A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 21 de julio de 2019

O "PODER" DA RELIXIÓN ANIÑA NAS MENTES.

Roberto Laxe

Porqué a relixión, calquera que ela sexa, laica ou crente, cumpre un papel tan importante na sociedade. O "poder de dar e quitar a vida" dinnos desde unha das institucións que expresa unha relixión, a igrexa católica. Este é o primeiro elemento que indica por onde veñen os tiros, o termo "poder": o poder esta fora do alcance do común dos mortais, véñennos a dicir.

A relixión é a máxima expresión da alienación do ser humano, que "transfire" a súa impotencia para cambiar o presente a uns seres que só existen na súa cabeza. Pero como toda ideoloxía, para que teña forza real, ten que expresarse en organizacións: as igrexas son as cristalizaciones das ideas que bolen na cabeza dos seres humanos. Esa alienación xorde da impotencia ou ben fronte á natureza, forza incontrolable para os seres humanos, ou ben, baixo o capitalismo, a economía, a "man escura do mercado", que actúa fronte aos seres humanos como calquera forza da natureza, fóra do control da vontade humana.
No capitalismo a alienación complícase coa cosificación das relacións sociais, desumanizando-as até o extremo; o mercado é o lugar ("paraiso"?)no que os seres humanos relaciónan-se, comprando e vendendo as súas mercadorías e onde está atrapada a vontade individual. O extremo ao que conduce esta alienación é a reificación, a atribución ás cousas, e especialmente a unha, o diñeiro, de calidades humanas. "Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro", dicía o poeta.
Este trípode é sobre o que se asenta o poder da relixión actualmente alcanzando no capitalismo unha profundidade tal, que só así se pode explicar que unha sociedade que é capaz de chegar á Lúa, de resolver a maioría das enfermidades que foron o azoute da humanidade durante séculos. Unha sociedade que non fai nin cen anos tiña unha esperanza de vida de non máis de 45 anos, e hoxe tena nos 80. Unha sociedade que pode converter o traballo humano, a explotación, nun pesadelo do pasado. Pois ben, nunha sociedade que ten ese alto nivel de racionalidade no seu desenvolvemento non foi capaz de abolir, de desterrar a superstición, a irracionalidad e a relixión das súas vidas.
É obvio que esta imposibilidade vén dada pola mesma estrutura desa sociedade, de onde xorde a necesidade da relixión, posto que engadiu ao carácter incontrolable da natureza, a falta de control total da economía: as crises prodúcense, queiran ou non os capitalistas; está na súa esencia vivir a base de crise das que descoñecen a súa orixe. A partir desta orixe “natural” da relixión, enraizada na propia impotencia humana fronte á natureza desatada e a economía incontrolable, as institucións nas que cristalizan convértense en aliados naturais dos que controlan a economía; a insistencia na “debilidade” humana ante poderes -xorde a palabra “poder”- que están por encima del sae en defensa das clases dominantes.
A inferioridade imposta pola realidade da sociedade dividida en clases a súa superpone á “inferioridade” inferida da súa debilidade fronte á natureza, creando un cóctel nas conciencias humanas difícil de superar de maneira mecánica. Só cando o ser humano enfróntase ás súas necesidades como grupo social pode sentar as bases para a superación desa inferioridade, e comezar a tomar conciencia de que pode haber outras alternativas, outras formas de facer as cousas.
O protestantismo, ao romper coa ligazón “poder-cura-confesión”, e converter a relixión nun asunto meramente individual, deu un paso adiante neste camiño de superar a suposta debilidade humana ante poderes superiores, posto que estes poderes deixaban de ter, parafraseando a San Agustín, a sua “cidade terreal” (a Igrexa e o cura), para cinguirse á “cidade espiritual” (deus).
Pero o protestantismo non deixaba de ser unha relixión, que tendía ao laicismo, pero non o era. Seguía dicíndolle á poboación que hai forzas que o ser humano non pode controlar, e que teñen un nome, deus (sexa o que sexa e da relixión que sexa). Abrira a porta á racionalidade burguesa, individualista, persoal, pero seguía tendo os mesmos límites que calquera relixión; a alienación do ser humano en seres superiores.
Isto trasládanos directamente ao suxeito do “poder”. Crer nun deus omnipotente, ou transferir o poder de cambiar as cousas a individuos que polo motivo que sexa saíron da pobreza cotiá, santificando-os (esencia das relixións laicas actuais, das que o deporte é a súa máxima expresión), é a demostración da impotencia da sociedade para modificar as condicións de explotación e opresión.
Dinnos, “deus é o único que pode dar e quitar a vida”, e con iso dinnos que nós non somos máis que unhas criaturas inferiores, incapaces de facer nada importante que non sexa adorar ao deus de quenda, ou ao santo laico, soñando coa vida que ese deus nos promete ou eses santos teñen. Pero os “soños, soños son”; e mentres esperamos esa vida ou soñamos vivila, a explotación mantense.
Marx dicía que a relixión é o “suspiro do pobre”, e así é; é o soño doutra vida que non é a gris e macilenta cotidianidade. Pero tamén dicía outra cousa, “é o opio do pobo”... non no sentido vulgar que o stalinismo deu-lle, coma se fose algo que simplemente atonta á xente. É máis complexo, por iso é tan difícil loitar contra a relixión, a laica incluída e da que o stalinismo é unha das súas variantes: é o “opio o pobo” porque é o “suspiro do pobre”. O pobre suspira / soña a través da relixión con outro mundo, e desta maneira deixa de loitar por cambiar este mundo, o que lle explota e oprime.
O “poder” da relixión, e as súas institucións, ten este dobre compoñente; nas mentes da poboación construído a partir das mesmas relacións sociais de produción, e o seu “poder” concreto como institución ligada, como non podía ser doutra maneira, ao aparello do estado, que da “terrenalidade” ao que aparentemente está nas mentes dos seres humanos. Todo se reduce á palabra “poder”, e este é único; é o poder das clases dominantes a manter a súa dominación, da que extraen a riqueza que lles define como clase dominante.
Só rompendo co “suspiro” e o “opio” do pobo, este verá que o poder pode estar na súa man; o pensamento relixioso é para un marxista o principal obstáculo no camiño de gañar á clase traballadora para a revolución.

En Galiza no mes de xullo de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario