A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 5 de septiembre de 2019

INCÉNDIOS NA AMAZONÍA. SOCIALISMO OU BARBARIE.

Roberto Laxe

O chamado pulmón do mundo, a Amazonia, ardendo para beneficiar aos capitalistas, principalmente ianquis, aínda que non esquezamos o proxecto de China de atravesa-la con vías de comunicación. O outro pulmón do mundo, Siberia, leva ardendo semanas; mentres, rexístran-se temperaturas marca en Groenlandia e Alaska, e Rusia convértese no primeiro produtor de petroleo no Ártico (botou unha central nuclear ambulante nun barco).
O lume está a ser utilizada como substitutivo da guerra para a destrución de forzas produtivas, a natureza, ao servizo de que o capitalismo salga da crise como sexa, e á conta do que sexa. Nada novo baixo o sol, o capitalismo "naceu a sangue e lume" dixo Marx, e leva camiño de morrer da mesma maneira... Só que arrastrando á humanidade tras el: pondo á fronte de estados imperialistas como EE UU ou Italia e en semicolonias como Brasil, a verdadeiros descerebrados. Porque só uns descerebrados poden dicir o que eses sres din para justificarse.


As contradicións interimperialistas: o “capitalismo verde” europeo
A loita polo control do mercado mundial entre as potencias imperialistas xa conduciu ao mundo á barbarie, na II Guerra Mundial; aquela de os campos de exterminio, bombas atómicas e bombardeos masivos sobre poboación civil, que provocou a morte de máis de 50 millóns de seres humanos. Agora enfrontamos unha versión corrixida e aumentada do que foi a II Guerra, só que sen guerra declarada, con "formas" democráticas; déixannos votar cada catro anos aos descerebrados que van rematar a tarefa de destruír o mundo. Pero son como Groucho Marx e a "máis madeira, é a guerra", que cando se quixo dar conta non quedaba tren que queimar.
O imperialismo europeo quere aproveitar esta crise para recolocarse no concerto de potencias; a guerra comercial chinés estadounidense puxéraa á marxe da resolución da crise do capitalismo. Así, Macron, como bo francés, toma a iniciativa política, enfróntase Bolsonaro chamándolle mentireiro e quere que o G7 discuta a situación Brasileira; pola súa banda Merkel, como boa alemá, xa anuncia sancións económicas a Brasil. Pero non nos confundamos, o “capitalismo verde” europeo non é a solución de nada; só buscan unha Europa limpa, mentres enchen África de residuos tóxicos, de “guerras baixo bandeira allea”, polos recursos minerais, o que está a provocar a outra gran crise social deste comezo do século XXI, a dos refuxiados, convertendo o Mediterráneo nunha gran fosa común.
O “capitalismo verde” europeo baséase, primeiro en “limpar” o Vello Continente de industria contaminante, para deslocaliza-la a países semicoloniales, como está a facer Alcoa co peche e venda de fábricas, mentres abre as súas seccións máis contaminantes en países onde o control é inexistente, como Arabia Saudita. A outra gran pata do “capitalismo verde” europeo é, no seu nome, a destrución das conquistas obreiras e sociais dos anos da postguerra, a través de reformas laborais e privatizacións de pensións, sanidade, educación e demais servizos sociais; substituindo o papel do estado neles pola iniciativa privada progresista, canalizada a través da ONGs, o chamado “ativismo social” ou a economía colaborativa.
O “capitalismo verde” europeo só é outra versión, adornada, da vella explotación da clase obreira e saqueo das riquezas do mundo. Seica o imperialismo e o colonialismo capitalista non é un invento europeo? Non foron Gran Bretaña e Francia as que se repartiron o mundo no século XIX, como antes fixesen Castela e Portugal?. Non foron as ansias de expansión de Alemaña as que provocaron a I e a II guerra mundial?. Por iso, non podemos esperar nada dos Macron, Merkel, Sanchez ou Salvini, que non sexa outra maneira, máis “europea” do mesmo imperialismo capitalista que está no fondo do desastre da Amazonia.

O centro da resposta: a mocidade
Eles din que xa expiaron os pecados que lles levaron a esas políticas; pero iso é falso, a realidade da política ante os refuxiados demostra que seguen sendo os “lobos” colonialistas do pasado pero con “pel de ovella”, e con iso queren confundir aos sectores da poboación, sobre todo á mocidade, que se está levantando contra “a crónica dun desastre anunciado” que é o cambio climático.
Uns sectores que non coñeceron outra sociedade que a capitalista neoliberal, a que xurdiu tras a disolución da URSS, a restauración do capitalismo nos estados do chamado “socialismo real” e o descubrimento de que tras o Muro de Berlín non había socialismo, nin “real” nin “irreal”. E nunha pirueta da historia (“farsa” chamara-lle Marx), estes sectores sociais, incluídas moitos pertencentes á clase obreira máis precarizada (a moza), teñen que romper. “outra vez”, coas ataduras da burguesía.
No século XIX o movemento obreiro se desgabou dos sectores liberais da burguesía; dos partidos liberais, republicanos, etc., da pequena burguesía democrática herdeiros da loita contra o feudalismo, xurdiron os movementos obreiros que constituían a súa á esquerda. Hoxe a dirección política da clase obreira en case todo o mundo é, de novo e tras o desastre do stalinismo asociado ao “socialismo”, a pequena burguesía democrática, agora disfrazada coas roupaxes dos movementos sociais (ecoloxismo, feminismo, independentismo,...).
Recollendo a profunda preocupación social, e a resposta que se está dando ante os desastres do capitalismo nas suas variadas formas, incendios, feminicidios, saqueos de riquezas, éxodos masivos de poboación, etc., estas organizacións da pequena burguesía non se saen dos marcos do capitalismo; e para iso ponlle un apelido. Nunca falan do capitalismo imperialista como causa central deles, senón de “capitalismo salvaxe”, coma se fose posible un capitalismo sen “salvaxismo”, capitalismo “neoliberal”, coma se un capitalismo non “neoliberal”, fora respectuoso cos dereitos sociais e políticos da poboación.
Se estes sectores da mocidade que rexeitan o desastre que se aveciña, non rompen abertamente con estas direccións, a súa loita será reabsorvida polo sistema capitalista, e todo quedará en “un soño dunha noite de verán”. Non é a primeira nin a última vez que isto sucede; toda loita social democrática que non se engarza á loita contra o capitalismo e polo socialismo, termina alimentando o “discurso politicamente correto” do sistema, de reacción democrática; integrándoo a través de ONGs, Observatorios contra..., e institucións varias, que desactivan todo o seu potencial revolucionario

Estamos a chegar ao limite do capitalismo?
O que sucede en Brasil non só responde a unha causa, non só é a agroganderia a que está detrás dos incêndios, está a megamineria, está a política forestal, está a construción de infraestruturas como a prevista por China; están en fin, as contradicións intercapitalistas entre as grandes potencias, onde a EE UU queren retomar a hexemonía absoluta (“America First”) que tivo durante décadas, e está a perder ante os seus competidores, China e a UE, fundamentalmente.
Tras o que sucede en Brasil, como na selva Indonesia, como Siberia ou os incendios que recorrentemente prodúcense en Galiza, está o capitalismo como modo de produción esgotado. En 1936 Trotski afirmou que as forzas produtivas xa non se desenvolvían máis; o capitalismo precisou unha devastación masiva, a II Guerra, para libera-las das ataduras do pasado. Asi, durante 30 ou 40 anos, tras esa destrución masiva de forzas produtivas (60 millóns de mortos), liberáronas para coñecer unha nova “época de desenvolvemento”; foron os anos do Estado do Benestar.
Esta época tocou ao seu fin nos anos 70 do século XX, cando comezou o desmonte de todo o conquistado nos 40/50/60. Hoxe estamos a vivir o prologo dese período; xa non hai máis que desmontar - só restos do Estado do Benestar en Europa-, e o capitalismo chegou a un tope difícil de resolver.
Parafraseando a Trotski, as Forzas Produtivas que xeraban máis riqueza social non só deixaron de desenvolverse, senón que se transformaron no que Marx chamou Forzas Destrutivas, aquelas que co seu uso non incrementan a riqueza social, senón que a destrúe. Os desenvolvementos tecnolóxicos que no pasado xeraban un salto social adiante, a pesar da propiedade privada dos medios de produción e distribución, hoxe eses mesmos desenvolvementos convértense en inimigos da sociedade: a ansia de enriquecemento dos propietarios dos medios de produción, distribución e financeiros, lévalles a desatar unha verdadeira guerra social contra todo e todos. Os “bolsonaros”, a súa estupidez, ignorancia e brutalidade, son o vehiculo perfecto para levar adiante esta guerra social.

O socialismo como única alternativa
Nesta situación, o disxuntiva "socialismo ou barbarie capitalista" está a deixar de ser unha frase feita, para converterse nun feito da realidade. Pero non o “socialismo” burocrático stalinista, que non era tal (socialismo e burocracia é un oximorón), só era un réxime transitorio que baixo o dominio dos intereses e as necesidades da burocracia significaba unha volta ao capitalismo, como así sucedeu; senón o socialismo revolucionario que se comezou a construír en outubro de 1917.
Tampouco é unha volta atrás das situacións sociais que nos trouxeron a esta situación, como venden desde sectores da esquerda que renunciou nos feitos á loita polo socialismo, aínda que se adornen como queiran. Non é unha volta aos “mercados de proximidade”, porque iso foi o que deu orixe ao capitalismo; as feiras e mercados medievais dos burgos / cidades, que eran os “mercados de proximidade”, foron os lugares onde comerciantes e agricultores comezaron a formarse como clase social, como clase burguesa.
O problema non é individual, nin de “proximidade” nin “distancia”, senón o modo social de producir e distribuír as riquezas xeradas pola sociedade, das que se apropia unha minoría que determina que se produce e que non, e que necesidades cóbrense e cales non; todo baixo o criterio do beneficio capitalista. Mirar para o pasado como alternativa, un pasado tamén baseado na propiedade privada e que só deu fames negras e peste, é unha declaración de principios de derrota e impotencia para cambiar a sociedade.
Daqueles barros estes lodos; así que non repitamos a historia, superemo-la. O mercado, por definición, é inxusto, porque para que alguén gañe outro ten que perder, en diñeiro, calidade ou o que sexa, o que non significa nin un milímetro de avance social. Dalgunha maneira é a versión de esquerdas, progresista, dese revival medievalista na cultura; os “mercados de proximidade”, “km. 0”, son os novos mercados medievais dos “xogos de tronos” actuais. É a pequena burguesía intelectual, á que o Muro de Berlín caéuselle na cabeza, a que máis axita leste regreso ao pasado, á proximidade, á pequena produción,... Coma se o mercado mundial actual orixe do problema climático non xurdise dos pequenos mercados de proximidade da Idade Media.
Superar o pasado significa loitar por un socialismo que se base nas necesidades sociais, non nos dunha clase depredadora como a burguesía, ou unha caste parasitaria como a burocracia, e, por tanto, na planificación democrática da economía nun camiño de dobre circulación; planifícase en función do conxunto da sociedade, que se basea nas decisións adoptadas desde a base.
Atrasar as manillas do reloxo ademais de reaccionario é imposible. O tempo pasa, as formas de producir e distribuír a riqueza xerada por unha sociedade do pasado pode ser un exemplo do que aprender, pero non para repetilo, senón para supera-lo. O capitalismo deu grandes cousas ao desenvolvemento humano: só un exemplo, a esperanza de vida nos modos de produción previos non pasaba dos 45 anos, hoxe está nos 75/80; isto, guste ou non, é un síntoma dun gran avance social.
Pero o capitalismo, como todo é histórico; é dicir, ten un comezo, crecemento, desenvolvemento, decadencia e fin. Hoxe estamos na decadencia camiño do fin, os incendios de Brasil ou Siberia, os feminicidios, o aumento da explotación da clase obreira a niveis do século XIX, o éxodo de poboacións enteiras, son os síntomas do seu esgotamento; é hora de abrir as portas e xanelas, que entre aire fresco, renovar de arriba abaixo a sociedade. Botar aos que coa súa ignorancia e brutalidade están a levar ao limite o que é obvio para todos é unha necesidade histórica; pero non quedemos aí.
Da mesma maneira que non serve de nada mirar para os “mercados medievais de proximidade”, non serve de nada mirar para aqueles capitalistas “verdes”, “democráticos”, que se adornen coas plumas que queiran, pero que no fondo defenden as condicións que dan orixe ao que está a suceder en Brasil, as relacións sociais de produción capitalistas.

O inimigo do meu inimigo non é o meu amigo
Macron, Merkel, Sanchez,... poderán aparecer enfrontados aos Bolsonaros, Trump ou Salvinis, pero é pura fachada. A crise do Open Arms demostrou como a política de Sanchez é prima irmá da de Salvini, cunha soa diferenza formal, Salvini di o que fai ou vai facer; Sanchez non di o que fai, faio e punto.
Poden aparentar que Macron e Merkel repudían a Bolsonaro, mas, se así fóra xa estarían a promover ataques aéreos contra Brasil por crimes de lesa humanidade (queimar o pulmón do que depende a humanidade é deixar en mantillas o xenocidio nazi); estarían a promover a súa dimisión, bloqueando o país, posto que teñen capacidade para facelo. Pero non, o único que fan é axitar un pouco a árbore para ver se cede, e dúas, para canalizar o malestar social que se está xerando, sobre a máxima do “inimigo do meu inimigo é o meu amigo”. Están sobre actuando para conservar o bosque capitalista, que para iso son representantes de burguesías expertas en enfrontar guerras e revolucións.
Por todo iso para a clase obreira e todos os sectores sociais que se levantan contra estes descerebrados, “os inimigos” dos Bolsonaros varios non son os seus “amigos” nin ocasionalmente. Á vez que Macron chama “mentireiro” a Bolsonaro, non deixan de destruír as raíces das conquistas sociais en Europa, manteñen as súas políticas respecto de África e os refuxiados,... é, como digo, unha sobre actuación para desactivar o conflito social.
A clase obreira é a primeira interesada en que os desastres ecolóxicos como os incendios en Brasil, resólvanse nun sentido progresivo. Da mesma maneira que nunha fábrica altamente contaminante os primeiros prexudicados son os mesmos traballadores da fábrica, posto que están en contacto diario coa produción, na sociedade son os barrios obreiros e populares os que sofren o día a día da contaminación e das consecuencias económicas que poidan ter. Os barrios ricos adoitan tender normas urbanísticas que nin de lonxe soñan os habitantes dos barrios obreiros desas mesmas cidades.
Por iso a clase obreira non ten ningún interese real en manter estas relacións de produción que lles prexudica, primeiro como asalariados / as para un patrón que os explota, e segundo, en que ese mesmo patrón contamínaos como cidadáns.
Subxetivamente un traballador pode sentirse unido ao empresario que o explota, porque na súa cabeza e froito da educación social (ao que colaboran os economistas progresistas) aparece o capitalista/ empresa como os que xeran riqueza. Nada máis falso que isto; a riqueza non sae das contabilidades das empresas como o diñeiro non o dá os caixeiros; a riqueza, como o diñeiro, sae do traballo produtivo humano, e son os traballadores / as asalariados os que coa súa forza xérana.
Cando a clase obreira toma conciencia deste feito, rompe o seu “alianza” co capital e convértense no suxeito social fundamental -non único- para enfrontar as relacións sociais de produción que están detrás dos incendios en Brasil, o capitalismo, e os seus representantes políticos, os Bolsonaros, os Trump, tamén os “inimigos dos seus inimigos”. Isto ponlles ante unha necesidade: construír unha alternativa social ao capitalismo, sexa a súa forma “depredadora” sexa a súa forma “verde”, que non pode ser outra que a defensa do común, implicando nesta loita ao “común” da sociedade oprimida e explotada.
E, cal é o substantivo que define “a defensa do común”, senón comunista? Este é o único programa que pode enfrontar a “barbárie” á que nos conduce o capitalismo na súa decadencia.
En Galiza no mes de setembro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario