A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 26 de julio de 2019

PROCESO DE INVESTIDURA: NIN O PSOE QUERE O APOIO DE UNIDAS PODEMOS, NIN LLE PERMITEN ACEPTALO.



Carlos Dafonte

Todo o proceso que levou ás votacións para nomear un Presidente do Goberno, na persoa de Pedro Sánchez, e como tod@s coñecemos resultou fallido en segunda volta o 25 de xullo, está marcado por dous elementos que concorren no mesmo.
En primeiro lugar o Psoe, viuse dende o primeiro momento despois das eleccións do 28 de abril, quere o goberno pero desfacéndose de Unidas Podemos (UP) e ó mesmo tempo consolidarse como o que non é, como un partido de esquerdas para volver a revitalizar, poñer de novo en pé, un dos alicerces do bipartidismo.
E en segundo, non molestar, non enfrontarse, segui-lo devezos dos grupos económicos e das institucións, que non verían con “bos ollos” un goberno con Unidas Podemos, que teña capacidade para cambiar algunha premisa do existente, aínda que fora pouco importante, no entramado socio-económico-laboral do réxime; ademais nun momento en que é probable unha nova recesión a nivel mundial, e que ise goberno ten que levar adiante o Plano de Estabilidade presentado na Unión Europea polo Psoe, despois das eleccións de abril e con toda posibilidade pactado cos poderes económicos. Curiosamente no proceso electoral non se falou nin debateu sobre o mesmo.

Os medios de comunicación, os importantes, os que son propiedade de grandes multinacionais, os que crean opinión, o tiveron moi claro desde o primeiro momento e así o transmitiron á xente que lles fai caso que é moita, o goberno do Psoe, con UP dentro, ó marxe de isa formación, ou como goberno de cooperación, etc, vai ser un goberno de esquerdas, polo tanto a conclusión é fácil, non facilita-lo goberno do Psoe, será unha traizón ós postulados da esquerda e ós votantes da mesma e no fondo estar a facer unha pinza cos partidos da dereita.
E isa premisa asentouse na sociedade e como consecuencia, quen sempre vai cargar cas culpas de que no haxa “goberno de esquerdas”, haxa que ir a novas eleccións, etc, vai ser Unidas Podemos, que ademais para que non haxa dubidas de onde se sitúa, o Psoe deixou claro dende o primeiro momento, que a formación liderada por Pablo Iglesias, era o seu “socio preferente”. Unha mintira máis se analizamos cun pouco de seriedade as políticas que levou adiante o Psoe nos seus máis de 20 anos no goberno e os apoios e acordos cos que chegou co PP cando este o facía ou cos nacionalistas de dereitas. O do socio preferente foi unha añagaza máis pra facerse pasar polo que non é, actuar como unha araña que lle chupa o sangue a mosca que captura na súa tea. Unidas Podemos non foi capaz de desmonta-lo argumentario, tecido polo Psoe e os medios, e polo tanto dende o meu punto de vista sae de todo este proceso á defensiva e en peores condicións que ó comezo do mesmo.
É certo que manobrou con certa axilidade enfrontándose ás primeiras propostas dun “goberno socialista”, vaia broma, e dun “goberno de cooperación” sen presenza no mesmo e obrigoulle ó Psoe a acepta-lo que UP formulou dende o primeiro momento, un “goberno de coalición” e ata sorteou ben o atranco do veto á participación de Páblo Iglesias no mesmo.
O que UP coñece é que un goberno do Psoe cun programa pactado pero sen presencia de UP, é un brindís ó sol, o partido que goberna vai facer o que lle veña en gana, esquecéndose dos compromisos; estar dentro é unha maneira de controlar e en certa medida obrigar a levar a cabo algo do pactado.
Pero U P non foi quen de desenmascarar as propostas do Psoe formulando as bases do que debía se-lo programa dun goberno de progreso, un goberno de esquerdas debe ter como obxectivo estratéxico a superación da explotación capitalista, na maior parte dos eidos que máis interese teñen para @s traballdor@s e non deixarse engaiolar no reparto dos ministerios e outros postos da administración. Non aparecen no debate, as necesidades a resolver, só o reparto de postos e así é moi difícil convencer a ninguén que a proposta do Psoe volve a ser enganosa, pois ofrece postos que non van contar cos orzamentos necesarios para resolver problemas.
Vexamos o segundo dos aspectos que mediatizaba todo o proceso, os intereses da oligarquía española, que seríamos moi inxenuos de pensar que non están a pesar, e dun xeito moi forte sobre todo o proceso. E é lóxico e normal nunha sociedade onde existen clases sociais e os intereses entre a burguesía ou sectores da mesma e sectores dos traballadores non se poñen de acordo, deciden as institucións do estado, este non é un instrumento neutral, atópase ó servizo de determinados sectores hexemónicos da sociedade.
As mensaxes que lle chegaron ó Psoe publicamente foron inequívocos, o Banco de Santander, a patronal varias veces, dicindo que non querían a UP nun goberno nin influíndo sobre o mesmo; non sería trabucado, que sen facerse públicas as opinións de sectores económicos, políticos e institucionais, as presións foran tamén importantes.
Pero o Psoe tampouco necesita moitas presións, coñece perfectamente o que debe facer, como en Libia, Venezuela, na Grecia rebelde de hai uns anos...; non defrauda-lo imperialismo liderado polos USA e á oligarquía europea e iso faino moi ben, ten boa práctica despois de tantos anos de goberno e si hai que cambiar artigos da constitución como o 135, pois faise e tan tranquilos, ser de “esquerdas” ten estas vantaxes, a xente progresista que o vota pensa que si asi actúa, como dixo González xa hai uns anos referíndose o que il facía, “é a único xeito de actuar e ademais é de esquerdas”.
IU e o BNG, en Madrid apoiaron en numerosas ocasiones os Orzamentos antisociais de Zapatero e non conseguiron nin unha migalla do que se acordara con cada un deles; polo tanto dende fora do Goberno se pode acordar todo o que se queira, que despois o Psoe fará o que teña acordado co verdadeiro poder.
A situación merece manifestacións na rúa exixindo un programa determinado, pactado dende abaixo, dende a sociedade organizada, pero quen reduce toda a súa actividade á loita institucional, non ten a organización adecuada para mobilizar, discutir, acordar, pactar primeiro, e sacar a centos de miles ás rúas, despois.
Nesta disxuntiva é moi difícil, e gostaríame trabucarme, que UP ou cede, ou se enfronta a un proceso electoral onde non creo poda mante-los resultados que tivo o 28 de abril. Dos erros tamén se aprende.

En Galicia no mes de xullo de 2019


No hay comentarios:

Publicar un comentario