A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 29 de enero de 2016

SOBRE O XOGO DE DEREITAS E ESQUERDAS NO ESTADO ESPAÑOL (II)



Carlos Dafonte

Lectores do meu anterior artigo co mesmo título que o de hoxe, dirixíronse a min, podíano facer poñendo un comentario no blog pero non o fixeron, no senso de que clarificase máis os conceptos de dereitas e esquerdas, necesidade imperiosa cando unha parte da sociedade e en moitos medios de comunicación, afirmase con moita lixeireza, que tal ou cal partido é de esquerdas ou de dereitas. Ou tamén se fai a afirmación, segundo conveña, de que xa non existen nin dereitas nin esquerdas nunha posición moi parecida á de Francis Fukuyama cando nun célebre artigo “decretou” a fin da historia, pois a partir da queda das sociedades que expropiaran á burguesía e a súa incorporación ó espazo capitalista, xa non habería alternativa algunha ó mesmo. Si buscamos máis atrás, esta posición podía conectar cun dos ideólogos do franquismo, Fernández de la Mora, cando afirmou a fin das ideoloxías.
A crise actual, cas consecuencias de fame, desigualdades, perda de dereitos de todo tipo, paro estrutural, étc, deixou clara a necesidade de atopar unha alternativa que non se pode dar, é a miña opinión, dende dentro do sistema; modificando algúns aspectos do mesmo; a única alternativa á situación actual dende o propio sistema, é para seguir afondando nas desigualdades, facelas cada vez máis evidentes, para que unha minoría acade máis poder político e económico.

Pois ben, nunha primeira aproximación direi que,  unha forza que se poida considerar de esquerdas, só o será si loita por poñer fin ó sistema capitalista. Reformalo non conduce a ningures, por moito que se faga quedarán sempre os elementos que o caracterizan, empezando pola explotación da forza de traballo. Será unha forza de esquerdas aquela organización política que queira levar adiante transformacións de carácter estrutural fondas, a todos os niveis, que de acadarse, podamos falar dun proceso de carácter revolucionario. E as razóns deste devezo son as de tentar supera-la situación de explotación e precariedade na que viven un número importante de individuos da sociedade. A grande maioría da mesma.
Pero con que instrumentos teóricos podemos enfrontarnos á realidade que se quere cambiar para derrota-lo sistema capitalista?. Neste senso debemos reflexionar sobre o formulado por Lenin hai moitos anos, de que “sen teoría revolucionaria non pode haber revolución”. Podo afirmar que ó longo da miña vida teño estudado, como moita outra xente,  numerosas teorías de economistas, de filósofos; ningunha, agás o marxismo, me permite coñecelo funcionamento interno nin as leis do capitalismo; nin soluciona-lo problema da inxustiza da explotación da forza de traballo; das razóns últimas de por que a riqueza producida por unha maioría é acaparada por uns poucos no seu beneficio; nin as razóns de por que os intereses  individuais deben estar por enriba dos da sociedade; nin da división desta en diferentes clases sociais cuxos intereses son antagónicos, é dicir, non poden conciliarse; nin da existencia de institucións que actúan o servizo da explotación e a consolidación da hexemonía da clase minoritaria sobre o resto da sociedade. A maioría destes economistas, así como un importante número de filósofos o que fan é xustificar a situación existente e cando aparece algún reformista, teoriza as reformas que se deben facer para que todo siga igual, para que o sistema capitalista siga a ser hexemónico. Non se debe considerar unha forza de esquerdas aquela que acepta as teorías elaboradas por economistas que defenden o sistema capitalista, como Fiedrich Hayek, Milton Friedman ou John M. Keynes.
Só a teoría elaborada por Karl Marx, Federico Engels e, por dicilo dalgún xeito, os seus seguidores, ese corpo teórico que denominamos marxismo, permite te-los instrumentos teóricos para analizar cientificamente a realidade e ademais, e é moi importante, tamén é unha “guía para a acción”. Indica, e cada un ten que adecuala o momento e a época na que vive, as ideas, os pasos para levar adiante un proceso, que permita substitui-lo sistema capitalista por outro máis xusto. É ademais a única teoría, por ser revolucionaria, que o capitalismo non puido neutralizar e quitarlle a carga revolucionaria, de enfrontamento, a pesares dos continuos intentos para facelo ó longo dos anos.
As forzas de esquerda ó longo da historia sempre foron as revolucionarias, as que propuñan os cambios estruturais y diante da importancia que a influencia destes sectores puideran ter nos sectores máis oprimidos, explotados da sociedade, os réximes capitalistas tiveron que construír e potenciar “outra esquerda” que non puxera en cuestión o modo de produción dominante na formación social existente; que fora un contrapeso á actividade e a capacidade de captación das masas obreiras por parte da verdadeira esquerda, que canta maior forza acadase, máis capacidade tería para consegui-los seus obxectivos revolucionarios. As forzas de esquerda nunca aceptarán que os cambios e transformacións que leven a outro tipo de sociedade se podan acadar pola vía institucional, por unha razón, as institución do estado burgués son creadas para que sirvan á burguesía, polo tanto hai que ter presencia nas institucións, pero a mobilización social e a organización para os obxectivos propostos, é o fundamental nun proceso que verdadeiramente avance cara outro tipo de sociedade, e que culmine co que veño dicindo dende hai moitos anos, a necesidade da creación do dobre poder
Outro aspecto importante que define, segundo a miña opinión, a unha forza de esquerda, nas sociedades capitalistas todas divididas en clases sociais é a cuestión do “suxeito revolucionario”; de que sectores da sociedade, en nome de quen actúa esa forza política e que intereses pretende defender.
A clase máis interesada nun proceso de cambio é a clase traballadora asalariada e, dentro da mesma, o sector máis consciente, a clase obreira. Os asalariados son o conxunto de individuos que venden a súa forza de traballo a cambio dun salario para subsistir. E destaco dentro dos asalariados á clase obreira pola razón de que é a que produce a riqueza dun país e do conxunto do planeta terra. Os donos dos medios de produción non producen riqueza algunha, so teñen os cartos que transforman en capital, pero por moito que cacarexen non a producen; quen a produce é a clase obreira, a que modifica a natureza e crea toda unha serie de mercadorías que outros sectores de traballadores distribúen. Neses procesos de transformación e distribución, os propietarios pagando menos horas das traballadas, conseguen o beneficio. Polo tanto é o conxunto dos asalariados ca clase obreira á cabeza os máis interesados obxectivamente en modificar, en poñer fin a  esta situación de explotación, na que a produción é social, pero a apropiación do beneficio individual; os que están máis interesados en poñer fin á explotación, en pasar da inxusta sociedade capitalista a outra onde a riqueza producida sexa repartida, beneficie ó conxunto da sociedade.
O interese polo cambio non é unha necesidade para as clases intermedias, as que ocupan o espazo entre o proletariado e a burguesía, ás que se lles chama polo común como clases medias, a pequena burguesía no seu conxunto, cuxa aspiración é converterse en burguesía e te-los mesmos privilexios dos que esta goza; como máximo o que pretenden é modificar aspectos do capitalismo que permita acada-lo seu obxectivo ó tempo que loitan para evita-la súa proletarización, proceso que se esta a dar na actualidade.
Polo tanto para que un partido sexa de esquerdas, que queira cambios no sistema produtivo e na sociedade, que teña o marxismo como guía fundamental para o coñecemento e a acción, debe tentar representar os intereses da única clase que pode acadar conciencia revolucionaria, os asalariados, sendo conscientes da fragmentación producida nos seo desa clase, pero tamén que é a única capaz de levar adiante o proceso; polo tanto esa organización debe rexeitar todas as teorías sobre o cidadanismo, a multitude, tan en boga nestes momentos, que afirman que son este conxunto amplo, interclasista, moitas veces con intereses encontrados,  o verdadeiro suxeito para a revolución; é posible que así sexa para levar adiante determinadas reformas, pero nunca para unha revolución.
Por último, unha forza de esquerdas non pode ser imperialista. O imperialismo subxuga ós pobos, somete os seus traballadores a explotación máis brutal, rouba as materias primas, impón sistemas políticos ditatoriais, drena enormes cantidades de beneficios de cara ós elos máis fortes da cadea imperialista. Por iso un dos deberes das forzas de esquerdas e a loita contra o imperialismo e a solidariedade cos pobos oprimidos por el. Dous exemplos moi claros a guerra contra Libia e a súa destrución como estado levada a cabo pola OTAN e a actitude contra o pobo grego por parte da Unión Europea. Unha forza de esquerdas, ten que loitar contra estes dous instrumentos do imperialismo.

En Galicia no mes de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario