Roberto Laxe
O prezo da electricidade disparouse neste mes de xaneiro, un dos de
máis consumo, un 50%, a pesar de que o goberno mantén conxelada a parte da
tarifa que lle corresponde, os impostos e subvencións que a gravan. Esta
disparatada subida súmase á que xa se produciron desde a privatización da
enerxía eléctrica polo goberno de Aznar.
Desde os máis diversos medios políticos e de comunicación, fanse todo
tipo de recomendacións para “aforrar” no uso da enerxía, coma se o problema
fóra de malgasto individual, e non dun sistema absolutamente liberalizado, que
deixa en mans das empresas fixar os prezos. Como afirmou o presidente de UNESA,
a patronal eléctrica, nun alarde de psicopatía (clinicamente un psicópata é
aquel ser humano que non empatiza co sufrimento que xera), quen non poida
pagala, “que San Pedro lla bendiga”.
Mentres miles de persoas, os máis vulnerables como os pensionistas, ven
abocados ao frío, o presidente Rajoy na súa liña psicópata de non facer
nada cando é o pobo traballador o que sofre, encomendouse á “choiva” e ao
“vento” para que baixe o prezo. Sr Rajoy parece mentira que sexa galego, porque
de selo de verdade (en realidade é un sipaio), en Galiza deberíannos devolver
pola enerxía que consumimos, pois a choiva e o vento é o noso aceno de
identidade. Ademais do feito certo de que producimos o 38% da enerxía que se
xera en todo o Estado.
Como chegamos a esta
situación
A privatización imposta polo goberno Aznar liberalizou o mercado eléctrico, deixándoo en mans dun verdadeiro oligopolio, controlado por cinco grandes compañías de xeración e comercialización: Endesa, Iberdrola, GasNatural/Fenosa, HC Enerxía e E.On, profundamente ligadas aos grandes bancos -o capital financeiro en sentido leninista- como o BBVA, Caixa Bank, BSCH, Abanca,... e nun 50% en mans de capital non español, como a italiana Enel que controla Endesa, E.On que é alemá ou HC Enerxía en mans chinesas.
É este oligopolio o que controla a formación dos prezos a través dun
alambicado mecanismo de compravenda de enerxía dia a día, o chamado mercado
almacenista diario, que é o que afecta á poboación no consumo; hai outros
mercados para grandes consumidores como as plantas de aluminio ou Renfe, ou
medianas industrias, que teñen outras regras. A garantía da transparencia e a
obxectividade deste proceso como non podía ser doutra maneira para os
neoliberais, está en mans dunha empresa privada, o Operador do Mercado
Eléctrico (OMIE).
Por tentar sintetizar este complicado mecanismo, é o seguinte. O
mercado diario celébrase o día anterior ao da entrega da enerxía, e nel os
compradores e vendedores trocan a mercancía (a enerxía medida en MW) para cada
unha das horas do día seguinte. Así, neste mercado hai 24 “produtos”
diferentes, a enerxía que se corresponde coas 24 horas do día seguinte.
Os vendedores (xeradores, importadores, etc.) presentan ofertas de
venda, e os compradores (comercializadores, cooperativas de consumidores,
intermediarios, etc.) presentan as demandas ao OMIE para cada hora do dia
seguinte. Con estas ofertas e sobre a demanda, constrúense curvas de oferta e
demanda... Do cruzamento entre ambos resulta o prezo do mercado para cada hora,
que se corresponde co prezo máximo ofertado, “casado” coa demanda nunha hora en
concreto.
Segundo din desde o goberno e o sector, este complicado mecanismo quere
garantir o que en economía capitalista chámase, “asignación eficiente” dos
recursos. É dicir, que ás empresas garánteselles que ao ir ao mercado, van
obter beneficios, e que a mercadoría (a enerxía eléctrica) distribúese ao
conxunto da sociedade.
Pero o prezo da electricidade ten outro compoñente que agrava a
situación; son os impostos que a gravan. Ademais das subvencións que as
empresas reciben polos investimentos feitos, e non rendabilizadas (déficit de
tarifa) que pagamos entre todos, un ben básico nas sociedades actuais como a
enerxía soporta un IVE do 21%.
O IVE é, por definición, un imposto que só pagamos os asalariados / as.
Vexamos. Calquera empresario, desde un autónomo até Amancio Ortega, cando actúa
como empresario, non como consumidor final, pode desgravar o IVE das súas
compras, pois o que en realidade é o “pago do IVE” do que tanto se queixan, non
é máis que dicirlle a Facenda, “recadei tanto en IVE polos meus traballos
nestes meses, toma, aí telo”.
Os asalariados / as non teñen esta oportunidade, porque non teñen
facturas que desgravar ante Facenda; só teñen nomeas, e esas non desgravan o
IVE, sopórtano. Por iso, que un ben de primeira necesidade como a enerxía
eléctrica soporte un IVE do 21%, non só é inxusto; senón que é un saqueo máis
que o capital, a través dos seus gobernos, fai dos salarios da clase
traballadora.
A enerxía eléctrica é unha mercadoría coa que especulan
A enerxía eléctrica é unha mercancía, é dicir, un produto do traballo
humano que se mide en MW, Kw, etc. Hai tempo de traballo socialmente necesario
para a súa produción e distribución; nas centrais térmicas, sexan tradicionais
de carbón (quedan poucas no Estado Español), de ciclo combinado (carbón e gas)
ou de gas, nas centrais nucleares, nos encoros, os centros eólicos ou solares,
é o criterio que debería determinar o prezo real da mercadoría. Son as grandes
xeradoras de enerxía, o cinco mencionadas máis arriba, as que se benefician da
explotación dos traballadores e traballadoras desas centrais e a formación
alambicada dos prezos no Estado Español o que busca é, a partir destes
beneficios, elevalos máis a través da especulación.
Cando os vendedores de enerxía van ao mercado almacenista diario
establecen o que eles chaman, un prezo de oportunidade; é dicir, esas empresas
teñen máis opcións que vender enerxía cando lles conveña. Poden, ou ben
revender o combustible a un terceiro ou os dereitos de emisión de CO2 (negocio
establecido no supostamente ecolóxico Pacto de Kioto), no caso de que sexa un
combustible consumible como o gas ou o carbón, ou ben esperar a que suba o
prezo da enerxía, como o caso da auga dos encoros ou o aire dos eólicos. De
calquera das maneiras, as empresas xeradoras teñen nas súas mans especular co
prezo, revendéndoo, esperando, ... para cando os prezos sexan rendibles. Que á
poboación traballadora iso supóñalles un esforzo nos seus salarios, como dixo o
xefe UNESA, que “san pedro lla bendíga”; e a isto chámanlle “asignación
eficiente dos recursos”.
Expropiación baixo control
obreiro, e prezos xustos
Ante a escalada especulativa dos prezos dun ben básico e un sector
estratéxico para a economía dun estado, a única saída crible é a esixencia da
nacionalización das empresas xeradoras e comercializadoras de enerxía. A
distribución xa é semiestatal a través da Rede Eléctrica Española (REE). O
sistema oligopólico que deixa en mans da empresa privada a xeración de
electricidade, non só demostrouse un fracaso na “asignación eficiente de
recursos”, senón que é un lastre para o desenvolvemento da sociedade: son estas
empresas as que frean sistematicamente calquera avance na implantación de
enerxías renovables ou desenvolvementos tecnolóxicos como a pila Tesla. Supón,
ademais, un aumento dos prezos golpeando nos salarios e as rendas máis baixas
como pensionistas, parados, etc., e é un freo para sectores sociais como os
autónomos e pequenas empresas, que ven obrigados a facer un desembolso
suplementario a maior gloria de grandes compañías e banqueiros.
Por estes dous motivos, a única perspectiva posible é a expropiación
das compañías eléctricas, e polas baixo control dos traballadores/as das
centrais e das organizacións sociais, que rompa coa especulación, e a través da
planificación democrática da economía, permita establecer uns prezos xustos;
seguindo o exemplo que comezaron a dar os traballadores / as da electricidade
francesa, cando nas folgas do pasado ano, cortáronlle a luz aos ricos, e
conectaban aos pobres que non podían pagala. Demostraron que outra forma de
“asignación dos recursos” é posible... A que poña un sector básico para a
sociedade como é a electricidade ao servizo das necesidades sociais e non dos beneficios
empresariais.
Obviamente, nin os beneficiarios das “portas xiratorias”, con Felipe
González e Aznar á cabeza, nin os gobernantes actuais, nin moito menos os xefes
da industria, admitirían medidas deste tipo... Se queremos percorrer este
camiño, non serven de nada protestas virtuais e simbólicas como os
“apagamentos”, senón que é imprescindible a mobilización na rúa da poboación
traballadora contra esta flagrante transferencia de diñeiro aos petos de
banqueiros e empresarios. Ante as novas subidas que se van a producir, a cobiza
da industria non ten fin, as organizacións obreiras e populares, comezando
polos propios traballadores / as da industria, teñen que pórse á tarefa de
organizar a resposta.
Os mexicanos levan dias loitando contra o “gasolinazo”, para cando a
loita contra o “tarifazo eléctrico?”
En Galiza no mes de febreiro de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario