A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 18 de agosto de 2014

O SIONISMO ENFERMIDADE CON TENDENCIA O XENOCIDIO DO XUDAISMO


Carlos Dafonte

Estes días no que o xenocidio organizado polo estado sionista de Israel, abátese de novo sobre o pobo palestino, algúns cando analizamos o que está a acontecer, facemos unha diferenza entre os xudeus e os xudeus sionistas, aínda que teño a certeza de que si os sionistas atópanse no poder en Israel case dende a súa fundación, é grazas ó voto cativo de moitos xudeus que non son sionistas.
Vendo o martirio do pobo de Gaza ante a indiferenza do que denominamos “comunidade internacional”, é dicir, toda unha serie de institucións internacionais e estatais, mediante as que as oligarquías dominantes no mundo impoñen os seus criterios ós diferentes pobos, institucións que non son capaces de tomar medidas que castiguen os crimes de Israel e repiten despois dalgunhas condenas verbais o de “Israel ten dereito a defenderse”; este “mantra” que escoitamos estes días en numerosas ocasións, o que verdadeiramente significa é que só Israel ten dereito ilimitado para matar civís, contravir toda lei sobre a guerra e o respecto polos dereitos humanos, pero os palestinos, que son verdadeiramente os agredidos desde preto de 70 anos, non teñen dereito algún á defensa contra unha ocupación e a usurpación duns territorios, que os sionistas levaron adiante violentamente, e os condenan ó holocausto.

Observando o que acontece, comprendemos o enorme poder que ten o sionismo como ideoloxía no mundo, que, entre outros contidos, tentan impoñer a reconstrución de Sión, o antigo reino do rei David, con todos os seus territorios. Algo similar, e digo similar e non igual, que o intento dos nazis de unificar baixo o Reich, a todos os territorios de fala alemá.
Esta ideoloxía consolídase a partires da creación por parte do periodista austríaco Herzl, da Organización Sionista Mundial (WZO) e da publicación da súa obra, “O estado xudeu”, cuxas teorías son asumidas por pequenos grupos de xudeus que, todo hai que dicilo, non teñen en grande consideración ó resto dos seus correlixionarios. Sirvan como mostra as verbas de Chaim Weizmann, presidente da Organización Sionista Mundial (WZO), que dicía en 1912, “Cada país debe absorber un número limitado de xudeus, se non quere desordes no seu estómago. Alemaña xa ten demasiados xudeus”.
Ou esta outra afirmación aparecida en 1917, e volta a publicar en 1936, cando Hitler atopábase no poder, que apareceu nas dúas datas, no periódico da Organización da Mocidade Sionista, “Hashomer Hatzair”: “O xudeu é unha caricatura dun ser humano normal, natural, tanto física como espiritualmente. Como individuo en sociedade rebélase contra todos os arneses das obrigacións sociais, non coñece a orde nin a disciplina”. Máis parecen declaracións de nazis que de xudeus sionistas.
Como hai que interpretar estas declaracións e o contexto no que se producen? Representaban un xeito de pensar que daba argumentos ó antisemitismo, pois os sionistas pensaban que canto peor viviran nos seus países, máis foran perseguidos, menos capacidade de asimilación existise, a súa solución se abriría camiño entre a maioría dos xudeus: a creación dun estado propio.
Hai dous casos que poden servir de exemplo de como actuaban os sionistas, o “caso Dreyfus” en Francia, un oficial xudeu do exército acusado e condenado por traizón que mobilizou a unha parte importante da sociedade; é nese contexto que o escritor Emile Zola escribiu e publicou no diario L'Aurore o “Eu acuso”, que lle custou un proceso por difamación, cárcere, multa e exilio . Toda esta campaña levada a cabo fundamentalmente pola esquerda, conseguiu o indulto e illa-lo antisemitismo francés ata a ocupación do país polas tropas alemás. Pois ben, Herzl condenou duramente a participación de xudeus nas mobilizacións contra os antisemitas, afirmando que os xudeus de Francia “Buscan a protección dos socialistas e dos destrutores da orde civil actual (...) En verdade deixaron de ser xudeus. A bo seguro, tampouco son franceses”. Os sionistas partían de una posición que deixaba indefensos ós xudeus fronte ó antisemitismo, pero que lles axudaba ós planes do “estado xudeu”, a idea que o antisemitismo non se debía combater, que era imposible vencelo e polo tanto os xudeus debían marcharse dos seus respectivos países onde naceran e fundar un estado. Non querían que os xudeus se decataran que loitando no seu país podían derrotar ó antisemitismo e vivir máis tranquilos.
Un segundo caso que pode servir de exemplo, é a elección como alcalde de Viena do antisemita Karl Lueguer, que produciu numerosas mobilizacións contra o seu nomeamento, o que provocou que o emperador non o confirmase no posto. Pois ben, os sionistas, con Herzl á fronte, apoiaron a súa confirmación, entrevistándose co primeiro ministro para premelo no senso de que fora confirmado e o propio Herzl, a pesares da grande influenza que tiña na súa cidade, non participou en mobilización algunha contra os antisemitas.
Por iso os sionistas tiñan un inimigo fundamental, o bolxevismo, que tentaba que os xudeus de cada país se integrasen no proceso de loita de clases, desde unha toma de conciencia de pertenza a una determinada. Non hai que esquecer que o BUND, partido dos obreiros xudeus de Rusia, integrouse no Partido Obreiro Social Demócrata de Rusia, bolxevique, o que para os sionistas era aberrante.
Cando nace esta ideoloxía non o fai a redor da relixión, raza ou outra consideración, é resultado do antisemitismo imperante en numerosas sociedades; non nace como resultado de afirmar e consolidar aspectos do xudaísmo, e o territorio concreto tampouco era moi importante, Herlz estivo a punto de aceptar crea-lo estado xudeu no norte de Kenia.
Pero a principios do século XX, despois da I ª Guerra Mundial, os sionistas van facer súas algunhas propostas dos estudantes nacionalistas alemáns, que devirían máis tarde en nazis, que rexeitaban os xudeus por non ser de blut, sangue, alemá e en consecuencia non podían formar parte do volk, pobo, alemá, e eran alleos ó boden, solo, teutón.
Os estudantes xudeus reaccionaron de diferentes maneiras diante desta posición; moitos se integraban nas fileiras do partido socialdemócrata, para combater este xeito de pensar que consideraban burgués, outros se reafirmaron na súa postura de considerarse “alemáns de fe mosaica” e os sionistas adaptaron as premisas dos nacionalistas alemás ós seus intereses. Aceptaban que os xudeus non eran parte do volk alemá, por suposto non debían xuntarse sexualmente cos alemás por respecto a súa blut e por descontado tiñan que ter o seu propio boden, Palestina.
Esta adaptación tivo moito que ver ca pertenza a unha clase, a pequena e media burguesía, e nunca os sionistas alemás, nunca conseguiron emanciparse da clase capitalista de Alemaña. Por esa mesma razón rexeitaban integrarse á socialdemocracia que se dirixía preferentemente ós traballadores asalariados e polo mesmo apoiaron ó seu goberno na I ª Guerra Mundial e déronse posicións como as do filósofo sionista Martín Buber que combinou o patriotismo alemá máis extremo, co sionismo.
Buber, Zollschan e Einstein, si, el grande científico, atópanse entre os defensores das concepcións sionistas da pureza racial, superados nas súas posturas extremas por Mauricio Samuel na súa obra “You Gentiles”
Pero o sionismo vai caer entre outras, nunha contradición, que se expresa na idea de raza superior o tempo que plasmando na realidade o dito de que “para ser bo sionista hai que ser ata certo punto antisemita”, aparezan autores, despois da división do sionismo entre revisionistas, laboristas e sionismo relixioso, pertencentes o primeiro grupo, o máis duro ideoloxicamente, que manteñen posicións moi parecidas ás que van ter os nazis.
Así Yosef Berdichevski consideraba que os xudeus non eran “nin nación, nin pobo, nin humanos”; ou Chaim Brenner que os consideraba “Xitanos, cans sucios, inhumanos, cans feridos”; ou A.D.Gordon que afirmaba que o seu pobo non era mellor que “parasitos, xente basicamente inútil”.
As razóns últimas destes sionistas para facer tales afirmacións debe ter moito que ver co escaso eco que tiñan as súas teorías, que moitos xudeus loitaban pola asimilación, outros pola revolución e consideraban a solución de ir a Palestina, como algo irreal.
Xerouse así un sentimento contraditorio entre o enxalzamento da raza e o autoodio, o que nos leva a preguntar, se os sionistas son capaces de facer afirmacións tan brutais contra os propios xudeus, que sentimentos poden desenvolver respecto ós palestinos e os árabes no seu conxunto?

AS RELACIÓNS DOS SIONISTAS COS NAZIS.

Os sionistas non eran maioritarios entre os xudeus alemáns; a súa organización era a ZVD, Federación Sionista de Alemaña; nunca participaron nas loitas contra o ascenso do nazismo e cando este chegou ó poder, a partires de 1933, entraron en contacto cos mesmos para que lles axudaran á creación dun estado en Palestina. É coñecida a entrevista de Kurt Tuchler membro da executiva da ZVD co membro das SS, o barón Leopold Itz Edler von Mildenstein para convencelo de que redactara unha serie de informes e artigos favorables a esa solución e como viaxaron os dous durante seis meses por Palestina, acompañados das súas respectivas esposas, para ter un coñecemento da situación, política, económica e social no territorio. Para conmemorar este feito, Goebbels fixo acuñar unha moeda na que por unha faciana aparece a esvástica e na outra a estrela de David, con unha frases baixo cada unha delas. Este von Mildenstein, que pertencía o Servizo de Intelixencia Militar das SS, participou incluído na delegación dos sionistas alemáns, no Congreso Sionista de Lucerna no verán de 1935.
Consideraban ademais que a posición dos nazis axudaría a convencer a xudeus alemáns de que a solución por eles esgrimida era a correcta. Así, despois de que se tomaran as primeiras medidas contra os xudeus, boicot para non mercar nos seus comercios, e a nivel internacional se tentara dar unha resposta en contra dos nazis, os capitalistas que os apoiaban, comezaron a senti-lo temor das repercusións que podían ter nos seus negocios, temores que lles expresaron ós seus protexidos, sobre todo pola manifestación que se estaba a organizar en Nova Iorque e que era considerada como a vangarda de todas as demais.
Goering, un dos principais xerarcas do nazismo, convocou a diferentes organizacións xudías, para tentar parar as mobilizacións; xuntáronse con Goering, Blumenfeld pola ZVD, autor dun longo ensaio aparecido en agosto dese ano, que afirmaba que os xudeus non debían limitarse a acatar en silencio os ditados dos seus novos gobernantes, senón que debían comprender os absolutos beneficios da separación racial, Julius Brodnitz representando á “Unión Central de Cidadáns Alemáns de Fe Xudía” (CV), Heinrich Stahl á comunidade xudía de Berlín e un fanático pronazi, Max Naumann pola Verband nationaldeutscher Juden. Aceptaron tentar impedi-la campaña antinazi e para entrevistarse cas organizacións mundiais de xudeus, partiron para Londres, acordando ter informada á embaixada alemá. Xuntáronse dous membros da ZVD e un da CV, con máis de corenta delegados de organizacións xudías nunha xuntanza presidida por Nahum Sokolow, presidente da WZO, e a realidade é que a campaña antinazi non se levou adiante.
A ZVD tentou durante varios anos do goberno de Hitler, de abortar toda campaña de carácter mundial contra os nazis e no ano de 1962 coñeceuse por primeira vez un memorando dirixido por esta organización ó partido nazi o 21 de xuño de 1933, que é unha traizón os xudeus alemáns, onde ofrecen colaborar co nazismo e non “presentar batalla contra eles, só contra aqueles que lles ofrezan resistencia”.Tamén os dirixentes da ZVD premeron á WZO para que non realizaran o Congreso Mundial organizado para agosto de 1933, para evitar así unha condena do nazismo.
Esta colaboración política tivo a súa correspondencia no ameto económico cando o 25 de agosto de 1933 asínase o tratado entre os nazis e os sionistas alemáns, denominado Acordo de Traslado, “Heskem Ha'avara” en hebreo, ideado polo sionista laborista e man dereita de Ben Gurion que será o primeiro presidente de Israel, Chaim Arlosoroff, que tiña como obxectivo potencia-la emigración de xudeus, sobre todo xoves, a Palestina ó tempo que se salvaban as fortunas de moitas familias. Ha'avara era unha especie de compañía comercial na que interviña o Banco Leumi e a Compañía Navieira Hamburgo Sur América, por medio da cal os xudeus alemáns mercaban mercadorías fabricadas en Alemaña, levábanse a Palestina e despois cobraban o que se pagaba por elas no lugar de destino. Estas relacións comerciais serviron para que a partires de 1936, a Organización Sionista Mundial (WZO), vendera produtos fabricados polos nazis en Gran Bretaña.
Do éxito do acordo, da testemuña as verbas de Hitler, cun marcado carácter propagandístico, que dixo referíndose ó mesmo: “Así nos, os salvaxes, amosamos unha vez máis ser mellores seres humanos, menos cecais en protestas externas, pero si nas nosas accións. E agora somos aínda máis xenerosos e damos ó pobo xudeu un porcentaxe moito máis alto do que teñen en posibilidades de vida e maior que o que temos nos”.
Cando se inauguran moitos campos de concentración cos detidos da esquerda, o periódico sionista “Jüdische Rundschau”, atacaba ós xudeus que militaban nestes partidos e sindicatos declarados ilegais e correspondentes como o de Italia, Kurt Kornitcher, era un furibundo partidario do fascismo. Os sionistas no fondo tentaban contrapoñer o “bo fascismo” de Mussolini ós excesos dos hitlerianos que, pensaban, minguarían co paso do tempo e ca súa contribución, ca contribución do sionismo.
Se os boicot á economía de Alemaña tivese trunfado desde os primeiros meses, os capitalistas alemáns seguirían apoiando a Hitler na chancelería? Se o Departamento de Estado norteamericano e toda a Administración demócrata presidida por Roosevelt e os principais emporios económicos capitalistas dos EEUU, non considerasen que eran máis importante o exterminio dos comunistas, das forzas de esquerda, e o mercado alemá para saír da crise e da depresión económica e apoiaran o boicot contra Alemaña, os valedores dos nazis os manterían no poder? Se os xudeus sionistas non fixeran a política que levaron adiante respecto ós nazis, e tiveran apoiado o boicot mundial, consolidaríanse os nazis no poder?
Pero a realidade foi outra e outros os intereses en xogo; produciuse o holocausto e a ideoloxía do sionismo trunfou, e hoxe os sionistas están moi presentes no novo estado e son maioritarios nas súas institucións e teñen a capacidade de condenar a nivel internacional toda crítica contra eles, utilizando os horrores do holocausto, que se puido evitar, e os feble argumento de antisemitismo. Desde a miña perspectiva os sionistas tiñan que render contas da súa actitude con respecto ó antisemitismo e o nazismo, responsables da mortes de seis millóns de xudeus.

En Galicia no mes de agosto de 2014

(Este artigo atópase en débeda co libro, mencionado no meu anterior artigo sobre Palestina e os bombardeos xenocidas sobre Gaza, do comunista trotskista norteamericano Lenni Brenner no que atopei a maioría das citas e moitos feitos)

No hay comentarios:

Publicar un comentario