A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 2 de diciembre de 2016

FIDEL


Carlos Dafonte.

Fidel morreu; este acontecemento servirá para que a partires de agora e durante un tempo, uns quererán convencernos de que a revolución cubana foi un fracaso e Fidel un ditador sanguento, que como sempre acontece cando se quere poñer fin ó capitalismo e á explotación da forza de traballo, sumiu ó pobo cubano nun sistema político carente de democracia, que só lle produciu problemas de todo tipo, dende o illamento internacional ata lacras xa solucionadas nos países onde habitamos, como a fame e a miseria. A est@s os coñecemos, unhas veces chámanse dun xeito e outras teñen outro nome, pero se chamen como se chamen, son os que levan máis de cincuenta anos atacando a un pobo por se-lo vencedor nun proceso revolucionario e poñer fin a séculos de oprobio, durante un tempo baixo a bota do colonialismo hispano, e despois cando se acadou a independencia, baixo a do imperialismo, a grande potencia situada a oitenta millas das súas costas.

Outr@s, son @s que máis me preocupan, farán un canto á revolución dun xeito acrítico tentando de “enmendarlle a plana” ó propio Fidel, sempre moi crítico ca súa xestión que como sinalou na entrevista con Stone, sentíase un pouco avergoñado polo pouco que puido facer en favor do seu pobo.
Hai termo medio?. Afirmo para que non haxa dubida algunha, que levo toda a miña vida defendendo á revolución cubana e o dereito dun pobo a toma-lo poder poñendo fin a unha tiranía, esa sí que sanguenta, imposta por unha grande potencia imperialista e expropia-las propiedades das burguesías foránea e autóctona, así como á mafia, que eran propietarias de todos os medios de produción e cambio e xestionaban a prezos abusivos os servizos máis elementais, roubaban de moitos xeitos do erario público e sacaban os enormes beneficios fora do país; eran tan cínicos que a quen non roubaba, chamábanlles “come merda”.
Falan con enorme ousadía da necesidade de democratiza-lo réxime cubano, de que debe deixar de ser unha ditadura e converterse nunha democracia. Significa esta posición, que defenden a existencia de opinións diversas organizadas sobre como construír unha sociedade ó marxe do capitalismo? Si de iso se tratara, xa existen en Cuba opinións moi diversas sobre o que debe se-lo socialismo, máis das que hai en EEUU sobre o quefacer do goberno, que só hai dúas e para iso case idénticas; pero non é iso o que queren os que falan de “democratizar Cuba” e escreben e opinan nos medios informativos. O que nos están a dicir, e hai moit@s persoas de boa fe que se deixan levar polo que repiten nos medios hexemónicos, é que os cubanos non deben decidir sobre o seu futuro en esa “suposta democracia”; posto que burguesía xa non hai na illa, vai ser a burguesía cubano-norteamericana que vive en Miami e noutros lugares, que seguíronse enriquecendo cos cartos que tiñan roubado do país cando trunfou a revolución, financiada e axudada polo imperialismo, a que organice os seus partidos en Cuba cos medios e a axuda que o imperialismo lle preste, modificando, supoño que previamente, as leis electorais cubanas onde non se presenta o PC, senón cidadáns que o fan diante dos seus veciños, que segundo os programas que presenten e o coñecemento que teñan das súas actividades en favor da comunidade e a confianza, son elixidos para ser candidatos.
En Cuba cos acordos e leis que se elaboran, sempre se consideran nunha dobre perspectiva, si van beneficiar á maioría d@s cuban@s e si van servir para beneficiar ó seu inimigo, que quere poñer fin ó réxime revolucionario e hai que recoñecer que o tema dos disidentes o inimigo o pode utilizar o seu favor; todo se analiza baixo esa óptica e non te-lo en conta te converte en cómplice do imperialismo. Falar de democratización como si estivéramos en Europa é unha postura cínica, cando os datos que hai sobre América Latina nos anos que van de 1960 a 1990, as intervencións directas ou interpostas do imperialismo, produciron máis de medio millón de vítimas mortais, 300.000 só en América Central. Pero ós “democratizadores” de Cuba, pouco lles importan estes datos e o xeito como actúan os USA en América Latina.
Do que nunca falan os democratizadores é do modelo de democracia e si os cuban@s teñen dereito a opinar; si o modelo vai ser o norteamericano, é dicir que unha oligarquía goberne por medio de dous partidos sen substanciais diferenzas, a ditadura perfecta, ou os modelos consecuencia da actuación de estes “democratizadores” como o de Iraq ou Libia, ou un modelo europeo como o francés, agora que Sarkozy está libre, posto que a tradición, a historia e a loita de clases, pensan que nestas cousas non contan, ou algo mellor como o español, cunha monarquía; total que máis ten, o importante é poñer fin a un mal exemplo para multitude de países sometidos ó imperialismo en todo o planeta, exemplo de dignidade, resistencia, loita pola soberanía nacional con servizos esenciais universais, eficaces, ó servizo da sociedade, que practica o internacionalismo e mentres outros países mandan exércitos para reprimir, Cuba envía educadores e médicos e cando enviou exércitos, foi para derrotar e poñer fin a un réxime como o de Sudáfrica apoiado polos “democratizadores”; onde @s nen@s atópanse escolarizados e non pasan fame, onde se reduciu a mortalidade infantil a niveles inferiores ós de USA.
Fidel morreu, pero non debemos preocuparnos, só desaparece fisicamente un dos personaxes máis sobranceiro do século XX, respectado e querido polo pobo traballador da maioría dos países, mentres que ós 11 presidentes dos EEUU cos que coincidiu, cando se lles lembra é pola maldade e os crimes que provocaron. Fidel morreu, o proceso segue adiante, con dificultades, a construción do “socialismo nun só país” é unha tarefa case de xigantes, enfrontándose a multitude de atrancos; o primeiro te-lo imperialismo como inimigo, o de USA e o da UE, soportando bloqueos económicos, políticos e intentos constantes de desestabiliza-lo proceso dende o ano 1960, que xa no chamado “memorandum Mallory” se afirmaba que só se podería deter á revolución creándolle á poboación unha situación económica de penuria; cos Kennedy non mellorou a situación, levou a cabo a invasión en badía Cochinos e tampouco hai que esquecer as verbas de Robert no relativo a derroca-lo réxime cubano, citadas por N. Thompson, “É a máxima prioridade do goberno de EEUU; todo o demais é secundario. Non hai que escatimar tempo, diñeiro, esforzos e soldados”; a acadar ese obxectivo adicouse o imperialismo nestas décadas, criminal e mesquiña política internacional para a maior potencia do planeta. Que contou ca complicidade das oligarquías europeas, os seus medios de comunicación hexemónicos e os partidos que as defenden, cómplices tamén de todos os desmáns que os USA cometeron no pasado, cometen agora e cometerán no futuro.


En Galicia no mes de decembro de 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario