a sectores maioritarios de calquera sociedade na que se ten establecido, a índices de pobreza e discriminación inaceptables.
E como non podía ser doutro xeito, En Marea declárase republicana e o fai público o que confirma o enfrontamento co réxime actual, baseado no sistema político antidemocrático dunha monarquía parlamentar, que non foi sometida a referendo e aprobouse a súa existencia, cando se aprobou a Constitución. As saídas das ditaduras de Italia e Grecia levaron consigo referendos sobre a monarquía, que colaborara, como no caso español co réxime franquista, co de Mussolini na primeira e “os coroneis” na segunda, o que permitiu a proclamación de repúblicas nos países respectivos. Ser republicano e algo máis que proclamalo e despois esquecerse ata que chega o “14 de abril” e volve a xurdi-lo “fervor” que se abandona ata o ano seguinte.
En terceiro lugar, afirma dun xeito nidio a necesidade da “complementariedade necesaria entre as accións institucional e social”; que na institución tamén se está para combater por unhas ideas e aínda que serva de pouco, moitas veces a presencia nas mesmas si permite que se coñezan mellor as túas actividades cotiás, o programa que defendes e a necesidade de cambios. Pero o que é imprescindible é a mobilización permanente na rúa, para o que se necesita unha organización o máis homoxénea posible, áxil e capaz de chegar a todos os recunchos do país; que permita o permanente contacto ca sociedade non só dos afiliados, tamén d@s elixid@s nas diferentes institucións; e como resultado desta actuación entre a xente a todos os niveis, a loita por crear organización, por atraer a cantas máis persoas mellor, que acepten o programa de En Marea.
Unha cuarta formulación que ten moito que ver co anterior, é o obxectivo de “crear redes de solidariedade e de contrapoder e institucións populares alternativas”, elemento fundamental para que nunha sociedade se produzan cambios estruturais; o que eu teño denominado en numerosas ocasións, a construción do “dobre poder”, a súa inexistencia fai imposible, así se ten amosado ó longo da historia, levar a cabo eses cambios estruturais fondos que a sociedade nun momento determinado da loita de clases, demanda.
En quinto lugar “unha democracia política e económica sen restricións”. A primeira  parte da formulación, en boa lóxica significa na miña opinión, avanzar cara a un proceso constituínte que despexe os numerosos atrancos que a Constitución actual ten para que exista unha democracia plena e a segunda unha vella demanda do movemento obreiro nos tempos do sindicalismo socio-político, cando non caeran as súas direccións no burocratismo que as deturpa, que a democracia tamén entrara nas fábricas e nos centros de traballo; que @s traballador@s, posto que son os que producen a riqueza do pais e que as decisións que se toman nos centros de traballo afectan fundamentalmente as súas vidas, teñan capacidade de tomar decisións sobre as políticas que se levan adiante.
Para ir terminando, dúas cuestións importantes, defende-lo dereito a decidir sobre todo o que lles acontece ás persoas, así como sobre o Dereito de Autodeterminación como pobo.
Hai algúns aspectos máis sobre os que poderíanse facer comentarios pero o documento, por ser moi sinxelo, sen entrar a fondo en cada un dos enunciados non pasa de ser un documento como xa dixen, de consignas sobre as que non hai argumentos para defendelas e desentrañar o alcance dalgunhas. Supoño que En Marea terá previsto abrir un debate sobre estes temas.
O que non me parece admisible neste documento e que non se formule nada  nin sobre o euro nin a Unión Europea; non toma posición sobre o que esta a pasar con esa maquinaria en crise, antidemocrática e burocrática, ó servizo da oligarquía, imperialista, que ninguén elixe e que toma decisións de recortar dereitos, de impor políticas económicas que só benefician ó capital .

En Galicia no mes de decembro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario