A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 16 de octubre de 2019

NOVEMBRO, A PRIMEIRA VOLTA DAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS EN GALICIA.


Carlos Dafonte.

As eleccións xerais convocadas para novembro do presente ano e a proximidade cas autonómicas do ano 2020, debe dun xeito case obrigatorio abrir dende hoxe unha reflexión, sobre a situación política, económica e social da nosa nación sen estado, que permita entender os resultados electorais de novembro e abrir cara a convocatoria das autonómicas o proceso que axude, ós progresistas e os restos da esquerda, a tentar rectificar ou reafirmar os devanditos resultados.
O obxectivo fundamental en todo este longo proceso debe ser, sexamos realistas, opoñer os maiores atrancos posibles á continuación das políticas neoliberais que están a mergullar Galicia nunha situación de emerxencia económica e social; a privatización dos seus servizos públicos, a continuidade do proceso desindustrializador, a indiferenza de moitas organizacións políticas diante das consecuencias do “brexit” ou dos aranceis impostos por EEUU a algúns dos nosos produtos, a emigración de decenas de miles de mozas e mozos nos últimos anos, a venda do noso territorio a empresas extractoras, etc

Ca maioría das persoas cas que falo, pertenzan ou non a organizacións políticas, concordan en que o “proxecto Feijoo” atópase acabado, amortizado, e eu pregunto, hai un proxecto Feijóo ó marxe do neoliberal pulado pol “cartel da troika”, o FMI, a UE e o BCE?. Se a contestación é afirmativa terán que explicar en que consiste o mencionado “proxecto”; se o proxecto é o neoliberal, o que se aplica no Estado Español dende hai anos, debemos concordar en que os votantes non o fan tanto a favor de proxectos e programas senón a unha persoa ou partido, que nun momento determinado lles ofrece confianza, tanto a aqueles que se atopan cómodos co proxecto neoliberal, lles permite extrae-lo máximo de plusvalía e polo tanto lles funciona ben a acumulación, e confianza tamén ós que sen estar satisfeitos co que acontece cas súas vidas, baixos salarios, recortes de dereitos, peor funcionamento dos servizos públicos a causa das privatizacións, etc, consideran que a personaxe ou o partido en cuestión pode, co seu quefacer político, introducir cambios nas súas vidas cotiás.
A miña opinión é que Feijoo non ten proxecto, aplica as políticas que emanan da U.E. e das institucións do Estado Español; a marxe de manobra para unha comunidade autónoma, que non conta ademais cas transferencias de todas as súas competencias, é máis estreita en tempos de crise, cando o capital tenta con máis forza a centralidade e a concentración do mesmo; ter un proxecto propio levaría a unha posición distinta das institución da Comunidade Autónoma, faría oposición a esta situación e levaría a cabo unha política económica enfrontada a estes procesos.
Sería importante que os que falan do “proxecto Feijoo” expliquen en que consiste, que trazos o identifican e cal é a alternativa; e si esta alternativa se vai facer dende o neoliberalismo dominante, que non sería alternativa senón unha simple alternancia, ou verdadeiramente son capaces de artellar para Galicia unha proposta política, social e económica, reformista, ninguén lles vai exixir unha proposta revolucionaria, que abra unha perspectiva estratéxica de cambio.
Se o programa neoliberal se considera o único posible, o Pp o debe ter claro, si consideran que Feijoo xa esta “amortizado”, debe buscar a unha persoa que o substitúa e que volva a inspirar confianza tanto os partidarios do neoliberalismo como os que sen selo, confíen de novo en que cambien as cousas. E os que se din oposición analiza-las súas eivas para que en todo este tempo de presidencia de Feijoo, non foran capaces, cada un dende a súa perspectiva e programa, de explicar a fondo á sociedade galega, ós seus traballador@s, en que consiste o proxecto neoliberal, cas particularidades do mesmo en Galicia, por ser unha economía dependente.

A situación das forzas políticas en Galicia.
Polo tanto os elementos esenciais para trunfar son a credibilidade e a confianza; que os que tentan substituír ó Pp no goberno da Xunta, se vexan, é moi difícil que o poda levar a cabo unha soa forza política, como forzas garantes dun cambio posible para o que necesitan te-la confianza dunha parte importante da sociedade galega. Acontece isto?.
Hai partidos e organizacións políticas, no espazo progresista e algúns restos da antiga esquerda anticapitalista, que se atopan anquilosadas; o seu funcionamento e programa non está á altura dos tempos que lles toca vivir, tempos difíciles é certo, pero esta dificultade ten tamén relación co xeito no que traballaron na sociedade, máxime cando no Estado Español estamos a pasar, nos últimos anos, dunha situación política de certa estabilidade burguesa, a unha nova que cualificaría de reaccionaria; no que xa non se pode negar o grande dominio do capital financeiro, que impón o seu “sentido común” utilizando a maioría dos medios de comunicación, en medio de crises e recesións. Pois ben estes partidos ou organizacións políticas, dende a miña opinión, non teñen analizada dun xeito competente, a situación política, económica e social na que Galicia vive. Algúns desapareceron como organización que funcione, aínda que non se teñan disolvido. Pero esta nova situación a nivel de estado, a considero distinta, pero pode desembocar na mesma se non se loita con firmeza, como o que moit@s consideran xa, unha situación de claro dominio das ideas do fascismo.
Enfrontarse a esta nova situación cos vellos instrumentos en moi mala situación, tanto política como organizativamente, pois primou a presenza institucional a facelos funcionar, e mergullados nun proceso de sectarización e de carencia dun análise obxectivo da realidade, leva a moitos a desaparecer do escenario político e axuda a prima-lo bipartidismo. E isto se lles pode aplicar tanto ás que se consideran sen ningún tipo de dependencia de forzas políticas españolas, como as que si teñen relación con forzas que funcionan a nivel de todo o estado.
As novas formacións políticas que xurdiron das vellas estruturas existentes concitaron a un grande número de elector@s, por exemplo primeiro AGE e após En Marea. A segunda axiña amosou que sen experiencia política e sen capacidade organizativa, non se camiña cara a unha organización estable. Esta situación de inestabilidade, agudízase cando se constrúe a partires de determinadas organizacións, que son as que teñen peso na sociedade, e se fixeron todas as manobras posibles para eliminalas dos postos de responsabilidade e decisión, en aras dunha “nova política”.
A derrota das Mareas Municipais, nas tres capitais importantes onde tiñan alcaldía, reflicte a incapacidade para pactar ca sociedade un programa de transformación que garanta un consenso maioritario, substituído por pactos moitas veces con aquelas forzas ás que queren relevar pola súa incapacidade amosada en moitos anos, para levar adiante unha política municipal transformadora. A precipitación por asumir determinados postos, levou á súa derrota.
O Psoe é un partido que sigue con fidelidade o que se ordena dende a UE, políticas económicas neoliberais e de austeridade contra a grande maioría da sociedade; por moito que alboroten cando se atopan na oposición formulando toda unha serie de medidas, cando chegan ó goberno son moi disciplinados en cumpri-lo que o “cartel da troika” indica. Non quixeron deixar sen efecto nin a reforma laboral do PP, nin a chamada “lei mordaza”, por exemplo.
Un caso curioso é o BNG, a mellor muleta que ten o Psoe para gobernar Galicia; os apoian nas Deputacións, nos Concellos e ata na época de Zapatero, na aprobación de orzamentos verdadeiramente antisociais; ó Psoe que apoiou o 155 contra o proceso en Cataluña e a modificación xunto co Pp, do 135 da Constitución; que aínda segue sen facer unha autocrítica de como se desenvolveu o bipartito que permitiu a maioría absoluta do Pp encabezado por Feijoo. Segue a se-lo Bng unha forza rupturista?; teño moitas dúbidas.
Pactar co Psoe órganos de goberno, sexa nos Concellos, Deputacións ou Xunta, significa consolida-lo réxime e acepta-las políticas económicas neoliberais. Si lle engadimos que non formula con claridade no día a día, o dereito de autodeterminación e a decidir o destino da nosa nación que é Galicia, dubido que sen un cambio na súa táctica actual e sen un proxecto estratéxico, hoxe descoñecido, se lle poda considerar unha organización de esquerdas. Coido que só hai que recoñecer como de esquerdas, ás que amosan un proxecto estratéxico de quebra co capitalismo e a súa táctica cotiá permite avanzar cara a ise obxectivo.
Após a súa experiencia destes anos, o Bng se quere ser a vangarda da loita contra as políticas neoliberais, de austeridade e polo recoñecemento de autodeterminación de Galicia, a pesares das dificultades políticas que representan atoparnos nunha situación que eu mesmo cualifico como reaccionaria, debe ser algo máis que a muleta do Psoe; ler as declaracións da súa principal dirixente, hai uns días nun periódico en galego, seguro que son desmobilizadoras para moi@s persoas que seguen a confiar na organización como un elemento transformador.
Galicia se atopa nunha encrucillada; pero que certas forzas políticas volvan gañar a confianza dunha parte importante do electorado galego, após os fracasos na xestión dos centos de miles de votos que recibiron en anteriores consultas electorais, vai ser moi difícil nas próximas eleccións, pero hai que tentalo de novo no período que se abre despois das mesmas, pois non nos enganemos, vai se-lo único xeito de saír da situación na que nos atopamos; ata as eleccións autonómicas aínda hai tempo, pero a mobilización e a acción na rúa e na sociedade cun programa determinado, que permita avanzar no rexeite dalgunhas das políticas económicas marcadas pola troika, van ser elementos fundamentais para recupera-la confianza de determinados sectores da sociedade galega.

En Galicia no mes de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario