A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 27 de agosto de 2019

A EXISTENCIA DE DÚAS CADEAS IMPERIALISTAS E A POSIBILIDADE DUN CONFLICTO ARMADO.


Carlos Dafonte.

Despois da queda da URSS como unha das potencias hexemónicas, despois do seu desmembramento en diferentes estados e da restauración do capitalismo e dos preceptos neoliberais na súa economía, os USA tentaron apropiarse de Eurasia a rexión segundo Brzezinski, un dos ideólogos norteamericanos con maior influenza, que afirmou que quen queira domina-lo planeta, ten que dominar a rexión.
Os USA, para ise obxectivo, tiñan como aliados, no borde europeo da rexión, a países sometidos pola antiga URSS dende o final da IIª guerra mundial e agora inimigos declarados e temerosos da Rusia actual, e a U.E. con Alemaña, Francia e o Reino Unido como potencias importantes, e no outro borde a Xapón, Taiwan e Corea do Sur, pezas todas elas esenciais para o dominio da rexión.

Parece imposible que tan bo estratego non considerase a China, cando que escribiu “O grande taboleiro mundial”, como un posible competidor dos USA, xa que o seu poder o vía a moi longo prazo.
Outros analistas políticos como Emmanuel Todd, que analizaba xa no 2002 a fraxilidade do imperialismo americano, afirmaba como elementos claves dise proceso, o “regreso de Rusia” e a “emancipación de Europa”; tampouco lle daba importancia a China.
Co transcurso dos anos o que observei foi que despois da restauración do capitalismo en China, é un elemento obxectivo que non se pode negar por moito PC que dirixa o país, iniciouse a penetración do seu capital en todos os currunchos de mundo, o crecemento constante da súa economía, a creación de numerosos monopolios estatais, toda unha cadea de tratados bilaterais e multilaterais que foi asinando con diferentes países, a sús entrada na Organización Mundial de Comercio, a deslocalización de grandes empresas transnacionais ó seu territorio, os seus avances tecnolóxicos, a nula participación das súas forzas armadas en todas estas aventuras comerciais e económicas e a invitación dende o PC a entrar no mesmo, a todos os sectores burgueses que se foron formando nestes anos. Tampouco hai que esquecer ó conxunto de países que se coñecen como BRICS, é dicir, Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, que formularon toda unha serie de políticas económicas e obxectivos.
O capital chino en principio, non parece necesitar para a sua expansión da utilización das súas forzas armadas ó contrario do imperialismo dos USA que ten o planeta sementado de bases militares, para salvagarda-los intereses das súas empresas. De China só coñezo a base naval de Djibuti.
Non estará de máis lembrar os rasgos definitorios do imperialismo; segundo Lenin na súa obra “O imperialismo fase superior do capitalismo”, obra aberta escrita antes da revolución do ano 1917, que completou nalgúns aspectos no “Estado e a Revolución”, por exemplo o tema do “capital monopolista de estado”, se caracteriza, en primeiro lugar, pola concentración da produción e o capital chegando a un grao tan elevado de desenvolvemento que desemboca na creación dos monopolios que xogarán un papel decisivo na vida económica; en segundo a fusión do capital bancario co industrial e sobre a base deste capital financeiro a aparición da oligarquía financeira; en terceiro a exportación de capitais; a creación a nivel internacional de asociacións de capitalistas monopolistas, que compiten entre eles e se reparten o planeta; unha vez repartido a loita por facerse con aquelas partes que dominan potencias imperialistas determinadas. Pero unha advertencia, non hai que entende-lo imperialismo como unha política do capitalismo, senón como unha fase, un grao da economía.

China á conquista do planeta.
No ano 2000 creouse o “Foro de Cooperación China-África”; no 2013 o comercio entre ámbolos dous espazos, superou os 200.000 millóns de dólares, maior que o que se leva a cabo ca UE ou os EEUU. No Foro celebrado no 2015 algúns dos cretos dados por China, foron ceibos de interese.
Si miramos o investimento en América Latina, segundo o Banco Mundial, no 2010 acadou os 31.720 millóns de dólares cifra que no 2016 era de 113.662 millóns.
Segundo a revista “Foreing Affairs”, no ano 2015 o intercambio comercial entre China con América Latina e o Caribe superou os 500.000 millóns de dólares e os investimentos chinos para os próximos 10 anos se consideran de 250.000 millóns.
Este é un proceso con moitas facianas, que inflúe dun xeito moi importante nas economías de diferentes estados, pois ó final, teñen que devolve-la débeda, na maioría dos casos con intereses, ou como me explicou unha militante brasileira de esquerdas, “si elaboramos, que é o que estamos a facer, unha parte moi importante do papel hixiénico de China, temos que levar a cabo un proceso de deforestación criminal”.
A todo este proceso, moi complexo, amplo, e aquí só esbozado, lle chamei ”imperialismo de baixa intensidade”, que ó meu entender, forma unha nova cadea imperialista, onde hai elos fortes, China o que máis, e outros máis febles, moitos que acabarán convertidos en colonias ou semicolonias. Prodúcese, ademais, un enfrontamento por conquistar os elos da outra cadea.
Hai uns anos a un conferenciante que falaba sobre China lle espetei esa teoría, díxome que estaba tolo, que era tanto como dicir que Cuba era tamén imperialista porque fora unha aliada de China; non, lle dixen, corre o perigo de converterse nunha colonia chinesa, como todos os países que teñen relación de inferioridade, intercambios desiguais, cunha grande potencia que exporta capitais e obriga a mercar determinados produtos. Xa o Che Guevara denunciara no seu célebre discurso de Alxeria, a actitude da URSS como imperialista, nas relacións económicas con países nos que tiña influenza.
Por lo tanto ise é o meu criterio á hora de analizar as relacións entre Usa e China, como dúas cadeas imperialistas enfrontadas, que buscan a hexemonía planetaria, o que para moit@s analistas pode levar a un enfrontamento de carácter militar.
Descoñezo en profundidade, aínda que pense que segue a ser así, que o nivel de armamento actual, que debía rebaixarse por parte de todas as potencias nucleares, pode seguir a ser un elemento disuasorio que evite un enfrontamento armado directo; pero iso non vai evitar enfrontamentos políticos e nalgún momento militares, levados a cabo en países intermedios, entre as grandes potencias.
O que podemos destacar, é que a resposta á crise actual do capitalismo e as dificultades do imperialismo dos USA para seguir exercendo o seu dominio planetario, segue a ser a mesma desde hai anos, a agresividade militar contra determinados pobos, seudogolpes de estado e peche das fronteiras e medidas de carácter proteccionista, imposicións de aranceis, sancións económicas, etc.; lembrémonos que cando lles interesou puxeron fin ó “patrón ouro”.
A resposta a esta situación da outra cadea imperialista, a liderada por China, é unha proposta construtiva, capaz de mellora-la economía, o comercio e as relacións políticas entre estados como é a chamada “Unha franxa, unha ruta” máis coñecida como a “nova ruta da seda”, lanzada polo presidente Xi Jimping no ano 2013, que de levarse a cabo, beneficiosa pra China, aberta a participación doutros países imperialistas, axudaría ó desenvolvemento de áreas que xeran o 55% do PIB mundial, onde vive o 70% da poboación do planeta e o 75 % das reservas de enerxía coñecidas.
China para levar adiante este macro proxecto, compromete o gasto de 1,4 billóns de $, e a creación de bancos e determinadas axencias, para financiar toda unha serie de megaproxectos, que situarían a China no centro do mundo para o ano 2049, centenario da toma do poder por parte do PC e o inicio dunha nova era no país e onde participan xa, importantes países imperialistas ligados ós USA.
O capitalismo atópase necesitado da creación de novas forzas produtivas que permitan seguir co proceso de acumulación, tan importantes como foron a creación da máquina de vapor ca conseguinte revolución industrial que desencadeou, a electricidade, ou a das “novas tecnoloxías” que teño a impresión, non da máis de si; ademais non produce riqueza nin traballo.
Este proxecto a medio-longo prazo pode ser un estimulador moi importante para unha nova revolución industrial, baseada nos medios de transporte e novas vías de comunicación, por exemplo, sempre que as dúas cadeas imperialistas acepten colaborar e evita-lo enfrontamento. Cousa moi dubidosa cuns EEUU dirixidos por un grupo, cun presidente tan torpe, cuxa decadencia a quere solucionar constantemente ca guerra, Venezuela, Siria, Irán, étc e entorpecer, ise é o seu obxectivo, en principio o desenvolvemento deste proxecto chinés.
Irán, dentro do mesmo, será unha importante peza o mesmo que o antigo aliado dos USA, a República Islámica de Pakistán, que se converte para China nun lugar moi importante dentro do proxecto; xa comezou a construción do “Corredor económico China-Pakistán” de aproximadamente 3.000 km, no que China leva investidos preto de 57.000 millóns, que pretende conecta-lo porto Gwdra, no suroeste de Pakistán, ca rexión autónoma de Xinjiang, no noroeste de China. Este corredor consta de condutos para o gas e petróleo, unha enorme rede de camiños de ferro e autovías. Pakistán foi un aliado estratéxico dos USA, potencia nuclear e enfrontado á India, polo tema de Cachemira, por onde vai pasa-lo “Corredor”. A resposta India, aliada de Rusia no seu enfrontamento con Pakistán, a este acordo non se fixo esperar, un acordo con Vietnam para rearma-lo país, acto que seguramente non lle agradou a China. Esto é un exemplo da importancia do proxecto da “nova roua da seda”, que pode modificar antigas alianzas, crear outras novas e modificar todo o plano xeoestratéxico desta enorme zona.
De levarse adiante ca colaboración da maioría dos países capitalistas, poderíase abrir un novo período parecido ó que se viviu despois da II ª Guerra Mundial, onde os traballadores dos países máis avanzados grazas a súa forza e o desprestixio do capitalismo, recibiron nos países do centro do sistema, unha parte cativa, pero unha parte, da riqueza producida.
Pero hai tamén que considerar que as contradicións entre os países capitalistas, a propia anarquía do sistema, as crise que xeran cada certo tempo, as levaron sempre ó enfrontamento militar. Hoxe desaparecida a URSS como grande potencia militar e “portadora”, aínda que na realidade non fora así, dun proxecto de sociedade distinto ó capitalista e exemplo para grandes masas de traballador@s, de sociedade alternativa, levou ás potencias imperialistas axudadas tamén pola consolidación dos USA como potencia global, a agruparse, foran vencedores ou vencidos, a redor da dicotomía capitalismo-socialismo e facer concesións, como xa apuntei, na casa propia, ó movemento obreiro e a esquerda; seguir loitando entre eles de existi-la URSS e unha esquerda comunista poderosa organizada entre outras circunstancias, permitiu ise período de “paz” e de “reparto da riqueza”, que xestionou o neokeynesianismo, a antiga socialdemocracia.
Hoxe non existe a URSS, o socialismo como alternativa ó capitalismo, atópase desprestixiado, o enfrontamento militar, como nos tempos da “guerra fría”, só o pode parar o medo a ser esnaquizado polo adversario; pero hai que recoñecer, que a crise económica e a queda da confianza nas institucións derivada da mesma, fai que o nacionalismo burgués teña gañadas a importantes masas en determinados países, o que pode significar que amplos sectores da poboación en cada país, apoien aventuras militares.
A esquerda despois da derrota histórica que significou a desaparición da URSS, non ten hoxe nos países imperialistas a forza suficiente, nin as condicións obxectivas son as mesmas, para exixir un reparto máis equitativo da riqueza que se poda producir co novo mega proxecto.
Polo tanto, desaparecidas as sociedades chamemos de “transición”, cales son as perspectivas do socialismo?. Hai xa moitos anos, dous revolucionarios soviéticos Lenin e Bujarin, pouco antes da revolución do ano 17, escribiron dous libros sobre o imperialismo e os monopolios e aínda que coincidían en moitos aspectos do tema, produciuse unha diferencia moi importante; mentres Bujarin facía desaparecer as contradicións internas dentro dos países capitalistas e consideraba a chegada do socialismo como produto da guerra entre os imperialistas, Lenin seguía a considerar as propias contradicións internas entre o capital monopolista de estado e o resto, como o elemento fundamental para acada-lo socialismo. Estaría ben, que cavilásemos e léramos sobre o que naqueles momentos escribiron os dirixentes bolxeviques.
As forzas políticas progresistas e o pouco que fica da esquerda no centro do sistema, teñen abandonado a loita pola paz, contra os organismos que representan a guerra, a OTAN e contra as bases militares que se asentan en numerosos países do planeta, o que axuda a este clima de enfrontamento interimperialista.
Do anterior, debe sacarse a conclusión da necesidade de iniciar campañas pola paz, contra os organismos militares, contra as bases e sobre todo o debate ideolóxico a favor dunha sociedade distinta do capitalismo onde a maioría teña o poder, que non pode ser outra que a sociedade socialista. Os fracasos que se deron na súa construción, como etapa intermedia para chegar á sociedade comunista, non deben facernos pensar que sempre se vai fracasar.


En Galicia no mes de agosto de 2019.

No hay comentarios:

Publicar un comentario