A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 28 de abril de 2013

CRONOLOXÍA DE ANTONIO GRAMSCI NO 76 ANIVERSARIO DA SÚA MORTE


Carlos Dafonte.

O 27 de abril de 1937, ás 4'15, aquel cerebro que o fiscal que o acusou no xuízo celebrado en 1926, dixo que había que conseguir que non pensara máis, deixou de facelo. Case sen contactos ca súa familia, só o seu irmán Carlo, Gennaro ó que lle unían maiores afinidades políticas, tívose que exiliar nos primeiros anos do fascismo e estaba a loitar na guerra civil española contra o franquismo e rotos os vínculos ca organización política da que fora secretario xeral, explica que ó seu enterro só asistiran o devandito irmán e a súa cuñada Tatiana.

Morría cecáis, o home cuxas ideas máis se teñen distorsionado, utilizado as veces dun xeito deturpado, para apoiar aventuras reformistas de toda laia; hai que recoñecer que posiblemente a isto axudou o xeito no que traballou os últimos anos da súa vida, nos que realizou a súa obra teórica, os “Cadernos da Cárcere”, nas penitenciarias do fascismo, sometido a constante vixilancia, tendo moitas veces que inventar termos e conceptos para podela sortear.
Non hai que esquecer, en primeiro lugar, que con anterioridade a súa detención a obra teórica era cativa, estaba formada por un conxunto importante de artigos, onde se pode ir observando a súa evolución político -ideolóxica, informes, e unha única obra, inacabada, “Algúns temas da cuestión meridional”. En segundo, que a primeira edición dos “Cadernos” publicada pola editorial Einaudi en 1949, foi sometida, coñeceuse moito máis tarde este feito, a censura, tanto por Palmiro Togliatti, secretario xeral do PCI, como pola comisión do PCUS formada ó respecto, que os tiveron no seu poder desde 1939, e elimínanse as partes “non útiles para o partido”, pero recollendo outras para a nova formulación do PCI sobre a “democracia progresiva”, que se lanza á sociedade italiana desde 1943; recóllense algunhas ideas de Gramsci : o novo estado caracterizado pola hexemonía da clase obreira, grazas a contribución dos intelectuais; a identificación do “Príncipe Moderno” co partido do proletariado e a identificación da “filosofía da praxe” co marxismo-leninismo.
Posiblemente a causa de esa primeira tradución deturpada, a súa obra, como se ten sinalado en numerosas ocasións, esta sometida a numerosas interpretacións, desde a de Benedetto Croce, filósofo liberal, a quen lle adicou Gramsci numerosas páxinas críticas nos seus “Cadernos da Cárcere”, que escrebe en 1947 cando comezan a aparece-los primeiros, que considera que Gramsci “como home de pensamento foi un dos nosos”, ou Norberto Bobbio, moito máis tarde, que o cualificaba dun “teórico da superestrutura” na súa obra “A sociedade civil en Gramsci” pois considera que a noción de “sociedade civil” contida nos “Cadernos” pertence o momento da superestrutura e non da estrutura como indica Marx, teoría que foi rexeitada polo bo coñecedor da obra de Gramsci, Giuseppe Vacca que afirma que a distinción entre sociedade civil e política é unha distinción metódica e non orgánica e que na realidade, habería unha identificación entre sociedade civil e estado. Ou Sabarberi, que o acusa de voluntarista, organicista e idealista, Bonetti, de reformista e socialdemócrata, e así podíamos seguir se fósemos capaces de ler os máis de 15.000 títulos que sobre Gramsci se teñen escrito. En 1989, un grupo de estudos reaganiano, dirixido pola senadora Fistzpatrik, coñecido como Informe Santa Fe 2, dirixido ós estados maiores dos exércitos latinoamericanos, consideraba a Gramsci como o maior inimigo do dominio oligárquico nestes países; ocupa o posto de Lenin, se di no informe, e o seu pensamento e moito máis perigoso. A teoría gramsciana sobre a hexemonía, afirmase, é unha reelaboración da ditadura do proletariado, pero máis “sutil e enganosa”.
Non debemos esquecer que o historiador británico Eric Hobsbawn dixera xa hai uns cantos anos, que Gramsci, na década dos anos oitenta, convertérase no pensador italiano máis repetidamente citado nas publicacións mundiais de humanidades e ciencias sociais.
Gramsci foi, na miña opinión, un marxista revolucionario, comunista, leninista, capaz nas circunstancias nas que viviu nos derradeiros anos da súa vida, de crear e desenvolver toda unha serie de conceptos e nocións que hoxe son de uso común aínda que, como xa sinalei, a maior parte das veces os utilicen nun senso distinto do que Gramsci o fixo.
E dixen leninista, afirmación que para algúns pode parecer desmedida, despois das interpretacións que dos pasaxes dalgúns dos “Cadernos” se fixeron no estado español, sobre todo a finais dos anos 60 e toda a década dos 70 do século pasado, respecto da posibilidade “da vía nacional ó socialismo” e de avanzar cara ó mesmo pola vía parlamentar. A nova posición do PCI, que xorde a raíz do XX Congreso do PCUS e que despois serve como reflexión básica a moitos partidos do sur de Europa, parte da nova interpretación que se fai de dous conceptos, “guerra de posicións” contrapoñéndoa á “guerra de movementos”, e do concepto de“hexemonía”.
Gramsci amosa esta condición de leninista, desde o meu punto de vista, desde que acepta a posición do dirixente bolxevique cando lle da a razón a Bordiga na súa disputa pola necesidade ou non de crea-lo PCI, continuando ca maioría da súa obra escrita nas cadeas do fascismo, que esta orientada a como plasmar en Italia a consigna leninista da “Fronte Única dos Traballadores” e o avance cara á alianza obreiro-campesiña. Era firme partidario de que só unha coalición das clases explotadas, el fala de clases subalternas, dirixidas pola clase obreira e os seus intelectuais orgánicos, o príncipe moderno, podería se-la forza hexemónica que lle disputara o poder ó capitalismo. Se crearía así unha nova sociedade civil e nun novo estado, o estado obreiro, o estado socialista, co que se materializaría unha nova hexemonía En palabras do propio Gramsci, “Paréceme que Lenin comprendeu que era necesario un cambio na “guerra de manobras” aplicada vitoriosamente en Oriente en 1917 a unha “guerra de posicións”, que era a única forma posible en Occidente(...) Isto é o que me parece que quere dici-la fórmula de Fronte Única” .
Os seus estudos sobre as clases e grupos subalternos e a súa tendencia á unificación, que se ve contrarrestada polas clases dominantes que impiden todo intento de avanzar cara a súa unidade; sobre a sociedade civil, sobre o folclore e o “sentido común”, sedimento superior do primeiro por canto é folclorización da filosofía das clases dirixentes. O americanismo, o fordismo-taylorismo , que o consideraba como o intento de anula-la lei tendencial da caída da taxa de ganancia, construíndo por parte da burguesía unha nova clase obreira. O papel dos intelectuais e o papel subalterno que xogaban os de pensamento socialista respecto á burguesía, polo que nacía a necesidade da clase obreira de formar os seus propios intelectuais e desorganiza-lo “bloque intelectual meridional” para que a emancipación dos traballadores fora posible; segundo as súas verbas, “Cada grupo social, nacendo no terreo orixinario dunha función esencial no mundo da produción económica, créase o mesmo tempo, organicamente, unha ou máis capas de intelectuais que lle dan homoxeneidade e conciencia da súa propia función non só no eido económico, senón tamén no social e no político”; e neste senso concibe a formación do partido revolucionario, intelectual orgánico colectivo, conformado como instrumento concreto capaz de canaliza-la rebeldía dos subalternos, de recompoñe-los fragmentos ideolóxicos do rexeite da orde, promover unha reforma moral e intelectual que negue a explotación concibindo un novo proxecto de vida social, que debe se-lo socialismo. A rebeldía espontánea, propia das clases explotadas, subalternas, é canalizada, por medio do partido, cara a un proxecto de hexemonía. Sobre o concepto gramsciano de hexemonía, Perry Anderson establece toda unha serie de antinomias cometidas por Gramsci, cas que estou de acordo, pero que non anulan a potencia do seu pensamento.
As críticas a Croce como “intelectual meridional que elabora a hexemonía burguesa en Italia”, etc xunto con todas as reflexións anteriores, están destinadas a “coñecer mellor Italia para transformala”, e nesta dirección pódese afirmar que incluso desde antes da fundación do PCI o seu devezo foi a emancipación da clase obreira do pensamento reformista que a mantiña nunha situación subalterna e ó campesiñado na opresión.
En expresión do profesor Marcos del Roio “As clases subalternas poden compoñer un novo estado, unha nova totalidade, precisamente a partires do momento en que negan a subalternidade e emancípanse. Coñecer e transformar son aspectos e momentos da “filosofía da praxe”, da ciencia da historia e da política. Por isto Gramsci enuncia algúns puntos esenciais de investigación para quen se arrisca a facer historia das clases subalternas tendo en mente o proxecto da súa emancipación”.
Para finalizar esta curta introdución á “Cronoloxía de Gramsci” dúas últimas consideracións e unha afirmación do recentemente falecido Paco Fernandez Buey:
O xiro sectario da Internacional Comunista no VII Congreso de 1928, o do “terceiro período”, o da “clase contra clase”, o da caracterización da socialdemocracia como “socialfascismo”, afastou a Gramsci da estrutura partidaria e levoulle a difíciles controversias cos seus camaradas nos presidios.
Na primeira páxina do Caderno 18 escribe: “As notas contidas neste Caderno, como nos demais, foron escritas a présa para formar un memorial. Hai que revisalas todas e controlalas detidamente, porque conteñen, sen dúbida, inexactitudes, enfoques falsos, anacronismos. Foron escritas sen dispor dos libros ós que se fai referencia e é posible que despois do control haxa que corrixilas radicalmente porque o que resulte certo sexa precisamente o contrario do que foi escrito”
Por último a afirmación: “O proxecto de Gramsci pódese entender como un continuado esforzo por facer da política (comunista) unha ética do colectivo. Non escribiu ningún tratado de ética normativa. Non era un filósofo académico nin un político ó uso especialmente preocupado pola propia imaxe. Tampouco colocou as páxinas da súa obra luminosa baixo o título co que se ensina nas universidades: “filosofía moral e política”. Como tantos outros grandes falou e escribiu pouco de ética. Na realidade só o fixo, polemizando, cando entendeu que se estaba a confundir a política ca politiquería, a política no senso nobre da verba co facer sectario e mafioso. Deu ca súa vida unha lección de ética. Unha lección das que quedan na memoria das xentes, das que acaban meténdose nos resortes psicolóxicos das persoas e que serven logo, para configura-las crenzas colectivas”


BREVE CRONOLOXÍA

1891. Nace o 22 de xaneiro en Ales, illa de Sardeña. Foi o cuarto fillo de sete irmáns. O seu pai, Francesco Gramsci, don Ciccillo, era o director da oficina do catastro, traballo polo que abandonara os seus estudos de dereito no continente; a súa nai Giuseppina Marcias pertencía á pequena burguesía local, sabía ler e escribir e vestía “á europea”, símbolos de distinción. O pai de Francesco fora coronel da xendarmería borbónica e máis tarde dos carabineiros. O seu avó materno, era recadador de impostos e tiña unha pequena propiedade territorial. En Ghilarza exerceu Francesco o seu primeiro emprego, e alí esta a casa dos Gramsci.

1892. Trasladan a Francesco Gramsci a Sórgano, onde vivirá Antonio ata cumpri-los sete anos. Todos os veráns pasábanos a familia en Ghilarza, onde os país de Antonio vivirán permanentemente a partires de 1898.

1895. Contrae unha enfermidade, tuberculose ostearticular, posiblemente resultado dunha caída, que non lle permitirá medrar, non medirá máis dun metro cincuenta e o convirte nun chepudo. Os especialistas da época aconsellaban suspendelo das vigas do teito enfundado nun corsé de aneis. Segundo relata o propio Antonio, nesa época tiña hemorraxias e convulsións durante moitos días; algunhas veces o deron por falecido. A súa nai vai conservar, ata que cumpriu os catorce anos, un pequeno ataúde na casa.

1897. O seu pai fai campaña na circunscrición de Isili a favor de Enrico Carboni Boy, que se enfronta a Francesco Cocco Ortu, personaxe cun longo pasado parlamentario; fora por dúas veces subsecretario de agricultura e xustiza e un xenuíno representante do caciquismo; despois do seu trunfo é nomeado ministro de agricultura, industria e comercio.
No mes de setembro, na súa ausencia, realízase unha inspección na oficina que dirixe Francesco Gramsci, propiciada pola facción contraria, e suspéndeno de emprego e soldo. A familia sen medios de subsistencia, arruinada, se instala en Ghilarza.

1898. Francesco Gramsci é detido o 9 de agosto e acusado de desfalco e falsidade en documento público. Xulgado, será condenado a 5 anos de cárcere. Antonio, que se decatou da cadea do seu pai indirectamente, nunca aceptará o feito. Comeza a escola en Ghilarza e será o mellor alumno en anos sucesivos. Destacaba pola súa capacidade de estudo e sobre todo por ler todo o que cae nas súas mans. Tamén destacará polas actividades prácticas: constrúe unha “ducha especial” e numerosos xoguetes, sobre todo barcos e instrumentos para facer ximnasia, nun intento para corrixir, no que fora posible, o seu defecto físico.

1900. Despois do verán inicia o terceiro curso da ensinanza elemental. O seu irmán Gennaro comeza a ler o periódico socialista “Avanti!” e a ter contactos con militantes do PSI.

1902. No verán, con once anos, diante das dificultades económicas da familia, Antonio comeza a traballar na oficina do catastro, durante máis de dez horas diarias, onde tamén traballaba o seu irmán maior. Gañaba 9 liras ó mes o equivalente a un quilo de pan diario; o seu traballos consistía en mover pesados arquivos o que lle producían tremendos dores. Cursa o quinto ano da escola elemental, rematando, ó ano seguinte, con dez en todas as materias.

1903. As dificultades económicas familiares non lle permiten inicia-los estudos de secundaria fora de Ghilarza. Esta situación vai ter consecuencias no seu carácter, illándose aínda máis, tanto dentro da familia como na sociedade. Lembrará esta situación anos máis tarde: “as miñas relacións cos demais foron durante moito tempo moi complicadas”. Só manterá boas relacións co seu irmán Mario, dous anos menor. Ámbolos dous participarán no concurso de poemas, das festas patronais, satirizando a personaxes do pobo. Comeza a estudar pola súa conta latín e outras materias, coa idea de poder iniciar a ensinanza secundaria nun futuro.

1904. O 31 de xaneiro o seu pai sae de cárcere e regresa a Ghilarza, onde traballará en diversos oficios; incluso actúa como defensor no xulgado de paz. Acabará como escribente na oficina do catastro. É un ano dunha forte conflitividade social en toda a illa e sobre todo en Bugerru onde os choques dos folguistas co aparello represivo, deixan un saldo de mortos e feridos. A carencia de organización política capaz de orienta-la rebelión e de marcar obxectivos claros, dáballe pulo a aparición do fenómeno do bandido, como vingador da situación de pobreza, rodeado da admiración popular.

1905. Inscríbeno na escola secundaria municipal de Santu Lussurgiu, a 18 quilómetros de Ghilarza, onde tres pretendidos profesores sen título algún, impartían clase, co beneplácito das autoridades. Antonio se inscribe no terceiro curso e permanece ata o quinto ano. Viaxaba o luns pola maña nun carro tirado por cabalos e regresaba a Ghilarza o sábado. Algunhas veces facía a viaxe de volta a pe, con certo perigo por ser unha zona onde actuaban bandidos. Levaba comida para a semana, que as veces vendía para mercar periódicos e libros. O seu irmán Gennaro que se atopaba en Turín facendo o servizo militar, enviáballe propaganda e periódicos socialistas o que enfadaba ó seu pai que tiña un pensamento conservador e quedara escarmentado polas consecuencias da súa intervención en política.

1906. Cursa terceiro ano no Liceo. En Sardeña estalan loitas obreiras e campesiñas. En Cagliari prodúcense enfrontamentos co exército cun saldo de numerosos mortos e feridos. Destas loitas nace o “sardismo”, un sentimento independentista pola situación de miseria na que a clase dominante italiana tiña a illa. Antonio Gramsci asumirá este sentimento e por pouco tempo, se declarará independentista.

1908. No verán foi a Oristano a pasa-lo exame final, tiña dezasete anos e non moi boa preparación, polo que tivo que examinarse en setembro dalgunhas materias. Matricúlase no instituto Dettori de Cagliari, compartindo pensión co seu irmán maior que traballaba nunha fábrica de xeo.

1909. Despois do verán deixa de vivir co seu irmán, que lle segue axudando economicamente. Un compañeiro de pensión o lembra “facendo unha vida afastada (...) pechado na súa habitación sen familiarizarse co resto (...)só entrei un par de veces na súa habitación, ulía a queixo e estaba chea de libros e papeis.”.
Comeza no periódico “L'Unión Sarda”, do que era propietario e director o seu profesor de latín Raffa Garzia, que o tiña como o seu alumno predilecto, unha serie de colaboracións.
Aparecía algunhas veces, moi poucas, polos locais da “Asociación Anticlerical de Vangarda”, na rúa Barcellona. A maioría dos mozos que a frecuentaban tiñan ideas socialistas e revolucionarias. Antonio Gramsci non conxeniaba moito co xeito de ser de moitos dos presentes, preocupados pola moda, quizais polo seu defecto e polo desastrado da súa figura.

1910. O finaliza-lo segundo ano no instituto pídelle o director de “L'Unión Sarda” que o acredite como periodista para enviar algunhas correspondencias, no verán, desde Ghilarza; como xa había correspondente encárgalle que o faga sobre Aidomaggiore. O 21 de xullo recibe a súa acreditación. A primeira crónica aparece o 26 de xullo e versa sobre as eleccións á alcaldía. En Cagliari visita asiduamente xunto co seu irmán Gennaro a Cámara do Traballo, permanentemente vixiada pola policía. Neses locais escoitará ó deputado socialista Guido Podrecca, director do periódico anticlerical “L'Asino”, visita que produciu unha enorme tensión na cidade.

1911. Nas eleccións á Cámara do Traballo o seu irmán Gennaro e nomeado tesoureiro. A vida de Antonio é nestes tempos moi difícil; o que gañaba o seu irmán non chegaba para as necesidades dos dous e de casa non recibía nada. Deixou de toma-lo café da mañá e atrasou a hora da comida para non cear; mantívose cunha soa comida ó dia máis de oito meses, chegando ó final do terceiro curso con graves síntomas de desnutrición. Nestes anos prestáballe moita atención ós escritos do socialista Salvemini, contrario, dentro do PSI, ó pacto cos industriais do norte, que podía beneficiar á clase obreira desa zona, pero deixaba ó subproletariado agrícola do sur nunhas terribles condicións de vida. Ábrese así á teoría salveminiana dun “socialismo campesiño”, que en Sardeña plasmábase nun “sardismo radicalizado” cara o separatismo e a busca dun socialismo propio, que chegaba a identificar á clase obreira do norte como un dos seus explotadores. Máis tarde escribirá de estar convencido, naqueles momentos, de que “había que loitar pola independencia nacional da rexión”. No instituto realiza unha redacción sobre o colonialismo e os pobos oprimidos que finaliza cunha referencia á revolución francesa “que non fixo máis que substituí-lo dominio dunha clase polo dominio doutra, sen embargo deixou unha grande ensinanza: que os privilexios e as diferencias sociais son produto da sociedade e non da natureza e por iso pódense superar”. No outono consegue unha beca do Colexio Carlos Alberto, para estudar na Universidade de Turín, dotada cunha axuda de setenta liras mensuais, durante dez meses, despois de aprobar varios exames que tamén aproba outro estudante sardo de familia pobre, Palmiro Togliatti.
Matricúlase na Facultade de Letras, na sección de Filoloxía Moderna. A súa situación económica é desesperada, apenas come, pasa frío sen roupa adecuada. Escrébelle á familia en petición de axuda.

1912. Anos máis tarde lembrará que as condicións económicas destes meses e a soidade, leváronlle a perde-la fala durante un tempo, a partires de marzo.
Na universidade vai intimar con dous profesores, Bartoli estudoso do sardo e Cosmo; o segundo déralle clase no instituto de Cagliari. Entre os estudantes vai facer poucas amizades, o sardo Cesare Berger e dous compañeiros de facultade, Camillo Berra e Ángelo Tasca, un axitador xuvenil, que fundara en 1909 o primeiro “fascio” adherido á federación xuvenil socialista de Roma, fillo dun obreiro socialista. Ángelo lle vai adicar un libro no que escrebe: “Ó compañeiro de estudo hoxe; ó meu compañeiro de batalla, espero, mañá”. Leva a data do 11 de marzo.

1913. Na primavera atópase de novo con Palmiro Togliatti, despois dun debate na Facultade de Dereito promovido por un profesor. Describe ó Gramsci da época, como “non só orgullosamente sardo, senón tamén, eu diría, sardista”. Por atoparse enfermo non se examina no verán; faio en outubro. Continúa a colaboración sobre o idioma sardo, co profesor Bartoli. En outono adhírese a un documento, redactado polo mozo licenciado pola Universidade de Pisa, Attilio Deffenu ca tese “Teoría marxista da acumulación capitalista”, editado polo Grupo de Acción e Propaganda Antiproteccionista. Por esta época afástase definitivamente do “sardismo interclasista”.
De volta a Turín para inicia-lo terceiro curso, entra en relación cos moz@s socialistas do “fascio centro”. Trasládase a vivir ó mesmo edificio que Ángelo Tasca, na casa da nai viúva do seu compañeiro Camilo Berra, onde permanece nove anos.
Os últimos meses do ano son moi duros, atópase enfermo, sen poder estudar e con moi poucos medios materiais.

1914. Posiblemente a principios de ano afiliase ó Partido Socialista Italiano; hai unha referencia de Togliatti que o fai neste ano, e Gramci, di, xa pertencía ó mesmo. Ó grupo formado por Tasca, Togliatti e Gramsci, úneselles Umberto Terracini, o mais novo de todos que comeza os estudos de dereito e militaba xunto con Tasca no “fáscio socialista xuvenil”. Os catro prestábanlle moita atención a obra do filósofo antipositivista e antimetafísico Benedetto Croce e a de Salvemini. O profesor Bartoli preséntalle a Annibale Pastori, indicándolle que Gramsci, “quere afondar na doutrina de Marx”. Nesta época nace o Gramsci nacional despois da etapa do Gramsci sardo. Pero ó facerse nacional e socialista non sepultou o sardismo que lle permitiu “descubri-la insuficiencia ideolóxica dun corporativismo obreiro que tendía a considera-lo mediodía como “unha lousa de chumbo”. Sempre considerará a importancia do “problema meridional” para a política socialista e un eixo da súa renovación. Estas posicións cristalizan na proposta que fai de que Salvemini substitúa a un deputado morto representante de Turín, proposta que non aceptará. Ó inicio da Iª Guerra Mundial, Benito Mussolini, director do diario socialista Avanti! e dirixente da á esquerda do partido, publica o artigo “Dalla neutralitá assoluta alla neutralitá attiva ad operante”. Gramsci escrebe o primeiro documento político en “Il grido del pópolo”, o 31 de outubro, baixo o título “Neutralitá attiva ad operante”, onde chega a distintas conclusións que Mussolini explicando que a tarefa do revolucionario é prepara-las condicións máis favorables para a sacudida definitiva a traveso dunha serie constante de sacudidas operadas sobre as demais forzas activas e pasivas da sociedade. En decembro perde a súa beca, durante catro meses, por non presentarse ós exames por atoparse enfermo; para sobrevivir afástase dos compañeiros e do partido e adícase a dar clases particulares.

1915. En abril, despois de examinarse dalgunha materia, interrompe o seu “aprendizaxe universitario”. Segue en Turín cando a partires do 17 de maio prodúcese a insurrección dos barrios obreiros contra a inminente entrada de Italia na guerra. Gramsci observa os acontecementos sen participar sumido nunha fonda crise. O 13 de novembro publica en “Il grido del popolo” un artigo analizando o X Congreso do PSOE, no que recolle aspectos da xuntanza celebrada o 15 de setembro, na poboación suíza de Zimmerwald, dos representantes de partidos socialistas opostos á guerra. A finais de ano comeza de novo a súa actividade política, a publicar en Avanti! e colaborar con asiduidade en “Il grido del popolo”. Nestes meses finais de ano e nos primeiros do seguinte, é cando Gramsci se converte en “revolucionario profesional”.

1916. Desde primeiros de ano pasa a maior parte do tempo na “Casa do Pobo” onde se atopan os locais da “Asociación xeral de traballadores” a “Cooperativa de ferroviarios”, a “Cámara do Traballo” e diversos sindicatos de rama. No último piso atopábase a redacción do “Il grido del popolo” e onde se redactaba a páxina turinesa do Avanti!; tamén os locais da sección socialista e os do “Fascio centro”, núcleo fundamental da organización socialista xuvenil.
Ottavio Pastore, Antonio Gramsci e o antigo camareiro Leo Galetto, eran os tres únicos redactores das páxinas piamontesas do Avanti!. Nunca asinaba as súas colaboracións nos dous periódicos, as veces “AG” ou “Alfa Ganma”. Nunca utilizaba o ton mitineiro nos seus escritos; tentaba utilizar un método que lle permitira ó proletariado adquirir unha cultura sen a cal nunca tomaría conciencia da súa función histórica. “Toda revolución”, escrebe, “foi precedida dunha intensa labor de crítica, de penetración cultural”. Os tres compañeiros, Togliatti, Tasca e Terracini, foron mobilizados e marcharon para a fronte. Imparte numerosas conferencias na periferia de Turín e organiza nos locais da redacción charlas-debate con militantes doutros partidos e mozos católicos. A partires destes anos os temas das alianzas e a relación cos sectores católicos, serán centrais no seu pensamento. Como o traballo nos dous periódicos non lle permitía vivir, daba clases particulares.

1917. O 11 de febreiro sae a luz o número único da revista “A Cidade Futura” escrito integramente por Gramsci no que asina un artigo, “Tres principios, tres ordes”, censurado en numerosas partes. Inclúense tamén fragmentos de textos de Salvemini. Croce, Carlini...O 29 de abril publica no “Il grido del popolo” un primeiro comentario sobre os acontecementos no imperio ruso, criticando a censura existente sobre os feitos que se estaban a producir, que non permitía coñecer se era unha revolución liberal ou proletaria. En comentarios posteriores cando xa coñece con máis fondura a Lenin, o partido bolxevique e as súas propostas, escrebe dous artigos “Notas sobre a revolución rusa” e “Os maximalistas rusos” nos que afirma: “Sen embargo nós estamos convencidos de que a revolución rusa é, ademais dun feito, un acto proletario e desembocará, naturalmente, no réxime socialista”. E referíndose a Lenin di: “Suscita enerxías que xa non morrerán. El e os seus compañeiros bolxeviques están convencidos de que é posible realiza-lo socialismo en calquera momento”. En Turín máis de corenta mil traballadores acollen ós enviados polo goberno provisorio burgués ruso ó berro de ¡Viva Lenin!. O 23 de agosto fórmanse barricadas e iniciase unha insurrección, co resultado de decenas de mortos e feridos, dando paso a unha forte represión que descabezou ó PSI aínda que non participara. Constitúese un novo comité de 12 membros no que participa Gramsci; era a primeira vez que tiña un cargo de dirección.
O 24 de novembro, cos bolxeviques no poder, publica un artigo na edición nacional de Avanti! “A revolución contra O Capital”, ó que se lle atribúe certo contido idealista. Ö longo de todo o ano seguiu encargado da formación d@s moz@s impartindo seminarios moi diversos, moitas veces ó aire libre. Coñécese que o último día do ano comentaron os “recordos” de Marco Aurelio.

1918. Despois da detención de María Giudice, Gramsci convértese no redactor único e de feito no director do semanario “Il grido del popolo”. Presta moita atención á revolución rusa e publica numerosos textos de bolxeviques e documentos. O último número do semanario aparece o 19 de outubro cunha nota de despedida de Gramsci na que afirmaba haber transformado o semanario “nunha pequena revista de cultura socialista, desenvolvida segundo as doutrinas e a táctica do socialismo revolucionario”. Desde o 5 de decembro só traballará no Avanti!.

1919. Unha vez licenciados do exército, a Gramsci se volven a unir Tasca, Tarracini e Togliatti e acordan publicar un periódico que se atope ó marxe da influenza dos grupos de dirección do PSI, onde se poida informar da nova situación creada en Rusia e da literatura bolxevique, sobre todo da de Lenin. O 1º de maio aparece o primeiro número de L'Ordine Nuovo”. Baixo a cabeceira aparecía o nome de Antonio Gramsci como “secretario de redacción”. Vai investigar sobre o xerme da autoorganización obreira italiana, do mesmo xeito que en Rusia existían os soviets.
Tamén en maio é elixido como membro da Comisión Executiva da sección socialista de Turín.
O 21 de xuño aparece o artigo, en colaboración con Togliatti “Democracia Obreira” que vai ter enorme influenza no movemento obreiro turinés, onde se lanza a idea da formación de Consellos de fábrica.
Hai folgas e manifestacións en solidariedade con Rusia e Hungría e Gramsci é detido por 36 horas. En setembro nacen os primeiros Consellos nas fábricas FIAT. Entre o 5 e o 8 de outubro celébrase en Boloña a xuntanza nacional do PSI, aparecendo tres tendencias a encabezada por Turati, a de Serrati e a de Bordiga, L'Ordine Nuovo” apoiará a segunda. O PSI vota por unanimidade a incorporación á Internacional Comunista. O 3 de decembro, os Consellos de fábrica levan á folga a máis de 120.000 traballador@s.

1920. En febreiro redacta o “Programa de acción da sección socialista de Turín” e a finais de marzo publicase no periódico o manifesto “Polo Congreso dos Consellos de fabrica. A todos os obreiros e campesiños de Italia”. Nesas mesmas datas prodúcese unha folga xeral en Turín, máis de 200.000 traballadores a secundan, a “folga das agullas”, por cuestión de horarios, os traballadores ocupan as fábricas e o 29, os empresarios as pechan o exercito as ocupa e os empresarios néganse a recoñece-los Consellos. Gramsci redacta e se aproba en Turín un documento de 9 puntos, que se titulará “Pola renovación do PSI”, onde criticaba a actitude pasiva do partido, incapaz de orienta-las masas, nun momento de efervescencia do movemento obreiro, esquecendo a liña trazada pola Internacional Comunista; afirmaba a necesidade de renovación para deixar de ser un partido parlamentario pequeno burgués para ser un partido proletario e finalizaba do seguinte xeito: “a fase actual da loita de clases en Italia é a fase que precede á conquista do poder político por parte do proletariado revolucionario(...) ou unha tremenda reacción por parte da clase propietaria e a clase gobernamental...” Anticipaba así a chegada do fascismo.
Neste ano Gramsci terá dous obxectivos fundamentais, crear Consellos en todas as fábricas o que o levará a discutir en numerosos centros de traballo, arrabaldes, etc a súa proposta, e crear grupos de comunistas dentro do PSI. A partires do 1 de setembro os Consellos asumen todos os poderes nas fábricas, pero se pon de manifesto, por parte dos traballadores, da necesidade de rachar co PSI e crear un Partido Comunista. O seguidores de Bordiga se separarán. O movemento dos Consellos non se estendeu polo resto de Italia e o PSI e o sindicato seguiron indiferentes diante do movemento e a finais de outubro o movemento estaba en retroceso. Tamén en outubro celébrase en Milán unha Conferencia onde se fai público o “Manifesto Programático” da facción comunista que asinan entre outros, Bombacci, Bordiga, Gramsci, Terraccini, e Fortichiari. Había dúas posicións a de Bordiga de rachar co PSI e a de Gramsci de cambia-lo PSI desde dentro. Lenin no seu artigo “Falsos discursos sobre a liberdade” vai a apoiar ó primeiro e Gramsci aceptará en decembro esta posición, nun momento no que se desata a ofensiva fascista, contra a esquerda.
O 1 de decembro L'Ordine Nuovo convértese en diario e Gramsci é o director.

1921. Funda xunto con outros compañeiros o “Instituto de Cultura Proletaria”. O 15 de xaneiro comeza en Livorno o Congreso do PSI; a fracción de Serrati, os “comunistas unitarios” gañan a maioría o que leva ós “comunistas puros”de Bordiga, Gramsci, etc a constituir o 21 de mesmo mes no teatro San Marco da cidade o Partido Comunista de Italia. No seu Comité Central ten maioría os seguidores de Bordiga, os do L'Ordine Nuovo contarán con dous representantes, Terraccini e Gramsci. En varios artigos comeza un estudo da composición de clase do fascismo.
Foi derrotada a súa candidatura para a as eleccións de maio e comezou a analizar, fronte a liña oficial do PCI, a posibilidade dunha ditadura fascista ou militar. Combate o anticlericalismo de grandes sectores do proletariado piamontés e tenta entrevistarse con D'Annuncio. Perfílanse as diferencias dentro do PC sobre todo pola cuestión da Fronte Única para opoñerse ó ascenso do fascismo.

1922. En febreiro presenta un informe á asemblea comunista de Turín sobre os principios e a orientación táctica do partido. No II ª Congreso do PCI é nomeado representante do PCI no Executivo da Internacional Comunista; Gramsci considera que a cuestión da “Fronte Única” aprobada pola IC pode ser aplicada no campo sindical pero rexeita as alianzas políticas. Chega a Moscova moi enfermo e a iniciativa de Zinoviev, presidente da IC, é internado nun hospital onde coñece a Julia Schucht, irmá dunha enfermeira, que se converte na súa compañeira. En setembro, por iniciativa de Trotski, redacta unha nota sobre o futurismo italiano. En outubro a á dereita do PSI, liderada por Turati é expulsada do partido. O 28 prodúcese a “marcha sobre Roma” dos fascistas e o día seguinte Mussolini forma goberno e comeza a persecución da esquerda, sés de partidos e sindicatos asaltadas, dirixentes asasinados, detidos e golpeados, o seu irmán Gennaro perdeu un dedo no asalto a “L'Ordine Nuovo” e son pechados numerosos periódicos. Participou no IV Congreso da Internacional Comunista despois dunha estancia de seis meses no sanatorio.
A súa posición sobre a “cuestión italiana” era a de chegar a unha fusión cos membros do PSI partidarios da IC. Formouse unha comisión formada por Gramsci, Scocciomarro e Tasca polo PCI e Serratti e Maffi polos socialistas. A detención de Serratti frustra o intento. Gramsci publica en “Correspondencia Internacional”, o artigo “O goberno de Mussolini

1923. En febreiro a maioría da dirección do PCI é detida e hai orde de detención contra Gramsci; Terracccini encargase de reconstrui-la dirección. Gramsci oponse á crítica que fai Bordiga e outros membros da dirección desde a cárcere, sobre a política da I.C., respecto a unidade co PSI, propondo desligarse da mesma. En xuño o Comité Executivo da Internacional liquida á maioría de Bordiga e designa unha nova dirección que é detida o 21 de setembro. En setembro envía unha carta ó comité executivo do PCI comunicando a iniciativa da Internacional de publicar un periódico en Italia que propón se chame “L'Unita”. Na mesma introduce o tema da alianza do proletariado pobre do norte co campesiñado do sur. En novembro participa na Conferencia dos Balcáns e se acorda que se traslade a Viena para leva-las relacións cos partidos comunistas europeos e estar máis preto de Italia para seguir con atención a crise do PCI. Asina na “Correspondencia Internacional” co alcume de Masci, artigos sobre a situación en Italia e o fascismo.

1924. En Viena vive moi illado, so co contacto co seu secretario Mario Codevilla. Segue con atención as discusións no PCUS antes da morte de Lenin, nunha carta di “Só vin a resolución do C.C., sobre a democracia no partido, pero non vin ningunha outra resolución. Descoñezo o artigo de Trotski e o de Stalin. Non consigo explicarme o ataque deste último, que me pareceu bastante irresponsable e perigoso. Pero cecáis o meu xuízo sexa equivocado polo descoñecemento dos materiais”. En febreiro nunha carta a Togliatti e Terraccini exponlles a súa concepción do partido no marco nacional e internacional e anuncia o seu desexo de traballar por un novo núcleo dirixente comunista, que estivese de acordo cas posicións da Internacional Comunista. Reafirma a súa negativa de asinar-lo chamamento de Bordiga. O 6 de abril é elixido deputado pola circunscrición de Véneto. En maio, amparado na inmunidade parlamentaria, regresa a Italia e participa na I ª Conferencia Nacional celebrada clandestinamente nos arredores de Como. Critica a liña política de Bordiga, pero decátase da creba que hai no partido, cunha dirección que se atopa ó marxe da maioría que segue a Bordiga, despoxado da dirección do partido por unha decisión autoritaria da Internacional. Entra a formar parte do Comité Executivo. En xuño estalou a “crise Matteotti”, a desaparición e asasinato do deputado italiano que produciu un estoupido de violencia contra do fascismo que retrocedeu en todos os campos, ata que a desorganización da oposición, tanto de masas como institucional permitiulle remonta-la crise. Por iniciativa de Gramsci, o titular de L'Unita, o diario comunista foi “Abaixo o goberno dos asasinos”. Os grupos de oposición abandonaron o Parlamento e xuntábanse no Aventino. Pero era unha oposición que abranguía desde comunistas a “filofascistas”, polo que a súa actividade resultou estéril. Gramsci dirá “Grandes verbas pero ningunha vontade de acción: un enorme medo a que nós nos fixéramos ca dirección e, por conseguinte, manobras para obrigarnos a abandona-la xuntanza” En agosto Togliatti substitúe a Gramsci nos labores da Internacional e Gramsci é elixido secretario xeral do PCI; presenta un informe ó Comité Central publicado no “L'Ordine Nuovo” baixo o título “A crise italiana”. Nace en Moscova o seu primeiro fillo, Delio. En setembro reforma a estrutura do partido sobre a base das “células” e participa no Congreso Provincial de Nápoles, presenta o informe en nome do Comité Central e polemiza con Bordiga. Como a represión se ten suavizado, mantén un réxime de xuntanzas por toda Italia moi importante, explicando as súas posición políticas.
En outubro propón en nome do grupo parlamentar comunista, ó Comité das Oposicións, que o Aventino se transformase en Antiparlamento, contra o grupo parlamentar fascista, proposta que foi rexeitada. O 12 de novembro o deputado comunista Luigi Reposi entra na Cámara de deputados onde se conmemoraba o asasinato de Matteotti, só había deputados fascistas e profascistas, sen intimidarse, entre outras cousas dixo “desde que o mundo é mundo, non se permite ós asasinos conmemorar a súa vítima”. Pouco despois os deputados comunistas abandonaban o Aventino e volvían ó Parlamento para levar adiante desde a súa tribuna a batalla contra o fascismo. A partires de decembro, cando un desequilibrado asasina a un deputado fascista, a represión volveu a ser moi dura.

1925. Colabora na creación dunha escola do partido por correspondencia e elabora os textos. En marzo e abril atópase en Moscova para participar na V ª sesión do Executivo ampliado da Internacional. Encóntrase ca súa compañeira e coñece ó seu fillo. En maio intervén na Cámara de Deputados contra a lei de “asociacións secretas” presentada por Mussolini. No mesmo mes no informe presentado ó Comité Central do PCI, introduce o tema da bolxevización do partido e abre o debate sobre o III ª Congreso. En xuño os partidarios de Bordiga forman o “comité de entendemento” dentro do partido e entre os elementos da esquerda. Gramsci combate esta posición. En agosto mantén unha longa entrevista con Bordiga en Nápoles. Elabora xunto a Togliatti as teses para o III º Congreso. Segue a viaxar por todo o país “para disipar equívocos, eliminar prexuízos, clarificar a situación, fixa-las perspectivas, mobilizar homes e organizacións”

1926. En xaneiro celébrase en Lión o III º Congreso do PCI; Gramsci presenta o informe político que é aprobado por unha importante maioría, o 90,8%. A proposta súa iníciase unha campaña de solidariedade ca folga dos mineiros ingleses. O 14 de outubro, en nome do Comité Executivo envía unha carta á dirección do PCUS na que fai referencia ás loitas de tendencias na que Gramsci advirte do perigo de anular “a función dirixente que o PC da URSS conquistara polo pulo de Lenin”. Togliatti non envía ó documento pero informa a Bujarin. A represión desatada polo fascismo obriga ó partido a elaborar un plano para trasladar a Gramsci a Suíza que este rexeita. En agosto nace o seu segundo fillo Giuliano. Tiña previsto intervir no Parlamento contra as leis fascistas que recortaban aínda máis as liberdades. En novembro celébrase unha xuntanza do Comité Executivo na que asiste Humbert-Droz, encargado de explica-las discusións no PCUS entre a maioría Stalin- Bujarin e a minoría Trotski-Kamenev-Zinoviev; cando se dirixía á xuntanza, Gramsci é detido e obrigado a ir a Roma. É desterrado por cinco anos a Illa de Ústica, na mesma tamén se atopaba confinado Bordiga e algúns outros dirixentes. Inician un seminario, Gramsci da clases de historia e literatura e Bordiga sobre ciencia. Piero Sraffa envíalles libros.

1927. Reclamado por un xuíz de Milan o trasladan tardando 19 días en chegar. É internado na prisión de San Vittorio en réxime de illamento. En marzo comunícalle á súa cuñada o seu plano de traballo: unha historia sobre os intelectuais italianos, un estudo sobre lingüística comparada, outro sobre o teatro de Pirandello e un cuarto sobre as novelas de folletín. Este plano o ampliará máis tarde, do que se trataba era de coñecer Italia, a cultura popular, o folclore e o sentido común das clases explotadas, máis tarde cando escriba dirá “subalternas”; coñecer como ese sentido común articúlase ca concepción dos intelectuais e como poden ser ambas transformadas. Permítenlle ler periódicos e recibir oito libros a semana. Recibe a visita de Piero Sraffa e ten frecuentes conversas con Tatiana.

1928. Nomea avogado a Giovanni Ariis. O 28 de maio é xulgado en Roma. Ö chegar é recluído nunha cela con Terraccini e Scoccimarro. No xuízo o fiscal afirma “Durante vinte anos debemos impedir funcionar a este cerebro”. O 4 de xuño é condenado a 20 anos, 4 meses e 5 días de reclusión. O levan a cárcere especial de Turi, Bari. No mes de decembro recibe a visita de Tatiana.

1929. En xaneiro permítenlle escribir na súa cela. Comeza facendo traducións. Con data 8 de febreiro comeza a redactar notas, apuntes, etc.,son os primeiros “Cadernos da Cárcere”. Serán a continuación do seu “Ensaio sobre a cuestión meridional”. O Gramsci dos cadernos móvese entre a historia dos movementos culturais do pasado, critica a filosofía de Benedetto Croce e combate as dexeneracións economicistas, mecanicistas e fatalistas do marxismo. Tenta, entre outros obxectivos, comprender como se formou o estado burgués italiano e que función tiveron os intelectuais neste proceso. Cando o trasladan a Civitavecchia, en novembro de 1933 terá 25 cadernos. Estuda o taylorismo e o fordismo, o americanismo, e a formación e desenvolvemento dos grupos de intelectuais...En xullo pídelle a Tatiana as actas parlamentarias cas discusións sobre o Concordato. En setembro é expulsado do partido Angelo Tasca. A finais de ano, Tatiana trasládase a Turi onde permanecerá ata xullo de 1930. Recibía moi poucas cartas da súa compañeira, o que o enchía de desacougo. A ese silencio chamáballe o “segundo réxime penitenciario”, que Tatiana tentaba aliviar.

1930. En xuño é visitado por Tatiana e o seu irmán Gennaro que lle informa sobre as diferencias existentes no grupo dirixente do partido e da expulsión de Leonetti, Tresso e Revazzoli. En xuño recibe a noticia de que se lle rebaixou a condena en algo máis de 1 ano. En agosto solicita ler os libros de Trotski tra-la súa expulsión da URSS. Tra-la chegada dun grupo de camaradas á cárcere, comeza un ciclo de discusións orgánicas sobre: os intelectuais e o partido, o problema militar e o partido, a constituínte. A Internacional abandonara a táctica da “fronte única”, iniciando a de “clase contra clase” identificando á socialdemocracia como a avanzada da reacción, a teoría do “socialfascismo”; Gramsci non acepta esta viraxe e afondará na política do tempo do “caso Matteotti”, a política da “fronte única”. Nesta viraxe da Internacional reflectíanse as loitas internas no PCUS e a liquidación do bloque de oposición Trotski-Kamenev-Zinoviez por parte de Stalin, que agora enfrontábase co bloque de dereita, Bujarin, antigo aliado, Tomski e Rikov. Diante da reacción dalgúns camaradas, suspende a discusión. Atópase cada vez máis illado politicamente, esta en contra das expulsión e da viraxe da internacional, pero Gennaro para evita-la súa expulsión do partido mente a Togliatti sobre a posición do seu irmán.

1931. En abril, en Alemaña, celébrase o IV º Congreso do PCI. Gramsci subliña a necesidade dunha fase democrática, previa a unha revolución comunista en Italia. En xuño recibe algunhas obras de Marx e un anaco do “Economist” sobre o primeiro Plano Quinquenal na URSS. En agosto sofre unha crise de saúde moi grave. O visita o seu irmán Carlo pero a Sraffa non lle permiten facelo.

1932. O longo do ano agrávase o seu estado de saúde. En novembro redúceselle a condena a 12 anos e 4 meses. Sraffa fai todo o posible para que lle concedan a liberdade provisoria. As autoridades insisten en que Gramsci ten que solicita-la graza, cousa á que se nega.

1933. Tatiana volve a Turi a visitalo e presenta unha instancia para que o atenda un médico de confianza, petición que é aceptada. Morre a súa nai pero non lle din nada. En marzo padece outra crise grave de saúde que lle obriga durante varias semanas a gardar cama, asistido por un camarada de Bolonia, Trombetti. Visitado polo doutor Umberto Arcángeli recomenda que se tramite unha petición de graza, que de novo Gramsci rexeita. No informe especifica “Gramsci non poderá sobrevivir moito tempo nas condicións actuais”. O 18 de abril o visita o inspector sanitario. En maio iníciase unha campaña internacional para liberar a Gramsci e as vítimas do fascismo. En numerosas revistas e publicacións glósase a súa figura. En novembro é trasladado á Clínica Cusumano en Formia, sempre que estivese disposto a pagar a pensión de 120 liras diarias e os gastos das medidas de seguridade. Mentres Gramsci entretén ó garda, Trombetti esconde na equipaxe 21 cadernos. O Tribunal Especial rexeita concederlle a amnistía. É visitado por Tatiana todas as semanas, polo seu irmán Carlo e Piero Sraffa. As condición da súa saúde impídenlle escribir. As medidas de seguridade son moi estritas, un garda na cela e uns vinte polos corredores.

1934. Fora de Italia prosegue a campaña pola súa liberación. Romain Rolland publica un folleto sobre a súa persoa. En marzo escrebe, pensaba que vivía, a súa nai; é a única carta de esa época. En abril presenta unha instancia solicitando o trasladen á clínica para enfermidades nerviosas” ,“Poggio Sereno”, de Fiesole. No mes de outono presenta petición de liberdade condicional acolléndose ó artigo 176 do Código Penal e o 191 do Regulamento carcerario. Acompañado por Tatiana, sae en outono a pasear fora da clínica, pero non tiña forzas para andar e sempre acompañado pola policía. En Roma non lle permitían saír de Formia temendo unha fuga. No período de Formia, 1934-35 remata cinco Cadernos iniciados en Turi e once escritos por enteiro na Clínica Cusumano. Aínda que o seu corpo estaba moi enfermo, refuxiábase no seu vigor intelectual sen deixar de estudar e escribir.

1935. No verán, a causa do esgotamento e da falla de enerxías deixa de traballar, sen poder revisar nin sistematizar o escrito. O 24 de agosto parte para outra clínica, a Quisisana de Roma. O visita o profesor Frugoni, o seu estado era desesperado. Escríbelle a súa compañeira, en novembro, propóndolle que vaia a Roma.

1936. Vólvelle a escribir a Julia o 25 de xaneiro. Sábese por unha carta de Tatiana do 18 de abril que “ O seu corazón esta moi debilitado (...) temo que se converteu xa nun inválido. Sufriu demasiado nestes últimos anos e o seu organismo, demasiado arruinado, non consegue supera-lo estado de esgotamento físico no que caeu. Ademais moitos órganos vitais do seu corpo apenas funcionan”. Aínda que gozaba dunha certa liberdade dentro da clínica, non tentou tomar contacto co partido. Non se coñece iniciativa algunha deste tipo. Só escribía a Julia e os seus fillos afastados.

1937. A condena finalizaba o 21 de abril; pensaba regresar a Sardeña para vivir illado; así llo fixo saber ó seu pai. Morreu o día 27 de abril, tiña 47 anos. Enterrárono o día seguinte, só estiveron presentes Tatiana e Carlo.

En Galicia no mes de abril de 2013


No hay comentarios:

Publicar un comentario