Carlos Dafonte
Algúns datos sobre o
sistema vixente; segundo Euroestat é un dos máis baratos da Unión
Europea. No ano 2010 o gasto público en pensións foi de 1862 euros
por habitante, moi inferior ós 2769 de gasto medio da U.E., os 3421
de Alemaña, os 3658 de Francia ou os 3295 de Italia. Aquí, no mesmo
ano, o 70% das pensións non superaban os 1000 euros; a pensión
contributiva é un 25% inferior á media da UE e a non contributiva
un 50%. Entre o 2007 e o 2012, o porcentaxe do PIB adicado a pensión
subiu un 2% por motivo da mala xestión da crise que se esta a levar
a cabo, pero a pesares de todo, contase cun fondo de reserva de
66.000 millóns de euros, un 6'5% do PIB; o 90% deste fondo está
investido perigosamente en débeda pública española. No ano 70 do
século pasado tiñamos 2 millóns de pensionistas, hoxe 8 millóns
douscentos mil, e a pesares do aumento, había superavit pola razón
de que o aumento da produtividade permite que aumente a “ratio”
entre pensionistas e traballadores ocupados.
O importante a destacar na situación actual, é que os grandes grupos económicos son insaciables e os dous partidos que gobernan desde fai moitos años este país, alternándose no control das institucións, levan tamén moitos dándolles “carnaza”, é dicir, facendo políticas económicas para que obteñan abundantes beneficios; para iso son elixidos, é a conclusión máis axeitada, para iso reciben importantes cretos da banca que moitas veces non se pagan, para ese labor reciben importantes donativos das empresas máis importantes, para iso os grandes medios de comunicación que son participados polo capital financeiro, estimulan constantemente o bipartidismo: porque lles é rendible, lles permite facer importantes negocios, expandirse polo mundo co apoio do estado español.
Permitíronlles facerse
mediante a privatización, ca propiedade de importantes empresas
estratéxicas que eran do pobo e moi rendibles, metéronnos na UE e o
euro que só beneficia ós de sempre, comezaron a privatización dos
servizos públicos alegando que a xestión ía ser mellor, cousa que
non é certa, e agora tentan rebaixarnos a pensión, pois segundo
parece dentro de 40 ou 50 anos o noso sistema vai ser inviable, pero
o obxectivo coma sempre, é que bancos e aseguradoras fagan grandes
negocios; a conclusión que vai sacar moita xente da campaña actual
contra o sistema de pensións, é a da necesidade de facer un fondo
de pensións privado para complementa-lo público, se se quere manter
un nivel de vida digno despois da xubilación, pois as medidas que
están dispostos a aprobar van levar a que ser xubilado e ficar na
miseria. Agora unha parte importante xa o está.
Campañas deste estilo
houbo moitas no estado español, basta lembrar as levadas a cabo polo
Círculo de Empresarios nos anos 90 que conseguiron aumentar de
13.000 a 38.000 de euros o montante dos fondos privados. Daquela
situaban a quebra do sistema no ano 2000, feito que non aconteceu;
ocorreu o contrario, durante varios anos tivo beneficios.
Un primeiro paso contra
os futuros pensionistas foi o que aprobou o PSOE de aumenta-lo número
de anos para calcula-la pensión, na época de Filipe González; xa
na de Rodríguez Zapatero a de atrasa-la idade de xubilación ós 67
anos. Había un tempo que apareceran determinados informes, algúns
tamén de “sabios” ou de institucións que afirmaban a
inviabilidade do actual sistema existente en España, a Comisión
Europea así o fixo saber, cando afirmou que se no 2007 as pensións
representaban algo máis do 8% do PIB, no 2050 acadaría máis do 15%
o que o faría imposible de manter. A esta tese, sumáronse “sesudos
informes” do Banco de España, Banco Bilbao Vizcaya Argentaria,
Santander, Fundación de Caixas e 100 economistas, todos moi
neoliberais e patrocinados por FEDEA, fundación na que se atopan os
maiores bancos. Diante de semellante bombardeo, que conta cun amplo
respaldo publicitario, e fai dubidar a moita xente, non faltaría
máis, o goberno do PSOE atrasou a idade de xubilación ós 67 anos,
aumentando o número de anos cotizados, etc. Pero é fácil saca-la
conclusión, todos os que apoiaban a posición da Comisión Europea,
eran entidades de carácter económico interesados en acadar
beneficio intervindo nun campo como as pensións.
Estes días, para ser
máis convincentes diante da poboación, para que pareza que as
medidas que se van tomar, son unha cuestión técnica, que non ten
nada que ver ca loita de clases é o transvase das rendas do traballo
ás do capital, nomean a dedo un “comité de sabios”, cunha
maioría que están ligados a intereses económicos de aseguradoras,
banca ou estamentos que difunden as teorías neoliberais, onde algún
dos que figuraban como guinda deste pastel, o representante do
sindicato Comisións Obreiras por exemplo, traizoa a quen representa
e asume tamén, os principios do neoliberalismo e os argumentos
empregados para que a rebaixa das pensións sexa efectiva. Pero que
ninguén se leve a engano, cando se convoca unha comisión de este
tipo, primeiro se acorda o obxectivo a conseguir, despois se nomea a
comisión e o informe sempre é favorable á tese de quen a nomeou.
Dicía xuntan a esta
comisión que elabora un informe e como non podía ser doutro xeito,
apoia as teses do goberno e dos bancos, aseguradoras e fondos,
informe inspirado nos argumentos esgrimidos polos numerosos
redactados polo Banco Mundial, que leva anos pronosticando e sempre
trabucándose, a quebra dos sistemas de pensións en Europa.
O argumento central da
súa exposición que conduce a ter que rebaixa-las pensións é o de
que o aumento da esperanza de vida vai facer inviable o sistema para
o ano 2060. É certo que a esperanza de vida aumentou nas últimas
décadas, 2'3 anos desde 1991, tomo os datos como algún outro do
profesor Navarro, pero é enganoso traducir isto mecanicamente a que
os xubilados viven eses anos a maiores; iso non é certo, pois no
cálculo da esperanza de vida ten moita importancia a mortalidade
infantil, e a dos mozas e mozos. Dando esa mensaxe o que se quere é
engana-la poboación. Ademais hai outro dato que tamén cita, en
artigos de hai poucos anos o profesor Navarro, que aínda que vives
máis tempo, o envellecemento non se atrasa; que hai estudos que din
o contrario , que os anos de vida saudable minguan, sobre todo nas
clases explotadas da sociedade, polo que os argumentos para atrasa-la
idade de xubilación empregados polo PSOE e os utilizados estes días
polo PP, son falaces, só buscan meterlle medo ós traballadores
asalariados e que en razón dese medo , aseguradoras e bancos,
obteñan importantes beneficios.
Pero ademais son tan
enganosos os seus argumentos que por exemplo cando falan da
inviabilidade para dentro de 40 ou 50 anos, fan esas afirmacións
sobre un PIB que permaneza inamovible e hai que pensar, aínda que
non se poida poñer fin ó capitalismo, se este seguise existindo
dentro de 50 anos, é de supoñer que aumentase a produtividade, polo
que o aumento sobre o % que as pensións se levan do PIB, non sería,
que é do xeito que nos queren enganar, sobre un PIB como o actual
senón sobre un bastante máis elevado.
En último termo, se hai
que recadar máis, que se aumenten os salarios, e tamén aumentará a
recadación da Seguridade Social e que se persiga con dureza os
impagos das cotas dos traballadores, que é parte do salario, por
parte dos empresarios, endurecendo as penas por este delito. Que se
anulen as reducións á Seguridade Social dos empresarios ou que se
financie por medio dos impostos, o que se fai co exército, cando
temos unha presión fiscal das máis baixas da U.E., do 32,6 % e
segundo Euroestat, a media é do 40.
Para finalizar. É
necesario abrir un debate no territorio estatal sobre estas
cuestións; se os argumentos dos “sabios” son tan demoledores e
científicos, que se sometan a un debate na sociedade amplo, pero o
goberno a todo o que sexa participación, democracia e transparencia,
non se atreve; o resto das forzas políticas e os sindicatos, parece
que tampouco teñen moito interese. Será capaz a sociedade de
promovelo?.
O que non se pode
permitir é que nos rouben os dereitos conquistados despois de anos
de loita, que conculquen as súas propias normas da democracia
burguesa e que agora non permitan á clase traballadora pasar os
últimos anos da súa vida, a única clase que crea a riqueza de toda
a sociedade, cos medios necesarios para facelo con dignidade. O
capitalismo é un sistema explotador, precísase, para poder vivir
mellor poñerlle fin. Pero este último obxectivo é difícil de
acadar se todas as loitas, e neste momento hai no estado numerosas
loitas abertas, non se orientan nese fin, se non se fai o programa
unificador e se constitúe a estrutura orgánica común capaz de
facelas efectivas.
En Galicia no mes de xuño
de 2013.
Totalmente de acuerdo.
ResponderEliminarExcelente analisis.