A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 14 de enero de 2016

SOBRE O XOGO DE DEREITAS E ESQUERDAS NO ESTADO ESPAÑOL(I)



Carlos Dafonte

Inmediatamente despois de coñecidos os resultados da xornada electoral do 20 de novembro, puxéronse en marcha dúas operacións políticas, que aínda que pareceran contraditorias, tiñan como obxectivo a estabilidade do réxime actual moi enfeblecido pola crise económica mundial e as particularidades da mesma no estado, e a crise política e social no mesmo, que vai dende a falla de credibilidade da maioría das institucións nadas ca Constitución de 1978, ata poñer en cuestión o poder da clase hexemónica, a oligarquía, e os políticos que a representan. Inestabilidade á que axuda que unha parte importante tanto de sectores da clase burguesa, como dos políticos, incluída a monarquía, inmersos en numerosos casos de corrupción económica, de roubo sistemático dos fondos públicos.

Nestas circunstancias prodúcense determinadas mobilizacións masivas, tamén sectoriais, a ocupación de prazas de diferentes cidades e comézase a albiscar cambios substanciais nos procesos electorais que se van celebrando, europeas, autonómicas e municipais e por último as lexislativas do 20 de novembro, onde van aparecendo novos actores e os vellos, os que configuraban o chamado “bipartidismo imperfecto”, fundamentalmente o PP e o PSOE sofren un importante desgaste tanto electoral como social. Maior o social que o electoral. O que se tenta deixar claro dende o primeiro momento é que o PP ou o PSOE, partidos derrotados, deben ser quen encabecen a posibilidade de formar goberno.
Do PP algúns din que gañou, pero sacar o 28 % dos votos, me leva a dicir que foi o que gañou entre os perdedores, foi un dos que perdeu, o que máis perdeu, mais de tres millóns de votos e de sesenta deputados, pero a pesares de perder gañou pois foi a formación política que sacou máis deputados e maioría absoluta no Senado.
Durante os últimos  catro anos que tivo maioría absoluta en ámbalas dúas cámaras das Cortes e maiorías importantes que lle permitían gobernar en Comunidades Autónomas e Concellos, a política económica do PP estivo orientada a recupera-la taxa de ganancia dos capitalistas, reducindo os dereitos laborais, sociais e políticos dos traballador@s asalariad@s e da clase obreira e permitindo que a iniciativa privada a la busca de beneficios, entrara a saco nos servizos públicos. Os mesmos obxectivos que se marcou o PSOE nos oito anos nos que gobernou sendo presidente Rodríguez, a traveso das diferentes reformas levadas a cabo, en 2006, a laboral e fiscal, onde se suprimiu por exemplo o imposto de patrimonio e baixáronse os impostos ós máis ricos, xusto ás portas da grande recesión; pero sobre todo a emprendida en 2010, de reforma das pensións e de novo do mercado laboral, que trouxo consigo unha folga xeral que lle obrigou a convocar eleccións anticipadas no ano 2011 que gañou o PP, con maioría absoluta.
En tempos de crise ata dentro da burguesía se agudizan as contradicións e o proceso de concentración e centralización do capital é máis implacable, o que obriga a moitos capitalistas a saír do mercado; en calquera caso os máis febles loitarán para permanecer e non ser derrotados polo que, como é na actualidade, moitos medios burgueses poden propor solucións distintas para a encrucillada na que se atopa o sistema político.
Das contradicións interburguesas nace a proposta “dun pacto de esquerdas”, que constantemente como posible no actual panorama electoral, repiten determinados medios, El País, La Sexta, la SER...tentando convencer a moitos votantes que fuxiron nesta ocasión do voto PSOE ou PP, de que o PSOE pode encabezar esta alternativa “de esquerdas” a un goberno do PP.
Polo tanto creo que é necesario debater que é ser de esquerdas hoxe, que segundo a miña opinión non variou moito dende que a expresión foi acuñada, en primeiro lugar na guerra civil inglesa do século XVII cuxo espazo estaba ocupado polo movemento coñecido como “os cavadores”, que tiñan como obxectivos suprimi-la propiedade privada e busca-la igualdade entre todos os individuos; foron exterminados polos sectores que actuaban ó servizo da burguesía.
Pero onde tomou corpo verdadeiramente esta expresión foi na revolución francesa iniciada en 1789, e que se correspondía cas posicións dos grupos que se sentaban na parte esquerda da Asemblea Nacional, que eran os que querían levar as medidas e os cambios máis radicais, suprimi-la propiedade privada, desaparición dos cartos e substitución por bonos convertibles, comida e casa gratis para os pobres, democracia popular, etc. Estas premisas dos primeiros anos da revolución se vai plasmar na época do Directorio na que se denominará a “revolución dos iguais” encabezada por Babeuf, que será esmagada polo exército, que ten puntos de conexión cos socialistas utópicos e desembocará no marxismo, ca súa proposta de sociedade dividida en clases e a loita entre elas como motor da historia, a lei do valor, a xénese do beneficio na explotación da forza de traballo e a consecución da plusvalía, a necesidade da toma do poder por medio da revolución e a construción dun novo estado ó servizo dos traballador@s que socialice os medios de produción e toda outra serie moi importante de consideracións.
Este “fío condutor vermello” desemboca a finais do século XIX na creación da socialdemocracia ligada ó marxismo, e a súa división máis tarde, entre os reformistas e os revolucionarios. Os primeiros modificaron a súa proposta inicial e pensaron que por medio do voto e de reformas aprobadas nos parlamentos, podíase avanzar cara ó socialismo, os segundos , que despois da revolución de outubro en Rusia toman o nome de comunistas, mantiveron os postulados do marxismo e consideraban ese proceso imposible e só alcanzable por medio dun proceso revolucionario, que significara a derrota da burguesía e dos restos do feudalismo.
Despois da IIª Guerra Mundial e do inicio da chamada “guerra fría”, o enfrontamento entre as dúas grandes potencias, os Partidos Comunistas dos países capitalistas, independentemente das liortas que tivesen ca URSS, eran considerados “axentes ó servizo do inimigo” e necesitábase para o funcionamento do sistema unha “esquerda fiable”, que non puxera en cuestión o sistema capitalista: ese vai ser o papel fundamental dos Partidos Socialistas.
Esa transformación na esquerda do sistema a van a levar adiante os socialdemócratas reformistas facendo súa a teoría elaborada por Keynes e pasaron de querer consegui-lo socialismo por un camiño que non levaba a ningures, a defende-lo capitalismo e en determinadas circunstancias a reformar algúns aspectos do mesmo, a darlle unhas pinceladas que fixera máis humana a súa faciana pensando que as condicións do capitalismo no centro do sistema, permitiría sempre o pacto social de despois da II Guerra Mundial. Abandonaron polo tanto, as posicións de esquerda, convértense en partidos da dereita, que defenden nalgúns casos, certos aspectos progresistas.
A realidade, a partires do final da década do dos sesenta do século pasado, indica que a burguesía diante das crises sucesivas que sofre o capitalismo, que lle son propias, abandona o pacto social, pula as políticas neoliberais de enfrontamento co movemento obreiro e obriga a antiga socialdemocracia xa neokeynesiana, a poñerse  a remolque e actuar como o monaguillo do grande capital, pois as políticas que durante un tempo deron resultado, co comezo da globalización e a queda da taxa de ganancia, deixaron de ter o efecto esperado.
O que quero destacar é, que o longo da historia dos séculos XIX e XX, as forzas que se deben considerar de esquerdas foron as que loitaron pola desaparición do sistema capitalista; ese é o aceno de identidade da esquerda e non podemos aceptar que a burguesía nos de “gato por lebre” facéndolle crer a unha parte da sociedade que os antigos socialdemócratas, máis tarde reciclados de neokeynesianos e hoxe neoliberais, son a esquerda deste país. E unha pregunta que creo pertinente, pódese ser transformador, revolucionario, sen ser marxista?
O problema político máis importante do estado español é a inexistencia hoxe dunha esquerda recoñecible como tal para a grande maioría dos seus habitantes, polo que é relativamente fácil, o labor de travestismo político e un partido que estivo durante o franquismo “corenta anos de vacacións”; que a maioría dos seus dirixentes nos albores da democracia o foron como resultado do pulo dado ós mesmos polo Departamento de Estado dos USA e a CIA; que acepta para gañar as eleccións do ano 1982 as imposicións dos poderes económicos, o exército e a igrexa; que nos mantén na OTAN, elemento fundamental do control do imperialismo; que acepta unha entrada na UE segundo o establecido pola oligarquía; que ten como unha misión fundamental cooptar sectores do movemento obreiro e popular para as políticas socioeconómicas neoliberais, de dereitas; non permitir que medre, co respaldo dos medios de información da burguesía, quen defenda políticas de esquerda; que acepta o Acordo de Maastricht e a Constitución Europea, elementos fundamentais para o dominio dos sectores oligárquicos da burguesía na UE e non hai dúbida algunha, sen soberanía económica non existe a soberanía popular nin democracia; que é inimigo dos pobos que loitan pola súa liberación; que moitos dos seus dirixentes, ex-ministr@s, etc ocupan postos de relevancia en consellos de administración de grandes empresas que impoñen os seus criterios ó goberno; que iniciou a privatización de empresas públicas de carácter estratéxico e sentou as bases para a entrada da Igrexa no ensino e o capital nos servizos públicos; que non acepta o dereito de autodeterminación dos pobos; que xunto co PP modificou o artigo 135 da constitución sen dar explicación algunha, o que significa que o pago da débeda é prioritario sobre a xestión dos servizos que a poboación necesita; que está de acordo co Tratado de Libre Comercio UE-EEUU, e co xeito en que se elabora, en segredo, mantendo á poboación ó marxe, cando lle vai afectar en numerosas facetas da vida cotiá e vai representar un maior dominio da empresas multinacionais sobre a economía; un partido socialista que non di nada sobre a débeda do estado español, que esta por enriba do 100% do PIB o que a converte en impagable e unha parte da mesma é de carácter ilexítimo; que cando estivo no goberno facilitou a expulsión daquelas persoas que por motivos laborais, perde-los empregos, non puideron paga-las hipotecas. Pois ben un partido que entre outras cousa fixo todo o anterior, que a calquera outro partido lle definiría como de dereitas, aquí, no estado español, para tentar recompoñer un bipartidismo en ruína, alicerce fundamental, xunto ca monarquía, do réxime, pero que os poderes económicos consideran debe seguir sendo hexemónico no novo proceso político onde aparecen novas formacións, no estado español repito, se nos venda agora na totalidade dos medios, como o que debe encabezar unha alternativa ó PP, dende a esquerda. Quen considerándose de esquerdas acepte este apaño, o único que vai facer é, en momentos de debilidade do bipartidismo, fortalecelo, e seguir afondando na tumba que os pactos co PSOE meteron á esquerda no estado español.
O caso de IU é un exemplo claro de cara a onde conduce esa política e polo que se ve, pola anuencia de Garzón a aceptar un “novo pacto de esquerdas” co PSOE, IU está decidida a seguir tropezando na mesmo pedra que a levará sen dúbida a súa desaparición. Perece que da experiencia de apoiar sistemáticamente ó PSOE nas Cortes no período de goberno de Rodríguez e formar parte do goberno de Andalucía, non se sacan as conclusións adecuadas.
Está moi claro que para a burguesía contar cun partido, ó que unha parte da poboación o considera de esquerdas, e que defenda os seus intereses, os máis importantes, como fiscalidad regresiva, integración na UE e no euro, privatización de servizos públicos étc, é un elemento determinante para evitar convulsións sociais graves e acadar importantes beneficios económicos.
Atopámonos nunha situación de emerxencia social, polo tanto non está demais poñer en primeiro plano o no central da cuestión, que non é outro que discutir que política nas circunstancias de hoxe deben levar adiante as organizacións de esquerda, tanto nas institucións, na sociedade civil, así como nas rúas.
Creo que en primeiro lugar, os grupos anticapitalistas, que teñen como obxectivo inmediato a defensa d@s traballador@s asalariad@s e como estratéxico a loita por unha sociedade distinta, deben facer un esforzo de recoñecerse entre si, como que forman parte da esquerda deste país, e iniciar unha acción unitaria tanto nas institucións, na sociedade, como nas rúas, o que sen lugar a dúbidas levará a redacción dun programa de mínimos. Son pasos fundamentais para construír unha esquerda no estado español.
En segundo lugar non abandonar nunca a rúa e a mobilización; o labor nas institucións pode ser interesante si se é capaz de utilizalas para levar reivindicacións populares; axudará a que a poboación preste maior atención ás propostas, sendo conscientes de que os medios de comunicación da burguesía, van facer todo o posible por non informar ou non facelo dun xeito adecuado; só traballando nas institucións non se conseguirá avanzar.
En terceiro lugar, manterse ó marxe e combater ideoloxicamente, toda manobra encamiñada a seguir fortalecendo o bipartidismo; esa posición pasa por non caer na trampa de considerar que o PP representa á dereita e o PSOE á esquerda. E polo tanto, cos dous partidos que representan a política neoliberal, non poden darse acordos de certo calado como pode ser unha investidura.
Se en verdade o que se quere e dar inicio a un “novo tempo político”, non se pode seguir respondendo e aceptando as necesidades da “vella política”; hai que abrir novas perspectivas, as xentes de esquerda teñen que fuxir da táctica do bipartidismo, da dicotomía ficticia PP-PSOE, e elaborar para as institucións e a sociedade unha verdadeira alternativa.

En Galicia no mes de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario