Roberto
Laxe
Como
todos os anos desde 1971, cando un profesor de economía suízo reunise a 400
empresarios e expertos europeos para analizar as perspectivas da sociedade,
realizouse estes días un novo Foro na carísima (unha habitación de hotel custa
mínimo 200 euros) cidade suíza de Davos, coa asistencia de 2600 persoas. Tiñan
en axenda temas como está a afectar a 4º revolución industrial, as crises dos
refuxiados, a “desaceleración” da economía chinesa ou o ébola.
Tras
varios dias de debates, charlas e reunións máis ou menos segredas, cun custo
inasumible para ninguén que non faga parte da burguesía, xa sexa como banqueiro
ou empresario -por parte española estiveron Ana Botin do BSCH, Francisco
González do BBVA, e representantes do Ibex 35-, xa como xestor dos seus
intereses -o ministro Guindos-, ou representantes da cultura (o eterno Bono de
U2) ou do cinema (Kevin Spacey), para dar glamour
a un encontro que sen eles resultaría insultantemente burgués.
A nivel mundial estiveron representacións de multinacionais, gobernos como o vicepresidente dos EEUU Joe Biden, o vice de China, das grandes potencias europeas, de Xapón, de Rusia, ... De America Latina estiveron os máis importantes, Brasil, México, Colombia... , e como non, o novo presidente arxentino, Macri, prometendo que devolvería a Arxentina ao curro dos bos pagadores da débeda aos fondos voitres.
Primeiro, as conclusións
Con
tanto poder como en Davos reuniuse, entre propietarios directos dos medios de
produción e financeiros, como os seus representantes políticos/expertos,
cabería supor que teñen algunha idea para sacar ao capitalismo do buraco da
crise, agora que o sostén que tiñan estes anos, o crecemento dos BRICS, China
fundamentalmente, esta-se “desacelerando” cando non entrando en recesión como
Brasil.
Pois
nada diso, en palabras dun alto executivo español, “o desconcerto é total” (El
Mundo, 23/01/16). Para o FMI, ese organismo que no 2006 dicía que as crises se
habían acabado, o crecemento do PIB mundial será do 3.6%; «o optimismo é
modesto e os riscos, grandes» (El Mundo). Sobre os riscos que eles analizaron,
vexamos.
Sintentizando
as respostas: ante a crise de refuxiados o presidente alemán Joachim Gauck,
manifestou que “diminuír a entrada de inmigrantes podería ser necesario por
temas políticos e morais” (El Dinero, 29/01/16), e xa estamos a asistir en
moitos países de Europa á utilización de métodos de control da xente como os
utilizados polos nazis contra os xudeus, medidas que van acompañadas de leis de
excepción contra toda a poboación, baixo o estado de guerra declarado polo
goberno Francés.
Ante a
crise chinesa, foi a inefable Christine Lagarde, do FMI -esa máquina de afundir
países a maior gloria da banca europea e norteamericana- a que recomendou
“pasar dunha economía industrial a unha de servizos, o que podería incentivar o
proceso exportador e o mercado local”(El Dinero). É dicir, en prata, “nin
pajolera idea” do que facer ante a crise chinesa, posto que China xa era
exportadora sobre a base ser a fábrica do mundo, e que significa iso de
“economía de servizos”, ir a unha economía tipo EE UU, onde o 50% do seu PIB
depende de grandes xeradores de riqueza (sic) como os fast food, destruíndo a
industria?.
Respecto
da revolución industrial, a 4º din, fixeron dúas recomendacións: unha, “Dada a
gran influencia e os avances tecnolóxicos actualmente, durante o foro buscouse
incentivar ás nacións a participar da nova revolución industrial” (El Dinero),
traducido a linguaxe financeira, é que as nacións se endebeden coa banca para
participar da nova revolución industrial; e dous, unha xeneralidade, “Os
resultados deste proceso, deben apuntar a integrar ao ser humano cos avances
tecnolóxicos sen chegar a substituír a tecnoloxía pola forza laboral do home”
(El Dinero). Nin palabra de utilizar os avances tecnolóxicos para reducir a
xornada laboral sen redución de salario, para poñelos ao servizo de ser humano,
e así tamén integrar aos refuxiados, no canto de roubarlles as súas pertenzas
como fan as “democracias humanitarias” e occidentais de Suecia e Dinamarca.
A
conclusión obvia foi que ante a crise do capitalismo, agudizada pola
desaceleración chinesa e a caída libre dos prezos de petróleo, que afunde outro
dos posibles alicerces da maltreita economía, a palabra é “desconcerto”.
O Foro
de Davos parece ese chiste que di, “un economista é un experto que sabe mañá
porqué o que dixo onte que ía suceder, hoxe non sucedeu”. Sería cómico este
desenlace, senón fose porque falamos de miseria e empobrecemento social, de
ricos e pobres, dos que se poden pagar unha estancia nunha cidade suíza e os
centos de miles de refuxiados que deambulan polas montañas de Europa, esas
persoas que os que se reúnen en Davos impulsan que se lles rouben as súas
pertenzas.
Descubrindo a pólvora mollada, a concentración e
centralización aumentan as desigualdades sociais
A
multinacional da “axuda humanitaria” Intermon Oxfam denunciou ante o Foro que
non se pode falar de crecemento da economía mentres as desigualdades crezan.
Tras case 9 anos de crises, o 1% da poboación é hoxe máis rica que o 99%
restante. A ONG denuncia, con razón, que estas desigualdades pon en perigo a
democracia. É certo, a acumulación de riqueza e poder en poucas mans atenta
contra os principios básicos da democracia, a igualdade; pero o que tamén é
certo é que a dia de hoxe, iso é inevitable. Son as leis do capitalismo, de
acumulación de capital e o seu derivado, a concentración e centralización de
capital, a que esta tras esa diferenciación.
A
acumulación de riqueza non sae da natureza cobizosa do ser humano, nados baixo
o pecado orixinal e condenados fóra do paraíso, que precisan de medidas
correctoras, redistributivas ou filantrópicas. A acumulación de capital é
froito da explotación dos traballadores e traballadoras, que senta as bases
para esa concentración e centralización. Nun período de crise como o que
vivimos, os capitais menos rendibles, menos produtivos ou que teñen menos
conexións co poder político (a galopante corrupción que atravesa todo o mundo),
perden o ritmo e desaparecen, empobrecendo a amplas capas das clases medias, da
pequena burguesía e destruíndo grandes e medianas empresas, que son absorvidas
polas máis rendibles.
Esta lei
maniféstase na a clase obreira co aumento do desemprego e a caída na miseria de
amplas capas dos asalariados / as; son os “working poor”, incluídos estados
imperialistas. No Estado Español 10 millóns de familias traballadoras viven no
limiar da pobreza (a “pobreza enerxética” non é máis que a pobreza da clase
obreira), nos EEUU o 50% dos mozos viven cos seus pais, aínda sendo asalariados
/ as, porque os soldos non lles permiten vivir independentemente; na Alemaña,
preto dun millón de xubilados / as teñen que compatibilizar a pensión cun
traballo a tempo parcial, o famoso “mino job”.
A
acumulación de riqueza en poucas mans é froito, entón, desa lei da
concentración e centralización de capital, que se manifesta nesa formula que é
o 1% vs o 99%. Pero non nos confundamos, é unha formula gráfica, pero non
exactamente real: aínda que dentro do 1% hai moita homoxeneidade, son os
“ricos, ricos”, entre o 99% a cousa cambia.
Un
análise serio dese 99%, máis aló do titular, dinos que entre eles hai
capitalistas empobrecidos, que foron incapaces de seguir os pasos dos máis
ricos, pero que conservan títulos de propiedade de empresas e comercios, hai
clases medias (profesionais liberais) e aristocracia obreira, que foron parte
da dominación do capital, pois nas súas mesas caian migallas da explotación do
conxunto da clase obreira mundial e do saqueo dos pobos oprimidos, e aínda que
algúns, co empobrecemento social, se proletarizan -é dicir, perden calquera
outro medio de vida que non sexa a venda da súa forza de traballo-, moitos
conservan propiedades que lles permiten pasar ao “rango” de rendistas. Non
caiamos no simplismo do titular, que anula a verdadeira realidade do mundo: a
riqueza acumúlase a partir da fronteira de clases, entre os que teñen títulos
de propiedade para non necesitar vender a súa forza de traballo para vivir
(mellor ou peor), a burguesía en todos as súas escalas, e aqueles que só teñen
a súa forza de traballo para vivir, os proletarios: as clases medias, como ben
di o termo, están en medio. A riqueza xérase sobre o traballo destes últimos a
través do tempo de traballo non pago, máis coñecido como a “plusvalía”. Hoxe o
tempo de traballo socialmente necesario para producir calquera mercadoría é
practicamente nulo: un obreiro ou unha obreira produce en 8 horas o que non fai
tanto se precisaban miles de horas de traballo. Non confundamos taxa de
plusvalía, é dicir, rendibilidade do capital investido, con masa de plusvalía,
que é o total do tempo traballado non pago para producir mercadorías.
Por este
motivo a rendibilidade das empresas está baixo mínimos; para que un
investimento sexa rendible é preciso aumentar a explotación da clase obreira
dunha maneira xeométrica, que incremente a masa de plusvalía -acumulación
orixinaria de capital-. Pero, nas condicións actuais de desenvolvemento
tecnolóxico, isto é unha volta ao pasado, ao traballo case artesanal, polo que
a pesar de todas as medidas de empobrecemento social a taxa de ganancia segue
sendo baixa.
O
“desconcerto” do Foro de Davos vén de que, como “expertos” economistas que son,
investíuselles a realidade na cabeza e non alcanzan a ver que a taxa de
ganancia extraída da explotación da clase obreira, froito do tremendo
desenvolvemento da capacidade produtiva do ser humano, está a piques de ser
“cero”, o que en termos contables defínese como “estancamento”. Ante esta
realidade só ocórreselles receitar o que nos trouxo até aquí, a liberalización
dos mercados financeiros, o aumento do capital ficticio / débeda, especulación,
corrupción, etc. Confunden a forma da riqueza, “diñeiro”, coa riqueza,
“capital”, e cren que aumentando o diñeiro auméntase o capital, xerando
constantemente novas “burbullas” sen case ningunha base na produción de
mercadorías (mercados de futuros, compra de pasivo e títulos, etc.), que
inevitablemente terminan por estalar.
China e a acumulación de capital
Un dos
grandes temas que entrou de cheo no Foro foron os problemas da economía
chinesa. Son “problemas” e non crise, porque non se pode falar con rigor de
crise cunha taxa de crecemento do 6,9% (case o dobre que a media mundial
prevista polo FMI); salvo que un sexa un propagandista do bloque
euronorteamericano, empeñado en minimizar o “desafío” que China representa para
o seu dominio hexemonico.
Pero
China si ten problemas, e serios. Algúns falan de que a economía chinesa
achégase a “estandares” occidentais, de non máis do 3/4% de crecemento do PIB.
É certo... O incremento da produtividade no traballo aumenta a taxa de
plusvalía xerada pola explotación da clase traballadora, pero ese mesmo
incremento provoca unha tendencia decrecente da taxa de ganancia, o que
contablemente exprésase nesas “taxas estándares”.
China,
desde hai moitos anos -a política de Deng Tsiao Ping nos 70/80-, sobre a base
dunha explotación brutal da clase obreira e o atraso tecnolóxico do seu
aparello produtivo, tiña unha moi baixa produtividade do traballo e polo tanto
da taxa de ganancia; pero froito desa explotación das condicións de traballo e
salarios, o capitalismo chinés xeraba unha gran masa de plusvalía.
A partir
desa masa de plusvalía xerada estes anos a economía chinesa ten vivido un
proceso de “acumulación orixinaria”, modernizouse, tecnificou as industrias e
aumentou a produtividade do traballo. Ademais, xerouse por esta tecnificación
unha gran clase media (uns 300 millóns de persoas) cun relativo aumento da
calidade de vida, que se traduce nun gran mercado interno para bens de consumo.
A
rendibilidade do capitalismo chinés, como pasou sempre desde que a Holanda do
Século XVII o tulipán atraese a capitais de Inglaterra e toda Europa, provocou
unha burbulla investidora, non só das clases medias chinesas, senón de capitais
internacionais. O resultado non é outro que unha nova burbulla, do mesmo estilo
que a que afundiu a economía norteamericana no 2007/8. De novo, agora en China,
a tendencia decrecente da taxa de ganancia expulsa a capitais ao investimento
especulativo, e abre un período de concentración e centralización de capitais
dentro que fagan máis rendibles as empresas que sobrevivan.
China
non perderá papel na economía mundial, antes ao contrario, as empresas que
sobrevivan ao proceso que se está producindo serán máis poderosas, máis grandes
e terán mellores condicións para competir cos grandes consorcios occidentais. A
crise chinesa, e aquí tamén esta o “desconcerto” do Foro, é unha crise de
crecemento; pasar da mocidade á madurez... no marco dunha crise capitalista de
gran calibre.
O
desconcerto maniféstase en que o FMI non ten receitas concretas para unha
economía que xa é o banqueiro do mundo. O FMI, ante unha crise doutra nación,
recomenda “liberalizar” os servizos e endebedarse co capital ianqui e
europeo... Pero no caso chinés ten un problema; a primeira receita pode valer,
pero a segunda non: China é acredor de ianquis e europeos. Ou o que é o mesmo,
como endebedar-te con quen che debe diñeiro?, ou che debes diñeiro a ti mesmo
ou é imposible.
A saída da crise, o “desconcerto” de Davos ou o
socialismo
A nove
anos do estalido da crise, que unha reunión que custa unha enorme cantidade de
cartos e onde se xuntan centos de expertos, políticos e demais, só sexa capaz
de dicir que hai un “optimismo moderado”, que hai “riscos”, ou como algún dixo,
“o desconcerto é total”, soa, como dixen máis arriba, a chiste, senón fose
porque nos vai niso a mesma existencia da humanidade... Fai nin sequera tres
meses, en París, na Conferencia do Cambio Climático, a sensación foi a mesma:
“desconcerto”, “moderado optimismo”, ou o que traducido á realidade: non
sabemos que demos facer con todos os avances tecnolóxicos (desde a
nanotecnoloxía até os avances médicos, desde as renovables até o coñecemento do
ser humano); o que ampulosamente chaman a 4º revolución industrial.
Non
saben... ou non poden / queren?. Porque esta é a cuestión. Se só trátase de
“saber que facer”, con cambiar as persoas que se saiban, chegaría. Esta é a
teoría dos neoreformistas que crecen por todo o mundo, o problema é a cobiza do
1% máis rico, e con gobernos de sabios, de “núcleos irradiadores” (como se
autocualifican os dirixentes de Podemos), apoiados na xente do común, se saberemos
que facer con todos eses avances. Para eles o problema son as persoas, non o
sistema, traizoando o gran eixo do 15M español que afirmou unha e mil veces: “o
problema é o sistema non as persoas”.
Vaiamos
a Davos, e deixemos as fantasías utópicas do neoreformismo para outra ocasión.
Non poden / queren cambiar as cousas, porque eles son a personificación do
problema, da crise do sistema.
O seu
“desconcerto” é o dunha persoa que ten acceso a miles de millóns de euros e
ante unha crise como a dos refuxiados só ocórreselles dicir que “diminuír a
entrada de inmigrantes podería ser necesario por temas políticos e morais”.
Como o representante dunha das nacións máis ricas do mundo, Alemaña, pode dicir
tamaña inmoralidade ante o sufrimento que eles mesmos xeraron, coas súas
políticas de austeridade e saqueo de riquezas dos países dos que saen os
refuxiados. Por se non fose pouco, son os mesmos que obrigan ao pobo
traballador grego a pagar unha débeda que non xeraron, esíxenlle a esa Grecia
empobrecida que controle o paso dos refuxiados: os pobres europeos contra os
pobres árabes; esta é a gran receita deses “expertos”.
Esta
hipocrisia é máis sanguenta se vemos que a sociedade -si, capitalista- sentou
as bases para que a humanidade supere a inmensa maioría das secuelas que a
aflixen. A chamada 4º revolución industrial, os avances que ela supón
(nanotecnoloxía, renovables, avances médicos, xenética, ...), pon á humanidade
ás portas da superación do “reino da necesidade”, para avanzar ao “reino da
liberdade”; ao socialismo.
Embora...
Si, hai un pero, e ese “pero” non é “pecata minuta”; é todo o que representa o
Foro de Davos, a propiedade privada dos medios de produción e financeiros, da
especulación e as burbullas inmobiliarias, a corrupción e a deshumanización da
sociedade, o individualismo e a íntima convicción na teoría hobbesiana de que
“o home é un lobo para o home”.
Os
avances tecnolóxicos, a chamada 4ª revolución industrial vive na contradición
de que son obra dun sistema, o capitalista, que pola súa lóxica implacable de
optimización de beneficios a través da produción de mercadorías de maneira
compulsiva e irracional, vese na obriga de revolucionar constantemente as
relacións de produción, tecnificándose, aumentando a capacidade produtiva do
ser humano; pero a dependencia que o mesmo capitalismo ten dese incremento dos
beneficios, e a súa apropiación privada (aumento da riqueza duns poucos fronte
á miseria de moitos), condúcelle, tamén implacablemente, ás crises cíclicas que
cada vez empobrecen a máis sectores sociais. Esta é a base material do
“desconcerto” dos representantes do capital reunidos en Davos: como sendo tan
ricos, temos “riscos” que comprometen a nosa riqueza?
A base
da pirámide social cuxo vértice representa o Foro de Davos, a clase obreira,
onde se concentran todas as contradicións da sociedade actual, ten nas súas
mans resolver a contradición, expropiando aos que se apropian da riqueza social
e os seus representantes, planificando a economía baixo o seu control e pondo
os avances tecnolóxicos ao servizo do desenvolvemento humano, non do beneficio
do capital. É dicir, loitando polo socialismo como a superación do “reino da
necesidade polo reino da liberdade”.
Só un
exemplo, para terminar: se hoxe en 8 horas de traballo prodúcese o que hai anos
eran preciso miles de horas, porque non se reduce a xornada laboral ao tempo
necesario para reproducirnos como especie, e o tempo restante a desenvolvernos
como seres humanos?. Isto é o socialismo; é a realidade, nin máis nin menos...
En fronte, están os que, como en Davos, négano. A revolución é acabar co
sistema que sostén a todos os Davos do mundo.
Galiza, no mes de xaneiro de 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario