Carlos Dafonte
Con este termo denomínase
a acción dun grupo de elector@s, algún é de supoñer dado o número
tan elevado de votos que tivo o PP, que sexan dese partido, realizan
para lembrarlles @s deputad@s
e senador@s, que @s
elector@s existen entre
votación e votación e deben ser tidos en conta cando se vai
lexislar sobre aspectos tan importantes como é neste caso, a lei
hipotecaria da que depende que che quiten a vivenda, sobre todo cando
a Unión Europea considera esta lei como contraria os dereitos da
cidadanía. Unha Lei Hipotecaria de principios do século pasado que
nin PSOE nin PP nestes anos fixeron nada por cambiala e cando algo
fixeron, como no caso do primeiro, foi para axilizar máis os
desafiuzamentos.
A dereita, e estou seguro
que o PSOE de estar na mesma circunstancia reaccionaría do mesmo
xeito que o PP, tenta terxiversa-la situación, considerando un
feito moi grave que os electores se queiran poñer en contacto cos
elixidos para facerlles ver cal é a solución máis xusta ó
problema que centos de miles de cidadáns padecen, por culpa dunha
crise que non xeraron, como pode ser quedar na rúa, sen vivenda e
cargados de débedas para o resto das súas vidas e das dos seus
fillos.
Nestas circunstancias
debíamos de estar a falar do modelo de democracia, da calidade da
que nos dotamos na transición, despois da ditadura, e chegar á
conclusión que un elemento fundamental da mesma debe ser o control
dos elixidos por parte dos electores, cuestión que no estado español
no existe.
A dereita conservadora e
reaccionaria, utiliza esta falta de control para maltratar ó
electorado, mantendo á marxe de toda información e o que é aínda
peor, considérase con capacidade para cambiar radicalmente o
programa presentado nas últimas eleccións e que é un feito normal
sobre o que non debe dar explicación algunha, agás a estulticia de
que non coñecían as contas reais; o PP ten os mecanismos necesarios
para, sen estar no goberno, coñecela realidade da economía
española.
O teño repetido en
numerosas ocasións, desde o meu punto de vista, non son os votos os
que lexitiman a un goberno senón o cumprimento do programa
presentado que é o contrato que establece con quen lle vota e o que
lexitima a súa actividade. O que esta a acontecer no estado nestes
anos, que se agudizou nos meses do PP no cargo, é a ruptura total do
consenso nun sistema que garantía certa dose de convivencia, ó
marxe das tensións que en toda sociedade capitalista, xera a loita
de clases.
A maioría da cidadanía
observa incrédula, pero con un aumento cada vez maior da súa furia,
e nesas circunstancias é difícil ser educado, como aumentando a súa
contribución ás administracións do estado mediante os impostos, a
rebaixa dos seus salarios e pensións, etc., só serve para
desmantelar iso que chamamos salario indirecto, que son os servizos
básicos dos que ata hoxe, aínda moi deficientes respecto a UE-15,
gozaba.
O PP debe comprender,
como se ven poñendo de manifesto desde que a crise se manifestou dun
xeito máis virulento, que a súa actuación, como a do partido da
alternancia, son das causas fundamentais de que o réxime plasmado na
constitución de 1978 teña perdido lexitimidade, para unha parte moi
importante da cidadanía, que cada vez máis o pon en cuestión,
sobre todo por non recoller, as institucións que se someten ó
veredicto das urnas, aquelo que os votantes pensan e que en momentos
tan graves para a maioría da xente, decátanse que non contan
absolutamente para nada para aqueles a quen elixiron, que non teñen
sobre eles o máis mínimo control, e que deputados e senadores
traballan máis en función das necesidades do partido ou de poderes
non democráticos, existentes no estado e en Europa, que das
necesidades de quen os elixe.
Os elixidos deben render
contas diante de quen os elixiu, e o sonsonete de que se non están
de acordo ca súa actuación, que non os voten nas próximas
eleccións, non é propio dun sistema democrático; tampouco o é
comparar os “escraches” ca actitude dos nazis, quen utiliza este
tipo de argumentos amosan un descoñecemento total da historia, tanto
sexan voceiros do PP como os intelectuais orgánicos no que se teñen
convertido moitos periodistas que esquecen o seu labor, que é o de
informar, e adícanse preferentemente á defensa do partido no
goberno.
En primeiro lugar porque
o voto non é un “cheque en branco” que lle das a un partido e
que poida encher co que lle de a gaña, os elixidos teñen a obriga
de cumprir o estipulado no contrato que é o programa presentado, e
en segundo lugar por que os nazis asaltaban arrabaldes obreiros e
xudeus co beneplácito e a complicidade do poder que detentaba a
clase hexemónica, a burguesía industrial e os latifundistas, os
junkers, que eran quen financiaban a súa actividade. Facer esta
comparación é confundir as vítimas cos verdugos Os cargos públicos
do PP non poden ir de vítimas, o son aqueles que por culpa das
medidas por eles tomadas, que non estaban no programa electoral,
quedan sen traballo, se lles rebaixan pensións e salarios e non
poden facer fronte a unha hipoteca, e como consecuencia se quedan sen
casa e cargados de débedas. Os “escraches” son unha especie, e
pido perdón pola comparanza, en política, do “cobrador do frac”,
que lembralle a alguén que ten unha débeda que ten que pagar, e
ningún goberno ten dito polo de agora, que a actuación de esas
empresas fora un delito.
Estou convencido que o PP
ten nas súas mans rematar cos “escraches”, facendo o que é a
súa obriga, que os elixidos do seu partido se comporten
democraticamente e que os deputad@s
e senador@s fagan o que
é o seu deber, facer asembleas polas circunscricións nas que foron
elixidos para escoitar o que os electores e afectados polas medidas
tomadas, lles queiran facer chegar, e que as súas suxestións sexan
tidas en conta. Que deixen de tomar en consideración as dos
poderosos, que é verdadeiramente ó servizo de quen actúan.
Pero un partido
antidemocrático nunca vai facer iso, fronte a máis democracia como
xeito de solucionar os problemas, escollerá a solución de sempre,
máis represión. Lévano no seu “código xenético político”.
En Galicia no mes de
abril de 2013
totalmente de acuerdo con el análisis.
ResponderEliminargracias por tus comentarios que nos ayudan a clarificarnos.