A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 18 de febrero de 2016

A DEMOCRACIA LIBERAL BURGUESA E AS NECESIDADES DA OLIGARQUÍA ESPAÑOLA



Carlos Dafonte

Na realidade política que deixaron as pasadas eleccións xerais é normal, pola dificultade que representa que o bipartidismo teña sacado o peor resultado da historia dende 1977, que o obxectivo de que haxa un novo goberno, non sexa fácil de conseguir.
É tan complicado, aínda que o réxime non sexa posto en cuestión pola enorme maioría dos deputados e senadores, que eu son dos que penso, polos datos que aparecen acotío, declaracións, acordos políticos de diferentes organismos partidarios, de institucións, etc, que teremos novas eleccións nun prazo próximo, con toda probabilidade en xuño.
O encargo do xefe do estado ó PSOE e Pedro Sánchez para formar goberno, foi o “pistoletazo” de saída para a campaña electoral, e creo que nesa clave hai que entende-lo que está a pasar, sobre todo as diferentes manifestacións das organizacións políticas, e tamén as por agora tímidas, do poder económico, que como dubidalo, teñen as súas preferencias para unha saída da actual situación.

Mentres non chega o día das novas eleccións, cada organización tenta situarse o mellor posible no panorama electoral e cargar sobre as costas dos demais a incapacidade de entendemento e o fracaso de non chegar a un acordo.
E neste senso xóganse diferentes cartas, todas elas afirmando a necesidade de configurar un novo goberno, pois “non é politicamente correcto” dicir que o que se quere son novas eleccións. Ademais non a todos os actores actuais lles interesa a perspectiva electoral.
Varias son nesta circunstancia, as alternativas que se están a barallar para a configuración do novo goberno, todas elas dentro do marco do réxime. En primeiro lugar atópase o que se ven en chamar “a grande coalición”, a formación dun goberno PP-PSOE-Ciudadanos.
Posiblemente ó PP era dos que podía obter algunha renda dunhas novas eleccións, pois son conscientes que unha parte do electorado conservador que desprazou os seus votos cara a Ciudadanos, contrario á inestabilidade actual, retornaría ó PP aínda que os últimos escándalos de corrupción descubertos no Axuntamento de Valencia, posiblemente modere as súas ganas de enfrontarse de novo as urnas. A chamada “grande coalición”, formada por eles mesmos, PSOE e Ciudadanos segue a ser, cecais agora máis, o seu obxectivo; un goberno do PP con apoio parlamentar dos outros dous partidos e incluso con presencia no goberno das tres organizacións. É dicir un goberno claramente ó servizo da oligarquía e que garantira seguir cargando sobre as costas d@s traballador@s o peso desta crise á que non se lle ve saída.
Por iso, se comenta estes días en diferentes medios de comunicación, o enfado do PP co xefe do estado por nomear a Pedro Sánchez candidato, pois a estratexia do partido que preside Rajoy era que o paso do tempo e a campaña prevista dende a UE e o poder económico, ca súa enorme capacidade de presión, non hai que esquecer que o PSOE ten unha débeda de preto de 90 millóns de euros, ían consegui-lo obxectivo de que a “grande coalición” fose unha realidade. Agora, a iniciativa política por un tempo, a ten o PSOE.
A coalición á alemá é o obxectivo de Ciudadanos, no fondo tanto lle ten que o presidente do goberno sexa do PSOE ou do PP, eles o que queren é xogar un papel central, se-los muñidores do acordo, conseguir que os dous grandes partidos da quenda, o bipartidismo que dicían combater, siga monopolizando as institucións con eles como monaguillo que pule as políticas de austeridade, as que quere a oligarquía; o seu programa electoral é moi claro neste senso. O que gaña Ciudadanos  con esta postura é aparecer como o centro político capaz de poñer de acordo á dereita, o PP, e a esquerda, o PSOE, reforzando deste xeito o bipartidismo e xogando eles o papel que nalgúns momentos xogaron as forzas nacionalistas burguesas e que UPyD non foi capaz de xogar; ser a forza necesaria para a gobernabilidade do país e de conseguilo, evitar unhas novas eleccións nas que, con toda probabilidade, perderían votos e escanos.
A segunda alternativa de goberno, que colle pulo co encargo de que Pedro Sánchez tente consegui-la investidura, é a de “goberno reformista de cambio e progreso” que nalgúns medios de comunicación a cualifican como “goberno de esquerdas”; PSOE, Podemos, Unidade Popular-IU co apoio de alguén máis, posiblemente o PNV e a abstencións dos nacionalistas catalás. Pero este proxecto choca frontalmente cos intereses de moitos dirixentes, ex dirixentes, e persoas que ocupan cargos nas empresas máis importantes do estado despois de ser ministros do PSOE.
É curioso que Podemos, que cualificou ó PSOE con termos políticos moi críticos e duros, agora tente convencernos que o progreso vai vir da man do partido que gobernou 22 anos este país e que non fixo máis que o que faría unha dereita democrática europea que saíra dunha situación de ditadura, e todo o posible para que a oligarquía acadase a hexemonía. Progreso cas portas xiratorias funcionando?, progreso co cambio do art. 135 da constitución?, progreso cas reformas laborais e fiscais dos anos 2006 e 2010?, progreso ca privatización de servizos públicos? e podíamos seguir falando de Libia, a OTAN, Maastricht. É dicir,  imos a aceptar que o partido de Pedro Sánchez está disposto a rectificar o que son os elementos fundamentais da súa política?. Hai que estar nun estado de estupidez, para pensar que se vai producir unha modificación tan importante no que son as políticas centrais deste partido, por moito que volvan a utiliza-la verba que enganchou a moitos ilusos no ano 82: “Cambio”.
Para Podemos, os constantes emprazamentos ó PSOE para que acepte este tipo de goberno, onde estarían presentes, é moi rendible, pois de non saír adiante, o PSOE será o culpable e eles si que teñen importantes expectativas cun novo proceso electoral. Por iso este partido, para situarse no centro político, a obsesión de toda dereita, contéstalle a Podemos negociando o concurso da dereita, Ciudadanos, e da esquerda, Podemos e Unidade Popular-IU, tentando que sexa Podemos quen non acepte a súa proposta e apareza diante da opinión pública como quen racha ca posibilidade dun goberno de “progreso e cambio”, que engado, si xa era moi difícil co PSOE, con Ciudadanos é imposible.
Podemos exixe ademais dun programa, entrar no goberno como garantía de que o cambio e o progreso se leven adiante; deben de ser conscientes que de apoiar na investidura un goberno só do PSOE, en pouco tempo estaría máis cómodo cos apoios do PP e Ciudadanos e esquecería quen lle deu os votos e os compromisos que permitiron acada-lo goberno. Esta afirmación serve tamén para Unidade Popular-IU, que parece que non quere entender que cada vez que apoiou ó PSOE, saíu derrotada.
Pedro Sánchez persoalmente esta moi interesado no proceso, pois xógase seguir contando na vida política, despois da demoledora derrota electoral; nunca o seu partido sacara menos de cen deputados, nin nas épocas máis nefastas dos gobernos de González. Este resultado indica a forte crise na que se atopa que non é outra que a crise do réxime do 78, pois o PSOE é o xenuíno partido do réxime, afectado tamén pola crise da socialdemocracia europea. Polo tanto debe facer todo o posible por manterse durante un tempo no primeiro plano, aceptando as liñas marcadas polo Comité Federal, e no caso de novas eleccións en xuño, no
Congreso do PSOE de maio, non ter importantes oposicións, que diante de perspectiva tan complexa, @s que se coñece como  “baróns” pensen que cecais sexa mellor que se acabe de estrelar.
Asistimos por outra banda estes días á conversión, por parte de numerosos medios de comunicación, en intérpretes da vontade popular na democracia liberal, na democracia burguesa. E afirman con rotundidade que os resultados electorais indican a vontade de que se debe pactar, chegar a acordos. E eu digo que é certo, a democracia burguesa funciona dun xeito que os sectores burgueses deben chegar a acordos, pois os seus intereses son moi parecidos, pero os que din representar “os de abaixo”, os que recibiron maioritariamente os votos dos explotados con conciencia de ser unha clase social que xoga un rol determinado no proceso produtivo, que son os que cargan co peso da crise, non poden pactar cos sectores burgueses, pois nada van gañar co pacto, como non sexa aceptar as condicións do máis forte, que é a lección que sacamos dos pactos patronal-sindicatos, nestes anos de “concertación social” e os apoios que IU e BNG deron ó goberno de Rodríguez Zapatero para aprobar orzamentos e medidas de carácter antisociais.
Polo tanto, que as forzas burguesas das Cortes pacten entre elas todo o que queiran; pero as forzas políticas votadas pola xente que quere cambios sociais, económicos e políticos, en definitiva que deu un voto contra do réxime actual, non poden poñer eses votos ó servizo de políticas que van contra os seus votantes.
Nestas circunstancias ou en parecidas, eu sempre reflexiono sobre o mesmo, o que lle convén á oligarquía española, a das empresas do Ibex e outras grandes empresas, a que defende e utiliza os paraísos fiscais, a das “Sicav”, a que utiliza o estado para conseguir contratos no exterior, a que deslocaliza as empresas...
Penso que lle interesa a continuidade do réxime, sen dubida, e de non poder seguir igual, cos menos cambios posibles para que pareza que algo cambia e que todo continúe do mesmo xeito; e si o PSOE foi o partido sobre o que se construíu o réxime, non esquezamos o que dicían Guerra e González nos bos tempos, que o PSOE “era o partido que máis se parecía a España”, o PSOE segue a ser un partido necesario, para que o réxime continúe e a oligarquía siga a ser a forza social hexemónica no mesmo, e sigan impoñéndose as políticas económicas e sociais que máis lle favorecen: Para que non se poña en cuestión a permanencia no euro, que se asine o Tratado de Libre Comercio cos EEUU, que permanezamos na OTAN. E para todo elo necesitan á esquerda que non o é pero que para moita xente é, ficticia. O PSOE.

En Galicia no mes de febreiro de 2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario