A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 16 de junio de 2013

O ATAQUE Ó SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS EXPRESIÓN DA LOITA DE CLASES


Carlos Dafonte

Algúns datos sobre o sistema vixente; segundo Euroestat é un dos máis baratos da Unión Europea. No ano 2010 o gasto público en pensións foi de 1862 euros por habitante, moi inferior ós 2769 de gasto medio da U.E., os 3421 de Alemaña, os 3658 de Francia ou os 3295 de Italia. Aquí, no mesmo ano, o 70% das pensións non superaban os 1000 euros; a pensión contributiva é un 25% inferior á media da UE e a non contributiva un 50%. Entre o 2007 e o 2012, o porcentaxe do PIB adicado a pensión subiu un 2% por motivo da mala xestión da crise que se esta a levar a cabo, pero a pesares de todo, contase cun fondo de reserva de 66.000 millóns de euros, un 6'5% do PIB; o 90% deste fondo está investido perigosamente en débeda pública española. No ano 70 do século pasado tiñamos 2 millóns de pensionistas, hoxe 8 millóns douscentos mil, e a pesares do aumento, había superavit pola razón de que o aumento da produtividade permite que aumente a “ratio” entre pensionistas e traballadores ocupados.

O importante a destacar na situación actual, é que os grandes grupos económicos son insaciables e os dous partidos que gobernan desde fai moitos años este país, alternándose no control das institucións, levan tamén moitos dándolles “carnaza”, é dicir, facendo políticas económicas para que obteñan abundantes beneficios; para iso son elixidos, é a conclusión máis axeitada, para iso reciben importantes cretos da banca que moitas veces non se pagan, para ese labor reciben importantes donativos das empresas máis importantes, para iso os grandes medios de comunicación que son participados polo capital financeiro, estimulan constantemente o bipartidismo: porque lles é rendible, lles permite facer importantes negocios, expandirse polo mundo co apoio do estado español.
Permitíronlles facerse mediante a privatización, ca propiedade de importantes empresas estratéxicas que eran do pobo e moi rendibles, metéronnos na UE e o euro que só beneficia ós de sempre, comezaron a privatización dos servizos públicos alegando que a xestión ía ser mellor, cousa que non é certa, e agora tentan rebaixarnos a pensión, pois segundo parece dentro de 40 ou 50 anos o noso sistema vai ser inviable, pero o obxectivo coma sempre, é que bancos e aseguradoras fagan grandes negocios; a conclusión que vai sacar moita xente da campaña actual contra o sistema de pensións, é a da necesidade de facer un fondo de pensións privado para complementa-lo público, se se quere manter un nivel de vida digno despois da xubilación, pois as medidas que están dispostos a aprobar van levar a que ser xubilado e ficar na miseria. Agora unha parte importante xa o está.
Campañas deste estilo houbo moitas no estado español, basta lembrar as levadas a cabo polo Círculo de Empresarios nos anos 90 que conseguiron aumentar de 13.000 a 38.000 de euros o montante dos fondos privados. Daquela situaban a quebra do sistema no ano 2000, feito que non aconteceu; ocorreu o contrario, durante varios anos tivo beneficios.
Un primeiro paso contra os futuros pensionistas foi o que aprobou o PSOE de aumenta-lo número de anos para calcula-la pensión, na época de Filipe González; xa na de Rodríguez Zapatero a de atrasa-la idade de xubilación ós 67 anos. Había un tempo que apareceran determinados informes, algúns tamén de “sabios” ou de institucións que afirmaban a inviabilidade do actual sistema existente en España, a Comisión Europea así o fixo saber, cando afirmou que se no 2007 as pensións representaban algo máis do 8% do PIB, no 2050 acadaría máis do 15% o que o faría imposible de manter. A esta tese, sumáronse “sesudos informes” do Banco de España, Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, Santander, Fundación de Caixas e 100 economistas, todos moi neoliberais e patrocinados por FEDEA, fundación na que se atopan os maiores bancos. Diante de semellante bombardeo, que conta cun amplo respaldo publicitario, e fai dubidar a moita xente, non faltaría máis, o goberno do PSOE atrasou a idade de xubilación ós 67 anos, aumentando o número de anos cotizados, etc. Pero é fácil saca-la conclusión, todos os que apoiaban a posición da Comisión Europea, eran entidades de carácter económico interesados en acadar beneficio intervindo nun campo como as pensións.
Estes días, para ser máis convincentes diante da poboación, para que pareza que as medidas que se van tomar, son unha cuestión técnica, que non ten nada que ver ca loita de clases é o transvase das rendas do traballo ás do capital, nomean a dedo un “comité de sabios”, cunha maioría que están ligados a intereses económicos de aseguradoras, banca ou estamentos que difunden as teorías neoliberais, onde algún dos que figuraban como guinda deste pastel, o representante do sindicato Comisións Obreiras por exemplo, traizoa a quen representa e asume tamén, os principios do neoliberalismo e os argumentos empregados para que a rebaixa das pensións sexa efectiva. Pero que ninguén se leve a engano, cando se convoca unha comisión de este tipo, primeiro se acorda o obxectivo a conseguir, despois se nomea a comisión e o informe sempre é favorable á tese de quen a nomeou.
Dicía xuntan a esta comisión que elabora un informe e como non podía ser doutro xeito, apoia as teses do goberno e dos bancos, aseguradoras e fondos, informe inspirado nos argumentos esgrimidos polos numerosos redactados polo Banco Mundial, que leva anos pronosticando e sempre trabucándose, a quebra dos sistemas de pensións en Europa.
O argumento central da súa exposición que conduce a ter que rebaixa-las pensións é o de que o aumento da esperanza de vida vai facer inviable o sistema para o ano 2060. É certo que a esperanza de vida aumentou nas últimas décadas, 2'3 anos desde 1991, tomo os datos como algún outro do profesor Navarro, pero é enganoso traducir isto mecanicamente a que os xubilados viven eses anos a maiores; iso non é certo, pois no cálculo da esperanza de vida ten moita importancia a mortalidade infantil, e a dos mozas e mozos. Dando esa mensaxe o que se quere é engana-la poboación. Ademais hai outro dato que tamén cita, en artigos de hai poucos anos o profesor Navarro, que aínda que vives máis tempo, o envellecemento non se atrasa; que hai estudos que din o contrario , que os anos de vida saudable minguan, sobre todo nas clases explotadas da sociedade, polo que os argumentos para atrasa-la idade de xubilación empregados polo PSOE e os utilizados estes días polo PP, son falaces, só buscan meterlle medo ós traballadores asalariados e que en razón dese medo , aseguradoras e bancos, obteñan importantes beneficios.
Pero ademais son tan enganosos os seus argumentos que por exemplo cando falan da inviabilidade para dentro de 40 ou 50 anos, fan esas afirmacións sobre un PIB que permaneza inamovible e hai que pensar, aínda que non se poida poñer fin ó capitalismo, se este seguise existindo dentro de 50 anos, é de supoñer que aumentase a produtividade, polo que o aumento sobre o % que as pensións se levan do PIB, non sería, que é do xeito que nos queren enganar, sobre un PIB como o actual senón sobre un bastante máis elevado.
En último termo, se hai que recadar máis, que se aumenten os salarios, e tamén aumentará a recadación da Seguridade Social e que se persiga con dureza os impagos das cotas dos traballadores, que é parte do salario, por parte dos empresarios, endurecendo as penas por este delito. Que se anulen as reducións á Seguridade Social dos empresarios ou que se financie por medio dos impostos, o que se fai co exército, cando temos unha presión fiscal das máis baixas da U.E., do 32,6 % e segundo Euroestat, a media é do 40.
Para finalizar. É necesario abrir un debate no territorio estatal sobre estas cuestións; se os argumentos dos “sabios” son tan demoledores e científicos, que se sometan a un debate na sociedade amplo, pero o goberno a todo o que sexa participación, democracia e transparencia, non se atreve; o resto das forzas políticas e os sindicatos, parece que tampouco teñen moito interese. Será capaz a sociedade de promovelo?.


O que non se pode permitir é que nos rouben os dereitos conquistados despois de anos de loita, que conculquen as súas propias normas da democracia burguesa e que agora non permitan á clase traballadora pasar os últimos anos da súa vida, a única clase que crea a riqueza de toda a sociedade, cos medios necesarios para facelo con dignidade. O capitalismo é un sistema explotador, precísase, para poder vivir mellor poñerlle fin. Pero este último obxectivo é difícil de acadar se todas as loitas, e neste momento hai no estado numerosas loitas abertas, non se orientan nese fin, se non se fai o programa unificador e se constitúe a estrutura orgánica común capaz de facelas efectivas.

En Galicia no mes de xuño de 2013.

1 comentario: