A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 7 de agosto de 2019

MÁIS ALÓ DA "INVESTIDURA E DO GOVERNO "PROGRESISTA E SOCIAL"

Eusebio López
A frustración da investidura de Pedro Sanchez, de construír un goberno "progressista”, é visto por amplísimos sectores da esquerda como un fracaso no camíño de frear a Vox e ao chamado "trifachito". E aproveitando o rio revolto, os medios de masas cargan contra UP por non permitir ese goberno.
Para saber que nos perdemos, temos que ver de que goberno falamos; que carácter tería, mesmo con UP dentro del. Ou mellor dito, o que puidese saír cun acordo PSOE-UP; posto que se o PSOE gobernase só xa se sabería dabondo de que ía ser.

como definir un governo?
Moitos sectores sociais, mesmo da clase obreira, senten-se decepcionados porque o PSOE e UP non chegaron a un acordo para construír un governo “progresista e social”. Pero, que demos significa iso?.
Foi Anxo Quintana, ex vicepresidente da Xunta Bipartita (acordo PSOE-BNG) o que dixo, “chegamos ao goberno pero non tivemos o poder”. Se Anxo Quintana molestara-se en ler algo de marxismo, non necesitaria decepcionar a todo un sector o pobo galego, que viu como a presenza de “oos nossos” no goberno, non mudou cualitativamente a realidade social.
O goberno do estado non é máis que a xunta que administra os negocios comúns da clase burguesa”, di o Manifesto Comunista. O poder real reside nesa clase social, a burguesía, que se unifica no mercado, e que nomea regularmente, a través de eleccións se pode, se non a través de golpes de man, aos administradores dos seus negocios como clase. Quintana só ratificou empíricamente o que Marx e Engels escribisen hai máis de 180 anos, que goberno e poder non son o mesmo.
Se ambos os termos non son o mesmo, a que vén tanta decepción co fracaso da investidura dun goberno “progresista e social”, se xa se sabe que eses conceptos chocan frontalmente cos intereses da CEOE, a Igrexa e as institucións do estado neofranquista. Dito doutra forma, canto duraría un goberno que realmente fose progresista e social, é dicir, loitase contra a desigualdade social e as súas causas, o capitalismo, polos dereitos políticos dos pobos e os individuos; por outra sociedade, imos.
Se facemos abstracción de quen ostenta o poder real nunha sociedade como a española, podemos vender á sociedade que é posible o progresismo e o social sen a loita sen cuartel contra ese poder real e as súas institucións, ou no caso máximo de soberbia intelectual, de “convence-lo” ou “engana-los” desde as súas institucións; pero os que ostentan o poder real lembran, día se e día tamén, quen manda... Porque iso é “ter o poder”; o que manda de verdade. E os que mandan non son os interesados nese progresismo e nesas medidas sociais, senón os que se enriquecen á súa costa.
A decepción vén porque desde hai décadas véndese no estado español un maniqueísmo, base “teórica” do bipartidismo, entre “progressistas” e “conservadores”, ocultando o carácter de clase de ambos, que os une, e a súa procedencia política; uns son fillos da democracia burguesa, os outros do franquismo. O medo ao franquismo, á súa volta, fai que baixo el queden subsumidas todas as demais aspiracións da poboación: a teoría do “mal menor”, da democracia burguesa así sexa administrada polos franquistas, na que baseou-se toda a Transición.
O medo a Vox e o espantallo do franquismo
O capitalismo fíxose hexemónico no Estado Español con máis dun século de diferenza respecto dos estados centrais de Europa; niso é semellante a Rusia, aos Balcáns, etc. A combinación entre capitalismo e restos feudais foi a marca da casa até os anos 30. O capitalismo no Estado Español fíxose maior de idade da man do fascismo e non da democracia burguesa como no resto de Europa, que co Plan de Estabilización do 59 estendeu a industrialización e a consecuente proletarización ao conxunto do estado.
Este papel “transformador” do franquismo, que converteu un estado basicamente rural, con escasos polos industriais (Catalunya, Euskadi,...) nun territorio urbano e industrial, é o que dá forza ao que se deu en chamar “franquismo sociolóxico”. Un amplo sector da poboación española estraña os “anos da placidez” do “home do 600”, e como as superestructuras políticas, xudiciais e ideolóxicas nas que cristaliza ese “franquismo sociolóxico” non foron derrotadas na Transición, senón que se lles permitiu “transmutarse” en democráticas, a súa forza social e a súa correlato ideolóxico, “o nacional catolicismo”, segue vixente.
Esta incapacidade para derrotar politicamente ao franquismo vai da man dunha das “teorias” máis perniciosas, a “equidistância”. A que pon ao mesmo nivel os 800 mortos de ETA co 120 mil desaparecidos do franquismo; falsa equidistancia mesmo cuantitativa, posto que a cada morto de ETA correspóndenlle 150 victimas do franquismo. A proporción 1 /150 non parece moi ecuánime.
Vox rompe esta “equidistância”, apóiase non só no franquismo sociolóxico, senón nesa verniz democrático que conferiron-lle os que durante anos defenderon a “equidistância”, alimentando o “todos son iguais”. A sociedade española está vacinada contra o antifascismo porque se lle dixo que “todos son iguais”, e iso calou até os ósos.
Agora que estamos en tempos duros, nos que o capital para recuperar a súa taxa de ganancia e peso nunha competencia internacional aguda, precisa de acabar co fundamental das conquistas sociais, sexan dereitos da clase traballadora, sexan dereitos sociais ou políticos, axita o espantallo do franquismo. O obxectivo non é outro que volver recuperar a “placidez?”, xa non do franquismo (non se entendería unha ditadura tan salvaxe), senón do “bipartidismo borbónico” que definiu o réxime do 78.
O limite do réxime e a loita polo socialismo
Porque este é outro dos limítes obxectivos a un goberno “progresista e social”: o réxime. Vimos que os dereitos sociais son incompatibles cos titulares do poder, os capitalistas, os donos dos medios de produción, distribución e financeiros, xunto cos seus xestores, os gobernos e institucións.
Cada formación social, froito da súa historia, do seu desenvolvemento como sociedade capitalista, da correlación entre as forzas sociais concretas, organiza esas institucións que “administran os negócios” do capital dunha maneira concreta. No Estado Español esta forma chámase Réxime do 78.
Un goberno “progresista e social”, se non quere estar suspendido no aire, ten que ter en conta estas formas. En forma de pregunta, é posible un goberno “progresista e social” baixo o réxime do 78?. Non chocaría todos os días coa herdanza franquista dese réxime, que é o menos “progresista e social” que existe?. É máis, non chocaría coas agudas tendencias totalitarias e re centralizadoras deste réxime?
O réxime é outro freo obxectivo a ese goberno; entón a que tanta decepción con que non se conseguiu un “goberno progresista e social”, se iso non é menos utópico que un goberno desas características baixo o poder do capital.
Non será que de tanto rebaixar as expectativas sociais, afixémonos á versión política do vello refrán español, “virgencita que me quede como estou”. Porque o fondo da cuestión é de expectativas, de obxectivos sociais; transformou-se a consigna revolucionaria do maio do 68, “sexamos realistas, pidamos o imposible”, na reaccionaria, a “política é a arte de facer o posible”. Mentira!, “a política é a arte de facer posible o necessário”, para transformar unha realidade opresora.
Se do que se trata é, como moito, de conseguir unha Renda Social que amortigüe as desigualdades sociais, se o que se pretende é, como moito, volver ás relacións laborais previas ás Reformas Laborais de ZP e Rajoy, se o que se esixe é un sistema de Pensións Publicas como as que tiñamos hai 8 anos, a batalla témola perdida xa nas conciencias. Se do que se trata é “o virxencita que me quede como estou” leva ao exercito social coa derrota na cabeza; porque están-se  admitindo os marcos impostos polos que os que teñen o poder e quen o administran no seu nome: xógase en con as normas e o terreo dos que queren acabar cos dereitos sociais e políticos da poboación.
Ao longo de moitos anos dixeron desde todos os medios, incluídos os que falan de “axendas sociais”, que a transformación socialista é imposible; que é unha utopía, e que debemos conformarnos co “posible”. Isto, unido ao medo ao espantallo do franquismo, fai que a presión ao maniqueísmo do “bipartidismo borbónico” sexa o pan de cada día nos centros de traballo, entre os ativistas, nas redes, en todos os lugares; e non conseguir un goberno “progresista e social” convértase nunha decepción social.
É categórico, o utópico é pensar que baixo este réxime do 78, co poder en mans do capital, e coa crise económica, social e política que sofre a sociedade -non só a española, senón internacional- é posible tan sequera pensar en que un goberno “progresista e social”, cun dos membros máis activos dese réxime, o PSOE, pode ser “progresista e social”. É venderlle fume á poboación traballadora, e isto é o que xera decepción.
O único realmente realista, valga a redundancia, é situar o obxectivo na única saída que ten o capitalismo imperialista en xeral, e o español en concreto, a loita polo socialismo. Non significa abandonar a loita por conquistas parciais, senón darlle un contido estratéxico, de futuro, a esa loita polas conquistas parciais sociais e democráticas, e o seu defensa.
Nun momento histórico en que a humanidade podería resolver moitas das súas necesidades sociais, culturais, sanitarias, etc., e que todo o conquistado até agora está en perigo, pór como limite os marcos deste sistema suicida vén ser como tentar matar un elefante a pedradas. Por iso, prometer un “goberno progresista e social”, mesmo se se conseguise nunha carambola da historia (Grecia e Portugal son exemplos), terminaría por decepcionar tamén, posto que, como dicía Anxo Quintana, “chegamos ao goberno pero non tivemos o poder”.
Hai que porse á tarefa de reconstruír ese programa de transformación socialista da sociedade, loitar polo poder dos traballadores e traballadoras, única perspectiva realista de defender e conquistar os dereitos sociais e políticos. Xa pasaron anos suficientes para ter unha perspectiva histórica, e máis real, de que o que había tras o Muro de Berlin non era socialismo, e que o "fin da historia" decretado polos capitalistas non era máis que propaganda.

En Galiza nomes de agosto de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario