A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 30 de noviembre de 2012

TRÁS O 14-N: PARA DERROTAR Á U.E. E OS GOBERNOS, É O MOMENTO DA ALTERNATIVA POLÍTICA




Xulia Mirón e Roberto Laxe 
En primeiro lugar ha que suliñar algo que sistematicamente se esquece interesadamente, o carácter europeu da convocatória, que atingiu o conxunto da UE, onde, côas desigualdades lóxicas, houbo manifestacións, folgas e xornadas de loita. A resposta unida da clase traballadora europea a uns plans que partillan todos os gobernos no camiño da refundación da UE, é um fito histórico que marca a liña de superación das fronteiras nacionais na loita de clases que temos que defender.
Mas para todos/as é claro que o único balance posible do 14N é o de seguir loitando. O capital sempre quere destruir todas as conquistas da clase traballadora, e numhas condicións como as actuais so umha mudanza de fondo das estruturas da sociedade poder garantir que calquera victoria non se transforma nun novo ataque. O recente exemplo portugués é clarificador, os traballadores/as portugueses impuxeran o goberno a retirada do plan polo que lles reducian os salarios un 7% para darllo aos empresarios; non pasaron nin 15 dias, cando o goberno voltou à carga com umha outra proposta de suba de impostos, que tiña iguais consecuencias para os salarios. Por iso convocaron a folga xeral do 14N, e agora teñen que voltar á loita.
Neste cadro é onde temos que analisar e tirar as conclusións precisas do que foi o 14 no estado español, e pólo que nos compete, na Galiza.
Coa indústria e o transporte à cabeza: houbo folga xeral
A folga xeral foi Xeral, e Galiza de novo dentro dos territórios onde tivo mais incidência. Por moito que queiran rebaixar a resposta social, iso manifestou-se de novo em que foron os sectores centrais da economia, a industria, onde por exemplo a patronal galega do metal recoñeceu un paro do 70%, e o transporte (os portos, o transporte colectivo ferroviário e em bus, etc.) que non funcionou mais aló dos servizos minimos. Mas a folga tamen atingiu a sectores da administración publica, a educación e as universidades, a sanidade publica e privada, etc.
Por zonas, na Galiza, a folga foi masiva especialmente no Sul, em Vigo, Pontevedra, Compostela…, onde pechou tamen a maioria do comercio, e com mais dificuldades no norte, especialmente na Coruña, onde houbo moita diferenza entre o acontecido na indústria (Inditex, Alcoa, Fabrica de Armas, recollida do lixo, etc.) e  transporte, e no comercio e hosteleria, que abriron maioritariamente.
Ainda asi, como aconteceu no resto do estado e em moitas zonas de Europa (Italia, Franza, Grecia, onde non habia folgas xerais, mas houbo masivas manifestacións), o rexeitamento ás politicas da UE e os gobernos europeos expresouse com centos de miles de persoas na rúa, numha confluência dos mais diversos sectores da poboación salariada, desde obreiros do metal e obreiras do textil, traballadores/as do comercio ou a administración publica, ate autônomos (os falsos autônomos, que em realidade son asalariados/as), pequenos empresários, ou funcionários de escalas que non é normal que estean nas manifestacións obreiras.
As manifestacións foron o veiculo que os asalariados/as utilizaron para manifestar o seu rexeitamento e a sua vontade de enfrentar essas politicas, porque hai que ter em conta que em moitas ocasións non se pode facer folga por estaren ameazados de despidos, pola precariedade no emprego e, non o esquezamos, polos miles de traballadores/as no desemprego.
Foi umha folga politica
Cando foi convocada a folga xeral no Estado o goberno saiu afirmando que era umha folga “política”, mesmo algun dirixente do PP, a ínclita Espe Aguirre, pediu a sua prohibición por esse carácter político que lle atribuían, apoiando-se na reacionária lexislación herdada dos pactos da Transición, nas que se prohiben as convocatórias que non teñan un caráter meramente sindical.
Por moito que diga a lei, toda folga xeral é, pola sua própria esencia, política, pois se convoca para rexeitar unha decisión política do goberno de quenda. Asi foron as folgas contra os gobernos de Gonzalez, polas suas políticas de recortes das pensións ou da Lei de Emprego Xuvenil no histórico 14D do 88. Asi foron a folga contra o “decretazo” do goberno de Aznar, e asi foi tamen a convocada contra a política de ZP. Todas as Folgas Xerais, ao rexeitar umha decisión política, teñen por definición un carácter político.
Mas o 14 N non só era política por rexeitar umha medida dun goberno, senon que tiña un carácter superior, mesmo nos lemas propostos pólas cúpulas sindicais: “há culpabéis, há alternativas”. De feito, non foi umha folga contra umha medida senon contra unha Union Europea, un goberno,… que estan a aplicar um conxunto de políticas que levan o empobrecimento do conxunto da poboación traballadora, e ofrecianse alternativas.
Foi umha folga contra esos gobernos e essa Union Europa, por iso foi umha folga política que, tamen, expresa os seus limites.
A ambiguedade calculada das direccións sindicais e os seus métodos de convocar
Mas a folga do 14N tamen saiu a pesar dos obxectivos e os métodos das cúpulas sindicais. Em primeiro lugar, a maneira que teñen de facer as convocatórias semella mais umha campaña electoral que umha forma de loita da clase traballadora pólos seus direitos, axudando aos medios a presenta-las como algo alleo os seus interesse, como se os traballadores/as estivesen no medio dos dirixentes sindicais e os gobernos.
A convocatória das folgas, e sobre todo das folgas xerais, semella que xurden das necesidades desas cúpulas que non se poñen dacordo cos gobernos, e chaman à poboacion traballadora a respaldalos, como cando un goberno convoca as eleccións xerais, para ver de que a cidadania avale, ou non, as suas medidas.
Esta lóxica de convocar desde as cúpulas, manifestase nos medios que as organizacións sindicais poen para que a folga saia adiante. Cantas asembleas votaron a folga xeral? Em cantas empresas/sectores chamouse aos traballadores/as a participar nos piquetes? Como se organizaron os piquetes, a partir das empresas à vangarda nun polígono, nunha zona comercial, para levar à folga aos que por medo, desorganización ou o que sexa, non apoiaban? Xurdeu a decisión da base, ou póla contra foi a Confederación Europea de Sindicatos quen fixo a convocatória?
Esto é o que significa no concreto que a consciência da clase traballadora cresce, cando sae fortalecida política e organizativamente para as vindeiras batallas que temos que dar contra as políticas da Unión Europea e os seus gobernos. A resposta a esas preguntas é cuantificable obxectivamente, com números que a burocracia sindical non quere nin de broma.
O problema fundamental da clase traballadora europea para avanzar na conquista dos seus obxetivos son umhas cúpulas sindicais das que non se fai nengun descubrimento, fan parte do sistema. O 14 N, ainda sendo um fito histórico na unidade da clase traballadora europea, tivo duas limitacións fundamentais
Unha, a CES convocou tarde, e fora de hora. Desde que há xa cinco anos houbo ducias de momentos para convocar mobilizacións xerais desas características, ligadas a procesos concretos da loita dos traballadores/as cando os gregos chamaron aos pobos europeos “a se levantar”, ou cando non há tanto tempo coincidiron manifestacións em case todos os países contra iguais políticas de axuste e austeridade.
Dous, os obxectivos non foron debatidos pola base, senon que viñeron decididos desde a CES, pois a sua loxica, como bem expresa o sr Toxo, presidente da CES, esperan que os gobernos “muden as suas políticas”, e lles chamen a negociar as “alternativas”.
O 14 N veu imposto porque as cúpulas sindicais estan no medio do bocadillo, coas políticas da UE cada vez mais duras contra a clase traballadora e os pobos, e a crescente resposta e mobilización destes, que xa tiñan conseguido victorias parciais como a retirada do plan do goberno portugués. As cúpulas sindicais non tiveron outra posibilidade para, a partir dun lema ambiguo e sem debatir polas bases, tentar cabalgar a mobilización para reconducilo ao pantano da negociación cos gobernos e a Union Europea.
Por isto o seu lema é ambiguo, “ha culpabeis”, sem determinar quenes son para non ficar atados a umhas palabras de orde que imporian umha loita mais constante e dura, e que a poboación ten claro: os banqueiros e empresários, a Unión Europea e os gobernos que aplican as politicas. Consecuentemente, a ambiguedade nas propostas traducese nos medios burocráticos para levar adiante a mobilización, umha votación masiva a prol da folga e a sua continuide ate acadar os obxectivos, sem esperar a chamada dos gobernos, tamen lles ataría as mans na negociación.
O 14N demonstrou de novo os limites à mobilización que temos que romper, as políticas das cúpulas sindicais, opostas a que a clase traballadora avance nos seus obxectivos de derrotar a Unión Europea e os seus gobernos, e na sua autoorganización.
Para vencer, é preciso levantar umha outra política
O 14 N puxo sobre a mesa o rexeitamento a umha refundación da Union Europea a golpe de Austeridade e Recorte, que esta desmantelando o que quedaba do Estado do Bem estar provocando o empobrecimento do poboación europea, e ubicanos na perspectiva de novas mobilizacións europeas contra essa Refundacion.
Mas se o que se pretende é a victoria contra o frente das burguesias europeas, a sua institución central, a Unión Europea e os seus gobernos, a clase traballadora ten que dar um paso nos seus obxectivos políticos e nos seus métodos, superando as rutinas dos tempos de estabilidade social e política.
A UE e os seus gobernos son claros nos seus planes de austeridade, o pago da débeda é prioritaria nas contas publicas para financiar á banca e ás multinacionais, os recortes para destruir o Estado do bem Estar e fomentar à privatización dos servizos ate o de agora públicos, e as reformas laborais para aumentar a explotación da clase traballadora e mellorar os beneficios empresariais. Todas as suas medidas políticas e de direitos civis ordeanse baixo estos obxectivos.
Frente a esta claridade non se pode opor a ambigüidade das cúpulas sindicais, à espera dumha mudanza na política dos gobernos, ou trocos de goberno pola via electoral, coa entrada de Hollandes vários que vaian no camiño da negociación. Esta via, como a de o próprio Hollande e anteriormente ZP, demonstrase que é tamen o camiño aos recortes o axuste, só que coa vaselina da negociación coas cúpulas sindicais, seguindo a rutina de há cinco anos.
Os planes de austeridade e recortes son partillados, ou aplicados com máis ou menos agrado, por todas as forzas institucionais, que cando chegan a un goberno local, rexional, nacional ou estatal, non podem deixar de aplicarem. O recente exemplo de IU no goberno de Andalucía co PSOE é claro ao respeito.
Trás o 14N Toxo saiu afirmando que espera umha “mundanza” na política do goberno. Cumha crise do calibre da actual non collen medidas intermedias, nin negociacións sindicais parciais: a ofensiva é tan dura que estan em perigro todos os direitos laborais, sociais e políticos conquistados nos ultimos 50 anos, e os gobernos teñen renunciado a negocialas coas cúpulas sindicais e mesmo con outros partidos institucionais, senon que van ao enfrentamento coa poboación. Poren, facer mobilizacións coa esperanza de que os gobernos muden e negocien é darlle ilusións à clase traballadora e o pobo de que há saídas que non supoñan a continuidade na loita.
A disxuntiva, hoxe, esta em duas políticas enfrentadas, a dos gobernos e a Union Europea de recortes laborais, privatizacións e empobrecimento, e a saída obreira e popular à crise, que parta do non pagamento da débeda, da derrogación de todas as medidas antiobreiras e antipopulares, coa expropiación da banca e grandes indústrias estratexicas, a das medidas de reparto de traballo, reducindo a xornada sem reducir o salario, a de reestatalizacion de todos os servizos privatizados e a defensa dos públicos, baixo control da clase traballadora e o pobo, e a formulación de plans de obras e infraestruturas o servizo das necesidades sociais e non de financiamento das grandes constructoras e os bancos.
Os Estados Unidos Socialistas de Europa
O 14N, como toda folga xeral, pon sobre a mesa o problema do poder, é dicer quén fai, que sector da sociedade, que institucións, que goberno e que estado pode levar adiante unha saída obreira e popular à crise; porque a saída a beneficio do capital xa sabemos cales son, a Union Europea e os seus gobernos.
O principal balance da Xornada do 14N foi é a unidade da clase traballadora europea, pois é o elemento de cualidade respecto a outras convocatorias de Folga Xeral nos países da Union Europea, que pon sobre a mesa cal é a alternativa - dicia a convocatoria de CCOO e UXT, “ha alternativas”-.
Si, “ha alternativas”, mas dentro da sua ambiguedade non din cales son, porque eles defenden a actual Unión Europea, a que xurdeu do Tratado de Maastricht e ten xerado umha debeda impagable, a que recorta e axusta. As cupulas sindicais e os partidos institucionais que os apoian non se moven fora dos marcos da actual UE, o mais que chegan é a exixir aumentar o seu “caráter social” frente aos neoliberais que resolven todo côa “man oscura do mercado”. Mas para os pobos, para a clase traballadora, a actual UE é o seu gran inimigo. Por iso non podem levantar a unica umha alternativa clara, destruir esta Unión Europea limitandose a lavarlle a cara.
Para os marxistas revolucionarios si existe umha alternativa, a única que pode levar adiante un programa de transformación da sociedade, os Estados Unidos Socialistas de Europa.
Cando se din que “chegou a hora da política”, é porque este é o terreo da loita contra os plans dos gobernos e da Unión Europea, e non o da resposta parcial, sindical, aos ataques. Ë preciso levantar umha perspectiva social global, umha alternativa política ás institucións ao servizo do capital, e isto traducese na necesidade de construir um partido internacional, que a escala europea e nos estados, defenda a necesidade da transformación socialista da sociedade.
Superar a dispersión das alternativas sindicais e politicas
O 14 N, ainda sendo un paso na superación da dispersión estatal e nacional da clase traballadora, non resolve o problema. A CES non ten a intención de seguir na liña marcada coa convocatoria do 14, pois iso suporía nin mais nin menos que avanzar no que o capital teme como a peste, a unidade da clase traballadora, entre os sectores mais avanzados como gregos, portugueses, italianos, españois ou galegos, cos mais retrasados, alemans, holandeses, austriacos, etc..
Suporía romper a división que introducen facendo pensar a estos que eles estan pagando aos “vagos” do sul, demonstrando que quen paga a crise é toda a clase traballadora por igual, os alemans cos minijobs e a “axenda 2010” de Schroeder que destruiu elementos do seu estado do bem estar, e os do sul co desmantelamento do seu Estado a golpe de débeda, e que os beneficiarios desas políticas son a partes iguais, os bancos alemans, os capitalistas gregos ou españois que evaden capitais à banca alema ou francesa, ou os bancos españois, titulares da débeda portuguesa ou española.
A unidade do 14 N ten que ter continuidade para romper esta dicotomia/división entre o norte “rico” e o sul “vago e derrochador”, para unir a loita da clase traballadora europea contra os mesmos inimigos, os capitalistas e banqueiros europeos agrupados nesa cova de ladrons que é a Union Europea.
É obvio que a CES non vai a avanzar nese camiño, pois seria morder a man que lle da de comer; isto é tarefa dos organismos sindicais, políticos e sociais que coerentemente enfrentan essa Union Europea, e nomeadamente o chamado “sindicalismo de clase e combativo”, cuxos embrións existen em moitos estados europeos.
A CIG ten, neste camiño, unha responsabilidade especial, pois representa na Galiza, ao lado de outras organizacións sindicais menores (a CUT, a COG, a CGT, a CNT, e agrupacións sindicais de empresa), a essa perspectiva sindical combativa que esta a se desenvolver no conxunto de Europa. Implicar-se a fondo na realización dun Encontro Europeo para dar continuidade a unidade europea na loita é fundamental para non dilapidar os esforzos demonstrados póla clase traballadora galega o 14N.
O nivel internacional e europeo da crise, a “emerxencia social e política” na que vivemos pon a todas as organizacións na necesidade de superar as perspectivas locais. Non é negar o lexitimo direito à autodeterminacion das nacións oprimidas, o contrario, e unir esta exixencia à loita unida da clase traballadora contra o empobrecimento social que supon a Union Europea actual.
Para garantir a victoria frente a estes planes só há um camiño, levar este debate ás asembleas de traballadores/as, ás empresas e sectores, aos centros de estudo e bairros, e votar planes de mobilización que inclúan novas folgas xerais europeas, contra as medidas de austeridad, recorte e axuste, ate derrotar os gobernos de quenda, o de Rajoy e a Xunta, e a Unión Europea. 

En Galiza no mes de novembro de 2012
--

No hay comentarios:

Publicar un comentario