A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 13 de septiembre de 2019

NON SE SUPERA A SITUACIÓN DE CRISE E TODO INDICA QUE ENTRAMOS NUNHA NOVA RECESIÓN


Carlos Dafonte.

O 19 do mes de agosto, nas páxinas económicas do diario “El País”, o analista explicaba un dato que acontecía nos EEUU, ó que lle daba moita importancia como é a “inversión da curva de rendementos”. Nun artigo que publiquei neste blog, hai varios meses, en xunio, falei deste indicador; como é posible que o analista económico de “El País” tardara tanto en publicalo cando había tempo que xa era coñecido?.
Teño a impresión que se intentan ocultar uns datos á opinión pública que anuncian a entrada nunha nova crise económica, que pode chegar a consolidarse nunha nova recesión, cando non fomos na maioría dos centros do capitalismo de supera-la de 2007. Parece como si existise a consigna de “non meter medo” entre os traballadores, pois os centros financeiros, aínda que na teoría neoliberal non exista o concepto de crise dentro do sistema capitalista, son conscientes de que se producen, aínda que non a consideren consubstancial ó sistema, produto sempre dos erros dos gobernos.

Tamén hai que subliñar que a señora Lagarde, á fronte do FMI, que a finais do ano pasado e principios do presente, aceptaba e daba datos, da mala situación na que se atopaba a economía mundial, por exemplo facía seus os informes de dito organismo ”Perspectivas da Economia Mundial” de outubro de 2018; tamén o de xaneiro deste ano “Debilitamento da expansión mundial”, ou o novo informe de abril “Desaceleración do crecemento. Precaria recuperación”. En todos eles admítese a confluencia dunha serie de factores que están levando por mal camiño á economía mundial: tensións comerciais entre China e USA, a perda de pulo das economías da zona euro e Xapón, a preocupación polo brexit e a recesión en Italia. Pero do que debemos ser conscentes é que aínda que todos estes feitos non se produciran, as crises seguirían sucedéndose; o sistema as produce e as necesita para centralizar, concentrar e seguir co proceso de acumulación.
Nembargantes na conferencia do FMI do mes de xuño, prodúcese un cambio na valoración sobre todo na economía dos EEUU que cando a señora Lagarde retorna a Europa para facerse cargo do Banco Central Europeo, insista na boa marcha da economía do EEUU, afirmacións que parecen reducir a posibilidade dunha nova crise. Con independencia deste cambio, cómo é posible que sectores progresistas europeos lle den o voto a esta persoa?
A realidade que temos na U.Europea, despois falaremos dalgúns datos obxectivos dos USA, a Alemaña pode caer en recesión no terceiro trimestre deste ano crecendo, segundo todas as expectativas un -0,1 %, o que consolidaría os mesmos datos dos dous trimestres anteriores, sobre todo pola queda da industria automotriz. Neste senso se está a preparar unha inxección de 50.000 millóns de euros na súa economía para dinamiza-la, habida conta que teñen unha débeda pública do 50 % do PIB; aínda que 50.000millóns é unha enorme cantidade, non excedería o 60 % de débeda respecto ó PIB, que ten establecida a UE.
Italia non medrou no segundo trimestre nin se espera que o faga no actual e segue en recesión, polo que ca sombra do “Brexit duro”, a marcha vacilante doutras economías da zona, e o enfrontamento comercial USA-China, obriga a que o Banco Central Europeo na súa xuntanza de mediados de setembro, posiblemente aprobe un “Plan de Estímulos” para a economía da UE; veremos en que consiste o mesmo.

Son os EEUU esa economía forte á que felicita a señora Lagarde?
Nun estudio elaborado por Caputo e Galarce, se rebate esta idea que parte da Conferencia do FMI na reunión anual sobre a economía dos EEUU. Os datos que utilizan os sacan do departamento de Comercio dos EEUU.
En primeiro lugar en xuño pensábase nun acordo comercial China-EEUU, que non se deu, os últimos datos amosan o contrario; en segundo aplican a formula alxebraica fundamental na Macroeconomía, P= C+I+Gg+ (X-M), onde P é o PIB, C consumo familias, I investimentos empresas, Gg Gastos Goberno, X exportacións e M importacións. Pois ben utilizando os datos do Departamento de Comercio sinalan qie as taxas de consumo e investimentos das empresas minguaron nos últimos trimestres; tanto do consumo de bens como o de ben durables, cuxa taxa mingua no primeiro trimestre do presente ano un -4,6 %. O mesmo acontece co crecemento do Investimento que nun ano, caeu do 8 % ó 1 % tamén no primeiro trimestre do ano en curso. O investimento das empresas mingua do 11,5 % ó 2,3% e especificando máis en edificios, estruturas e habitacional, nos dous primeiros conceptos o fan do 13,9 % ó 1 %.
No mencionado informe aclaran que o crecemento do 3,1 % dos EEUU no primeiro trimestre do 2019 débese dun xeito enganoso, ós inventarios das empresas, os gastos do Goberno e ó gasto persoal en servizos; pero o Consumo e o Investimento das empresas, caeu dun xeito notable e iso é o máis importante.
Por outra banda, tamén dan datos oficiais das ganancias da industria manufactureira, tanto de maquinaria como de computadores e produtos electrónicos, onde as perdas de beneficios son moi considerables, así como na produción de equipos eléctricos e electrodomésticos e a automotriz, onde se producen tamén perdas en todo o ano 2018 e principios do 2019.
Polo tanto a que se considera a primeira economía mundial, segundo os seus propios datos, non camiña co paso tan firma como para recibir a felicitación da señora Lagarde. Se a isto lle unimos algúns dos sinalados máis arriba neste artigo e a mingua no crecemento de China, atopámonos cun horizonte económico moi incerto.
Neste país parece, que nada de todo isto nos importa; seguimos co “sonsonete” da formación dun goberno “progresista” ou dun goberno de recortes e austeridade, cando isa vai ser a saída de cumprirse os augurios económicos. Hai meses, as pasadas elección tamén deberon servir para falar de economía, pero sempre pareceume houbo unha “conxura” para que non se fixera; agora, o que tíñamos que estar a discutir é o panorama económico do estado español, cunha débeda de preto do 100% do PIB, posiblemente se atope por enriba do mesmo, a situación dos servizos básicos cos recortes que se teñen producido e como facer fronte ó horizonte económico mundial que se aveciña. É nese panorama, de posible agudización da crise e recesión económica, é onde se teñen que distinguir as políticas de esquerda das neoliberais; as que defendan @s traballador@s, das que defenden á oligarquía e a outros sectores da burguesía.
Os que din criticar ó Psoe e rexeita-las súas políticas económicas de carácter neoliberal, teñen a obriga de poñer sobre a mesa esta situación económica mundial, a estatal e o “Plano de Estabilidade Económico e Financeiro” presentado polo partido que controla o Goberno en funcións, na Unión Euopea. Todo o demais son “augas de fregar”. Si goberno de coalición, si goberno do Psoe co apoio de UP, si goberno de cooperación...Falemos de como enfrontarnos ó que se nos ven enriba; non nos esquezamos do “aterraxe suave” da economía española, da época de Rodriguez Zapatero, cando non tiveron máis remedios que aceptar que nos atopábamos en plena crise; primeiro negárona, e a grande maioría, por non dicir a totalidade dos economistas que aparecían nos medios, afirmaban se ía producir o “aterraxe suave”, grazas as medidas que se estaban a tomar. Pois ben a aterraxe foi como todos coñecemos, de suave nada respecto @s traballador@s e @s traballador@s sufriron sobre as súas costas o intento de superala, mentres os capitalistas na maioría dos casos foron resgatados.
Contamos cos instrumentos políticos e orgánicos para facerlle fronte a esta nova agresión?.

En Galicia no mes de setembro de 2019.

No hay comentarios:

Publicar un comentario