A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 24 de abril de 2013

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDAS (AGE) DEBE CAMBIA-LA SÚA ESTRATEXIA


Carlos Dafonte

Fago estas reflexións despois de asistir a unha charla de ANOVA, un dos alicerces de AGE, na que interveu Xosé Manuel Beiras. Na súa intervención un tanto “soreliana” fixo constantes invocacións á necesidade da autoorganización da xente a redor dos seus problemas cotiás, económicos, laborais, etc, e que AGE actuaría como interlocutor e intermediario diante do Parlamento; explicou a súa evolución que o levou a pactar cunha forza antaño “españolista”, pero partidaria do dereito de autodeterminación, en función do que significa esta crise da que fixo unha caracterización, polo que a contradición principal era máis de clase, que entre “nacionalismo-españolismo”; fixo unha diferencia clara entre a autoorganización a redor dos problemas económicos e a política, que se debe realizar en ANOVA, e ratificouse con moita forza na posición de que AGE non é máis que un grupo parlamentar.
Antes de entrar nos contidos da miña curta intervención na asemblea, a primeira das que se produciron, quero dicir que o tema AGE ocupoume moito tempo en discusións con xente de Galicia e de fora, e sobre todo con xente que a votou e que esperaba que eu fora algo máis flexible nas miñas posicións, pola época do proceso electoral. As declaracións dos seus líderes levaban ó equívoco; dicíase que AGE sería un grupo parlamentar, pero tamén que eran unha forza política anticapitalista o que é contraditorio se o analizamos en profundidade ou unha Fronte Popular.
A miña posición antes do proceso electoral era de que AGE ía ser, no caso de obter deputados, só un grupo parlamentar, fronte a posición de diferentes persoas que atopábanse esperanzados de que AGE, ademais dun grupo parlamentar combativo que establecera unha política de oposición radicalmente distinta a levada por PSOE e BNG, fose o inicio, o alicerce, da necesaria reconstrución da esquerda en Galicia. Que lles facía pensar así?, pois as verbas dos dirixentes de AGE, comezando por Beiras que o 25 de xullo, cando lanzou a proposta falou dunha “fronte popular” ou de Yolanda que dixo de construi-la “Syriza galega” e esta formación grega non é só un grupo parlamentar, é unha organización que traballa na sociedade grega, organizando á xente, que teñen un programa anticapitalista, etc. Eu moito máis cauto, pensaba que era unha alianza de “comenencia”, para tapa-los previsibles malos resultados electorais de EU, nun momento moi favorable, co descrédito dos partidos maioritarios, a crise do BNG, etc e ANOVA, Beiras, que quizais tentaba facerlle paga-lo Bloque os seus desencontros.
Pero despois dos resultados acadados, máis de 200.000 votos, das espectativas creadas, que non entraron nunca nos meus cálculos, como xa escribín neste blog, AGE debe xogar un papel distinto do que Beiras deseñou na devandita charla, que segundo el, é seguir a ser un grupo parlamentar sen máis.
Por iso decidinme a intervir, foi a primeira que se fixo e cunha certa ironía dinlle as grazas polas súas verbas, que confirmaban as miñas previsións sobre o que ía ser AGE, pero tamén lle fixen a consideración que o número extraordinario de votos recibidos, debíalles levar a analizar que AGE debe xogar outro papel máis salientable, organizar politicamente a numerosos sectores e ser o xermolo da reconstrución da esquerda en Galicia, que era o que moitos dos seus votantes esperaban. Non actuar así era unha fraude non só para quen os votou, senón para todos aqueles outros que estaban a espera de que AGE dera pasos adiante.
Contestoume cunha verdade de Perogrullo, que nunca a partires dun grupo parlamentar se podía levar a cabo o que eu esixía, cousa que é certo e por iso lles pedía que cambiasen o rumbo da Alianza Galega de Esquerdas. Do que se trata é de construír unha alternativa, desde o anticapitalismo que din profesar, e superar o papel de intermediario entre unha sociedade que sofre os efectos das políticas neoliberais e as institucións. Facer anticapitalismo desde o parlamento é un exercicio moi limitado, tendo en conta que hai unha forza conservadora que ten a maioría absoluta e outras dúas que nos últimos anos actuaron perfectamente integradas no sistema. A alternativa anticapitalista hai que elaborala na sociedade, ó tempo que organizas politicamente á xente.
Despois da miña intervención producíronse varias máis de colectivos afectados por problemas específicos, e polo menos dúas máis que esixían a creación dunha Fronte Popular ou Fronte de Esquerdas, na mesma liña dos que como eu, ven necesario, urxente, que AGE entre no debate de supera-lo institucionalismo e de xoga-lo papel que a historia deste país lle ten hoxe adxudicado.

En Galicia no mes de abril de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario