A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 13 de marzo de 2013

EFEMÉRIDES MES DE MARZO



Carlos Dafonte.

Día 1.

1951. Folga de utiliza-lo servizo de tranvías en Barcelona. A suba do prezo do tranvía en Barcelona de 0,50 a 0,70 céntimos, foi o detonante dunha importante mobilización, que se viña xerando pola situación de miseria das clases populares, como consecuencia da política autárquica do novo réxime xurdido da vitoria na guerra civil sobre a clase obreira e os seus aliados. Nos comezos do inverno do ano 1950 o desabastecemento da cidade, os continuos cortes de luz, a
suba dos prezos e a carencia de materias primas para as industrias, debullaban un panorama desolador, no que un fato de burgueses, que apoiaran o golpe fascista, enriquecíanse pagando salarios de miseria e controlando os prezos.
Considérase como a primeira grande folga nos tempos do franquismo, pero no País Vasco e na propia Cataluña producíranse con anterioridade, convocatorias doutras mobilizacións que tiveran unha forte resposta cidadá, como a que se considera folga xeral de Manresa, de xaneiro de 1946 e dos metalúrxicos de Biskaia de 1947, que pronto contou ca solidariedade doutras ramas e territorios, como a parte occidental de Guipuzcoa, que produciu un número elevado de detidos, máis de mil.
Hai que diferenciar, dúas accións, o boicote ós tranvías, onde a xente non os utilizaba e circulaba a pé a todas partes, producíndose manifestacións, enfrontamentos ca Garda Civil nos que morreu un neno de cinco anos por un disparo, a queima dalgún tranvía e a a rotura de miles de cristais, e a partires do día 12 a folga obreira, que se pode considerar como unha folga xeral, que afecta ós centros de traballo. Hai que considerar o suposto de que nas eleccións sindicais de 1947 e nas do ano 50, infiltráranse sindicalistas opostos ó réxime, xa que foi nunha xuntanza de enlaces celebrada na casa sindical, onde se aprobou a folga pola liberdade dos detidos e por un aumento de salarios, cando xa a suba da tarifas dos tranvías quedara sen efecto. A folga estendeuse a Mataró, Terrasa, Manresa, Badalona e outros lugares
Sempre se fala da importancia das ideas anarcosindicalistas en Barcelona para, dar explicacións sobre estes acontecementos, pero tampouco hai que obviar, que participaron sectores próximos ó réxime, enfrontados ó gobernador, aínda que o aparello de propaganda do franquismo, atribuíu os feitos exclusivamente a acción de “elementos comunistas desesperados polo fracaso da guerra de guerrillas” e a represión cebouse en antigos afiliados da CNT e no PSUC cuxa dirección foi detida, entre outros Gregorio López Raimundo. Houbo 5 mortos e numerosos feridos, as cidades tomadas pola Policía e a Garda Civil, o exército foi acuartelado e tres barcos de guerra fondearon no porto de Barcelona. Na folga participaron entre 300.000 e 500.000 traballadores e finalizou o día 15. O gobernador Civil foi relevado do seu cargo.
En solidariedade, tentáronse levar a cabo accións o día 2 en Madrid, pero fracasaron.

Día 2.

1919. Comeza en Moscova a Conferencia Comunista Internacional. Atendendo o chamamento do mes anterior formulado por varios partidos, iníciase a Conferencia Comunista cuxo acordo máis importante foi a creación da III ª Internacional, tamén chamada Internacional Comunista. Senón se chamou así desde un principio foi por respecto a Rosa Luxemburg, asasinada días antes, que non estaba moi conforme con constitui-la Internacional sen un debate previo. Participaron 36 delegados e outros moitos non chegaron polas dificultades nas comunicacións por estarse a desenvolver a agresións contra a recen nacida República Soviética. Zinoviev foi elixido presidente e a sé estableceuse en Moscova.

1921. Levantamento na base naval de Cronstadt contra o poder dos soviets. Formaba parte da defensa da cidade de Petrogrado, considerábase inexpugnable. Os mariñeiros da mesma xogaran un importante papel no proceso revolucionario de 1917. A guerra civil trouxo morte, fame, desprazamento de poboación e toda outra serie de calamidades ás que se uniu a política económica denominada “comunismo de guerra”, que puxo toda a produción ó servizo de ganar a contenda fronte os exércitos tsaristas e a alianza imperialista. O importante para os bolxeviques, era salva-la revolución, pero esta actitude non era compartida por moitos dos que sufrían as tremendas calamidades, o que foi xermolo de malestar tanto no campo como en industrias, chegándose a producir balbordos e folgas contra esta situación.
Na base de Cronstadt este malestar tivo expresión no envío dunha delegación a Petrogrado e a formulación dunha plataforma de 15 puntos, contraria á política de control da produción por parte do Consello dos Comisarios do Pobo e solicitando medidas democratizadoras, que o poder considerou inaceptables dada a situación na que eran aprobadas, esixindo por medio dun ultimato o día 2 de marzo o cese da actividade contrarrevolucionaria, iniciándose ó ter coñecemento do mesmo, a sublevación. Ó non depoñer na súa actitude de enfrontamento, o exército Vermello iniciou o ataque á base o día 7 e conseguiuna tomar o día 17. Este feito foi utilizado polos inimigos da revolución de moi diferentes formas.

1961. Comeza o embargo comercial a Cuba por parte dos EEUU.

1974. Asasinato do loitador antifranquista Salvador Puig Antich. Pertencía o Movemento Ibérico de Liberación (MIL) e se lle acusou, sen probas, de haber asasinado a un membro da Brigada Político Social no momento da súa detención. A realidade foi que houbo disparos cruzados e unha bala dun compañeiro do policía falecido, foi a causante da súa morte. Foi condenado a morte, despois dun xuízo cheo de irregularidades, e executado a “garrote vil”.

Día 3.

1976. Os chamados “sucesos” de Vitoria co resultado de 5 mortos e ducias de feridos. No mes de xaneiro comeza unha folga en Vitoria que afecta a varios milleiros de traballadores, opoñéndose á política ditada polo goberno de topes salariais e tentando mellora-las súas condicións de traballo. Esta folga trae consigo diferentes mobilizacións, represión e a convocatoria dunha nova folga xeral, a terceira, o día 3 que é seguida dun xeito masivo. Pola tarde celébrase unha asemblea na igrexa de San Francisco que é disolta pola policía, rompendo cristais e metendo botes de fume no interior; cando a xente sae da igrexa dispárase sobre ela, matando a cinco e producindo máis de 150 feridos de bala. Aínda que o ditador morrera, a ditadura, co rei Juan Carlos como Xefe do Estado e o Xefe do Goberno de Franco, en substitución de Carrero Blanco, Arias Navarro, Fraga Iribarne como Ministro do Interior e Rodolfo Martín Villa Ministro de Relacións Sindicais, mantiña intacto o seu perfil. Son as loitas da clase obreira, como esta de Vitoria e os centos de mobilizacións que se producían todos os días nas rúas e nos centros de traballo do estado, as que obrigan á monarquía ditatorial a cambia-la súa actitude, e sumarse á corrente de democratización pola que loitaban os pobos do estado. Tamén estes sucesos tiveron unha grande influenza nas forzas de oposición, Xunta Democrática e a Plataforma de Converxencia, fusiónanse o 26 de marzo no que se chamou Coordinación Democrática, ou “Plataxunta”o que permite aumenta-la presión sobre a ditadura, rexeitando os leves intentos reformistas e esixindo liberdades democráticas plenas e amnistía para @s pres@s políticos.

Día 5.

1871. Nace Rosa Luxemburg, en Zamosc, na zona da Polonia ocupada por Rusia, no seo dunha culta familia xudía da pequena burguesía que axiña trasládase a Varsovia. Moi nova Rosa vai quedar cunha leve coxeira nunha perna, por un mal diagnóstico e unha cura equivocada. Foi unha estudante moi avantaxada o que lle permitiu ser unha das poucas mozas que vai ser aceptada no Liceo. Entrou en contacto cos estudantes de esquerda e co partido clandestino “Proletariado”, de carácter marxista, cando tiña 16 anos; fundado en 1882, axiña vai ser capaz de dirixir importantes mobilizacións proletarias, proceso que se paraliza cando en 1886, catro dos seus dirixentes son executados, 24 condenados a longas penas de cárcere e máis de 200 desterrados. Despois dunha nova ondada represiva, marcha a Zurich, en 1889, para evita-la e para facer labores de captación, segundo as directrices da dirección. Instálase na casa da familia Lübeck, que militaban na socialdemocracia alemá e que se atopaban exiliados. En Zurich contacta con revolucionarios rusos, alemáns e polacos, Axelrod, Zasulich, Plejanov, Karski, Parvus e Warski. Aquí coñecerá o revolucionario lituano xudeu Leo Jogiches, destinado a xogar un papel moi importante na súa vida política e persoal. Con ocasión das folgas de Varsovia e Lodz no 1º de maio de 1892 comeza a colaborar na prensa polaca clandestina co alcume de R. Kruzynska e en 1893, mudarán o nome de “Proletariado” polo de Partido Socialdemócrata de Polonia, máis tarde engadirán Lituania ó nome, aparecendo na dirección Jogiches e Warski e financiado con cartos do primeiro publicarán en París o periódico Sprawa Robotnicza (Causa obreira), onde se definía unha liña marxista, comezando unha forte polémica cas outras correntes do socialismo polaco, de carácter nacionalista. No novo periódico establecerán unha liña de colaboración entra a clase obreira polaca e a rusa. No mesmo ano participa no III º Congreso da II ª Internacional que se celebra en Zurich, representando ó periódico e elabora un informe onde racha ca tradición independentista da oposición polaca representada polo Partido Socialista Polaco, a quen acusa de desvia-los traballadores da senda da loita de clases, partido que contaba co apoio de Plejanov e Engels. Rosa impoñerá no partido e no periódico unha liña política baseada no rexeite da independencia de Polonia, o internacionalismo e a aceptación dos principios do chamado “programa de Erfurt”. En 1896 comeza a colaboración co órgano teórico do Partido Socialdemócrata Alemá, Neue Zeit, cuxo redactor xefe era Karl Kautski, ca publicación do seu artigo “Novas correntes no movemento socialista polaco en Alemaña e Austria”. Nese mesmo ano comeza tamén a colaboración no periódico de Berstein, cuxos artigos se van recompilar nun libro baixo o título “Problemas do socialismo”, onde non tenta só revisa-la practica da socialdemocracia alemá, que xa iniciara este proceso, senón tamén a propia teoría marxista. Estes escritos de Berstein constitúen a esencia do que se chama o “revisionismo”.
No congreso celebrado en Londres da Internacional, Rosa consegue que se recoñeza o seu mandato en nome do seu partido e ante a presentación dun documento contra a política do PPS, chégase a unha solución de compromiso, prevalecendo a tese do dereito de autodeterminación. A partires deste Congreso e da posición de Rosa, a “cuestión nacional” pasa a ser un debate constante, moi polémico, na II ª Internacional.
En 1897 presenta a súa tese “O desenvolvemento industrial de Polonia” e por esa época decide instalarse en Alemaña, realizará un matrimonio de comenencia para consegui-la nacionalidade, co fillo dos seus patróns en Zurich; quería vivir nun territorio onde traballaban máis de tres millóns de obreiros polacos. Unha vez instalada en Berlín comeza a súa actividade política e teórica que non se circunscribe ós problemas de Polonia, senón que comeza a preocuparse dos problemas da socialdemocracia e colabora co periódico “Leipziger Volkszeitung”, ca publicación das críticas dos artigos de Berstein e o seu intento de revisa-las premisas do marxismo. En outubro de 1898 participa no congreso do SPD celebrado en Stuttgart onde se enfronta ós líderes máis conservadores do partido. En 1899 publica no mesmo periódico unha segunda ondada de artigos contra Berstein que serán recollidos nun libro baixo o título “Reforma social ou Revolución
A finais de 1899 fundase o Partido Socialdemócrata de Polonia e Lituania e en 1900, comeza en Berlín a vivir con Jogiches e publicará “En defensa da nacionalidade”. Durante 1901 e 1902 é directora provisoria do “Leipziger Volkszeitung” e adica o seu esforzo á cuestión polaca, en polémica cos nacionalistas e á crítica-la política de Jaurés, así como a debater cos líderes alemás da socialdemocracia sobre a folga xeral. En 1903 ten lugar a primeira polémica ca socialdemocracia rusa, no congreso celebrado en Bruxelas, a causa da posición de Lenin, que será maioritaria, a favor do dereito de autodeterminación; aínda que os dous partidos non chegaron á unificación, como esta previsto, evitouse a creba entre ambos. Nese mesmo ano, baixo a dirección de Rosa e Jogiches aparece a “Revista Socialdemócrata”.
En 1904 é condenada a tres meses de cárcere por insultos ó emperador e aparece nos periódicos Iskra e Neue Zeit, o seu traballo “Problemas de organización da socialdemocracia rusa” unha crítica o centralismo de Lenin. En 1905 comenta o proceso revolucionario en Rusia e no Congreso Socialdemócrata de Jena pronuncia un discurso a favor da folga política de masas, que lle vale unha denuncia por incitación á violencia, e será unha cuestión que se vai converter en esencial para Rosa, un dos motivos da súa radicalización con respecto á dirección, e polarizará ó SPD e a propia Internacional. En novembro do mesmo ano, xunto con Jogiches, entra a formar parte da dirección de “Vorwärts”, órgano central do SPD e despois marcha a Varsovia para participar no proceso revolucionario sendo detida, xunto con Jogiches o 4 de marzo de 1906 e por non poder ser identificada, posta en liberdade en agosto despois de pagar unha fianza. O seu compañeiro é condenado a 8 anos de traballos forzados, pero escapará en 1907. Rosa instálase en Kuokkala, Finlandia, moi preto de Petrogrado e volve a establecer contacto con Lenin, Zinoviev, Bogdanov e Axelrod, iniciando unha fase de estreita colaboración. É cando escrebe “Folga de masas, partido e sindicatos”, obra orientada a eleva-la conciencia do proletariado alemán moi reformista a causa da posición das direccións do partido e dos sindicatos. En setembro, no Congreso celebrado en Mannheim, a fenda entre internacionalistas e reformistas faise máis ampla, en torno á folga de masas. Para Rosa este é o tema que permite relaciona-lo programa mínimo, composto polas reivindicacións cotiás, co programa máximo, a toma do poder e resolve o problema entre o proletariado organizado e o non organizado, entre a conciencia latente e a conciencia real. A finais deste ano é condenada a dous meses de cárcere e comeza o esquema da súa “Introdución á economía política” obra nunca rematada.
En maio de 1907 participa no V Congreso do POSDR o que lle permite aproximar posicións con Lenin o tempo que no SPD prodúcese un relevo xeracional, ocupando Ebert e Scheidemann, dous burócratas autoritarios os postos dos vellos fundadores. No Congreso Internacional de Stuttgart conseguiuse aprobar facendo causa común, con Lenin e Martov, a enmenda á resolución de Bebel sobre a guerra. En outubro faise cargo da Escola Central do partido comprometéndose a dar 50 horas mensuais sobre Economía Política.
En 1909 publica como libro, toda unha serie de artigos sobre “A cuestión nacional e a autonomía”, que publicara na Revista Socialdemócrata. En 1910 tenta que se recoñeza dun xeito oficial, dentro do SPD, a importancia da folga de masas como xeito da loita revolucionaria; o conflito vai xurdir cando dentro dunha campaña contra a lei electoral, Rosa propón a consigna de República e Folga de Masas dentro dun artigo que Kautski, directos, négase a publicar en “Neu Zeit”. Esta negativa leva a Rosa a rachar, política e persoalmente con Kautski e publica-lo artigo noutro periódico, en Dormunt, reproducido tamén en Bremen e Leipzig. Rosa fará unha campaña de actos públicos poñendo como tema central a folga de masas, o que producirá unha fenda importante dentro do partido, entre o sector conservador, maioritario e o revolucionario. En 1912 prodúcese a escisión de Radek, dentro do Partido Socialdemócrata de Polonia e Lituania, o que a enfrontará ós bolxeviques; o problema e a cuestión nacional e o dereito de autodeterminación dos pobos. En decembro remata a súa obra “A Acumulación de Capital” O ano seguinte ten unha grande actividade pública, centrándose na propaganda contra a guerra e a favor da folga de masas. Esta campaña a leva a ser condenada en 1914 a un ano de cadea, por un tribunal de Frankfurt. A súa autodefensa é un exemplo de teorización contra o militarismo e a guerra; a súa denuncia contra os malos tratos que recibían os soldados por parte da oficialidade, a leva a un novo proceso que se suspende polas masivas testemuñas de afectados, que compareceron voluntariamente.
A aprobación por parte do SPD no Parlamento, dos “presupostos de guerra” representa o trunfo do reformismo e a derrota de todo polo que había loitado Rosa nestes anos; ten que entrar na cárcere de Barnimstrasse, cando se confirma a súa condena, o 18 de febreiro de 1915. En maio o grupo aglutinado o seu redor publica o primeiro e único número da revista “ Die Internationale”, que foi secuestrado. Na cárcere mantén unha actividade intelectual extraordinaria, escribindo artigos, panfletos e “A crise da socialdemocracia”, tamén coñecido como “folleto Junius”, publicado ó ano seguinte. Tamén escrebe as teses para a I Conferencia do grupo “Internationale”, corrixidas por Karl Liebknecht, celebrada en xaneiro de 1916 “Teses sobre as tarefas da socialdemocracia internacional”. O 27 de xaneiro aparece a primeira “Spartakusbrief” (Carta de Spartaco) que o grupo Internationale vai publicar clandestinamente baixo o alcume colectivo de Spartakus. Así naceu a Spartakusbund, a Liga Spartakista. Aínda que sae da cárcere o 18 de febreiro de 1916, en xullo volve a ser detida e encarcerada como medida preventiva, primeiro na prisión de mulleres de Barnimstrasse e máis tarde na fortaleza de Wroncke, de onde será liberada ca revolución de novembro de 1918. Neste período escribirá artigos, como o que alentaba a continuar no SPD, para que o sector da dereita non se fixera ca organización. A “Liga Spartakista” se constituirá como unha organización paralela, cos seus propios dirixentes, oposto á liña do partido, cos seus órganos de expresión, pero continuou dentro do SPD, a pesares da onda de descrédito lanzada desde o goberno e o propio SPD. En 1917 redacta a súa “Anticrítica”, resposta ás críticas recibidas pola súa obra a Acumulación do Capital e moitas das “Cartas” falan dos acontecementos que se están a producir en Rusia e escrebe “A revolución rusa”, publicado por Paul Levi en 1921, folleto moi crítico cos bolxeviques en aspectos sobre os que tiña polemizado, as relacións do partido cas masas, o dereito dos pobos á autodeterminación, ou a ditadura do proletariado.
En abril de 1918, celébrase en Gotha, o congreso do SPD e prodúcese a saída de unha minoría encabezada por Kautski, Berstein e Hasse, que fundarán o Partido Socialdemócrata Independente (USPD), ó que se vinculará a Liga Spartakista. Cando en novembro é liberada e marcha a Berlín onde o réxime se está a derrubar; a Liga publica o periódico Die Rothe Fahne (A bandeira vermella), onde publicará Que quere a Liga Spartakus? O programa onde tenta dar resposta á política claudicante e dereitista do SPD ó tempo que corrixir, algúns erros que, ela consideraba, se estaban a cometer en Rusia.
En decembro, o I Congreso dos Consellos de Obreiros e Soldados, elixido por “sufraxio indirecto” da a maioría ós reformistas do SPD e diante a negativa da USPD de celebrar un novo congreso, a Liga, xunto con sectores revolucionarios de outros lugares de Alemaña avanzan cara a creación dun novo partido, o Partido Comunista Alemán. No congreso fundacional, celebrado o 31 de decembro, Rosa intervén expoñendo toda unha serie de argumentos que se coñecen como “Discurso sobre o Programa”. A “Liga Spartakista” non pode para-la tentativa de toma-lo poder levada a cabo polo novo partido, a partires do 4 de xaneiro de 1919, contra o SPD, recen chegado ó goberno. O día 11 o Comisario do Pobo para o Exército e a Mariña, o socialdemócrata Gustav Noske, entra en Berlín á fronte dos Freikorps, unha forza contrarrevolucionaria recrutada entre os elementos máis reaccionarios do antigo exército imperial alemán e inicia a represión. O día 15, Rosa é asasinada á saída do Hotel Eden sé dos Freikorps e o seu cadáver tirado a un canal. En 1926 levantóuselles a ela e a Karl Liebknecht un monumento que foi derrubado polos nazis. O seu asasino, foi condenado a dous anos de cadea pero se lle facilitou escapar a Holanda e máis tarde foi amnistiado.

1898. Nace o revolucionario chinés Zhou Enlai. Naceu na localidade de Huaian na provincia de Jiangsu e foi adoptado por unha familia da alta burguesía. Estudou na escola secundaria de Nankai e despois en Xapón na Universidade Meiji. De regreso participou nas mobilizacións do 4 de maio de 1919 contra os acordos do Pacto de Versalles, polas que foi detido marchando máis tarde a París onde militou no Partido Comunista e se adheriu ó chinés unha vez fundado. Regresou a China en 1924, e unha vez fundada a Academia Militar de Whampoa en 1926, en virtude do acordo político entre o PC e o KMT é nomeado director do departamento político.
Foi un dirixente destacado da folga xeral de Shanghai que permitiu a entrada do exército na cidade e tra-la ruptura do PC co KMT, escapou á zona onde Mao establecera o Soviet de Jiangxi. Participou na “Longa Marcha” e tivo unha activa participación nas negociacións para establecer unha fronte antixaponesa, ata consegui-la súa expulsión do territorio chinés. Participou activamente nas negociacións para evita-lo enfrontamento civil co KMT e unha vez derrotada a burguesía e proclamada a República Popular en 1949, foi nomeado primeiro ministro e ministro de asuntos exteriores. Encabezou as delegacións ás conferencias de Xenebra e de Bandung de países non aliniados e despois cedeu o cargo de ministro de asuntos exteriores. Foi primeiro ministro ata a súa morte en 1976. O seu fillo adoptivo Li Peng, un dos múltiples “orfos da revolución” adoptados por Zhou, chegou a ser nomeado primeiro ministro.

1953. Morre Stalin. Poucos días antes sufrira un accidente cardiovascular. Coñecida a súa morte o duelo foi moi salientable na URSS e nos chamados países de “socialismo real”, pero tamén se produciron importantes manifestacións de pesar no campo capitalista, aínda que xa o planeta atopábase inmerso na chamada “guerra fría” e en Corea librábase unha guerra, que enfrontaba ós dous bloques. Doménico Losurdo no seu libro sobre o dirixente soviético, destaca algunha das mesmas, comezando por Winston Churchill, cuxo discurso en Felton o 5 de marzo de 1946, considérase como o inicio da guerra fría e no que propón pecha-los países socialistas cun “telón de aceiro” para evitar a expansión das súas ideas por occidente, que se expresara dicindo “Sinto grande admiración e respecto polo valente pobo ruso e polo meu compañeiro en tempos de guerra, o mariscal Stalín”, a quen moitas veces se lle escoitou chamalo “Stalin o Grande”; pero tamén amosaron a súa admiración outros personaxes liberais como os laboristas británicos Lasky e Weeb, ou numerosos diarios de Israel, entre eles o do movemento dos kibbutz, “Al-Hanishmar” ou os membros do partido MAPAM, onde se encadraban numerosos veteranos da guerra de 1948, e segundo se dixo en relación ca súa morte, “Todos os membros do MAPAM, sen excepción, choraron”. Ou o trotskista Isaac Deutscher cuxas palabras eloxiosas sorprenden, ou o filósofo Alexandre Kojéve que sinalaba a Stalin como o protagonista dun xiro histórico, progresivo de dimensións planetarias. O embaixador norteamericano en Moscova Averell Harriman sempre retratou a Stalin dun xeito positivo e chegou a dicir “Me parecía mellor informado que Roosevelt e máis realista que Churchill, en certo xeito o máis eficiente dos líderes da guerra”. Eloxios tamén lle adicou en 1944 o político italiano Alcide De Gasperi e o filósofo liberal Benedetto Croce recoñecíalle a Stalin non só promove-la liberdade a nivel mundial, tamén no seu país. Tamén Norberto Bobbio lle adicou ó personaxe e a súa obra comentarios eloxiosos, o mesmo que Arnold Toynbee ou Haanah Arendt, máis tarde “anticomunista furiosa”, que chegou a considera-lo modelo “para organizar poboacións diferentes sobre a base da igualdade nacional” da URSS como algo “ó que todo movemento político e nacional debería prestar atención”.
Para rematar estes comentarios unhas verbas de Thomas Mann, premio Nóbel de Literatura, que poden representar a posición das grandes masas do planeta sobre a URSS, antes do coñecerse o chamado “Informe Kruschov” e que serven para opinar sobre as afirmación que moitos anticomunistas verten hoxe e que se consideran como “verdade incontestable”: “Colocar no mesmo plano moral o comunismo ruso e o nazifascismo, na medida en que ambos serían totalitarios, no mellor dos casos é unha superficialidade; no peor é fascismo. Quen insiste nesta comparación pode considerarse un demócrata, pero en verdade e no fondo do seu corazón é en realidade xa un fascista, e desde logo só combaterá ó fascismo dun xeito aparente e hipócrita, mentres deixa todo a súa xenreira para o comunismo”. Estes poden ser exemplos do que se pensaba antes da súa morte e despois dela, por parte de numerosas personalidades e organismos, sobre a figura de Stalin. Só os grupos trotskistas mantiveron unha liña crítica coherente.
Máis que a chamada “guerra fría”, foi o informe secreto lido polo substituto de Stalin na URSS, Nikita Kruschov no XX Congreso do Partido Comunista, celebrado en 1956, o que deu “munición” para crear unha nova imaxe de Stalin, onde nada era positivo e quedou retratado como un verdadeiro monstro, dando ás a afirmacións fora da realidade, como os 100 millóns de mortos na URSS de Stalin a causa da represión e a toda unha campaña contra todos os que queren cambia-lo mundo e devecen dunha nova sociedade baseada nas ideas do pensamento científico que representa o marxismo. Pero tamén habería que coñece-las razóns de ese informe e se respondía a un proceso de loitas internas polo poder; de ser así, debemos consideralo un fracaso da creación da nova sociedade e do “home novo”.
Ninguén pode negar que Stalin cometeu erros políticos, solucionou problemas que foron xurdindo dun xeito inaceptable, que se violaron dereitos humanos fundamentais e que a construción da sociedade socialista e comunista sufriu un atranco importante que os que viñeron tras el non corrixiron; aínda hai un debate sobre o tipo de sociedade que se levantou na URSS, pero é curioso que agora, cando os arquivos están abertos na antiga URSS, para todos os investigadores, non se ratifiquen, por exemplo as cifras da represión, e se garde un silencio cómplice cas barbaridades que sobre a URSS, se dixeron durante moitos anos, sen base algunha.

Día 6.

1921. Fundación do Partido Comunista Portugués. Ó finaliza-la primeira guerra mundial, a clase obreira portuguesa convocou toda unha serie de mobilizacións que encabezou a a “Uniao Nacional de Trabalhadores”, pola suba do salario e a xornada de 8 horas diarias. O éxito da revolución soviética en Rusia foi seguido con grande interese polas masas obreiras que en 1919 crean a “Confederación Nacional do Trabalho” e a “Federación Maximalista Portuguesa”, que tentaba agrupar a sectores revolucionarios marxistas; en 1921 ca axuda da Internacional Comunista, crean o Partido Comunista, que non xorde, como na maioría dos casos de escisións do Partido Socialista ou Socialdemócrata, senón con elementos sindicalistas revolucionarios e anarcosindicalistas.

Día 7.

1935. A Internacional Sindical Vermella fai proposta de unión orgánica á Internacional Obreira Socialista. Esta última foi a substituta da II Internacional, disolta despois da I Guerra Mundial. O día 12 do mes recibiuse a resposta da IOS que foi negativa.

Día 9.

1916. O revolucionario mexicano Pancho Villa ataca a cidade norteamericana de Columbus. É un feito salientable por ser a única vez na súa historia, que o territorio dos EEUU foi invadido. Villa tivo que retirarse tras sufrir importantes perdas e un exército norteamericano penetrou en territorio mexicano para facer pagar o líder revolucionario a súa acción. Despois de máis dun ano de intentalo, retirouse.

1969. Matanza de porto Montt en Chile. Despois do terremoto do 22 de maio de 1960,van chegando a Porto Montt numerosas familias da zona rural que perderan as súas vivendas o que unido ás da propia cidade que sufriran as mesmas consecuencias, creou unha necesidade de terreos e vivendas nunca atendida polas autoridades. En 1968, fórmase un “comité dos sen casa”, apoiados polo deputado socialista Luís Espinoza, que comezan a ocupar terreos no lugar coñecido como Pampa Irigoien, que pronto chocan cos carabineiros, enviados polas autoridades; pero en decembro a situación normalízase tendo que paga-los ocupantes unha cota para establecerse. Coñecida estes feitos numerosas familias de “sen teito”, acoden á cidade instalándose no mesmo lugar, o que provoca a intervención dos carabineiros este día producíndose decenas de mortos e feridos. Victor Jara, o cantante chileno asasinado pola ditadura no ano 73, compuxera unha canción relacionada cos feitos, “Preguntas por Puerto Montt”.

Día 10.

1919. Asasinato de Leo Jogiches. Membro fundador da Liga Spartaquista e do Partido Comunista de Alemaña. Foi compañeiro sentimental de Rosa Luxemburg e foi asasinado cando andaba na procura de datos sobre o asasinato de Rosa e Karl Liebknecht.

1972. Brutal represión dunha manifestación obreira en Ferrol. A pesares da represión contra dos cargos sindicais das Comisións Obreiras elixidos nas anteriores eleccións sindicais, as de xuño de 1971 representaron un novo trunfo do sindicato clandestino que acadou en numerosas grandes empresas de Galicia maioría absoluta e relativa en outras moitas. Esta situación veuse reforzada pola celebración da II ª Asemblea Nacional, na que participaron representantes das catro provincias e se viu confirmado o avance organizativo, a penetración no sistema produtivo e expresouse a necesidade de elaborar programas reivindicativos específicos de empresa, rama e localidade e a importancia da asemblea dos traballadores na toma de decisións.
Nas primeiras xuntanzas do Xurado de Bazán, onde xogaban un papel moi importante Manuel Amor e Xosé María Riobó, denunciouse o convenio vixente e aprobouse a plataforma reivindicativa elaborada pola Comisión Obreira da empresa: defensa dun salario mínimo no inferior a 4000 pesetas con escala móbil, xornada de 42 horas á semana, un mes de vacacións, o 100% do xornal en caso de enfermidade ou accidente, a xubilación co 100% ós 60 anos, readmisión de todos os despedidos por motivos sociais ou políticos e un local para as xuntanzas; o convenio debería ter ámbito local ou de factoría, pois nas empresas Bazán de Cartaxena e Cádiz, polo boicote dos traballadores ás eleccións, os xurados estaban en mans do sindicato franquista.
O presidente do Sindicato do Metal esixiu a presencia de cinco membros de Ferrol para discutir conxuntamente con Cartaxena e Cádiz o Convenio, ó que se negaron os galegos e presentaron un recurso a principios de febreiro que foi rexeitado polo Secretario Xeral do Sindicato Vertical Rodolfo Martín Villa, polo que comezan a producirse na empresa toda unha serie de asembleas por talleres que aprobaban a postura dos seus representantes e boicoteaban as horas extra e as quendas de 12 horas; a primeiros de marzo o conflito levouse á rúa para explica-la xente o que acontecía e convocouse folga para os días 2, 3 e 4 que foi secundada con asembleas de máis de 3000 traballadores na explanada da factoría; o mesmo tempo as empresas auxiliares de Astano ameazaban con poñerse en folga pola situación do convenio.
O día 7 comunicóuselle ó Xurado que o día anterior asinárase en Madrid o convenio de Bazán con carácter interprovincial, o que levou ó paro total da empresa o día 9, ó tempo que a dirección anunciaba a suspensións de emprego e soldo e prohibición de entrar na factoría ós xurados Amor e Riobó e ós enlaces Ramiro Romero, Manuel Montero, Alfonso Couce e Miguel Rei. Ese mesmo día prodúcense manifestacións na cidade e enfrontamentos ca policía co resultado de numerosos feridos de bala.
O día 10 diante do peche da empresa máis de 4000 traballadores dirixíronse pola ponte da Pías cara a cidade onde se atopou cunha compañía da Policía Armada producíndose un enfrontamento que deixou un saldo de 2 mortos, Amador Rei e Daniel Niebla, e máis de corenta feridos de bala. Cando as noticias chegaron a cidade a paralización foi completa de todos os sectores, comercio, ensino, empresas, mentres as manifestacións e enfrontamentos foron continuos, así como foi medrando o número de detidos, a maioría torturados salvaxemente. No enterro dos dous asasinados púxose en evidencia a solidariedade dalgúns cregos da comarca cos traballadores, como ó crego Martínez Aneiros, detido e sancionado pola Dirección Xeral de Seguridade.
Entre os primeiros detidos estaban Rafael Pillado, Loureiro Lugrís, Ramiro Romero, Riobó, Montero, Amor Deus, e unha longa lista case todos de Comisións Obreiras e do Partido Comunista de Galicia. A solidariedade en Galicia e no estado non se fixo esperar, en Vigo atendendo o chamado das Comisións pararon o mesmo día 10 Vulcano e Barreras e o días seguintes Citroen, Freire, Reyman, Sto. Domingo, Censa, Yarza, Refrey, Ascón...tamén na maioría das cidades galegas manifestouse a protesta de diferentes modos así como no resto do estado. En Europa os feitos foron recollidos por numerosos medios de comunicación.
En Ferrol a represión foi brutal non só contra os traballadores, senón con todos aqueles que lles amosaron solidariedade; a empresa foi militarizada e comezaron a aparecer “listas negras” para que ninguén contrataran ós despedidos que foron máis de 160. Ademais dos xuízos na Maxistratura e no chamado “Tribunal de Orde Público”, produciuse un Consello de Guerra contra os traballadores de Comisións de Bazán, Bernardo Bastida, Xosé Cabado, Xosé Miráz, Anxel Porto, Ramiro Romero, Amor Deus, Riobó e Fernandez Filgueiras. Os tres últimos tamén haberían de ser procesados en 1975, polo Tribunal de Orde Público, no que se coñeceu como o xuízo dos “23 de Ferrol”, onde se xulgou á dirección das Comisións Obreiras.
O franquismo puxo en evidencia en Ferrol, como faría no mes de setembro do mesmo ano en Vigo, que a represión brutal era o único instrumento fronte ás xustas demandas dos asalariados e que a clase obreira foi tamén a única que lle plantou cara a ditadura.

Día 13.

1924. Nunha xuntanza en Xenebra, decídese crear unha organización supranacional para frea-lo “avance bolxevique”. A iniciativa xorde de dúas persoas vinculadas ó Comité Internacional da Cruz Vermella, o avogado xenebrino Teodort Aubert, defensor do asasino de Valzlav Vorovsky, delegado soviético na Conferencia de Lausana e Gororges Lodygensky, o antigo representante en Xenebra da Cruz Vermella Imperial Rusa. A organización que recibe o nome de “Entente Internationale contre a III Internacionale”, fúndase definitivamente en París en maio de 1924, co obxectivo de combate-lo comunismo e defende-los “principios da orde, a familia, a propiedade e a patria”. Unha vez que na Alemaña nazi se funda a “Anti Komitern”, as relacións co nazismo son moi fluídas.
En abril de1925 Aubert desprázase a Madrid, para crea-la sección española, misión que se encomenda a Luís de Andrés y Morera, activista somatén, autor de numerosos folletos contra o comunismo. Desde o momento da súa creación no estado español, comezan a aparecer nos medio de comunicación burgueses, toda unha serie de noticias relacionadas ca Internacional Comunista, inventadas na maioría das veces, terxiversadas outras, como parte da campaña de propaganda maquinada por esta organización.
Na súa viaxe a Madrid, Aubert celebra unha conferencia no hotel París que serve de xuntanza cos que van levar adiante a organización na que asisten entre outros, Angel Herrera Oria, fundador da Asociación Católica Nacional de Propagandistas, Concepción Loring Heredia, marquesa viúva da Rambla da Acción Católica da Muller, Juan Gamazo y Abarca, conde de Gamazo, Tomás Benet e Benet, avogado, secretario da Confederación Patronal Española, José Ayats, representante da Confederación Gremial Española, Joaquin Garnica, presidente da Asociación de Agricultores e un longo etc onde tamén se atopaban Antonio Maura, que fora cinco veces primeiro ministro, ou o marqués de Comillas por aqueles tempos o home máis adiñeirado do estado.

Día 14.

1883. Morre Carlos Marx. O ano anterior os seus males físicos se ven agravados, e despois de escribir, conxuntamente con Engels o limiar da edición rusa do Manifesto Comunista” marcha a Alxel en busca dun clima seco para trata-la súa pleura hipertrofiada. Ó pasar por París se entrevista cos dirixentes do Partido dos Traballadores. En Arxel o mal tempo non soluciona os seus problemas e marcha a Montecarlo e despois toma uns baños sulfurosos en Enghien. Máis tarde en Lausanne, Xenebra, xunto Laura, a súa filla, e Vevey. De volta a Londres da longos paseos xunto a Engels e segue con atención as experiencias de Deprez sobre a transmisión da electricidade a longa distancia. Critica con dureza os erros tácticos dos seus xenros Longuet e Lafargue; “¡Que se vaian ó demo Longuet o último proudhoniano, e Lafargue o último bakuninista!” nestas discusións cos xenros é cando di que “el non é marxista”, expresión que se ten utilizado de modos moi diversos e para xustificar posturas oportunistas, a principios do novo ano recibe un duro golpe, o 11 de xaneiro morre dun xeito inesperado a súa filla Jenny. O estado de Marx agrávase; perde a voz. Ten un abceso no pulmón e morre.
 Engels fixo o discurso fúnebre: “ O 14 de marzo, as tres menos cuarto da tarde, deixou de pensar o máis grande pensador dos nosos días(…)
(…)descubriu a lei do desenvolvemento da historia humana: o feito, tan sinxelo pero oculto baixo a matogueira ideolóxica, de que o home necesita, en primeiro lugar, comer, beber, ter un teito e vestirse, antes de facer política, ciencia, arte, relixión, etc., polo tanto a produción dos medios de vida inmediatos, materiais, e por conseguinte, a correspondente fase económica do desenvolvemento dun pobo ou dunha época é a base a partir da cal se teñen desenvolvido as institucións políticas, as concepcións xurídicas, as ideas artísticas e incluso as ideas relixiosas dos homes e con respecto a cal deben, por tanto explicarse, e non ó revés, como ata entón se viña facendo (…)
(…) Descubriu tamén a lei específica que move o modo de produción capitalista e a sociedade burguesa. O descubrimento da “plusvalía” iluminou estes problemas, mentres todas as investigación anteriores, tanto as dos economistas burgueses como as dos críticos socialistas, movíanse nas tebras (…)
(…) ata que naceu, como remate de todo, a grande Asociación Internacional dos Traballadores, que era, en verdade, unha obra da que o seu autor podía estar orgulloso, aínda que non crease ningunha outra cousa.
Por iso Marx, era o home máis odiado e calumniado do seu tempo (…) E morreu venerado, querido, chorado por obreiros da causa revolucionaria, como el, diseminados por toda Europa e América, desde as minas de Siberia ata California. E  atrévome a dicir que si puido ter moitos adversarios, apenas tivo un só inimigo persoal.
O seu nome vivirá a traveso dos séculos e con el a súa obra”.

1898. Fúndase en Minsk o Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. Foi un congreso moi modesto, só reuniu a nove delegados de diferentes agrupamentos socialistas, Unións de Loita de Petrogrado, Moscova, Kiev, Yekatarinoslav, ademais da “Unión Xeral de Traballadores Xudeus de Lituania, Polonia e Rusia, (o BUND). O Congreso fixo público un Manifesto, aprobou editar un periódico e elixiu un Comité Central de tres membros. Lenin, Martov e Potresov non asistiron por estar internados en Siberia. Todos os delegados foron detidos pouco tempo despois, e por non ter alternativa, non puideron ser substituídos, pero a súa fundación vai servir a Lenin para defende-la súa precaria existencia e para discutir ca maioría dos militantes a necesidade dunha organización centralizada cunha dirección homoxénea. Para elo vai centrar unha parte da súa actividade en conseguir, unha vez terminou o desterro, que o periódico saia á luz. “Iskra” será obra súa e o instrumento para tentar poñer fin a realidade, que cada grupo defendía a súa independencia e consideraba un competidor a outras organizacións similares.

Día 15.

1971. Segundo “cordobazo” na Arxentina, tamén chamado “viborazo”. Despois do “cordobazo” de 1969, a clase obreira de Córdoba iniciou un proceso que levou a aparición dos chamados sindicatos “clasistas”, fundados pola esquerda, que van dominar no cinto industrial da cidade; ó mesmo tempo se vai a producir un bo entendemento entre os traballadores e os estudantes, algúns dirixentes obreiros eran estudantes o que facilitou o achegamento. Os obreiros da enerxía, agrupados no sindicato “Luz e Forza” do grande dirixente Agustín Tosco, e os mecánicos do SMATA, eran os principais da combativa CGT cordobesa; meses antes as forzas de esquerda fixéranse co control dos da FIAT
O nomeamento dun gobernador afín o sistema ditatorial do xeral Livingston, un sobriño do xeral filonazi Uriburu, que declarou provocadoramente “Confundida entre a múltiple masa de valores morais que é Córdoba por definición, aniña unha velenosa serpe cuxa cachola pido a Deus me depara o honor histórico de cortar dun só tallo” vai producir desde o primeiros do mes mobilizacións e a convocatoria dunha acción de toma de todas as fábricas para o día 12, reclamando a fin da ditadura. Ese día en Ferreyra, onde se atopaban as fábricas de FIAT, unha concentración de traballadores é reprimida violentamente morrendo un traballador de 18 anos dun tiro, o que provoca a convocatoria de folga xeral para o día 15. Diversa columnas das zonas periféricas, nas que marchan xuntos diversos gremios e estudantes van tomando, como no ano 69, os arrabaldes, construíndo barricadas e asaltando algúns edificios como o Banco Galicia, o Jokey Club, etc. A policía case non interveu, e a represión levárona a cabo brigadas especiais e forzas paracaidistas. O ditador pediulle a renuncia a Uriburo, e o 23 de marzo o xeral Lanusse substituíu a Livingston na cúpula do estado.
A loita do pobo arxentino foi testana, entre 1969 e 1972 producíronse máis dunha ducia de sublevacións populares en diferentes cidades; Lanusse tivo que convocar elección e volveu Perón, os que esperaban algo do seu goberno axiña foron defraudados; en 1976 unha terrible ditadura asolou ó pais co resultado de milleiros de mortos e desaparecidos e centos de milleiros de exiliados.

Día 16.

1925. Nace Raúl Sendic. Fundador do movemento guerrilleiro Tupamaro en Uruguai. En Chamangá, o quinto de seis irmáns, fillos dun neto de vascos e unha filla de italianos. O pai era un pequeno labrego que arrendaba terras para mante-la súa familia e onde a lectura era un dos máis importantes entretementos. O pai pertencía o Partido Blanco, pero ó sector independente, e por opoñerse ó gran cacique uruguaio, Alberto de Herrera por apoia-la ditadura do golpista Gabriel Terra, foi perseguido, sobre todo despois do intento de golpe “anti-terrista” e da masacre de Paso Morlán. Cando contaba dez anos a familia cos tres fillos pequenos trasladáronse a unha finca duns alemáns onde o pai facía de mordomo e a nai coidaba de seis vacas; durante anos Raúl levantábase ás catro da mañá para muxi-las, despois a cabalo ía a escola e pola tarde vendía o leite entre a veciñanza; só cando unha comisión de pais e profesores convencen ó seu pai do estupendo estudante que era, permítelle seguir estudando, sempre que cumprira cas obrigas na casa.
O bacharelato o estuda en Trinidad e, na casa do profesor de historia, le a Plejanov, Malatesta, Jack London, Rolland...Axuda na publicación de “Rebeldía” unha revista da que aparecen 15 números e na que Raúl escrebe “artigos moi serios que se facían sentir”, escrebe Alberto o seu irmán que era o director e co que tentará establecer no centro de estudo, un “núcleo socialista”.
A Segunda Guerra e a neutralidade uruguaia precipitan ó pais en constantes balbordos entre profascistas e antifascistas, como o acontecido en Durazno, onde Raúl vai participar, que precipita que Uruguai rache cas potencias do Eixo e que todo o que cheire a italiano, alemá ou “galego” sexa considerado espía fascista, nazi ou franquista e os seus almacéns, farmacias ou comercios sexan asaltados.
Raúl négase ó servizo militar obrigatorio e como dirixente da Asociación de Estudantes convocan unha folga reprimida pola policía. Négase ás clases de instrución militar e a xurar bandeira, e na casa do profesor de historia, comentan libros de “un tal Trotski”, que envía o seu irmán Alberto desde Montevideo.
Raúl chega a Montevideo e asiste a clases nocturnas de Preparatorios de Avogacía e traballará desde a mañá ata a tarde nun estudo de avogados durante trece anos. Pero como non lle gustaba a profesión, non rematará os estudos, só lle faltaba medio ano, e sacou o título de Procurador. Neste tempo le a Marx, Lenin e Rosa Luxemburgo e todo o que atopa sobre a revolución chinesa. Na Federación de Estudantes de Uruguai, Raúl integra a lista de “Loita Universitaria”, próxima ó Partido Socialista, no que se integrará, o que o afasta do seu irmán Alberto, adscrito ó trotskismo. Curiosamente sempre o nomearán co alcume de “trosco” Desde a FEUU, iníciase na acción antiimperialista. É detido o 8 de maio de 1945 cando celebraban a vitoria sobre as forzas do Eixo. Finalizada a guerra, comeza un novo estadio do proceso neocolonial ca sinatura do Convenio de Chupultepec e o TIAR. Ë a época das nacionalizacións, ferrocarrís, tranvías, augas, bancos, Caixas de xubilacións, etc que Gran Bretaña entrega, sobrevaloradas, a cambio da débeda que ten con Uruguai. O goberno deixou de depender de Gran Bretaña pero entrou definitivamente na área dos EEUU. Cando en 1951, se produce o que se chama a refundación do Partido Socialista, e no Congreso se introduce a definición de clase, e unha posición antiimperialista, Raúl Sendic é unha figura relevante no partido, moi ligado á mocidade, ós militantes do interior do país, ós que traballaban no arroz e nos latifundios, e escritor constante no periódico “El Sol” e outras publicacións internas, crítico co leninismo e moi próximo ás posicións de Rosa Luxemburgo. Máis tarde descubrirá a Mariátegui e incorporará a Artigas, nun “collaxe” para Sendic nada disparatado.
En xuño de 1957, axudou a creación do Sindicato Único de Obreiros Rurais, como anos antes axudara a crear o Sindicato Único de Arroceiros.
Fronte ós proimperialistas e os prosoviéticos, defenderá a chamada “terceira posición”, para desmarca-lo partido da primeira, así como a unidade sindical cos comunistas, tentando que os socialistas non se sindicaran na CSU, a favor do chamado eufemisticamente “mundo libre” na guerra fría e dos intereses dos EEUU, como no caso da Guatemala de Arbenz
Cara a 1962, trasládase a Paysandú onde traballa como Procurador asesorando ós sindicatos e defendendo ós traballadores nos tribunais; é a época das grandes marchas dos traballadores da caña sobre a capital esixindo melloras laborais, pero tamén cando comeza unha actividade ó marxe do partido socialista, agrupando a diferentes colectivos dos traballadores máis combativos ca intención de crear un Movemento Nacional de Liberación; neses momentos Sendic é un líder nacional recoñecido como tal polos traballadores de Paysandú, Salto e Bella Unión. A principios da década participa no asalto a un banco para recadar fondos e ó Tiro Suízo para conseguir armas; se deu de baixa do PS en xaneiro de 1967, despois do cruento tiroteo de 1966, onde se coñeceu a existencia do grupo Tupamaros e ten que pasar á clandestinidade pero seguindo unido á loita dos traballadores azucreiros.
En 1970 e detido pero consegue fuxirse ó ano seguinte reintegrándose á loita guerrilleira. O 1 de setembro de 1972, é detido de novo despois dun prolongado combate cas tropas do exército e a mariña, resultando ferido grave na faciana; se vai converter nun refén da ditadura militar. En marzo de 1985 foi liberado cando se decretou a amnistía. Continuou á fronte do Movemento de Liberación Nacional Tupamaros ata facer posible a súa legalización e integrarse na “Fronte Amplo”. Morreu en París o 28 de abril de 1989 onde fora trasladado para tentar curarlle a enfermidade de Charcot. O actual presidente de Uruguai foi membro do grupo Tupamaros.

 Día 18.

1871. Iníciase en París a insurrección que da paso á proclamación da Comuna. A guerra franco-prusiana ca derrota dos franceses e a prisión do emperador Napoleón III, trouxo a proclamación da república pola presión das masas populares, nunha Francia ca súa economía destruída e onde unha parte importante da poboación pasaba fame e todo tipo de privacións; o paro era moi alto, o consumo paralizado, a pequena burguesía arruinada. As eleccións deron a vitoria o republicano conservador Thiers, que temía, como a burguesía francesa, máis ás masas que ó exército prusiano, así que prepararon a capitulación da capital para que entrara o exército vencedor a dominar o movemento popular que se estaba a xerar.
Pero cando o goberno tentou facerse cas armas en mans da milicias, estas negáronse a devolvelas e elixiron un Comité Central da Garda Nacional, cuxos membros podían ser revocados cando perderan a confianza dos electores; entre os seus 90 membros había representantes de todas as clases sociais, obreiros, artesáns, profesións liberais e incluso burgueses do partido de Thiers. Diante do cariz que tomaban os acontecementos, Thiers escapou cara a Versalles cos restos do exército francés.
O Comité Central atopouse co poder, a maioría eran seguidores de Blanqui e Prohudom, internacionalistas había só 15. Axiña comezaron a tomar medidas, o exército foi substituído polas milicias, instaurouse a educación laica e universal e a separación da igrexa e o estado; requisáronse edificios públicos para albergar ós “sen teito”; as fábricas e os obradoiros abandonados polos seus donos pasaron a ser cooperativas de traballadores, prohibiuse o traballo nocturno, os funcionarios eran todos cargos revogables, as xentes do común participaban constantemente na toma de decisións, etc. Pero cometeron varios erros, non se fixeron cargo do Banco de Francia e Thiers seguiu sacando diñeiro para financiar un novo exército formado por máis de 100.000 prisioneiros que estaban en mans dos prusianos e que quedaron libres despois do acordo con Bismark, nin tentaron de expandi-lo proceso polo resto de Francia conseguindo a alianza con sectores do campesiñado, nin , cando puideron, acabaron con Thiers e os seus seguidores.
As tropas francesas e prusianas asaltaron a capital e puxeron fin a esta experiencia de goberno obreiro. A loita levouse barrio a barrio, rúa a rúa, en cada edificio e vivenda houbo loita; máis de 30.000 proletarios, mulleres e nenos morreron na batalla; máis de 20.000 foron fusilando e varios miles máis, foron enviados presos a colonias ou encarcerados. A burguesía non tivo compaixón dos traballadores, estes si que a tiveron ca burguesía e así lles foi.

1919. A dirección do Partido Socialista de Italia adhírese á Internacional Comunista.

Día 20.

1975. Operativo “serpente vermella” do Paraná, na Arxentina. Esta matanza de traballadores encádrase na resposta do goberno ás loitas sindicais para rematar co dominio do burocratismo e do gansterismo nos sindicatos arxentinos. En “Villa Constitución”, os traballadores, exercendo a democracia sindical fanse co control da Unión Obreira Metalúrxica nas fábricas Acindar, Marathón e Metcon. A patronal e o goberno tentan utiliza-la receita de sempre, represión e despidos masivos, pero atópanse ca resposta obreira e popular que fai causa común cos despedidos e se inicia unha mobilización total na zona. A resposta gobernamental non se fai esperar, máis dun cento de vehículos policiais, cargados de matóns sindicais enviados pola burocracia, o grupo terrorista financiado polos servizos de seguridade do goberno, a Triple A (Alianza Anticomunista Arxentina) e policías, chegan o lugar e crean un campo de exterminio no dormitorio de solteiros de Acindar, onde son internados máis de 300 traballadores, moitos torturados salvaxemente, nun anticipo dos métodos da ditadura que tomará o poder un ano máis tarde, e varias ducias son “desaparecidos”. O operativo esténdese polas orelas do rio Paraná chegando á zona onde se atopaban as fábricas do norte de Rosario, onde a clase obreira tamén rachara ca burocracia sindical

Día 21.

1919. O comunista Bela Kun forma goberno en Hungría. A sociedade húngara de principios de século, caracterizábase polo dominio da aristocracia, un 5% da poboación propietaria do 85% da terra, unha masa de campesiños que traballaban, a pesares de ser abolida a servidume nun réxime moi perecido a ela, que os levaba a constantes sublevacións e a emigración; hai que lembrar entre as primeiras as de 1905 e 1906 e respecto a segunda, que entre 1890 e 1914, emigraron preto de dous millóns de húngaros. Tamén era característica do territorio a febleza da súa burguesía que non lle permitiu enfrontarse con éxito a ningún dos problemas da sociedade húngara, así como que o investimento estranxeiro creara unha moderna industria. Tamén hai que destacar que dos 21 millóns de habitantes só dez eran húngaros o resto da poboación estaba formada por minorías romanesa, alemá, croata, eslovena, eslovaca, serbia, ucraína e outras moi minoritarias; o estalido da I ª Guerra Mundial alimentará as contradicións internas e os húngaros, ó contrario de austríacos e alemáns, nunca aceptaron a súa participación a pesares de morrer nela máis de dous millóns; eran moi normais as constantes rebelións e balbordos de soldados húngaros e nos arrabaldes obreiros a axitación sempre foi intensa, sobre todo despois do trunfo da revolución burguesa de febreiro en Rusia. O 1 de maio prodúcense toda unha serie de folgas que fan cae-lo goberno reaccionario sendo substituído por outro no que se integraron diferentes grupos burgueses apoiados desde fora polo Partido Socialdemócrata que tivo que apoiar toda unha serie de folgas espontáneas, para non perder a influencia nas masas obreiras que acolleron con enorme satisfacción o trunfo da revolución proletaria de novembro en Rusia e a súa proposta de paz sen anexións nin indemnizacións. O ano 1918 vai transcorrer entre enormes mobilizacións de masas, varias folgas xerais, sempre desconvocadas polos dirixentes socialdemócratas, que son inicio de fortes contradicións dentro do PSD entre os elementos reformistas e a á esquerda do mesmo. Traballadores e campesiños desmobilizados forman soviets e reclaman a aplicación dun programa sinxelo, paz, sufraxio universal e todo o poder para os soviets. Estalaron insurreccións e motíns no exército e na armada e ca queda da fronte búlgara, as deserción foron moi numerosas e participaban das folgas obreiras e da ocupación de terras. O 28 de outubro prodúcese unha gran mobilización en Budapets e o día seguinte proclámase a república. Na noite do 31 de outubro os obreiros, soldados e campesiños fanse co poder dun xeito espontáneo, sen derramar nin unha pinga de sangue, pero tamén sen programa e sen organización que dirixa o proceso. As masas, como na revolución de febreiro en Rusia, puxeron no poder a liberais e reformistas que renegaban da revolución e temían ás masas, presididos por Karolyi. Este goberno inicia a súa andaina facendo súa a política da clase dominante e axiña conta co apoio do capital financeiro, dos latifundistas, dos altos mandos do exército e da igrexa. Pero os traballadores e campesiños teñen os soviets, producíndose unha situación de dobre poder; o 16 de novembro centos de miles de húngaros celebran unha nova manifestación diante do parlamento esixindo unha república socialista; aínda que o dobre poder existía, non había, como en Rusia un partido como o bolxevique, capaz de dar contido e obxectivos ás mobilizacións.


O Partido Comunista Húngaro fúndase no mes de novembro de 1918, e aínda que axiña se ve fortalecido por unha grande cantidade de traballadores que acoden as súas fileiras, as mocidades do SPD o fan en bloque, non tiña a experiencia necesaria e pronto se vai a ver diante da conxuntura de accede-lo poder.
O goberno, onde o SPD tiña moita forza, para tranquiliza-la situación aproba unha reforma agraria, e inicia a persecución dos comunistas, moitos dos seus dirixentes van á cárcere, pero ningunha destas medidas pon freo á mobilización; a mediados de maio prodúcense grandes mobilizacións de obreiros, soldados e campesiños que chocan contra os restos do exército que permanecían fieis o goberno, o tempo que se proclaman soviets por todas partes que toman o poder e proclámase a folga xeral pola liberación dos dirixentes comunistas e o traspaso do poder á clase obreira. Os elementos liberais do goberno dimiten o 20 de marzo ó ser tamén premido polos vencedores da guerra que lle esixen a cesión dunha parte do territorio húngaro. A burguesía abandona o escenario nun caso único na loita de clases. O día seguinte proclámase a República Soviética de Hungría e o sector máis reformista do SPD, completamente desvinculado das masas e odiado polas mesmas, atópase controlando o goberno. O primeiro que fai e ir a negociar cos comunistas que pouco antes metera na cárcere, para tentar dar unha saída á situación, o que amosa o cambio na correlación de forzas dentro da clase.
Os comunistas cometeron entre outros un erro fundamental, a unificación cos contrarrevolucionarios do SPD, a pesares dos consellos de Lenin, nun só partido; iso lles permitiu o día 21 formar o Consello Revolucionario de Goberno e procedeu á toma do poder que se fixo sen problema algún e proclamar a forma xurídica da ditadura do proletariado. Inmediatamente comezouse a aplicar os puntos establecidos por Bela Kun:
Establecemento dos órganos populares, Consellos de obreiros, soldados e campesiños como órganos de poder; oposición á defensa revolucionaria do pais, hai que evitar entrar en outra guerra; abolición do exército permanente e da burocracia substituída pola administración autónoma das masas proletarias; todos os cargos por elección, de curta duración e revogables; control centralizado dos Consellos Obreiros e descentralización da produción industrial, agrícola e da comercialización; toma de posesión da propiedade do solo polo proletariado; todo o solo propiedade do estado; socialización da banca, estatalización das industrias e os transportes; monopolio do comercio exterior e do comercio ó por maior. Etc. Pero o SPD non estaba disposto a levar adiante un programa de transformación e tentou constantemente poñer atrancos ó mesmo.
A república dos Consellos estaba acosada por perigos interiores pero tamén por exteriores; pronto o exército romanés e checoslovacos inician os enfrontamentos. O goberno, sen tempo a dotalo dunha nova estrutura, cambia o nome ó exército polo de “exército vermello”, como se cambiando o nome cambiara algo, e aínda que introduce mandos comunistas, estes son colocados polos sectores burgueses en postos sen mando de tropa. Os exércitos agresores son rexeitados pero as vitorias se consideran derrotas pola burguesía e os seus aliados interiores e neste senso tamén se facía propaganda nos medios, creando na poboación un sentimento de derrota; isto xunto á presión dos vencedores da guerra mundial, fai que o 1 de agosto se forme un goberno socialdemócrata e se inicie a ditadura da burguesía, ca colaboración da socialdemocracia, e vai comeza-la represión que vai custar centenares de mortos entre os traballadores e os seus dirixentes.

1921. Inicio da chamada “Nova Economía Política”(NEP) en Rusia. Aprobouse no X Congreso do Partido Comunista de Rusia, e este día por decreto. Substituía á política económica chamada “comunismo de guerra” que obrigaba ós campesiños a ceder toda a produción agás a necesaria para alimentarse, por un novo reparto no que cedían unha parte, deixándolles outra parte para o mercado o que pulou o aumento da produción. A nivel industrial, privatizáronse milleiros de pequenas industrias, quedando as estratéxicas en mans do estado, así como sectores comerciais. Grazas á NEP, a produción industrial e agrícola, a meados da década dos anos vinte, a pesares da destrución da guerra civil e da agresión imperialista, acadaron os niveis de antes da guerra mundial.

1927. Insurrección popular en Sanghai dirixida polo Partido Comunista Chinés. Nos primeiros anos despois da súa fundación, o Partido Comunista viviu nunha constante contradición, resultado dos intereses contrapostos das masas obreiras chinesas e a política imposta pola Internacional Comunista, con maioría do sector dirixido por Stalin, de alianza co partido nacionalista Kuomitang. Segundo o dirixente da Internacional, en China estaba en marcha unha revolución democrático-burguesa que debía ser dirixida pola burguesía e na cal os traballadores e o PC terían un papel secundario
En Shanghai diante do avance do exército do Kuomitang cara a cidade, o PC respondeu ca organización dunha folga xeral neste día que mobilizou a preto de un millón de traballadores e derrotou as autoridades; asaltáronse comisarias e cuarteis, distribuíronse as armas entre os traballadores e ó día seguinte a cidade atopábase en mans do proletariado. Á chegada de Chiang Kai Check, presidente do Kuomitang co seu exército, unha parte dos comunistas de Shanghai e dos comisarios da IC querían formar Soviets de obreiros e campesiños para que se configuraran como o novo poder, pero a dirección do PC e a IC axudaron a unha política de conciliación de clases que levou ó desarme da maioría das milicias obreiras o que permitiu ós nacionalistas a creba do pacto cos comunistas e a represión, iniciada o 12 de abril polo exército e as bandas de mercenarios; a pesares da heroica resistencia dos traballadores, se converteu nunha completa derrota do que se podía considera-la columna vertebral do proletariado chinés. Miles de comunistas e obreiros foron asasinados, decapitados nas rúas e outros moitos queimados vivos nos fogóns das máquinas dos trens.

1942. Morre José Díaz, secretario xeral do Partido Comunista de España. En 1932 fora elixido secretario xeral do PCE no congreso celebrado en Sevilla e en 1938 é trasladado á URSS para ser operado dun cancro de estómago. Ca invasión nazi, trasládano, en estado terminal de Leningrado a Tiflis, onde se suicida.

Día 23.

1967. Asasinato do poeta guatemalteco Otto René Castillo. Contaba o día do seu asasinato 31 anos de idade. Regresara clandestinamente a Guatemala para incorporarse á organización guerrilleira Forzas Armadas Rebeldes comandadas por César Montes, onde levaba a cabo responsabilidades de propaganda nunha das frontes guerrilleiras, a Edgar Ibarra. A mediados de marzo foi ferido e detido xunto ca súa compañeira Nora Páiz. Trasladados á base militar de Zocapa, se le torturou e mutilou salvaxemente e foi queimado vivo ata morrer o día 23. Da súa obra poética fixéronse varias antoloxías, pois foron aparecendo poemas despois da súa morte. En vida os seus poemas recolléronse na obra “Vámonos Patria a Caminar”

Día 24

1962. O Departamento do Tesoiro dos EEUU anuncia a prohibición de entrada no territorio de calquera produto elaborado, total ou parcialmente, con produtos de orixe cubano, aínda que fose nun terceiro país.

Día. 26.

2008. Falece nas selvas de Colombia o máximo dirixente das FARC Manuel Marulanda. Nacido Pedro Antonio Marín, tamén foi coñecido polo alcume de “Tirofijo”. A situación que vivía Colombia na década dos anos corenta do século pasado, levou a moitos colombianos, ante a constante represión exercida polo estado, os terratenentes e o narcotráfico, a formar grupos de autodefensa dispersos polas inmensas selvas do país. Manuel Marulanda participará na fundación das “Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia” (FARC), e será o seu máximo dirixente durante moitos anos, a organización guerrilleira máis poderosa de América Latina, que levan moitas decenas de anos loitando polas liberdades e unha nova sociedade que permita vivir sen explotación á grande maioría do pobo colombiano. Morreu de morte natural ós 77 anos.

Día 27.

1922. XI Congreso do Partido Comunista de Rusia, último que contou ca presencia de Lenin. Non puido asistir á Conferencia de Xénova a causa da enfermidade e en vésporas do incio do XI Congreso envioulle a Molotov unha nota co seguinte texto: “Solicito non ter que asistir á sesión plenaria do Comité Central. Esta sesión e o informe ó Congreso son moito para min: non o soportaría. Facede o favor de nomear outro relator para o Congreso. O meu informe ten un carácter demasiado xeral e, polo demais, no estou seguro de podelo facer”
Tivo que facer un enorme esforzo, pero redactou o informe que moit@s consideran o seu testamento. Como facía sempre, non só analizou o ano transcorrido, tamén preocupouse de esbozar un programa para o ano seguinte.
Tratábase, en primeiro lugar, de analizar os resultados da nova experiencia económica, a NEP, ver onde se trabucaran, como corrixir e sobre todo “Tentar de amosa-lo campesiñado que os comunistas somos capaces de axudarlles na penosa situación na que se atopan (...) o campesiño tivo confianza en nós, pero a confianza non é ilimitada”.
Un segundo aspecto foi o análise do control da competencia das empresas do estado e das empresas capitalistas. Lenin foi moi crítico cos xestores estatais.
E un terceiro foi a crítica demoledora contra o burocratismo que afogaba o aparello estatal. Chegaba a conclusión que máis do 90% dos responsables comunistas non eran capaces de levar a diante o traballo encomendado.
Ca fin de reducir e sanea-lo aparello administrativo propuxo a creación dun novo servizo chamado “Inspección Obreira e Campesiña”, a fronte de cal se nomeou a Stalin.
Na primeira xuntanza do novo Comité Central elixido no Congreso, á que non asistiu Lenin por atoparse enfermo, foi elixido Secretario Xeral do partido Stalin. Lenin rexeitou, como e público e coñecido, este nomeamento.

1944. Nace Miguel Enriquez Espinosa, que co paso dos anos será o principal dirixente e fundador do MIR de Chile. Na cidade de Concepción era o menor de catro irmáns, no seo dunha familia de políticos e intelectuais; o seu pai foi rector da Universidade de Concepción, catedrático de anatomía e ministro de Educación nun dos gobernos de Salvador Allende; dous dos seus tíos senadores da república; a súa nai Licenciada en Leis. Estudou a primaria no colexio Saint Jhon's e a secundaria no Liceo Garmendia, onde coñeceu a varios condiscípulos cos que fundará máis tarde o MIR, Serxio Pérez, Jara, Faúndez, Arriagada, M. Hernandez, Ferrada... O trunfo da revolución en Cuba, levantou grandes expectativas neste núcleo de mozos e nos irmáns de Miguel, Marco Antonio afiliarase ó Grupo Marxista Revolucionario de tendencia trotskista. Miguel formará parte dun grupo adicado o estudo do marxismo que comezará a prestar apoio ás mobilizacións obreiras e estudantis. Inicia os estudos de menciña na Universidade de Concepción, en 1961; un ano máis tarde ingresa, xunto con Bautista van Schouwen na “Federación Xuvenil Socialista”, integrándose no grupo “Espartaco” onde militaba o seu irmán Marco Antonio e o seu amigo Marcello Ferrada-Noli que era o principal dirixente do grupo. En 1963 forman xunto con Jorge Gutierrez, Claudio Sepúlveda e Pedro Valdés, un grupo clandestino denominado “Movemento Socialista Revolucionario”, grupo que tamén funda en Santiago o seu irmán Edgardo. Colabora nas revistas “Revolución” e “Promesa Universitaria”, reivindicando un maior radicalismo.
En 1964 comezan a traballar co grupo “Vangarda Revolucionaria Marxista” que nacera da unidade da Vangarda Nacional Marxista, Vangarda Nacional do Pobo e o Partido Revolucionario Trotskista, polo son expulsados do Partido Socialista, e cando Vangarda se escinde, crean a “Vangarda Revolucionaria Marxista Rebelde” que participa no Congreso Latinoamericano de Estudantes de Menciña celebrado en Concepción, onde entran en contacto cos MIR de Venezuela e Perú.
Desde moi novo foi un temible polemista, lembrándose a que sostivo con Robert Kennedy cando visitou Chile e deu unha conferencia na que participou Miguel. Antes de remata-la carreira viaxou moito, por Latinoamérica, Europa e Asia, discutindo e entrevistándose con numerosos políticos e dirixentes de diversos países.
Enriquez é un dos convocantes, xunto co dirixente sindical Clotario Blest, do “Congreso de Unidade Revolucionaria”, celebrado os días 14 e 15 de agosto de 1965, que é o de constitución do “Movemento de Izquierda Revolucionaria” (MIR). Neste congreso leo a tese “A conquista do poder pola vía insurreccional”, na que tamén participaran na súa redacción o seu irmán Marco e Ferrada-Noli. Foi elixido membro do Comité Central da organización e Sepúlveda secretario xeral. En decembro de 1967, no terceiro Congreso é elixido secretario xeral e en 1968 obtén o título de menciña. O ano 69 contempla dentro do MIR unha fonda discusión sobre a liña político-militar, abandonando a liña “insurreccional”, iniciándose as accións directas e a “autodefensa de masas”, para tenta-la penetración da organización nas diferentes frontes de loita. A resposta do poder foi a represión e o paso a clandestinidade da organización e algunhas escisións como a que deu orixe ó Movemento Revolucionario Manuel Rodríguez.. A partires de 1969 increméntanse as accións armadas levando a cabo numerosas “expropiacións”, sobre todo de bancos, e nas frontes de masas, accións que cesan a partires de marzo de 1970, cando se entra en negociacións ca Unidade Popular de Salvador Allende. Aínda que non participa na campaña da UP o seu obxectivo foi, de ganar a UP, estar preparados a todos os niveis para para-lo golpe da dereita e defende-los logros do goberno progresista. Despois do trunfo da UP o MIR, tamén realizou tarefas de “intelixencia” que permitiron botar en baixo varias conspiracións. Púxose en marcha a política de alianzas ca UP, que tentaba desprazar ós sectores reformistas e que se resumía na consigna de “marchar separados e golpear xuntos”. O golpe militar foi analizado polo MIR como resultado do fracaso da súa política de non ser capaces de desprazar ós sectores reformistas dos movementos de masas e do goberno. Miguel Enriquez foi asasinado despois dun combate ca forzas represivas da ditadura, o 5 de outubro de 1974. Contaba 30 anos de idade. (Ver efemérides outubro)

Día 31.

1872. Nace en Petrogrado Alexandra Kollontai. No seo dunha familia aristocrática, o seu pai era un xeral axudante do tsar, e recibiu unha educación moi elitista. Axiña interesouse polo marxismo e estudou en Zúrich Socioloxía do Traballo. Foi en Suíza onde entrou en contacto con exiliados rusos e afiliouse o Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso en 1899. Participou na revolución de 1905 e comezou a traballar entre as mulleres traballadoras. Nun principio, despois da escisión no POSDR, militou na á bolxevique e máis tarde na menxevique. En 1907 iniciou o traballo nun “Circulo de Obreiras” e o ano seguinte presentou “A base social da cuestión feminina”. A causa da publicación do seu artigo “Finlandia e o socialismo” tivo que exiliarse o que aproveitou para viaxar por numerosos países de Europa. Opúxose á primeira guerra mundial e participou na conferencia de Zimmerwald en 1915; a partires de febreiro de 1917, aceptou as teses de Lenin. Foi membro do Comité Executivo do Soviet de Petrogrado e pouco antes da revolución de novembro de 1917, tamén do Comité Central do Partido Bolxevique.
Elixida Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública, desenvolveu un importante labor en beneficio da muller, conseguindo a igualdade xurídica e política, dereito a voto, igualdade de salario, dereito ó aborto e ó divorcio, beneficios salariais pola maternidade, garderías públicas, etc.
En 1918 contribúe á celebración do I º Congreso de Mulleres Traballadoras de toda Rusia, onde se aprobou a creación do Departamento da Muller que tanta importancia tivo para conseguir os dereitos sociais e políticos ata acadar a igualdade. Foi fundadora da revista Kommunistka (Muller Comunista) e membro do seu consello de redacción.
En 1921 foi fundadora da Oposición Obreira, que tentaba darlle maior poder ós traballadores, nas fábricas e na xestión da produción. Cando o Congreso do partido disolveu o grupo, os dirixentes do mesmo tentaron que a Internacional Comunista o deixara sen efecto.
En 1923 pasou ó servizo diplomático, foi a primeira muller que ocupou o posto de embaixadora, participando entre outras misións, na delegación soviética na Sociedade de Nacións.
Na década dos anos 30, moitas das medidas en beneficio da muller foron revocadas. Morreu en Moscova en 1952.
Alexandra Kollontai se lle segue a considerar como unha loitadora pola emancipación da muller, pola afirmación de que a revolución non só necesita modificar a base económica senón tamén a aparición da “nova muller”, onde o amor fora libre, a socialización do traballo doméstico e do coidado dos nenos, unha realidade, etc Entre as súas obras destacan “O Comunismo e a familia”, “Sobre a liberación a muller”, “Sociedade e maternidade”, “A clase obreira e a nova moral”e “Marxismo e revolución sexual” onde se recollen toda unha serie de artigos.

1964. Golpe de Estado en Brasil contra o presidente Joao Gulart. Era o vicepresidente do presidente Janio Quadros cando este dimitiu, en 1961, pero a presión da burguesía dunha parte importante dos medios de comunicación e do exército que o acusaba de “comunista”, só puido acceder ó poder mediante un pacto que transformaba Brasil dunha república Presidencialista nunha parlamentaria, onde o antigo presidente se convertía en Xefe de Estado, que non era elixido polo pobo, e había un primeiro ministro que verdadeiramente tiña o poder e o controlaba.
Goulart tentou repartir mellor a inmensa riqueza do país tan pronto como en 1963 volveuse ó réxime presidencialista despois dun referendo. Toda a serie de reformas que tentou levar adiante coñécense co nome de “Reformas de Base”, constituída pola Reforma Agraria, Tributaria, Administrativa, Bancaria, Educativa, a nacionalización de empresas estranxeiras e a Lei de Control das remesas que tentaba controlar a marcha dos beneficios da empresas de fora, sobre todo norteamericanas instaladas en Brasil. Tamén tentou levar adiante reformas de carácter social como foi a igualación por medio do Estatuto do Traballador Rural, dos dereitos dos traballadores do campo ós da cidade. En política internacional seguiu a política do anterior presidente de “non aliñación”, substituíndo o enfrontamento “Este -Oeste” polo “Norte -Sur”. Estas medidas foron apoiadas polos sectores da esquerda e os sindicatos, e atoparon a oposición da burguesía, industrial, financeira e comercial, os grandes latifundistas, a grande maioría da igrexa e sobre todo, os EEUU de Norteamérica.
O 13 de marzo de 1964, diante de 130.000 persoas, na Estación Central de Rio de Janeiro, asina a expropiación das refinerías privadas e a expropiación de numerosos terreos.
O golpe militar, co beneplácito dos EEUU iníciase o día último do mes; Goulart tenta resistir con algunha unidades militares que permanecían fieis, pero o 4 de abril se exilia en Uruguai, iniciándose unha ditadura militar, que vai causar numerosas vítimas nos sectores da esquerda, e finaliza en 1985.

No hay comentarios:

Publicar un comentario