A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

domingo, 9 de enero de 2022

UN NOVO PROXECTO POLÍTICO EN MARCHA?

Carlos Dafonte


Pablo Iglesias un dos que fundaron Podemos, na hora da súa despedida como dirixente da organización, considerou oportuno sinalar que Iolanda Díaz podía substituílo como candidata á presidencia do goberno nas próximas eleccións a Cortes. Expresou en público unha opinión, a súa, que non ten forza algunha para obrigar a Unidas Podemos a asumila.

Supoño que terá ser discutida a tres niveis, Podemos, Izquierda Unida e o Partido Comunista de España, con independencia de que Iolanda Díaz pertenza ou non a algunha das devanditas organizacións que son as que configuran U.P.

A actual ministra de traballo, expresou en algúns medios de comunicación estar disposta a participar nun proxecto ó marxe dos partidos e dos egos e levou a cabo toda unha serie de movementos onde só aparecían mulleres, Fátima Hamed, Mónica Oltra, Ana Colau, Mónica García e a propia ministra que se lle supón actúa como compoñente de Unidas Podemos.

Dende que ocupa ese ministerio, se subiu o salario mínimo dúas veces, se aprobou e asegurou unha certa protección para @s traballador@s na actual situación de pandemia  e agora chegou a un acordo ca patronal e os dous sindicatos implantados a nivel de estado, para levar adiante algunha modificación na reforma laboral que aprobara o PP hai algúns anos.  Non vou a entrar a valora-lo feito, pois a min sempre me vai parecer pouco o que se faga polos traballador@s, coñecendo como coñecedes o meu xeito de pensar, onde os considero o “suxeito revolucionario” o único capaz de levar adiante como “clase para si” as transformacións necesarias para avanzar cara ó socialismo e chegar á sociedade sen clases, onde non haxa explotad@s nin explotador@s, e dicir o comunismo, e polo tanto onde estado se extinga.

Coñezo que nun réxime como actual, as limitacións, os atrancos para levar adiante os meus devezos son moi importantes, poderes económicos incontrolados, superestrutura ideolóxica o seu servizo, organismos internacionais creados para ese control, a OTAN e pouca forza das organizacións políticas que pensan estratexicamente como a min. Polo tanto non entro nese debate que si entran moitas forzas que senten unha certa presión polos pasos que Iolanda Díaz esta a dar e temen que ise novo proxecto que polo de agora parece encabezar, lle reste votos  ós proxectos polos que eles e elas se inclinan. O novo proxecto recibiu numerosas críticas, chanzas, burlas, descualificacións, moitas veces mesturadas cas personais, pero case sempre sen dar argumento políticos sólidos para as mesmas.

É necesario un proxecto á esquerda do Psoe para que o reformismo se consolide?

Paréceme que para moit@s traballador@s do territorio do estado e unha pregunta clave que debe ter resposta. Eu penso que a pregunta máis importante debía ser: como facemos para que avance unha esquerda transformadora capaz de abrir un proceso de cambios estruturais fondos?, pero sei que nestes momentos non se dan as condicións obxectivas para dar unha resposta que indique o camiño e sobre todo que actúe como catalizador das inquedanzas d@s traballador@s e lles dea resposta. Sei ademais que iso non se consigue nos dous anos que faltan para as próximas eleccións e a posibilidade do “neofranquismo” que representa Vox e que carcome ideoloxicamente ó PP cheguen a trunfar, pode ser unha ameaza posible, no horizonte electoral próximo.

Teño varias certezas; a primeira que é unha realidade que o proxecto de Podemos está esgotado, aquel partido que saíu do aluvión de protestas e propostas que xurdiron do 15-M, despois do lóxico proceso de separa-la “ganga da mena” e de establecer alianzas, que lles levou a determinadas quebras e á perda dalgúns dos seus líderes fundadores, pero sobre todo,  o que fixo que hoxe sexa un proxecto esgotado é consecuencia da súa presa por ser goberno, que ademais ten como socio ó Psoe, partido ben coñecido polo seu neoliberalismo no económico, que significou para U.Podemos pecharse nas institucións, abandona-la rúa e a explicación directa á xente da situación económica social e política na que viven e as alternativas que nestes aspectos estaban presentes no seu proxecto; pero a realidade é que cando algo se explica como parte dunha institución non pode se-la mesma que si informas dende unha organización política dun xeito directo, e si o levas a cabo a traveso dos medios de comunicación da oligarquía, sempre tentan que a mesma estea mergullada, mesturada con outras moitas valoracións, moitas fora da verdade, de modo que a que queres transmitir nunca apareza nidia para quen a escoita.

A renuncia á mobilización de UP é o que a amosou como nunha organización pequenoburguesa que reduce todos os cambios posibles a acción institucional, rachando cunha visións estratéxica de cambios e modificacións estruturais fondas. Por outra banda o PCE, segue incapaz de adaptarse á “derrota histórica”, que é o contexto que se esta a vivir polas forzas da esquerda e prefire ter uns postos na estrutura administrativa do goberno actual e pasar o máis desapercibido posible.

Polo tanto establecer un novo proxecto, que partindo da base do UP se consolide no panorama político actual é unha necesidade para a súa supervivencia pero tamén para obrigarlle ó Psoe a unha política económica con certos matices propios da sínteses da economía keynesiana-neoclásica.

Unha segunda certeza é a de que o Psoe só non é capaz de facerlle fronte ó pacto Vox-PP e que polo tanto necesita unha forza, non de esquerdas, senón reformista a “súa esquerda”; necesita que Unidas Podemos, ou como se chame ese novo proxecto político que ten como obxectivo uni-lo reformismo á “esquerda” do Psoe, perda con relación a UP o menor número de escanos e a ser posible suba algúns, para formar un novo goberno que necesite menos socios para poder sacar adiante as medidas que precise.

Polo tanto así entendo a marcha de Pablo Iglesias, a promoción de Iolanda Díaz, o apoio do goberno por exemplo, á súa visita ó Papa e os apoios dunha parte dos empresarios a determinados pactos sociais, que sen perder moito, algo sempre se debe perder, permitan convencer a moitos electores da eficacia da ministra e do propio goberno en tempos de crise.

Dentro do mundo empresarial seguro que hai moitos que lle temen máis a un goberno PP-Vox, que a unha nova xestión do Psoe de Pedro Sanchez, agora xa parece reconciliado con Felipe Gonzalez, e cun difuminado e derrotado ideoloxicamente PCE, que no fondo, se esgrime con frecuencia,  axudou á consolidación da democracia burguesa aprobando a Constitución, pulando políticas de “concentración democrática” fronte a un aparello do estado franquista, e que é certo que tivo unha etapa rebelde na que Julio Anguita e outros moit@s camaradas tiñan a hexemonía ideolóxica no partido, pero esa etapa xa está soterrada aínda que no último congreso se declarasen marxistas-leninistas.

E á esquerda do PCE non queda case nada ca forza suficiente. E os nacionalistas poden facer moito ruído, pero despois do “procés” e das súas consecuencias, coñecen que o estado español, que representa á oligarquía, non está disposto a aventuras democráticas fora do marco lexislativo que ata hoxe esta deseñado e que o deseño dun novo, onde se permita o dereito de autodeterminación, non aparece no horizonte político inmediato.

A terceira certeza ben dada por unha contradición que se está a producir na sociedade no seu conxunto, resultado da crise sistémica e que non se lle presta por parte dos sectores da “esquerda” e progresista a atención necesaria; a contradición ven establecida pola aceptación por parte de sectores importantes da sociedade, dun pensamento antidemocrático, que eu cualifico de “neofranquismo”, nunha sociedade na que sempre se dicía que a “democracia estaba asentada”. Esta contradición esta presente en sectores da burguesía, da pequena burguesía e en algúns sectores da clase obreira. Hai xa moitos anos un revolucionario vendo o avance do nazismo en Alemaña, aseguraba que o partido nazi era o “partido da desesperación contrarrevolucionaria” que se tiña apoderado da masa pequenoburguesa. Se pode asegurar que algo parecido acontece no territorio do estado español e os votos de Vox representan a desesperación contrarrevolucionaria que hoxe en dia se ten apoderado da pequena burguesía, que arrastra con ela a sectores do propio proletariado?. Noutras condicións, nas que un partido de esquerdas agrupase ó conxunto da clase obreira cara a un proxecto de cambios estruturais fondos, sería o que agrupase a sectores da pequena burguesía arredor do seu proxecto; hoxe parece acontece-lo contrario.

Unha anécdota preocupante, escoitaba hai uns días a un grupo de mozas sentadas e relaxadas mirando os seus teléfonos, comentaban  que a maioría dos seus amigos eran partidarios de Vox. Non explicaban que era o que lles gustaba do “neofranquismo”, non facían análise político; o que parecían aprecia-los seus amigos era que se opoñían a todo e nunha situación de crise, penso, se considerado un valor político importante. Pode ser representativo do que aconteza nunhas eleccións próximas? Non o creo, pero é un síntoma de que ese xeito de pensar, aínda sen ter claro os contidos do seu programa por parte de moit@s dos que o voten, pode facer medrar a Vox no próximo calendario electoral.

Hoxe nos atopamos nunha situación de certa inestabilidade política que no transcurso do calendario electoral próximo, pode agudizarse de ir agrupando arredor do “neofranquismo” e das forzas conservadoras presentes no PP, os votos que permitan un trunfo electoral nas xerais, que lles leve a tentar restrinxir e incluso quitar a sectores da sociedade importantes dereitos que se gañaron e se foron consolidando grazas a loita.

En primeiro lugar as mulleres deben ter moi presente esta ameaza e posiblemente esa sexa a razón de que só aparezan mulleres, no novo proxecto que se tenta constituír e da necesidade de que  recolla a grande maioría de quen se mobilizou dun xeito inequívoco nestes anos e teñen moi claro que de seguir avanzando o “neofranquismo” e o seu  aliado, van retroceder nos seus dereitos.

Que deben facer a xente de esquerdas organizada ou non, nesta conxuntura?; creo que sería un erro minimiza-la situación e en segundo, non considero dar o apoio explícito ó proxecto que encabeza Iolanda Díaz; é un proxecto reformista que fronte a agresión do capital contra d@s traballador@s, pouco vai lograr. Pero si debemos ser conscientes da situación na que nos atopamos, da correlación que se está a dar no campo ideolóxico da loita de clases, os perigos que a situación para @s traballador@s representa, e aportar todos os nosos coñecementos e experiencias  e como mínimo, participar no debate ideolóxico que é necesario levar adiante para frear o pensamento que hoxe se abre paso na sociedade e que xa pensaban algúns e algunhas soterrado para sempre, e rachar cas posicións sectarias e permitir acercamentos entre os sectores de esquerda, hoxe moi reducidos e con pouca presenza na sociedade.


En Galicia no mes de xaneiro 2022

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario