A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 14 de marzo de 2013

BREVE COMENTARIO DE URXENCIA SOBRE A ELECCIÓN DO XEFE DO ESTADO VATICANO




Carlos Dafonte

Dicía Marx que facer política é prever, e aínda que fora inútil facer este tipo de cábalas desde a posición que ocupo, hai que dicir que tiña dous candidatos para a xefatura do Estado Vaticano; o cardeal brasileiro e o arxentino; do primeiro descoñecía todo, do segundo coñecía algo que non me gustaba, a colaboración dunha grande parte da cúpula da igrexa arxentina ca ditadura militar, insensibles á masacre que se realizou no país e incluso ó asasinato de dous bispos e varios sacerdotes e monxas polos militares nesa época. Que tivera que declarar ante o tribunal que xulgaba o roubo de nenos de nais detidas pola ditadura. “Pouca cousa”, dirán algúns, pero que debe encher de desacougo a calquera.
Unha vez elixido o cardeal Bergoglio, pódese dicir utilizando esa estúpida frase que tanto usan algúns líderes políticos, que acertei no meu vaticinio pois “ERA O QUE TOCABA”.
Do mesmo xeito que noutros tempos era necesario un Wojtyla e o seu fiel escudeiro, o grande inquisidor Ratzinger, para axuda-lo neoliberalismo depredador a gaña-la “guerra fría” e poñer fin, derruba-las sociedades que xurdiran despois da queda do capitalismo na Europa do leste, e avanzar ademais na loita contra a “teoloxía da liberación”, que tiña millóns de adeptos entre as masas e preclaros defensores entre numerosos teólogos e algún cargo eclesiástico de América Latina, como monseñor Romero, Casaldaglia, Ellacuría, Boff, o bispo Helder Cámara, Frai Betto, Ernesto Cardenal,... cuxa posición a favor dos pobres, levaba ó enfrontamento cas sanguentas ditaduras impostas polos EEUU na maioría dos países, agora é necesario tamén, un esforzo da Igrexa, o imperialismo o esixe, para poñer atrancos a ese novo capítulo da loita de liberación dos pobos, que con todas as zonas de sombra que se queira, con avances e retrocesos, significa o movemento bolivariano, proceso ó que se chama tamén, quizais con verbas fora da realidade, Socialismo do Século XXI.
Estou convencido que nas xuntanzas previas ó conclave, máis que rezar e pedi-la intervención do espírito santo, unha perda de tempo, do que se discutiu foi de xeopolítica e de como intervir mellor e dun xeito máis eficaz, a favor dos poderosos, na loita dos pobos contra os seus explotadores, na loita de clases en suma, que se está a dar en todo o mundo, pero sobre todo cunha grande virulencia en América Latina, onde o imperialismo esta a perde-la hexemonía, pois lle esta a fallar a pata amable sobre a que se asenta, o consenso; só quédalle a da coerción, quizais por iso Obama activou de novo a IV frota de guerra, que opera nesa área. O capitalismo necesita recupera-lo consenso e nun subcontinente cun elevado número de católicos o papel da Igrexa é fundamental. É o aspecto ideolóxico da loita de clases, mante-los oprimidos na súa opresión que xa chegará o premio na outra vida. Unha igrexa, por outra parte, que non tivo ningún reparo, cando se tratou de acurruncha-la teoloxía da liberación, de permitir, e aquí entrou a CIA en escena, que unha parte dos seus feligreses fosen captados por sectas protestantes de todo tipo, cos seus telepredicadores ben financiados desde o centro do imperio. Máis vale, debeu reflexiona-la Igrexia, que sexan sectarios, que contestatarios ou revolucionarios.
Polo tanto, os pobos non deben esperar nada bo deste papa que se quere vender como amigo dos pobres; non dubido que vivira dun xeito humilde, visitara as “vilas miseria” e viaxara en autobus, pero nunca puxo o seu traballo a favor da liberación nin da xustiza, só foi caritativo e predicou, xa sabemos, benaventurados os mansos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario