A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 17 de febrero de 2017

A OBRIGA DE MIRAR MÁIS ALÓ DE TRUMP

>

Carlos Dafonte

É evidente que contra o que Trump quere levar adiante hai que mobilizarse, condenar as súas determinacións, a súa verborrea ultraconservadora e polo tanto sexista, xenófoba, e todo o que se queira pero eu como expresei no anterior artigo aparecido neste blog, non estou disposto a centrarme en tan nefasto personaxe e tento discernir o que significa Trump no contexto político e xeoestratéxico mundial, que el non deseña, que é unha continuidade da era Bush e sobre todo dos oito anos de presidencia do, como o cualifica James Petras, demagogo Obama. Cando me manifeste contra Trump o farei contra o imperialismo do que o novo presidente é un pión, e cuxas políticas van a beneficiar ó sistema, tentar sacalo da situación de decadencia no que se atopa.
Por iso tentei, cando analizaba a toma de posesión do novo presidente, dar algúns elementos do que representou para o planeta a presidencia de Obama, tanto a nivel exterior como interior, por que Trump, a pesares de que moit@s non o verán así, engaiolad@s pola figura do primeiro presidente negro e premio Nóbel da Paz, un “demócrata e progresista”, vai se-lo que tente rectificar o fracaso dos dous anteriores presidentes para rediseñar un mundo unipolar, a súa incapacidade para impor se-la potencia hexemónica unha vez desaparecida a URSS e o seu campo de influenza, tanto pola vía militar como na comercial ou política.

Trump representa o repregue, non do imperialismo e a globalización, pero si dun xeito de entende-la política despois das derrotas en Oriente Medio, a incapacidade para a reestruturación do mesmo iniciada na época de Bush por medio de Condoleza Rice, do considerable avance económico de China e da súa presenza como potencia imperialista en todos os continentes, o retroceso da influenza como “viciño do norte” en Latinoamérica e a aparición de novos actores en Oriente Próximo e Medio, que xa non contan cos EEUU para, por exemplo, falar da paz en Siria.
Trump e o seu equipo consideran que a decadencia de sectores da sociedade norteamericana e de moit@s traballador@s, débese ás trampas de China e outros países para manter baixa a súa moeda e a determinados acordos comerciais negociados sen a suficiente garantía; o que non quere dicir e ó mellor descoñece, e que a política económica da propia Reserva Federal e a austeridade gobernamental, son contrarias á creación de emprego e a suba dos salarios e teñen unha influenza decisiva na situación actual dunha parte importante d@s traballador@s; así como o retroceso na negociación colectiva; só por poñer un exemplo, hoxe o salario mínimo atopase un 25 % máis baixo que en 1968, a pesares de que a produtividade e máis do dobre.

A Unión Europea e China no “punto de mira” dos EEUU.
E aquel denuesto lanzado por Vitoria Nuland, “Que se foda a Unión Europea” en conversación co seu embaixador en Kiev, Ucraína, con motivo do golpe de estado programado polos EEUU nese país, non a considero unha simple expresión malsonante, dita nun momento de euforia pola Vicesecretaria de Estado, encerra toda unha serie de consideraciones e unha política futura con respecto á UE: a de poñerlle os maiores atrancos posibles o seu desenvolvemento. En primeiro lugar pola razón de que por medio desa iniciativa, a UE se viu metida nun conflito con Rusia que non necesitaba e en segundo a chegada de Trump indica que poden funcionar unhas novas relacións EEUU-Rusia, como diría un crente, “deus os cría e eles se xuntan”, que a quen van perxudicar son a UE e a China, os seus principais, xunto con Xapón, competidores comerciais. No caso da UE xa se encargará a diplomacia ianki de que as relacións con Rusia non melloren; para xogar un papel tendente ó conflito con Rusia, contan co grupo Visegrad e todo o que ten representado de oposición a un avance das políticas de integración europeas, aínda que sexa unha integración baseada nos intereses da oligarquía. O apoio de Trump ó “brexit” indica que a Unión Europea oligárquica vai ter un inimigo declarado na nova administración norteamericana, continuidade das políticas levadas a cabo neste senso por Obama; pasan a un estado superior, o anterior presidente gardaba as formas, este parece ser que nin iso.
Obama dixo no fragor dos seus enfrontamentos con Rusia, que esta non era unha verdadeira potencia mundial pois só era capaz de vender petróleo e gaz, que non producía nada interesante; pero para a oligárquica UE representa un mercado esencial para toda unha serie de produtos e de perdurar a política de enfrontamento os danos económicos serán considerables. É unha pregunta retórica, pero ¿en etapas de decadencia que é mellor ter competidores fortes ou febles? Creo que os EEUU apostaron dende hai tempo por unha UE feble, que non lle dispute os primeiros elos da cadea imperialista, e sobre todo Alemaña a quen hai que crearlle os maiores problemas posibles na Europa do Leste.

As difíciles relacións China-USA.
As contradicións do novo presidente respecto á economía, crean análises moi diferentes e as veces tamén moi contraditorios entre analistas de recoñecido prestixio mundial, respecto a actitude que os EEUU van manter con China. Hainos que centran toda a súa análise en que se van facer efectivas as baladronadas de cando era candidato, protexe-lo país cunha taxa do 45% para os produtos chinos, tomar medidas contra a deslealdade que significa que o goberno do país asiático manipule a súa moeda á baixa para exportar máis, e atraer ás empresas norteamericanas radicadas en China, que segundo a Cámara de Comercio dos EEUU nese país, son tratadas con discriminación. Polo tanto son numeros@s @s que prevén unha guerra comercial entre as dúas grandes potencias, acontecemento que vai marcar a axenda internacional para os próximos anos.
Pechada a campaña electoral e xa Trump como presidente, o novo Secretario de Estado para o Comercio, diante do Senado nada falou da taxa do 45% e a realidade e que nos últimos anos as autoridades chinesas fan todo o contrario do que pode ser manipular a súa moeda á baixa, venden dólares en vez de compralos o que fai aumenta-la competitividade da economía norteamericana.
O que segue presente na axenda do novo presidente e a paralización dos tratados comerciais multilaterais en fase de ratificación como é o TTP, con 11 países do Pacífico, excluíndo a China co claro obxectivo de illala, un xeito como outro calquera de proteccionismo comercial; a paralización do que se está a negociar ca UE e introducir cambios no asinado con México e Canadá e con Korea do Sur, por considerar o novo equipo na casa Branca que son desastrosos para a economía do seu país, argumento no que coinciden tamén economistas neokeynesianos como Robert Scott e William Kimball que consideran que no TTP , á China, dadas as relacións comerciais que mantén cos asinantes do mesmo, se lle abre unha “porta de atrás” que os EEUU non pode permitir. Outro economista da mesma escola como Thomas I Palley asesor de política económica da AFL-CIO, mantén a mesma tese. Descoñezo as opinións sobre o tema de Paul Krugman o representante máis coñecido desa corrente.
O discurso de Obama sobre este tratado pedindo a súa aceptación foi moi claro, “China non pode dita-las regras da economía mundial, nos debemos escribir esas regras”. O libre comercio non ten moita importancia, o importante é quen establece as regras de xogo. A realidade é que hoxe en día a chamada globalización, que non era máis que un proceso  de restruturación do comercio mundial baixo a hexemonía norteamericana, estase vindo a baixo e é China quen leva a “voz cantante” no mesmo, polo que a política imperialista dos EEUU ten que buscar novos xeitos de reconstruír o seu dominio.
Xa Paul Samuelson cuxo manual a favor do libre comercio e do liberalismo en materia económica, tiven que estudar na Facultade de Políticas, no ano 2004 formulou a dúbida de que con China de competidora, o libre comercio axudase ós EEUU a ser a primeira potencia económica mundial. Como se pode aprecia-lo debate sobre as relacións con China e a necesidade de poñer trabas ó libre comercio nos EEUU non é cousa de Trump, leva xa varios anos presente e a propia Hillary Clinton, tamén rexeitou o TTP e o TTIP e formulou medidas protecionistas.
Foi moi curioso, por non dicir delirante o acontecido no último Foro de Davos, cando numerosos gobernantes de países capitalistas poñían atrancos ó libre comercio e a globalización e o presidente de China, un país no que goberna un partido denominado comunista a defendía e cito de memoria lles dixo, que pechándose en casa podían estar a salvo da chuvia e a tormenta, pero tampouco recibirían o aire e o sol.
Nembargantes Immanuel Wallerstein e o seu grupo, os artífices da teoría do sistema-mundo, falan dunha estratexia distinta que vai se-la que leve o novo presidente, deseñada claro está polos poderes económicos. Segundo eles, o mesmo que aconteceu despois da segunda guerra mundial e os EEUU tomaron o relevo do Reino Unido ata ese momento a potencia hexemónica, China e os EEUU se converterán no futuro en socios estratéxicos, e as disputas actuais non son outra cousa máis que o intento por ser na futura sociedade, o socio dominante.
Consideran tamén que a esa alianza a UE vai a opoñer a súa con Rusia, polo que os EEUU como xa manifestei, van opoñer toda clase de atrancos a que esta se leve a cabo.
De confirmarse a tese de Wallerstein, se vai producir un reparto de zonas de influenza, que será aínda que se teña pactado a “non interferencia” nas mesmas, espazos a conquistar pola potencia excluída e as súas subordinadas que verán deste xeito a súa existencia privilexiada en perigo.
Polo tanto calquera das dúas opcións non van ser garantía de tranquilidade para os pobos do planeta; as desigualdades van ser cada vez maiores, enormes cantidades de seres humanos van ser excluídos, e so a desaparición deste sistema económico baseado nas desigualdades e a explotación para que unha minoría cada vez sexa máis rica e poderosa, poderá poñer fin a seguir avanzando cara a barbarie.
Para concluír, nin o imperialismo nin a globalización van a desaparecer, os centos de bases militares que os EEUU teñen polo mundo van xoga-lo seu papel, os tratados comerciais posiblemente deixen de ser proxectos colectivos para converterse en bilaterais onde as grandes potencias poden xogar mellor as súas cartas, e as embaixadas e os membros da CIA que en elas actúan, van xogar o papel desestabilizador que lles caracterizou ó longo da súa historia; propostas progresistas, populistas, ou de esquerdas, van ter moita menor capacidade para converterse en goberno que nos últimos anos.


En Galicia no mes de febreiro de 2017



No hay comentarios:

Publicar un comentario