A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 27 de mayo de 2013

EFEMÉRIDES MES DE MAIO


Carlos Dafonte

Día 1º de maio.

1886. A celebración do primeiro de maio está ligada a loita polas oito horas nos EEUU. En outubro de 1884, no congreso celebrado en Chicago da American Federation of Labor (A.F.L.), prodúcese un cambio de táctica; pásase de presiona-lo poder político para que lexisle a favor das 8 horas diarias de traballo, lexislación que os patróns non cumprían nos casos de existir, a comezar a preme-las patronais.
Apróbase unha resolución, convocando para que a partires do 1º de maio de 1886, case dous anos máis tarde, todas as organizacións obreiras fixaran a xornada laboral nas 8 horas. A resolución aprobada no congreso perdeuse, pero coñécese a aprobada polo Comité Executivo permanente a proposta de Gabriel Edmonston, que compartía a idea de levar a cabo o 1º de maio de 1886 unha grande mobilización obreira polas oito horas.
As razóns pola que se escolleu esta data non esta clara; se dan numerosas explicacións, desde que esa é a data da gran folga dos traballadores da seda en 1531 en Lucca, Italia, ata que é a posta en marcha do ensaio dos seguidores de Owen de New Harmony. A explicación máis racional é que o 1º de maio nos EEUU coincidía co comezo do ano de traballo para a contratación de servizos.

O 1º de maio de 1886 houbo miles de folgas e centos de miles de folguistas; en Milwaukee, morreron nove persoas abatidas polas descargas da policía, pero os acontecementos máis tráxicos teñen lugar en Chicago, centro do anarquismo estadounidense, os días 3 e 4 e nas consecuencias dos mesmos; unha loita ben preparada e seguida por numerosos traballadores non se paraba dun día para outro, miles de traballadores seguían en folga e moitos miles tamén atopáronse co peche das fábricas por parte da patronal ou co despido, como ocorreu na fábrica de maquinaria agrícola Cyrus MacCormick; cerca de mil cincocentos despedidos foron substituídos por contratados en cidades próximas, defendidos por matóns da axencia Pinkerton e policías; os choques ó final do día deixaron 6 obreiros mortos e medio cento feridos. Diante destes feitos grupos anarquistas e o diario en alemá “Arbeiter Zeitung”, dirixido por Auguste Spies. convocan unha manifestación no “mercado da herba”que xunta a máis de 15.000 manifestantes ós que se dirixen Auguste Spies, Albert Parsons redactor xefe do semanario “Alarm” e Samuel Fielden, obreiro téxtil inglés; todo transcorre pacificamente ata que a policía, ó final do acto, carga brutalmente contra os que desaloxaban o lugar; unha bomba cae entre as forzas policiais que disparan indiscriminadamente, os mortos e feridos cóntanse por decenas e en Chicago declárase o estado de sitio, o exército ocupou a cidade e detéñense a numerosas persoas.
Nun xuízo amañado, no que o ministerio público organizou testemuños falsos, para conseguir unha sentenza condenatoria, inculpase ós tres que falaran na praza e ós alemás George Engel, Adolph Fisher, Louis Lingg e Michel Schwab, redactor dos semanarios “Verbote” e “Die Fackel” que xunto co banqueiro de orixe holandés Oscar Neebe son coñecidos como os “heroes de Chicago”. O 20 de agosto dítase sentenza, condenando ós oito a morrer na forca. A Schwab e a Fielden conmútaselle pola de prisión a perpetuidade e a Neebe por quince anos. O 20 de setembro de 1887 confírmase a sentenza. O 10 de novembro Lingg suicídase e o día 11 os outros catro son aforcados.
Hai que dicir que Albert Parsons, que rexeitara ser candidato á presidencia dos EEUU, en 1879 polo Partido Socialista Obreiro, entregouse ó tribunal para corre-la mesma sorte dos seus compañeiros acusados.
Os anos seguintes, o 1º de maio con intermitencias, seguiu a ser unha xornada de loita en numerosas cidades e para moitos sindicatos dos EEUU.
O 14 de xullo de 1889 celébranse en París dous congresos socialistas obreiros; un na rúa Lancry e outro coñecido como o “dos marxistas”, que se pode considerar o nacemento da IIª Internacional, na rúa Pétrelle. A este último asisten personalidades como Liebbknecht, Bebel, Berstein, Pablo Iglesias, Adler, Guesde, Volders, Lafargue, etc., que aproba unha resolución para realizar unha manifestación a data fixa, todos os primeiro de maio, seguindo o costume que levaban a cabo os traballadores dos EEUU de Norteamérica.

1919. As tropas do ministro socialdemócrata Noske poñen fin a experiencia da República Soviética de Baviera. En novembro de 1918 constitúese a República de Baviera, presidida polo socialdemócrata Kurt Eisner que foi asasinado por un ultranacionalista o 21 de febreiro de 1919. Despois dun complexo proceso, os soviets de obreiros, soldados e campesiños a partires do 7 de abril, proclaman a República Soviética de Baviera, rachando co proxecto democraticoburgués e tentando iniciar un proceso revolucionario. Formouse un goberno coordinador presidido polo poeta Ernst Toller, Erich Mühsam en relaciones exteriores, Gustav Landauer en Educación, Ret Marut responsable de prensa e propaganda e Silvio Gesell en finanzas; todos eles anarquistas, polo que o día 13 os comunistas por medio dun golpe de forza se fan co poder elixindo a Eugen Levine, de orixe ruso e loitador na revolución de 1905, presidente. Créase un Exército Vermello formado por máis de 20.000 combatentes. O exército e os “freikorps” ó mando do socialdemócrata Noske inician o asalto de Munich a finais do mes de abril, conseguindo destrui-la república o día 1 de maio. Máis de 800 dirixentes foron fusilados ou asasinados.

1947. Folga xeral na ría de Bilbao. Desde o verán de 1946 e o calor da derrota das potencias fascistas, houbo mobilizacións na provincia de Biskaia, reivindicando melloras nas duras condicións de vida, con salarios aínda por debaixo dos da república e racionamento de alimentos. Foi convocada pola Xunta de Resistencia, formada por organizacións obreiras e partidos políticos e mobilizou a máis de 20.000 traballadores o que se pode considerar un éxito dadas as circunstancias de brutal represión na que se desenvolveu. O goberno vasco no exilio tivo unha importante participación de coordinación entre o interior e as forzas do exterior.

Día 2.

1879. Fúndase o Partido Socialista Obreiro Español. Por un grupo de traballadores, 16 tipógrafos 4 médicos, un zapateiro, un doutor en ciencia, dous xoieiros e un marmorista que se xuntan na taberna “Casa Labra” na rúa Tetuán numero 12 de Madrid. Tentábase agrupar ós traballadores industrias baixo a ideoloxía marxista. A aprobación do seu programa levase a cabo no Congreso celebrado o 20 do mes de xullo do mesmo ano, no que participan 40 militantes. No acto fundacional elixírase unha comisión encargada da redacción, formada por Pablo Iglesias, Victoriano Calderón, Alejandro Ocina, Jaime Vera e Gonzalo Zubiaurre, médicos os tres últimos. É o segundo partido socialista máis antigo, tra-lo de Alemaña. A súa principal figura, ata a súa morte en 1925, foi o tipógrafo ferrolán Pablo Iglesias

Dia 3.

1896. Nace no barrio da Macarena de Sevilla José Díaz. Traballa desde os 11 anos como panadeiro no pequeno forno da familia.
Ingresa ós 18 anos no sindicato de panadeiros “A Aurora” que máis tarde se integrará na Confederación Nacional do Traballo (CNT). Participará como dirixente do sindicato nas folgas xerais de 1917 e na de 1920.
Na ditadura de Primo de Rivera é detido en Madrid en 1925 e unha vez liberado no ano 1927, se integra no Partido Comunista de España (PCE).
No IV Congreso do PCE celebrado en Sevilla en 1932, é elixido membro do seu Comité Central. En setembro do mesmo ano substitúe na secretaría xeral a José Bullejos.
Foi un firme impulsor da Fronte Popular e elixido deputado por Madrid en febreiro de 1936. Gravemente enfermo, tiña un cancro de estómago, trasládase en 1938 a Moscova e máis tarde a Leningrado onde é operado.
Foi elixido membro do Secretariado da IIIª Internacional
A invasión da URSS polas tropas nazis, obrígalle a marchar a Tiflis onde morre o 20 de marzo de 1942. Dolores Ibárruri, coñecida polo alcume de Pasionaria, foi elixida para ocupa-la secretaría xeral do PCE.

1926. Folga xeral en Inglaterra. No mes de abril nas bocas de minas británicas anúnciase unha rebaixa de salarios e un aumento de horas de traballo, como consecuencia da baixada dos prezos, pola posta en funcionamento das miñas do Ruhr. A federación de mineiros pide axuda ó movemento sindical británico, as Trade Unions, e inícianse as negociacións co gabinete presidido polo conservador Stanley Baldwin; polos sindicatos negociaban importantes dirixentes como Bevin, Clynes e Citrine que tentaron que o goberno, para mante-los salarios subvencionara a industria mineira. O que parecía un incidente menor, a negativa dos traballadores dun diario a publicar un artigo contra os sindicatos, no que os acusaba de estar a preparar unha revolución de tipo comunista e aínda que o artigo publicouse na edición doutra cidade, o primeiro ministro non aceptou seguir a negociar polo que se convocou folga xeral a partires do día 4 de maio. O país queda paralizado completamente, máis de catro millóns de traballadores van participar; miles de persoas concéntranse diante do edificio do parlamento, uns cantando “bandeira vermella” outros o “deus salve ó rei”; os enfrontamentos ca policía e as patrullas acoirazadas sucédense en determinados lugares; o país divídese e os poucos periódicos que saen a rúa, o goberno creou “Brittish Gazette” dirixido polo ministro de economía, fanático antisindicalista, Wiston Churchil, que saía ás rúas a entregalo, falan da posibilidade dunha guerra civil. O día 13 os traballadores, traizoados pola á dereita das TU, que desde o primeiro momento boicotearon a folga, ceden pese o entusiasmo dos traballadores en folga. Despois, o sindicalismo foi moi golpeado pola lei de 1927, que permitía a incautación dos fondos sindicais en caso de solidariedade e non se recuperará ata a década dos 50. O goberno laborista de Attlee en 1945 nacionalizou as minas

1934. É asasinado en Nicaragua o coronel Abraham Rivera Rivera, un dos lugartenentes de Sandino. Nacera en Jinoteca en 1870. De mozo foi buscador de ouro nos rios Coco e Cua e máis tarde adicase nas selvas, ó negocio da madeira.
En 1927 enrólase nas filas do exército de Sandino acadando o grao de coronel. Os seus coñecementos da rexión norte do país foron de grande utilidade para acción das guerrillas en loita contra as tropas de ocupación norteamericanas. Sempre se dixo que era o único exército onde un coronel mandaba en xerais. Despois do asasinato de Sandino, do seu irmán, tamén xeral, Sócrates e dos xerais Estrada, Umanzor e Pedro “Pedrón” Altamirano, en febreiro, grazas a traizón de Anastasio Somoza García, xefe da Garda Nacional, que Sandino consideraba ilegal, Rivera foi detido e asasinado en Wiwilí.

1992. Finaliza a sublevación dos barrios populares na cidade norteamericana de “Los Ángeles”. O 29 de abril comezaran os disturbios nos barrios negros cando se coñeceu a sentencia absolutoria ditada por un xurado composto maioritariamente por brancos, contra catro policías que deran unha enorme malleira a un home negro, sen decatarse de estar sendo gravados. Moitos edificios queimados, miles de tendas e supermercados asaltados. Tivo que intervir a Garda Nacional e máis tarde tropas federais, co resultado de varios centos de mortos e miles de feridos.
Pero non se pode pensar só na sentenza ou na morte uns meses antes dunha adolescente negra a mans dunha propietaria coreana, como a faísca que deu pé a revolta. Foi resultado da globalización da economía de Los Ángeles e o impacto que tivo fundamentalmente na parte sur, que provocou unha especie de “levantamento dos pobres”, contra a situación de falla de traballo, de vivendas, fartos de vivir varias familias xuntas, da segregación, da actitude racista da policía. Era con seguranza, a peor crise de Los Ángeles desde a grande depresión dos anos trinta. Ningunha “democracia” esixiulle ós EEUU respecto polos dereitos humanos e abrir unha investigación para clarexa-las circunstancias dada a gravidade dos feitos.

Día 5.

1818. Nace na cidade alemá de Tréveris Carlos Marx. ( Neste blog hai unha sinxela cronoloxía sobre o personaxe)

1893. Nace Farabundo Martí en Teotepeque, El Salvador, fillo dun terratenente e sexto de catorce irmáns. Desde moi novo contan os que o coñecían, que entregaba todo o que tiña a man ós nenos e maiores, que traballaban na explotación máis absoluta, nas terras da familia. Estuda o bacharelato cos salesianos e ó finalizar obtén a cualificación de “escintilante e pouco común” no ano 1913. Ingresa na Universidade Nacional na carreira de Xurisprudencia e ciencias Sociais que de saír como doutor, facultaba para ser avogado e notario da república. É moi crítico ca institución, por anacrónica e actuar de costas á sociedade. Son celebres as súas discusións cun profesor que impartía socioloxía que, a causa das ofensas persoais os leva a retarse a duelo, que non chega a producirse; ou as discusións cos tribunais nos exames orais. Cóntase, pero é difícil asegurar a súa certeza, que un día colleu libros, apuntes e as leis da república e prendeulles lume publicamente. En xaneiro de 1920 está preso na cárcere de Zacatecoluca; despois da súa liberación a finais de ano, exiliase en Guatemala. Pódese afirmar que nesta etapa universitaria entra en contacto cas ideas de Marx e Engels. Segue a estudar na universidade guatemalteca pero dun xeito intermitente. Son poucos os datos nestes tempos, sábese que viaxou a México e que desaparecía por temporadas e traballaba na fábrica de cervexa ”El Zapote” ou de peón nos enxeños “Concepción”, “Pantaleón”, “Chocolá” e “Cecilia”. Neste último dirixe unha importante acción de folga dos traballadores indíxenas por mellorar as súas miserables condicións de vida. Tamén traballou de albanel e profesor privado, todo para mergullarse na vida das xentes, coñece-los seus problemas, sufrir en carne propia a explotación e orientalos nas ideas da revolución e organizalos para a loita. Tamén viviu entre os indíxenas da rexión do Quiché e aprendeu, ademais dos problemas que lles afectaban, a súa lingua.
Cando o 1º de maio de 1925 se funda o Partido Comunista Centroamericano, por salvadoreños e guatemaltecos, Farabundo Martí forma parte do seu Comité Central Executivo ocupando a Secretaría de Exteriores. Son anos de permanente intervención do imperialismo ianqui en Centro América, en Nicaragua cos marines, Salvador, cos axentes fiscais norteamericanos actuando, e en Honduras e Guatemala convertidas nunha propiedade da United Fruit Company. Tamén fixeran fracasar, mediante o golpe de estado, o intento de unidade centroamericana de Honduras, Salvador e Guatemala.
O ditador guatemalteco xeral Orellana ordena expulsar ós revolucionarios estranxeiros e Farabundo volve a El Salvador, cuxas autoridades o desterran a Nicaragua, pero regresa axiña o seu país clandestinamente e traballará na Federación Rexional de Traballadores de El Salvador e en círculos de intelectuais. Nesta época xa era un bo coñecedor de Marx, Lenin, os socialistas utópicos e a maior parte dos filósofos do século XIX. Levantábase ás catro da mañá e estudaba autores marxistas ata as oito na que comezaba a súa xornada de traballo. Posiblemente as súas orientacións, levan a que “A Rexional” acade unha importante penetración nos sectores campesiños da parte occidental do país. En 1928 viaxa a Nova Iorque e entra en contacto coa Liga Antiimperialista das Américas, fundada en 1925 a instancias da Komintern, que o nomea o seu representante diante do xeral nicaraguano Sandino. Incorpórase á guerrilla en Nicaragua en setembro do mesmo ano, levando as relacións internacionais do movemento e polo valor amosado en diferentes combates se lle concedeu o grao de coronel. Viaxa con Sandino a México na busca de armamento e apoio político e prodúcese a ruptura con Sandino, que o expulsa do exército guerrilleiro. As razóns son confusas, se di que no fondo da controversia estaba o comunismo profeso de Farabundo Marti, que molestaba a Sandino que non vía ben un acercamento a esa corrente política. Farabundo é detido e expulsado de México xunto con outros comunistas e volve ó Salvador en xullo e ingresa no Partido Comunista que se fundara no mes de marzo; regresa como representante do Socorro Vermello Internacional e axiña comeza unha campaña de defensa dos perseguidos políticos que lle vai dar moito prestixio. O marco político social é dunha intensa loita de masas produto da miseria, o paro e a fame no que vivían a maioría dos traballadores do país.
En decembro de 1931 os militares dan un golpe de estado e poñen fin ó mandato do presidente Araujo. Había convocadas para xaneiro eleccións xerais e municipais. A dirección do Partido Comunista, con moita controversia acorda presentarse para facer pedagoxía sobre a inutilidade das mesmas nunha situación de carencia de democracia e considerou que a campaña axudaría a eleva-lo ánimo combativo do pobo. As primeiras en celebrarse son as municipais. Onde o PC tiña posibilidades de gañar as eleccións foron suspendidas, onde gañou anuladas, o que robusteceu a idea da imposibilidade da loita pacífica e que a insurrección armada era o único camiño para que o pobo se fixera co poder. Nas elección lexislativas diante da posibilidade de vitoria do PC, atrásanse o que xera a protesta das forzas políticas.
Estes procesos electorais prodúcense no marco de numerosas loitas campesiñas e da brutal represión das mesmas, o que leva ó PC a facer unha tentativa de xestión co presidente que non produce solución algunha polo que o Comité Central do PC, actuando Farabundo Marti como secretario xeral, establece unha data para a insurrección que é definitivamente o 22 de xaneiro; Farabundo Martí é encargado das cuestións militares pero é detido xunto cos estudantes Alfonso Luna e Mario Zapata o día 19, con probas evidentes do levantamento, o mesmo ocorre nalgunhas gornicións militares que se atopaban a favor do mesmo. A noite do 20 a dirección do PC xuntase e decide, despois dunha discusión onde se contrastan diferentes opinións, continuar co levantamento que comezaría as 24 horas do día 22. O exército e a policía descabezaron axiña o mesmo e só tivo importancia na zona occidental, Sonsonate, Izalco, Nahuizalco, Juayúa, Ahuachapán, Salcoatitán, etc; o lugar onde máis resistiu o poder creado polos insurrectos, foron pouco máis de sesenta horas.
A represión foi moi sanguenta, os ricos crearon a “Garda Cívica” con ese obxectivo, que asasinou a numerosos obreiros, labregos e estudantes, sumándose os asasinados polo exercito e policía, que puideron chegar a preto de 30.000, segundo estudos posteriores levados a cabo por diferentes investigadores..
Farabundo Marti, Alfonso Luna e Mario Zapata foron fusilados o día primeiro de febreiro. Antes de morrer Farabundo Martí escribiu unha especie de declaración na que explicaba a súa ruptura en 1929 con Sandino, participara no estado maior do exército rebelde nicaraguano, na que entre outras consideracións afirmaba que se separara de Sandino pola súa relación cos presidentes de México, a quen Farabundo cualificaba de axentes do imperialismo, que tentaron separar a Sandino da Liga de Defensa Antiimperialista e manifesta ademais que “nese tempo eu xa era comunista e comprendín que Sandino nin entón nin despois o sería” e terminaba dicindo “Nestes momentos que estou a dous pasos da morte, quero declarar categoricamente que creo en Sandino, que non se vendeu ós norteamericanos e que é un home sincero. Canto se ten dito del, respecto a que se vendeu, é completamente falso, pois Sandino é un dos poucos patriotas que hai no mundo. Permanecín unido a el a traveso da distancia e do tempo e se separeime del foi por deixarse enganar polos axentes do imperialismo que pretenden o seu exterminio”

Día 7.

1954. Finaliza a batalla de Dien Bien Phu en Vietnam ca derrota do exército francés. Chamase así á última batalla, librada polas forzas aerotransportadas e a lexión francesa contra as tropas do Vietminh, nas proximidades da aldea dese nome, que se saldou ca derrota total das primeiras. Nese lugar atopábase unha enorme base francesa que parecía inatacable á que chegaban numerosas estradas controladas polos colonialistas. A estratexia das tropas comunistas, dirixidas polo xeral Giap, foi a de trasladar polas montañas, peza a peza grande cantidade de artillería e cercar á base, ó tempo que se facían numerosos túneles que pasaban por debaixo das defensas da mesma. A sorpresa dos franceses foi enorme cando se decataron que non so había pezas de artillería que estragaban as súas posicións, senón que tamén estaba rodeada a base de antiaéreos que non permitían a chegada de homes e pertrechos ós dous aeroportos.
A batalla comezou o 13 de marzo lanzando os vietnamitas, preto de 10.000 obuses sobre dúas das posicións mellor defendidas da base, alternando bombardeos con asalto de infantería. Despois tomaron un aeroporto e o final o segundo. Os franceses rendéronse e perderon os 20.000 homes que tiñan na base, máis de 17.000 foron feitos prisioneiros e abandonaron Vietnam despois dos acordos de Xenebra.

1964. Graves incidentes en Montevideo cando chega a marcha dos cortadores de caña.

Día 8.

1935. Asasinato en Cuba de Antonio Guiteras e Carlos Alponte. Os dous loitadores antiimperialistas atopábanse na zona de O Morrillo esperando embarcar clandestinamente cara a México para organizar os grupos de exiliados revolucionarios e volver a Cuba. Fundara Guiteras en 1932 a Unión Revolucionaria e mais tarde Xove Cuba. Despois da queda da ditadura de Machado ocupou un Ministerio no novo goberno, chamado dos cen días, e tomou toda unha serie de medidas contra os intereses dos EEUU. Unha delación permitiu ás tropas do goberno Batista-Caffery-Mendieta descubrilo agocho, morrendo no combate xunto a Carlos Aponte, revolucionario venezolano, opositor á ditadura de Juan Vicente Gómez o que lle obrigou a exiliarse. Loitou no exercito de Sandino con grao de tenente coronel e á morte deste, marchou a Cuba e integrouse nos planos insurreccionais de Guiteras.

1945. Manifestacións en Alxeria e máis de 45.000 asasinatos cometidos polos franceses. Este día miles de manifestantes, moitos deles familiares dos máis dos 12.000 mortos que loitaron no exército francés contra o nazismo, maniféstanse para celebra-lo fin da guerra, a derrota do nazismo e pola independencia do seu país. A resposta dos colonialistas franceses foi brutal, a policía, o exército, a lexión estranxeira, a aviación e milicias de colonos armadas, asaltan as aldeas de Sétif, Guelma, Kherrata, Draâ, Benkhedda, Bordj Menaiel, Tigzirt, Batna e moitas máis, asasinando, queimando, violando e torturando a miles de alxerinos co resultado final de máis de 45.000 mortos e decenas de miles de feridos. Entre os mortos tamén moitos soldados que loitaran co exército da metrópole. O responsable da represión, o xeral Duval escribiu “liquidamos a revolución, pero se non hai unha reforma isto se iniciará de novo en dez anos”.
O día 1 do mes, foran reprimidas dun xeito sanguento as manifestacións de Orán e Alxer

Día 10.

1975. Asasinato do poeta salvadoreño Roque Dalton. Morreu fusilado polos seus propios compañeiros de guerrilla, o Exército Revolucionario do Pobo, despois de que un “tribunal” o acusara de sedición e axente da CIA. Probas non se presentaron naquel momento e todo parece indicar que se tratou dun asasinato político froito da intriga, a ignorancia e o dogmatismo de quen o xulgou e asasinou. Integrárase na guerrilla despois dun longo exilio e está considerado un dos grande poetas latinoamericanos.

Día 11.

1929. Comeza en Bos Aires o Congreso Constituínte da Asociación Continental Americana de Traballadores. Estaba formada por anarcosindicalistas. A sé estivo primeiro en Bos Aires, máis tarde en Montevideo e por último radicou en Chile. Pódese considerar como a rama latinoamericana da Asociación Internacional de Traballadores. Este congreso contou con delegados de Arxentina, Bolivia, Chile, México, Guatemala, Costa Rica, Paraguai, Uruguai e sete estados de Brasil. Pouco a pouco perdeu pulo, que non recuperou nin cando despois da guerra civil española moitos anarcosindicalistas e da FAI se instalaron en América Latina.

Día 12.

1930. Nace Pedro Antonio Marín, máis coñecido polo alcume de Manuel Murulanda ou “Tiro Fixo”. Foi ata a súa morte o máximo dirixentes das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC).

Día 13.

1943. Xuntanza do Presidium do Comité Executivo da Internacional Comunista que decide a súa disolución. Este día o organismo do que forman parte entre outros membros Dimitrov, Kuusinen, Ercoli, Togliatti, Manuilski e Thorez, aproba unha resolución pola que se propón ás seccións da Internacional “disolve-la Internacional Comunista como centro dirixente do movemento obreiro internacional, liberando ás seccións da Internacional Comunistas das obrigas que se desprenden dos seus estatutos e das decisións dos seus Congresos”. Stalin quixo dar unha proba ás democracias occidentais, de boa vontade, diante da evidencia, despois de Stalingrado, dos feitos do norte de África, así como o grande peso dos partidos comunistas na loita nos diferentes países contra a ocupación, da derrota dos nazis. Por esas datas o vicepresidente dos EEUU declarou que habería guerra ca URSS, se esta consideraba, despois de finalizada a guerra, pular a estratexia da revolución permanente.
A unha pregunta dun correspondente na URSS da axencia Reuter sobre a disolución, Stalin contesta: “A disolución da Internacional Comunista é sabia e oportuna (...) Porque deixa en evidencia a demagoxia dos hitlerianos, que afirman que Moscova tenta intervir na vida doutras nacións, para bolxevizalas. Agora puxemos fin a esa calumnia...”.

Día 15.

1919. Folga xeral en Winnipeg, Canada, que se estende por todo o país. Era a terceira cidade do país con preto de 170.000 habitantes; durante 41 días os que durou a folga xeral un Comité formado por membros dos Sindicatos administrou a cidade; este Comité estaba formado por 5 membros do Consello de Sindicatos e 3 delegados de cada sindicato.
A vida dos asalariados era moi mala, o custe da vida subira, desde 1914 nun 80% e os salarios só 18%. En maio os traballadores postais, os metalúrxicos, os condutores de autobuses, os da construcións atópanse en folga. Os patróns non ceden a pesares dos enormes beneficios acumulados e o Consello dos Sindicatos, chama a unha folga xeral que ten que ser discutida e aprobada en asembleas. O xoves 15 a folga é total, ata os policías a secundan. Os traballadores toman o control da cidade, facendo que funcionen servizos nos hospitais, que o subministro de auga potable funcione, etc. A Liga de Mulleres Traballadoras organiza cociñas populares, financiadas cos cartos das doazóns acadadas nas asembleas para que coman os folguistas e podan levar cartos a casa. As manifestacións enchen as rúas, os periodistas en folga editan un diario para informar da marcha da mesma, o Western Labor News. O 27 os folguistas son 40.000 e a cidade atópase en orde.
Os patróns organízanse, crean o “Comité dos 1000” e contratan ós veteranos da guerra, que meses antes, por atoparse sen traballo, manifestáronse asaltaron a sé do Partido Socialista e esixiron que fosen expulsados os estranxeiros, pero para a súa desesperación nas asembleas dos veteranos, solidarízanse cos folguistas e crean o seu propio comité. A solidariedade estendese por todo Canada e polos EEEUU. Os traballadores de Seattle que mantiveran unha folga xeral de 5 días, envían o seu secretario xeral James Duncan e participa nun mitin con máis de 10.000 traballadores. Os ferroviarios de Canada proclaman que non transportarán a ningunha tropa con destino a Winnipeg. Calgary, Toronto, Vancouver, Victoria, Ottawa...nas máis importantes cidades prodúcense folgas de miles de traballadores en solidariedade con Winnipeg, ningún policía da cidade aceptou asinar unha carta contra os folguistas e todos foron licenciados. Contratan policías especiais e traen outros de fora; o 6 de xuño o alcalde tómalles xuramento. O 16 a Policía Montada asalta a casa onde se atopaba o comité de folga e os detén. O “Comité dos 1000” preme e ningún avogado os atende; centenares de policías asaltan os locais sindicais facéndose cos arquivos, comezan detención masivas. Todo o país responde mantendo a folga solidaria. O 21 de xuño policías con bates de “basse ball” atacan unha manifestación, cando son acurralados, disparan matando a un traballador e ferindo a 30. Miles de policías especiais, armados patrullan a cidade, o diario é pechado e toda a redacción detida. A situación é insostible, as asembleas dos distintos sindicatos votan volta-lo traballo, non hai fondos, os patróns recoñecen o sindicato dos metalúrxicos, asegúranse que ningún folguista vaia ser despedido.

1921. Eleccións xerais en Italia. Os fascistas obteñen 15 deputados, o que amosa a súa cativa forza un ano antes de que a burguesía e os latifundistas lles entreguen o poder.

1929. Celébrase en Montevideo o Congreso Constituínte da Confederación Sindical Latinoamericana. O Congreso Constituínte, foi convocado pola Internacional Sindical Vermella. Disolveuse en 1938 cando se creou a Confederación de Traballadores de América Latina.

Día 17.

2009. Morre Guillermo Lora, secretario xeral do Partido Obreiro Revolucionario de Bolivia e autor en 1946, das “Teses de Pulacayo” e dunha monumental obra sobre o movemento obreiro boliviano e latinoamericano.

Día 18.

1895. Nace Cesar Augusto Sandino. En Niquinohomo, departamento de Masaia, fillo dun rico cafeteiro e dunha campesiña que servía na casa do patrón. A súa nai o abandonou e viviu primeiro ca súa aboa materna e máis tarde na casa do pai pero traballando para poder recibi-lo sustento. Ós 17 anos presenciou as loitas contra os marines nortemericanos que ocupaban o país e a morte do xeral patriota Benjamín Zeledón. En 1921 fuxiu cando feriu a un fillo dun xefe conservador, primeiro á costa do Caribe e despois a Honduras traballando nun enxeño, máis tarde a Guatemala, traballando na United Fruit Company e logo no petróleo de México, onde entrou en contacto ca masonería, o anarcosindicalismo, o comunismo e o antiimperialismo. Regresou a Nicaragua en 1926 convertido nun antiimperialista. Iniciada a guerra civil no mesmo ano, ca intervención dos EEUU, incorpórase o exército liberal constitucionalista. Organiza un grupo coñecido como “Os montañeses” e inicia a súa loita nas Segovias asaltando un cuartel conservador en “El Jícaro”; pronto as súas fazañas de guerra o levan a ser ascendido a xeral do exército liberal. Os avance liberais contra do goberno conservador, fan que os EEUU interveña enviando varios milleiros de marines. Os iankees impoñen a paz, “pacto do espiño negro” que Sandino non acepta e retírase ó cerro “O Chipote”. Nestas circunstancias dirá unha das súas frases máis coñecidas: “Non me vendo nin me rindo. Eu quero patria libre ou morrer”; e á bandeira vermella dos liberais engádelle unha franxa negra, para amosar a súa disposición a morrer. Cando toma a decisión de seguir a loitar contaba con 39 homes armados. O 2 de setembro de 1927 fai público un manifesto no que da un xiro a súa loita, non é unha guerra civil, e unha guerra contra o invasor. Despois da batalla no Ocotal na que tivo que retirarse pola maior capacidade de fogo dos marines e o exército, decide inicia-la guerra de guerrillas. No combate do Bramadero a principios de 1928 consegue derrotar ós marines. A súa actividade tróuxolle moitos combatentes as súa fileiras non só de Nicaragua e a atención de intelectuais tanto de América como do resto do mundo, como Barbusse que lle chamou “Xeral de Homes libres”.
Pouco a pouco os guerrilleiros van a actuar en todo o territorio, incluso na propia capital, destruíndo as propiedades dos norteamericanos e afectando o funcionamento de numerosas empresas, como a United Fruit. Iniciada a presidencia de Roosevelt, en plena depresión, establece a política de “boa veciñanza”, retirando todas as forzas da conca do Caribe. En xaneiro de 1933 as forzas dos EEUU abandonan Nicaragua, pero queda a Garda Nacional, unha forza armada creada polos estadounidenses. Sandino envía ó novo presidente, Sacasa, unha proposta de paz que é aceptada en febreiro de 1933, comezando a desarmarse o exército guerrilleiro. A garda Nacional baixo o mando de Anastasio Somoza Garcia, que aínda non é un corpo armado recoñecido na Constitución, acosa constantemente ós partidarios desarmados de Sandino, o que lle leva a
realizar algúns viaxes a Managua. O 21 de febreiro de 1934 é invitado polo presidente Sacasa a unha cena na residencia presidencial, acode acompañado polo seu pai e Sinfonías Salvatierra, ministro de Agricultura e polos xerais do exército sandinista Francisco Estrada e Juan P. Umanzor, á saída da cena vehículos militares pechan o paso no que viaxaban e Sandino, Estrada e Umanzor son levados a un cerro próximo e asasinados. Esa mesma noite o seu irmán Sócrates, que era coronel das forzas de Sandino morre cando é asaltada a casa onde pasaba a noite.
Somoza asegurou que foi o embaixador norteamericano quen lle deu ordes de asasinalos. Dous anos máis tarde derrocaba a Sacasa e facíase co poder, establecendo unha sanguenta ditadura familiar protexida polos EEUU, á que puxo fin o Exército Sandinista de Liberación Nacional.

1925. Nace Malcolm X, en Omaha. Nacido Malcolm Little era fillo dun fervente seguidor do dirixente negro Marcus Garvey, que fundara en 1921 a Asociación Universal para o Progreso do Negro (UNIA) que tiña millóns de seguidores. Cando Malcolm tiña seis anos o seu pai e asasinado polo Ku Klux Klan, unha organización racista protexida polas institucións do estado. En 1928 a familia múdase a Lessing, Michigan. A crise de 1929 viviuse dun xeito diferente, aínda que non menos penoso pola comunidade branca e negra; hai que ter en conta que moitos sindicatos adscritos á “American Federatión of Labor” tiñan como premisa que primeiro había que contratar brancos desprazando así ós negros ata de aqueles traballos máis penosos; Malcolm vai ser detido, por primeira ves en Nebraska no ano 1936, por roubar sandías, a súa familia “tiña a teima de comer”. Pasa por diferente fogares adoptivos e un reformatorio e en 1940 foise a Boston a casa dunha irmá. Pasou os catro anos seguintes entre mafiosos de Boston, Harlem e Detroit. En 1945 foi detido máis dunha ducia de veces. En 1946 é acusado de roubo, proxenetismo, ser perista e drogadicto e condenado a 10 anos de prisión. Na cadea entra en contacto ca organización “Irmáns Musulmáns” e recibirá educación relixiosa e política, converténdose en musulmán co nome de El-Hadj Malik El-Shabaz; pero o nome co que se fará famoso é co de Malcolm X, nome provisorio mentres non recibía o definitivo. Reflexionaba na prisión de Nokfort en 1948 “A relixión cristiá dos brancos, ensinaba ó negro que debía poñe-la outra meixela, sorrir, traballa-la terra, inclinarse, humillarse, cantar, rezar e contestarse cas migallas que caian da mesa do branco”. En 1950 esixe ter as celas orientadas cara a oriente e comida especial para os musulmáns. Seguindo as iniciativas do cantante Paul Robeson inicia desde a cadea, a súa oposición a posible intervención en Corea e pola independencia de África.
En agosto de 1952 abandona a cárcere e diríxese a Detroit, en plena “caza de bruxas” e endurecemento das leis racistas, converténdose no dirixente dos “Irmáns musulmáns” da zona. Máis tarde marcha a Chicago e pronto percorre todo o territorio pronunciando discursos contra o racismo e a supremacía branca que lle dan unha enorme fama entre a comunidade negra ó tempo que se gaña o odio dos brancos. A partires de mediados da década, a súa proxección internacional é moi importante, entrevistándose con numerosos líderes que loitan contra o colonialismo sobre todo en África e con xefes de goberno de países que acadaron a independencia. Apoia tamén iniciativas contra dos EEUU na ONU, o que o converte nun inimigo “preferente” do Departamento de Estado e sobre todo do director do FBI, E.J. Hoover. O 20 de setembro de 1960, con motivo da visita que Fidel Castro fixo ás Nacións Unidas, Malcolm X entrevistouse con el e con Almeida no hotel Therese, en Harlem; o día seguinte o FBI interrogouno sobre a conversa. Sábese que o máximo dirixente dos Irmáns Musulmáns, Elijah Muhammd, criticou esta visita, temía que se puidera producir un acercamentos da organización ó comunismo; pero Malcolm X seguiu co seu papel internacional, recibindo a Nasser, entrevistándose con Kaunda, Sékou Touré e participando nun mitin en Harlem xunto co primeiro ministro de Ghana, Nkrumah, onde criticou con dureza o trato que EEUU daba os africanos que vivían no país. Axiña apareceron noticias falsas sobre el, nos medios, como a de participar xunto con Castro, Nasser e Khruschev “nunha conspiración para conquista-la mente dos 20 millóns de negros dos EEUU para utilizalos ca fin de gaña-la lealdade das nacións de África recen independizadas”.
Cando o presidente Kennedy é asasinado Malcolm X fai unhas declaracións despectivas que o levan a ser apartado con carácter provisorio, dos Irmáns Musulmáns. Os problemas ca organización se van agravando, ó que axuda a adoración que o boxeador Ali, campión do mundo, sentía por Malcolm e o descubrimento por parte deste, de certos aspectos da vida privada de Elijah o que leva a ruptura en 1963. O discurso de Malcolm faise cada vez máis social, máis centrado na loita de clases, na loita entre ricos e pobres. Os órganos represivos do estado fan “montaxes” contra el constantemente, acúsano de estar financiado por Exipto, que é comunista, etc.
Malcolm X foi asasinado o 21 de febreiro de 1965, cando celebraba un acto diante de centos de persoas, na sala de baile Audubon de Harlem.

Día 19.

1890. Nace o dirixente revolucionario vietnamita Neguyen That Thanh, máis coñecido polo alcume de Ho Chi Minh. Naceu baixo o réxime colonial francés, emigrou a París en 1912, afiliándose á Sección Francesa da Internacional Obreira. Despois da revolución soviética en Rusia, formou parte dos grupos que en 1920 fundan o Partido Comunista Francés. Desempeña actividades dentro da Internacional Comunista e máis tarde trasládase a China como axudante de Mijail Borodín, que era conselleiro do partido do xeral nacionalista Chian Kai Chek. Ó tempo organiza, entre os exiliados vietnamitas, en 1924, a Xuventude Revolucionaria primeira organización de carácter anticolonial. Despois da traizón dos nacionalistas ó partido Comunista e da matanza do 2 de abril de 1927, Ho Chi Minh comeza o seu dobre labor de organiza-la revolución na Conchinchina e en China o que lle leva a ser detido e torturado en numerosas ocasións.
En 1930 funda, en Hong Kong o Thang Nien, Partido Comunista de Indochina. Condenado a morte polas autoridades francesas exíliase na URSS en 1931. Volve a China e contacta con Mao Zedong e en plena II ª Guerra Mundial entra en Vietnam para loitar contra os xaponeses e o goberno francés colaborador dos nazis, establecido en Vichy. Nesta época funda o Vietminh, unha fronte amplia para loitar contra os ocupantes do seu país, pero o xefe nacionalista chino Chian Kai Chek o detén e o mantén preso ata 1943 cando toma o mando da loita contra os xaponeses e franceses e toma o nome de “Ho Chi Minh”, “o que ilumina”, polo que será mundialmente coñecido. Os xaponeses a punto de perde-la guerra, recoñecen á República de Vietnam e unha vez finalizada a guerra, Vietnam divídese en dous unha zona independente, no norte, baixo control do Vietninh e outra ó sur de xestión británica, que lla entrega a Francia. Esta potencia europea tentará recuperar a antiga colonia da Conchinchina, e o Vietminh enfróntase ós franceses ata derrotalos
definitivamente na batalla de Dien Bien Phu, en 1954, o que lles obriga a establecer catro estados independentes, Laos, Camboia, Vietnam do norte, presidido por Ho Chi Minh e un goberno monicreque no sur, acordándose a celebración dun referendo para a unificación das dúas partes, que nunca se celebrou. Ho Chi Minh estableceu no norte un réxime socialista, aliado da URSS que lle subministrou armamento para facer fronte a agresión imperialista dos EEUU. Morreu o 2 de setembro nunha cova nas proximidade de Hanoi, a idade de 79 anos, en 1969 sen chegar a ver a derrota dos agresores e a unificación do país. Na súa honra a capital leva o seu nome.

1895. Morre en combate cas tropas españolas o revolucionario e independentista cubano José Martí. Desembarcara facía poucos días xunto con un grupo de independentistas. Detido un campesiño que colaboraba cos desembarcados e que levaba cartos e unha lista de produtos para comprarlles, permite ás forzas españolas rodea-lo campamento. Despois de diferentes escaramuzas Martí, acompañado de 12 homes vai dar contra unha posición onde estaba a fusilería española que o mata.

Día 21

1969. Mobilización de masas en Rosario, Arxentina. O asasinato dun estudante en Corrientes, leva a un movemento de solidariedade e protesta dos estudantes de Rosario que, duramente reprimido polas forzas da ditadura, produce o asasinato do estudante Adolfo Bello, cando se manifestaban pacificamente. Como resposta ó crime se inicia un movemento de solidariedade que xunta a estudantes e obreiros despois do chamado da “CGT arxentinos”, unha marcha en silencio, que desemboca, tra-la brutal represión, e o asasinato do estudante de 15 anos Norberto Blanco, nunha sublevación popular. Rosario foi declarada “zona de emerxencia baixo xurisdición militar”. O día 23, máis de trinta sindicatos chaman a un paro masivo na industria, e o enterro do estudante xunta a preto de 10.000 persoas. Os delegados ferroviarios que se sumaron ó paro foron despedidos o que levou a unha folga no servizo que continuará latente no mes de setembro, cando se produce o “rosariazo”. Cando o ditador Onganía visita a cidade o día 20 de xuño para homenaxea-la bandeira, a CGT o declara “persoa non grata”.
Os antecedentes desta importante mobilización hai que buscalos no deterioro das condicións de vida e traballo do proletariado arxentino, baixo a ditadura do xeral Onganía e a aparición dentro da CGT de sectores que lle fan fronte ós burócratas do sindicato, producíndose unha escisión que agrupa ós elementos máis combativos; nace a “CGT dos arxentinos”.

Día 28.

1871. As tropas francesas e prusianas poñen fin á experiencia revolucionaria da “Comuna de París”. A guerra franco-prusiana sáldase ca derrota francesa. Instaurada a Comuna en París, e dicir un goberno obreiro que inicia un proceso revolucionario, e diante do perigo de que o seu exemplo se estendese por todo o país, as tropas de ambos países, antes inimigas, e o servizo das respectivas clases hexemónicas, únense para poñer fin á experiencia revolucionaria.

1928. O goberno fascista italiano condena a longas penas de cárcere a 37 dirixentes comunistas entre eles Antonio Gramsci e Terracini.

Día 29.

1969. Mobilización popular en Córdoba, Arxentina, coñecida como o “cordobazo”. Produciuse na época da ditadura do xeral Onganía, que chegara ó poder mediante un golpe de estado, en xuño de 1966, contra o presidente constitucional Humberto Illia. A ditadura, pechou o Congreso, deixou fora da lei a partidos, sindicatos e organizacións estudantís. A mobilización popular en Arxentina, ten polo tanto múltiples causas, desde as económico-sociais, a condición na que se atopaban os traballadores e outras capas, ata políticas, a necesidade de poñer fin a un sistema ditatorial ó servizo dos máis poderosos. No caso de Córdoba, o segundo centro industrial do país, onde se asentaban a maioría das industrias do automóbil o sindicato antiburocrático “CGT dos arxentinos” tiña un peso moi grande, e destacaba o dirixente de “Luz y Fuerza” Agustín Tosco, o que permitiu desde o ano anterior, unha coordinación das loitas cos estudantes. Hai polo tanto malestar entre os traballadores, os estudantes e a pequena burguesía que tamén vese afectada polo Plano Económico do ministro Vasena que suprimía o descanso dos sábados, conxelaba os convenios colectivos e os salarios.
Neste día, numerosos columnas de traballadores avanzan cara ó centro para manifestarse contra a política represiva e de axuste económica. No barrio Clínicas miles de estudantes esperan a chegada dos asalariados. Máis de 50.000 persoas ocupan o centro, a policía desbordada abandona e regresa ós cuarteis; durante moitas horas, asalariados, estudantes e veciños controlan a cidade, levántanse barricadas. O día 30 o exército inicia o asalto e toma a cidade despois de grande resistencia que provoca 16 mortos, ducias de feridos e de detidos. Pero néganse á brutal represión que Onganía esixía. O “cordobazo” asentou á “CGT dos arxentino” e a solidariedade entre obreiros e estudantes ó tempo que foi un exemplo para a loita contra a ditadura e as cúpulas sindicais en mans da burocracia peronista. Tamén obrigou á dimisión do xeral que actuaba como ministro do Interior e o de Economía. Pero o clima de enfrontamento ca ditadura estendeuse e o 30 de xuño o goberno declarou o “estado de sitio” en todo o país. En xuño do ano seguinte o ditador é deposto e substituído polo xeral Levingston.

Día 31.

1921. Fundación do Partido Comunista dos EEUU. Ata chegar a súa fundación definitiva, as organizacións comunistas tiveron un longo traxecto. Entre os primeiros marxistas que chegan ós EEUU case todos alemás, que foxen da represión despois das xornadas revolucionarias de 1848, atópase Joseph Weidemeyer, que militou con Marx e Engels e xogou un importante papel na loita contra a escravitude. Constituíron a AIT e o Partido Socialista do Traballo, así como numerosos sindicatos que foron duramente reprimidos pola patronal e tamén o “Traballadores Industriais do Mundo” (IWW) que máis tarde paso a mans dos anarquistas. A principios do século XX fúndase o Partido Socialista de América, que diante da I ª Guerra Mundial se vai dividir entre partidarios e detractores, e máis tarde tamén xorden diferencias entre pertencer a II ª Internacional ou entrar na Internacional Comunista. Aínda que a esquerda ten maioría e gaña as votacións a minoría chega incluso a utiliza-la policía para desembarazarse dos partidarios da Revolución de Outubro. Como resultado destas discusións van saír dúas tendencias comunistas, unha encabezada por John Redd, célebre periodista que participou en Rusia na revolución de 1917, que creará o Partido Comunista do Traballo de América o 31 de agosto de 1919 e outra, de Míchigan, que se constitúe como Partido Comunista de América o 1 de setembro do mesmo ano. A brutal represión á que tiveron que facer fronte lles leva a súa unidade en maio de 1921, formando o Partido dos Obreiros de América (WPA). Nas eleccións de 1924 propuxo a William Foster como presidente e fixeron campaña en 13 estados. Recoñecía o dereito dos negros, como raza oprimida, ó dereito de autodeterminación e en 1930 mudou ó nome ó de Partido Comunista dos Estados Unidos.

1927. 83 dirixentes da oposición na URSS condenan a política de Stalin en China. Stalin subordinou ó PC de China ós intereses do partido nacionalista Kuomitang, dirixido polo xeral Chian Kai Chek, que foi aceptado como membro da Internacional Comunista. A traizón deste en abril- maio deste ano, que masacrou en Sanghai a milleiros de comunistas, fai que se renove a actividade da chamada “Oposición Unificada”, cuxos principais dirixentes eran Trotski, Zinoviev e Kamenev, creada na primavera de 1926 a partires da “Declaración dos trece”. Stalin nesta batalla política contou ca axuda da á máis a dereita do do Partido, Nicolai Bujarin. A oposición non puido derrotar a Stalin nos plenarios de xullo e a finais do ano 1927, no XV Congreso do Partido foi disolta e máis dun cento de dirixentes da súa dirección, expulsados do mesmo.

(Con estas efemérides completo un ano das mesmas. Moitas outra quedaron sen divulgar, tamén moi interesantes para a xente de esquerda. Espero engadilas a partires do primeiro mes do ano que ven)

No hay comentarios:

Publicar un comentario