A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 14 de febrero de 2016

ANTE O PACTO DE GOBERNO, PALABRAS "MILAGRE" NO ESTADO ESPAÑOL.




Roberto Laxe


Cada vez que hai unha crise importante do réxime do 78, desde un sector da burguesía alimentan organizacións que tras abstraccións como “cambio”, “progreso”, “consenso”, “acordo entre todos”, “superar as diferenzas”,... tentan galvanizar á poboación traballadora para desmobilizarla; e, desgraciadamente, grazas a esas organizacións até agora conseguírono.

En 1982, tras a crise do partido que o franquismo construíra para “ se reformarse”, a UCD, e as loitas contra o Estatuto dos Traballadores, a agudización das reivindicacións nacionais coa DIADA, a manifestación contra o “aldraxe” en Galiza ou as manifestacións en Andalucía, reivindicándose como nacionalidade histórica; e, sobre todo, a amplitude do rexeitamento social á incorporación á OTAN, que cuestionaba todo o esquema da burguesía española para incorporarse de pleno dereito ao bloque atlantista e europeo, un sector da burguesía impulsa o primeiro “cambio”, baixo unha lema: “OTAN de Entrada, NON”, e como despois viuse, de “saída, tampouco”.


Ese “cambio” traduciuse nalgúns cambios cosméticos da situación española, cuxo símbolo foi a “movida” madrileña impulsada polo alcalde Tenro Galván. Unha “movida” que foi un movemento post moderno, reaccionario, despolitizador e individualista da cultura fronte á cultura social que tivera un papel importante contra o franquismo. Era a “marxista” Escopeta Nacional de Luís Berlanga contra a “post moderna” Pepi Boom e as mozas da chea de Pedro Almodovar.

Pero no fondo, e despois na forma (lei represiva de Corcuera, os GAL, etc.), era unha política reaccionaria ao servizo de desmantelar a mobilización social e de incorporar á división do traballo da CEE (actual Unión Europea) na estrutura económica do estado español: desmantelamento industrial a través das sucesivas reconversións, e redución do aparello produtivo ao turismo e a construción (soa?).

Que en 1997 gañase Aznar e o PP non era máis que a conclusión da desmobilización social fomentada desde o PSOE e a destrución de todas as organizacións da esquerda. O activismo, uns, honestamente, outros por ansias de rubir nun aparello do estado en cambio, incorporáronse masivamente a un PSOE que en 1982 estaba necesitado de cadros dirixentes, que non tiña: ao longo do franquismo non cumprira ningún papel de nada, o eixo vertebrador da loita antifranquista foron o PCE e as organizacións á súa esquerda (PT, ORT, MC, LCR, etc.). De aquí sacou o PSOE eses cadros dirixentes, ben formados e con experiencia (soa?).

O segundo gran momento da utilización desas palabras de “progreso”, “cambio”, etc., foi tras a combinación de folgas xerais contra Aznar, Nunca Mais e a Guerra de Iraq. Millóns na rúa de novo, nas folgas xerais de Galiza do 2001 e a estatal do 2002 contra Aznar; centos de miles contra o insulto do Prestige, e novamente millóns contra a Guerra en Iraq; que culminou co 11M e a noite das eleccións, co semi levantamento popular contra as mentiras dos atentados de Madrid.

ZP e o PSOE, novamente, ao rescate do réxime. Agora non había unha potente esquerda, o PCE, e a extrema esquerda (os antes citados), senón unhas forzas nacionalistas fortes (ERC, BNG) e unha esquerda socialdemócrata, EU. Baixo a lema de todos contra Aznar e o PP (soa?), o goberno do PSOE atopou o apoio de esas forzas políticas, dende fóra... Sen entrar no goberno, facilitaron a desmobilización social, posto que o obxectivo xa estaba cumprido, botar ao PP, e agora tocaba “arrimar o ombreiro para tomar medidas progresivas”. E como FG antes, ZP adoptou algunhas, retirou as tropas de Iraq, para envialas ao Líbano, aprobou a lei de matrimonios gai, a lei da “desmemoria” histórica ou a lei que privatiza o aborto; todo iso presentado polos seus aliados como o “posible”. Máis non se podía facer; a lema reformista de Lula, da “política como a arte de facer o posible”, fronte á política revolucionaria da “política como a arte de facer o necesario”.

Paralelamente en Galiza chegan á Xunta, “os nosos”, o bipartito, e concretamente, o BNG. A lóxica, exactamente a mesma, baixo consígna de “facer o que se poida”, adoptáronse algunhas medidas progresivas (peche durante dous anos do Gaias, banco de terras, etc.), pero mantivéronse as esencias das políticas estatais que supoñen a marxinación e o atraso de Galiza: o caso máis rechamante, o apoio expreso do BNG a esa obra faraónica e semicolonial que é a AVE a Madrid, mentres se pechaban estacións e liñas dentro de Galiza.

A desmobilización social, e as políticas abertamente burguesas de ambos os gobernos conduciron á decepción de amplos sectores da poboación traballadora, abrindo as portas á vitoria do PP en ambos os casos.

O PSOE, como sempre, como axente de desmobilización social sobre a base das palabras “máxicas”, e por iso abstractas, de “cambio”, de “progreso”, que desvían á clase traballadora ao pantano da inactividade política.

E agora, despois de máis dun ano de desmobilización ao servizo dun proxecto electoral, baixo as mesmas palabras abstractas, de “cambio”, de “progreso”, atopámonos na mesma tesitura; o PSOE ao rescate do réxime.

Pero non nos equivoquemos, en ningunha do tres ocasiones, o PSOE só puido facer o que fixo. No primeiro caso, o PCE de Carrillo, que por militancia e estruturación social (non por votos) era o primeiro partido da esquerda, e tenia a maioría nas CCOO, non quixo levar até o final as loitas obreiras do momento, limitándose a accións “propagandísticas” como a Asemblea de Delegados contra o Estatuto dos Traballadores. O PCE e CCOO foron parte desa desmobilización pois fiaron todo ao seu éxito electoral; desviaron toda a forza da mobilización social ao pantano das eleccións (soa?), e cando fracasaron, abriuse unha crise demoledora no PCE (soa?).

No segundo, ERC, o BNG e EU, apoios externos do goberno de ZP, foron os que desde os movementos sociais fomentaron a desmobilizacion social gráficamente expresada en Galiza coa frase “xa estan os nosos na Xunta”, e con eses “nosos” non se refería a xente ao PSOE, senón ao BNG.

Novamente non foi o PSOE só. As ilusións electoralistas vendidas por esas organizacións, en que “os nosos” resolverían xa os problemas, fixo que a forza de Nunca Mais e contra a guerra, das folgas xerais, … fóra malgastada, xerando decepción, e agora vémolo, crises devastadoras en dúas do tres organizacións: EU e o BNG, ERC está a salvarse polo proceso soberanista catalán.

O pasado ano foi o cume dun ascenso das mobilizacións sociais, que ten dúas datas craves: o 22 de Marzo e a dimisión do Rei Juan Carlos, coas subseguintes manifestacións semi espontáneas polo dereito a decidir entre Monarquía ou República.

Desde ese momento a loita social cae a niveis pre crises? O PP e o réxime respiran tranquilo porque a socialdemocracia volveu “ao seu resgate”, agora baixo outra forma, PODEMOS, as súas “confluencias” (vaia termo máis peiorativo) e demais expresións. O PSOE estaba inhabilitado para cumprir o seu histórico papel de desmobilizar e desviar a loita social ao pantano das eleccións; era preciso darlle un tempo para que se reciclase, atopase caras novas que non estivesen asociadas nin aos GAL nin aos recortes, é dicir, nin a FG nin a ZP.

O tempo conseguírono, e agora, de novo, atopámonos coas vellas palabras “máxicas”: “cambio”, “plans de emerxencia social”, “consenso”, “acordo entre todos”, etc. para, de novo, galvanizar á poboación traballadora nun camiño que só conduce a unha nova decepción. Esperemos que á terceira sexa a vencida, e a poboación non faga como nos casos anteriores, que se foron para as súas casas e deixaron o campo aberto á dereita máis casposa, ao PP. Porque agora, coa crise que azouta o capitalismo, a cousa non esta para xogos.

Os que nos prometen “cambio”, “axenda sociais”, “consenso” ou “plans de Emerxencia social”, teñen que explicar á poboación como pode conquistarse ese cambio sen loitar contra a UE e o réxime.

No concreto, alguén que non sexa un inxenuo ou un mentireiro, pode crer que a patronal vai admitir sen pelexar (como o fan eles) a derrogación das reformas laborais, que lles permite ter atada á clase obreira.

Alguén cre que a UE vai admitir a derrogación do articulo 135 da Constitución, o que PP e PSOE pactaron contra os dereitos sociais de todos e todas.

Alguén cre que as grandes aseguradores e empresas privadas de saúde van admitir de bo grado a derrogación da lei 15/97 que lles dá a sanidade para os seus negocios.

Alguén cre que en plena guerra contra o terrorismo, declarada por Bush no 2002 e ratificada por Hollande o pasado ano, vaise a derrogar sen loita a lei Mordaza.

Alguén cre que o réxime, as súas institucións centralizadas e a burguesía ?castiza? que vive ao seu ao redor (ACS, ACCIONA, OHL, etc. etc) vai admitir o dereito á autodeterminación das nacións, é dicir, a perda de control das concesións de servizos municipais e autonómicos.

Alguén cre que a OTAN vai admitir que un dos seus membros máis leais (Rota e Moron) se vaia coma se tal cousa.

Os que nos din, “confiade no cambio” que propomos, votádenos, apoiádenos, “somos a xente”, terán que explicar, primeiro que pactar co PSOE é atarse de pés e mans ante un partido do réxime, da UE e a OTAN, como demostra a experiencia histórica: de FG a ZP, pasando por PS.

Segundo, aprendendo da experiencia (non digo a historia porque aínda é actualidade) de Grecia: se Syriza, que tiña máis estrutura social que nosas “ferramentas do cambio” non foron capaces de resistir as presións da UE e hoxe Syriza é xa parte do problema, dos axustes e a reacción, estas “ferramentas do cambio” canto lle durarían a Merkel e cia? Menos que nada, porque xa nin gobernaron e xa rebaixaron o seu programa a niveis que a Syriza tiveron que imporlle.

Terceiro, alguén cre (ou se cre tan “intelixente” e “líder máximo”) que sen a mobilización social na rúa é posible resistir e gañar ante as tremendas presións que desde o réxime, a UE e a OTAN vanse a desatar contra as aspiracións de cambio que indubidablemente hai na sociedade española.

A mal chamada “axenda social” choca frontalmente coa “axenda política”, porque esta, senón remóvense até os cimentos as institucións actuais, son un freo absoluto para a conquista dos dereitos sociais e laborais. Separar unha da outra é unha falacia que só serve para enganar á poboación e justificar os pactos que se aveciñan.

O que debemos estar a facer é xusto o contrario, denunciar que tras as palabras “máxicas” só hai o baleiro; que esconden as verdadeiras palabras que non queren utilizar para non “asustar” á poboación, provocando a súa reacción en forma de loita e mobilización: o que realmente vén desde o goberno, o que sexa, son máis recortes, máis austeridade, máis privatizacións, máis reformas laborais, máis represión e máis guerra.

Isto é o que hai que estar a dicir á poboación traballadora e que se non nos preparamos para loitar, vannos a coller desarmados? E iso sería un desastre para o que queda dos nosos dereitos.

As palabras “máxicas” son, simplemente, cantos de sirena para enganar e derrotar á poboación. E quen as use, é cómplice.

Galiza, no mes de febreiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario