A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 19 de marzo de 2013

LOITA OBREIRA CONTRA A DITADURA



Carlos Dafonte

O mes de marzo, en diferentes anos, foi escenario de dúas importantes folgas reivindicando melloras na condición dos traballadores, que a ditadura tentou solucionar como sempre ó longo dos anos que durou, ca represión como única resposta, convertendo calquera reivindicación obreira e popular, nunha de carácter político.
Refírome as mobilizacións de Ferrol de 1972 e as de Vitoria de 1976; as dúas puxeron en evidencia a brutalidade dun réxime que impúxose mediante as armas e que se mantivo do mesmo xeito, por medio da violencia; en ningún momento sufriu transformación algunha, naceu matando e desapareceu facendo o mesmo, manténdose no poder a base da violencia institucional.
As dúas mobilizacións dánse nun réxime de ditadura, a de Ferrol con Franco vivo, a de Vitoria co xeral morto, pero cun rei que o substituíu e que mantiña as mesmas formas ditatoriais que o seu antecesor.
Moit@s propagandistas da monarquía e do capitalismo, para poder negar o evidente, que a ditadura seguiu despois da morte do ditador e só a mobilización de masas conseguiu cambia-lo rumbo do proceso, atrévense a explicar a “modélica transicións española” como, ou ben resultado dun proxecto feito nun laboratorio no que o rei, e tres ou catro máis o idearon, ou ben como resultado de que nos últimos anos da ditadura, cando vivía o ditador, os cambios económicos e sociais producidos, as modificacións nos hábitos de consumo, levaban indefectiblemente a un proceso democrático, sen que se necesitara ningún tipo de esforzo engadido.
Nada de iso é certo, e feitos como os de Ferrol e Vitoria, e non foron os únicos pero si dós máis salientables, indican o contrario; que o sistema ditatorial estaba disposto perpetuarse, a redor do “espírito de febreiro” de Arias Navarro, con lixeiras modificacións, e só a mobilización de masas, e a bestial represión que facía aparecer ó réxime sen careta, pero que podía poñer en perigo a supervivencia da monarquía, co que isto significaba para a continuidade da hexemonía da clase dominante, obrigoulles e emprender un camiño distinto, o do pacto ca oposición sen ruptura democrática.
Cousa distintas que non vou a analizar nesta entrada, é se a oposición estivo “a altura das circunstancias”, que o momento e a mobilización popular esixían.
E se analizamos o período 1975-82, veremos que de transición modélica nada, como se expresa no libro de investigación sobre o período, “A transición sanguenta”, as forzas represivas causaron máis de 180 mortos e de 1500 feridos; ademais o Tribunal de Orden Público, encargado de xulgar a quen loitaba pola democracia, nos anos posteriores á morte do ditador, elevaron considerablemente o número de procesos en relación ó pasado inmediato.
A dureza da crise económica actual, que a converte nunha crise do sistema, e a defensa, por parte dos gobernos sucesivos dos partidos maioritarios do PP e do PSOE, dos intereses espurios dunha minoría e a perda do consenso entre a poboación do sistema xurdido na chamada transición, inducen a unha operación de desmemoria que se esta a levar a cabo, unha veces dun xeito explícito outras non tanto.
Operación que ten varios obxectivos, en primeiro lugar apuntalar unha monarquía acosada por toda unha serie de escándalos e cuxa función, a da xefatura do estado, hoxe a maioría da cidadanía, así o expresa nas enquisas, considérana fora de lugar sen pasar polas urnas e máis abusiva aínda se hai que soporta-lo que significa a “casa real”. Polo tanto a institución que se sitúa na cúspide do estado, a pesares de todos os esforzos feitos por medios de comunicación, outras institucións, etc, atópase en “horas baixas”, froito tamén do uso que a propia institución fixo da súa impunidade que establece a Constitución; por iso son constantes nestes tempos, os labores de propaganda tentando cambiar esta mala imaxe, e vólvese con reiteración ós anos da transición, que seguen a cualificar como modélica, para que apareza diante de todos os españois, a monarquía, como a institución que trouxo a democracia e a que a defendeu o 23 de febreiro de 1981, cando un grupo de gardas civís a saltaron o Congreso dos Deputados en complicidade con numerosos mandos militares.
En segundo lugar, téntase, neste exercicio de desmemoria, facernos crer que os dereitos de todo tipo, moi reducidos respecto a UE do euro, dos que gozamos, son tamén concesións feitas pola oligarquía e non resultado das loitas dos traballadores. E fan isto en momentos en que os están a recortar dun xeito drástico, pois se borras a memoria das loitas do pasado, pensan, posiblemente borres tamén as gañas de resistir fronte a agresión que as políticas implementadas polo PP e o PSOE significan.


Isto non é nada novo, estamos inmersos nunha violenta loita de clase, sempre o é, lembremos as verbas dun dos homes máis ricos do planeta, o especulador financeiro Bufet, que aseverou que nesta loita de clases os ricos ían gañar; e a devandita campaña de propaganda e desmemoria, debémola considerar como parte do aspecto ideolóxico da loita, que ten unha función moi salientable como é quitarlle o inimigo as razóns, os argumentos para combater. Se os asalariados asumen que a democracia e os dereitos foron concesións e a crise é resultado de “vivir por enriba das posibilidades de cada un”, os explotadores teñen moito gañado para que a predición de Bufet se cumpra.
Pero se os explotados non perden a memoria das loitas do pasado, as reivindican, o que quere dicir combater dun xeito continuado contra a penetración da ideoloxía burguesa no seo da clase obreira e o pobo, estarán poñendo os alicerces para lograr unha conciencia revolucionaria, ata leva-las loitas ata as súas últimas consecuencias: a reivindicación dun novo tipo de sociedade que poña fin ó capitalismo explotador.
En Galicia no mes de marzo de 2013.

No hay comentarios:

Publicar un comentario