A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 5 de julio de 2019

A RUPTURA DE "EN MAREA", A FIN DUN CICLO



Roberto Laxe
 Co pase ao grupo mixto e os anuncios de novas forzas políticas, como Galiza en Común, a xeira de ANOVA cara setembro e a proposta de Villares doutra organización, formalizase o que era un feito, a ruptura de En Marea.
Na rolda de prensa de Villares onde facía um balance da ruptura, e aínda que pode ter moita razón na deslealdade coa que actuaron desde Podemos (non era nengumha novidade) e a incoerencia de ANOVA, non vai ate o final na sua avaliación: Podemos actuou como fixo por motivos políticos, cuns obxectivos ben claros, sacar a loita da rúa, institucionalizala e laminar calquera opción que soara rupturista co réxime.

Un balance político é umha aprendizaxe para o futuro: se umha organización que xurde como "espazo rupturista co réxime" convertese en parte de esse réxime -porque ese e non outro é o centro do problema- a sua desaparición é a consecuencia inevitable: está traizoando as súas orixes. E agora temos a uns procurando un encaixe no goberno do PSOE como Podemos, outros defendendo algo que non saca ningumha conclusión política do fracaso destos anos; e uns terceiros navegando entre ambas opcións sen rachar co ADN que provocou esta situación: o electoralismo e o institucionalismo.
Porque este é o fondo do problema. Tanto AGE como despois as “mareas”, e Podemos a nivel estatal, xurdiron dun dos grandes acontecementos políticos dos anos da crise, o 15M, cando centos de miles de persoas rompen cos partidos do réxime, nomeadamente co PSOE, ao calor da revoltas árabes, do levantamento obreiro e estudantil de Wisconsin, ... da traizón do PSOE cando lanza a guerra social contra os traballadores / as, asumindo as directivas da Unión Europea e a Troika.
Entre o 2011 e o 2014 asistimos no estado español a un gran ascenso da loita social masiva, obreira e popular; con folga xerais, mobilizacións sectoriais como as “mares” en defensa dos servizos públicos (sanidade, educación, etc.), a loita contra os desafiuzamentos, que pon contra as cordas non só á xustiza mas tamén o sector financeiro, etc., etc. Este ascenso culmina coas Marchas da Dignidade do 22M do 2014, que xunta centos de miles de persoas en Madrid baixo o lema “pan, traballo, teito e dignidade”.
Pouco despois, o rei JC, acosado pola corrupción, ten que dimitir (abdicar), abrindo unha crise sen precedentes no réxime do 78: o herdeiro directo de Franco para garantir o “atado e ben atado”, ten que deixar a Xefatura do Estado para buscar continuidade a un réxime en horas baixas. A sua abdicación abre unha nova porta na loita, a esixencia dun referendo “monarquía ou república”.
Neste momento de crise social e política amplios sectores da sociedade en loita achan no chamado “mover ficha” de decembro do 2013 unha canle para expresar o seu desacougo coa situación. O chamado “mover ficha” transformase nun partido, Podemos, que presentase como a “nova política” que din recoller ás esixencias do 15M, do “chámanlle democracia e non o é”, etc., prometendo loitar por abrir un proceso constituínte que de solución ás esixencias sociais.
Este fenómeno estatal de Podemos, ten as suas expresións nacionais; e na Galiza tras as pegadas de AGE, e o longo do 2014 e 2015 xurden umha morea de reunións, asembleas abertas, etc., cara a constitución de organismos de “unidade popular”; ate o BNG sumase a esta lóxica. O final cristaliza en dúas candidaturas, o BNG mantense e En Marea que ven a substituír a AGE.
Mas todas elas teñen o mesmo ADN, o electoralismo. Fían a forza da resposta social á sua expresión electoral e institucional, a acadar postos nos parlamentos, nos concellos, nas deputacións,... como se este fose un novo comezo; mas esquecendo o fundamental, os parlamentos, os concellos e xa non digamos ás deputacións, non so son parte do estado burgués en xeral, senón que son institucións dun réxime, o do 78, herdeiro do franquismo. E como non podía ser doutra maneira, elas tamén son herdeiras do franquismo.
Poñer as esperanzas de “cambio” numhas institucións deseñadas para o contrario, e poñer a mobilización e organización independente da poboación traballadora en función do numero de cargos públicos, era facerlle un fraco favor ás necesidades sociais. O único que podía resultar era o debilitamento da mobilización e organización social independente do estado, fose a que fose a institución, e o fortalecemento das forzas políticas da direita, incluído o PSOE. Co que poucos contaban era que ese fortalecemento dera vida a un partido tan reaccionario como VOX.
O réxime do 78 vai da Xefatura do Estado ate o ultimo concello, e del fan parte os partidos institucionais, os sindicatos maioritarios, etc.; era todo este entramado institucional o que dun xeito confuso rexeitábase no 15M do 2011, baixo o lema “chámanlle democracia e non o é”; non entender isto é a chave que levou ao fracaso da “nova política”, que rematou reintegrando a forza social desatada ese ano dentro dos cadros do réxime. Agora vemos a Podemos suplicar un pacto co goberno do PSOE, cando o 15 M as rúas cansáronse de berrar, “PSOE-PP, a mesma merda é”.
Non é a primeira vez que un proceso de loita social masiva remata no charco do electoralismo; a Transición española é o máximo exemplo de como a foza social da clase obreira, dos estudantes, das mulleres, da veciñanza,... foi levada ao pantano das eleccións no 77. E todas as aspiracións de ruptura co réxime de Franco ficaron no que hoxe vívemos, un réxime administrado polos herdeiros de Franco, con Felipe VI a cabeza.
A participación nunhas eleccións nunca poden ser un fin en si mesmo, senón que son parte dumha loita moito máis profunda, a que enfronta as formas políticas, os réximes dos que o capital dotase para mellor explotar e oprimir, que no estado español chamase “réxime do 78”. Non ter en conta esta relación de que as eleccións son parte da loita política e non o inves, leva inexorablemente a claudicar ás institucións do estado.
Ben, o debate concreto é de como encarar o futuro é, un, como tras o desastre destos anos de experiencia institucional reconstruímos o espírito que deu orixe a AGE, o bloque rupturista co réxime do 78, e o que derivase disto diante do 25 de Xullo e as eleccións galegas do ano que ven: non deberíase recoller a idea dumha candidatura rupturista co rexime? En Marea morreu, é hora de lanzarse á construción dum movemento baixo esa proposta rupturista.
Mas o 15 M tiña outro contido, mais social e tamén confuso, que foi traizoado por aqueles que desde a “nova política” arrogáronse o papel dos seus voceiros. O 15 M non so berrou contra o réxime do 78 e os seus partidos, senón contra o carácter da crise, cando levantouse as palabras de orde, “non son as persoas, é o sistema”, ou “abaixo a ditadura dos mercados”.
Con estas propostas, aínda que sen moita claridade, apuntábase que o simple recambio nas persoas que xestionan o sistema non chegaba; que había que ir mais aló. As forzas políticas que como en En Marea simplificaron os lemas, defenderon que coa substitución dos corruptos por persoas honradas, chegaría o “cambio” ou ben trabucáronse ou ben traizoaron as loitas; o resultado foi o mesmo, todo ficou dentro dos marcos das institucións cun retroceso na mobilización social e os seus obxectivos.
Para o futuro faise imprescindible, diante dos ataque se veñen –non ha mais que ver compón a nova dirección política da UE, umha neoliberal alemá do Partido Popular Europeo, a ex do FMI, Lagarde e o ministro de asuntos exteriores, J Borrell-, novos recortes, novas reconversións industriais, mais limitacións nos direitos democráticos, hai que poñer no centro das loitas dos direitos laborais, sociais e políticos.
Mas, aprendamos do pasado: as institucións do réxime do 78, como a Unión Europea, non serven para enfrentar estos ataques e non son reformábeis desde dentro, calquera política que levante a menor ilusión en que é posible un “cambio” sen loitar contra as súas estruturas políticas, so conduce á desmobilización social e, de últimas, ao reforzamento do inimigo de clase e os seus partidos.
O programa que se levante ten que ter como principios fundamentais a independencia total das institucións e as empresas, a democracia na toma de decisións e a confianza só na mobilización social, a partir dos métodos da clase obreira, folgas e manifestacións. O 15 M apuntaba, a súa maneira, neste camiño, e este é o que temos que retomar, sacando todas as leccións precisas destos anos de confianza do “cambio” desde as institucións.
 Galiza, no mes de xullo do 2019


No hay comentarios:

Publicar un comentario