A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 7 de octubre de 2019

A IMPOTENCIA DO RÉXIME PARA PECHA-LO "PROCES"



Eusebio López
De novo un 1 outubro, e de novo a impotencia do réxime para pechar o que se deu en chama-la crise en Catalunya. Nunha entrevista ao sr Sanchez onte, este insistía na idea de que o problema dos cataláns é un problema "entre os cataláns", que están divididos; e recorría de novo ás estatísticas e aos resultados electorais (suma de forzas soberanistas vs forzas unionistas) para tentar reducilo a iso, a un problema "entre cataláns".
Primeiro, moitos dos que non son soberanistas estiveron nas manifestacións de onte, porque a suma non hai que facela entre os soberanistas, senón entre todos aqueles que esixen o dereito a votar, a decidir... para despois, seguramente, votar contra a independencia. A primeira capa da cebola é esta, non estamos nunha división ideolóxica, senón política; entre os que queren votar e os que o negan, como fixeron o 1 de outubro co rei á fronte dos "aporellos".

A segunda capa da cebola é que é unha crise "catalá". Falso. É unha crise do réxime do 78, esgotado no seu papel de conservar a unidade do Estado, e tamén esgotado no seu papel de bonaparte entre as clases sociais. A crise do 2007 destruíu o Estado do Benestar sobre o que se apoiaba o réxime do 78; ese acordo a tres bandas entre a burguesía franquista, as burguesías periféricas (especialmente a vasca e a catalá) e a clase obreira, que cristalizou na Constitución do 78.
A crise económica fixo saltar polo ar este trípode. A recentralización do estado e as desigualdades creceron paralelamente, concentrándose a riqueza en cada vez menos mans, mentres a clase obreira (a "clase media" segundo os estúpidos medios españois) ten dificultades para pasar do 20 de cada mes; a precariedade é a norma nas relacións laborais.
Neste cadro enmárcase a nova reconversión industrial da economía española, onde cruzan-se todas as contradicións entre o capitalismo “verde”, o “negro”,... o carácter subsidiario español respecto das grandes potencias, enfrascadas nunha loita pola hexemonía mundial como o da guerra comercial e o Brexit. Mentres tanto, desmantelaron os servizos públicos, sanidade, educación, dependencia, ... Baleiraron de contido os dereitos das mulleres, e manteñen en prisión ou no exilio, non só a políticos cataláns, senón a mozos vascos e galegos, a sindicalistas e raperos, etc. E o sr Sanchez di que é un problema dos cataláns.
Esta profunda crise do réxime é a que alimenta o proces catalán, e non se hai soberanistas ou non dentro de Catalunya. “Entre dous dereitos iguais, o que decide é a forza”, dicía Marx; a un sector gustaríalle pechar a crise á “franquista”, é dicir pola forza. Pero a situación europea actual non é dos anos 30, con Hitler e Mussolini apoiando e acirrando a Franco. A Unión Europea non podería admitir unha saída deste tipo; apoia a aplicación do155, pode mirar para outro lado co encarceramento de activistas, ... pero o que non podería tolerar é un bombardeo de Barcelona ou a intervención directa do exército. Isto é o que supón un “empate” entre as dúas forzas concreta en conflito.
A crise catalá é a crise do réxime do 78; isto os gobernos de Rajoy e Sanchez entendérono á perfección, de aí a súa insistencia en que é un problema “entre cataláns”. A súa vitoria, que polo momento desequilibra a balanza, aínda que non pecha a crise, é que conseguiu que as forzas da esquerda española non se atrevan a superar os marcos da constitución (para iso está o pau de VOX). Só de maneira tímida, nas nacións, sobre todo o Pais Vasco e menos en Galiza, levántanse voces discordantes.
O pobo catalán só pode contar coa clase traballadora e os pobos do resto do Estado e de Europa, en loita contra as desigualdades e contra a orixe destas, o réxime do 78 e a Unión Europea; é responsabilidade das súas organizacións políticas e sociais seguir mirando para outro lado, coma se o conflito fóra “entre cataláns”; dándolle a razón ao sr Sanchez. Calquera outra formulación, significa empantanarse na situación actual.
Unha clase traballadora e uns pobos que só se solidarizarán activamente se ven no programa de loita catalán unha perspectiva común; dito doutra forma, a solidariedade cun pobo en loita é directamente proporcional ao programa que este levanta. Se o pobo catalán cínguese a esixencias “catalãs”, a solidariedade que levantará será moi inferior a se levanta un programa de loita polos dereitos democráticos como nación, e os sociais da clase obreira e os oprimidos.
En Galiza no mes de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario