A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 15 de mayo de 2013

ALGUNHAS CUESTIÓNS QUE NON DEBEMOS ESQUECER CANDO FALAMOS DA CRISE E DA SAÍDA DA MESMA


Carlos Dafonte

1. En todos os países que configuran o planeta, tamén polo tanto na U.E. aínda que moit@s o teñan esquecido, ou téntense encubrir ca formulación da existencia de “clases medias”, “caixón de xastre” onde métense asalariados con niveis medios e altos xunto con pequenos comerciantes, profesións liberais, etc., tentando que teñan intereses comúns, existen diferentes clases sociais que se atopan en constante loita, sendo a máis importante a que libran, no sistema capitalista, @s traballador@s asalariad@s e a burguesía.
Clases sociais que crean partidos para defende-los seus intereses, pero sobre todo os partidos burgueses, tentan esconder esta realidade, converténdose en partidos interclasistas, é dicir, onde convivan diferentes clases, as veces teoricamente antagónicas, irreconciliables nas súas posicións, para así recibir votos de moi diferentes sectores sociais. Hai que entender que non tería obxecto un partido onde só estivese afiliada a grande burguesía, formado por banqueiros e grandes empresarios; “cantaría moito”, a xente daríase conta dos intereses que perseguen e recibiría só votos destes sectores, que son moi reducidos, o que non lles permitiría acada-lo poder.
Ademais a sociedade actual é moi complexa, recibe enormes cantidades de información, case sempre ó servizo da clase dominante o que fai que moitas veces un banqueiro e un obreiro, pola falla de conciencia do asalariado, coincidan nun proxecto de defensa dunha determinada crenza relixiosa, da defensa en abstracto da propiedade, poden coincidir tamén, por estar en contra do divorcio ou do aborto e polo tanto votar ó mesmo partido, aínda que os seus intereses económicos sexan diametralmente opostos.

2. Se a sociedade esta constituída por diferentes clases, e hoxe ninguén o discute, con intereses diferentes e se a crise que estamos a vivir é xerada pola tendencia que no capitalismo existe, que funciona como unha lei, a caída da taxa de ganancia, desde unha perspectiva de clase, a burguesía, os sectores propietarios dos medios de produción, queren unha saída segundo os seus intereses económicos e @s asalariad@s outra moi distinta.
Pero tamén dentro da burguesía, nestes tempos de crise, prodúcense loitas e enfrontamentos entre uns sectores da mesma contra outros, tanto a nivel mundial como dentro dos propios estados, tentando quedarse cos mercados, cas materias prima, etc, tentando en suma facer desaparecer ós competidores máis febles, nun proceso de concentración e centralización do capital, cada vez en menos mans. As crises serven pois, “para limpa-los” mercados, eliminando competidores e no caso da bolsa, inversores, cuxas accións desvalorizadas, non todos poden aguantar a caída e venden, van parar a mans de quen ten máis poder económico.
Polo tanto se PP e PSOE, son partidos defensores dos intereses burgueses, chamárase así ou con outras siglas no caso do primeiro, como se ten amosado desde os anos do principio da transición, o primeiro desde unha perspectiva conservadora, progresista o segundo, non lles pidamos outra política, sobre todo a quen hoxe nos goberna, por que é pedirlle “peras ó ameneiro”; van facer o que lles interese ós sectores burgueses máis poderosos, que como reflicten os tan traídos e levados “papeis de Bárcenas”, son os que axudan ó financiamento do partido, e quen paga, manda.
Por iso tentar dar unha perspectiva, o que fan moitas veces os sindicatos maioritarios e os partidos da esquerda institucional, que mobilizando conseguiremos cambia-la política do goberno e facela “máis social” é verdadeiramente quimérico e é emprender loitas que nunca se van gañar: tanto PP, como PSOE, UPyD ou os nacionalistas de dereitas, CiU ou PNV, como partidos burgueses van defende-los intereses da burguesía, que non ten interese algún nunha “saída social” á mesma.
Polo tanto as loitas contra as políticas da burguesía deben te-lo obxectivo, ademais de acadar algunhas reformas, nunca se debe renunciar ás mesmas, de abrir novas perspectivas, de aglutinar a maioría da xente en base a explicarlles que se non hai cambios estruturais fondos, o que significa avanzar cara a unha nova sociedade que non asente os seus alicerces na explotación da forza de traballo e o dominio político, social e económico dunha minoría que se apropia da riqueza producida pola maioría da sociedade e a utiliza no seu exclusivo beneficio, senón abrimos esa perspectiva, o único que faremos e darlles ás masas falsas esperanzas e perder enerxías en algo que, se a burguesía non perde o poder, nunca se vai acadar. Só haberá “saída social á crise” se muda a correlación de forzas das clases en disputa, hoxe favorable á burguesía; e si esta correlación mudara a favor da maioría social, débese continuar nun sistema explotador?.
Alguén poderá poñe-lo exemplo do goberno de Andalucía, como indicativo de que se poden facer cousas distintas ó servizo dos traballadores, pero non nos enganemos, o goberno PSOE-IU fai paga-la a crise ós traballador@s, pero toman algunha medida, poucas, limitadas e quizais pouco eficaces, para facer menos dolorosa esa derrota.


    3. Porque o descrito no punto anterior é a realidade e non outra, se analizamos desde o punto de vista da loita de clases todas as medidas que se foron tomando, en todos os anos da transición, primeiro cos gobernos da UCD de Suárez e o Pacto da Moncloa, máis tarde co PSOE de González, despois co PP de Aznar, a continuación co PSOE de Rodríguez e agora co PP de Rajoi, todas as medidas foron tomadas co obxectivo de desarticular á clase obreira, facela máis ineficaz na defensa dos seus intereses, recortando todo tipo de dereitos, e potenciando un sistema produtivo baseado nas burbullas, que unido á crise capitalista actual, sitúa ó estado español en maiores dificultades para superala.
    Polo tanto dánse as condicións para que a saída da crise actual, se vaia facer en clave burguesa e cando dentro duns anos nos digan que xa estamos de novo nun período de expansión, será de expansión e acumulación de maior riqueza por parte da clase dominante, un sector da burguesía, pero os asalariad@s teremos que vende-la nosa forza de traballo nunhas condicións peores á de como o facíamos hai uns anos, con menos dereitos en todos os eidos, traballando máis horas por menores salarios, con contratos feitos á medida do patrón, cunha vida laboral máis longa para ter menos pensión, sen seguro de paro ou moi minguado, etc e con menos instrumentos de defensa que hai uns anos; esa vai se-la realidade.
    E se, din os expertos, que se crea traballo a partires dun crecemento do 2 % do PIB, se agora atopámonos no -1'5 e non podemos pensar que que se vaia a subir dun xeito continuado, posiblemente serán poucas décimas ó ano, se comezará a crear emprego polo ano 2020, de mala calidade e pasará como nalgunhas economías centrais do capitalismo, que ter emprego non é garantía de atoparte fora da exclusión social e a pobreza.
    4. O PP vanglóriase de ter evitado que fóramos rescatados, ese é o seu maior logro, din, destes meses de goberno, pero mente; cando un país é rescatado nunca, en ningún caso rescátase á maioría da poboación e se lle fai mellora-la súa condición de vida, rescátanse ós sectores burgueses hexemónicos que se atopan en perigo e paga o rescate dos ricos, a maioría da poboación. Ademais, as institucións da U.E. e o FMI, vixían e deciden as medidas que se teñen que tomar. E iso é o que está a pasar no estado español; fomos rescatados, pero dun xeito distinto a como o foi a economía grega ou portuguesa, tamén a española é maior e non se podería facer do mesmo xeito, pero cúmprense as premisas de rescate dos sectores burgueses, de pago do rescate pola maioría da poboación, a calquera prezo, e a perda de soberanía, que ninguén pode dubidar despois da modificación “express” da constitución por parte dos dous grandes partidos burgueses estatais, PP e PSOE e da vixilancia constante, á que se atopa sometida a economía do estado español, e o exame, hai que pedir permiso, por parte de institucións de fora, non elixidas democraticamente, para tomar calquera medida económica.
    5. A crise e a superación da mesma en beneficio da oligarquía, vai poñer en evidencia en Galicia, polo proceso centralizador e de concentración de capital dos sectores da burguesía dominante do estado e o peche de numerosas empresas, a compra de outras por empresas de fora, como ocorreu co Banco Pastor e Etcheverría as quebras de outras como Nova Caixa Galicia, o enfeblecemento da propia burguesía galega a todos os niveis, industrial, pesqueiro, financeiro, etc, e o aumento das dificultades para o futuro autogoberno galego; pero tamén ponse en evidencia, o pouco interese da burguesía local por defende-lo proceso ó considerarse representada pola posición de submisión do PP respecto os intereses centralistas. Parece que a burguesía galega ou é transnacional, ou subalterna da centralista, caso distinto da catalá que resiste ó intento de centralización e concentración, cunha proposta de maior soberanía, aínda que se abran fendas na propia clase.
    6. Fronte a este panorama económico con graves implicacións políticas e sociais, ós traballadores asalariados só lles queda a alternativa de loitar, decatarse que sen loita a burguesía non lles vai conceder absolutamente nada, aínda loitando vai ser difícil, pero só loitando é o único xeito de reconquistar dereitos perdidos neste período e non permitir que nos quiten ou rebaixen os que mantemos; a alternativa de establecer obxectivos moi claros a curto prazo, modificacións que sexan paliativo das políticas agresivas actuais, pero sobre todo tomar conciencia da necesidade de producir un cambio de sistema, o capitalista atópase esgotado e é necesario abri-lo debate entre os traballadores, de cal deben se-los alicerces do novo e o elemento fundamental para acada-los obxectivos anteriores: a organización; sen ela as loitas son facilmente derrotadas. E para consegui-la organización necesaria, poderosa para enfrontarse a agresión da burguesía, hai que tentar afastar aqueles elementos político-ideolóxicos que non sexan esenciais na loita de clase e que non permiten avanzar na unidade dos traballadores.

En Galicia no mes de maio de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario