A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 10 de agosto de 2017

VENEZUELA E CUBA, DOUS PAÍSES ACOSADOS POLO MESMO ENIMIGO, O IMPERIALISMO



 Carlos Dafonte.
 Estes días as clases populares de Venezuela c@s traballador@s ó fronte, están a combater unha vez máis, e é a miña opinión, sen a dirección institucional e política adecuada, a agudización da agresión imperialista que conta a nivel interno ca complicidade, como non podía ser doutro xeito, de sectores oligárquicos que perderon nas urnas fronte a Chávez e Maduro o seu dominio sobre a renda petroleira e as riquezas do país. Sectores sociais moi minoritarios que durante moitos anos controlaron o goberno e outras institucións propias da democracia burguesa, instaurando unha verdadeira ditadura do capital, que lle permitiu manter a preto do 70% da poboación na miseria, analfabeta, sen servizos sociais básicos como menciña e educación, sen posibilidade de voto e sometidos a unha férrea represión, que como no caso do chamado “caracazo”, sublevación popular iniciada o 27 de febreiro de 1989 como resposta ás medidas económicas anticrise, tomadas polo goberno de Carlos Andrés Pérez, que afectaban ás clases populares venezolanas; os mortos contáronse por milleiros, diante da indiferenza da maioría da comunidade internacional; posiblemente por ser presidente naqueles momentos un home cuxo partido era membro da Internacional Socialista o que lle valeu para consegui-lo silenzo sepulcral dos sectores “progresistas” dos diferentes países europeos,  e só a denuncia da esquerda comunista. Felipe González, hoxe tan activo contra o goberno democrático de Venezuela, mantívose calado o mesmo que toda a dirección do Psoe e os conservadores que hoxe configuran o PP.
Pero os USA e os golpistas venezolanos non actúan sos, contan ademais ca complicidade dos seus socios da OTAN, sobre todo das correntes “populares” e “socialistas” construtoras da imperialista UE e as estruturas dependentes creadas en A.L. que consideran que facer caer ó réxime bolivariano despois do “golpe” en Brasil que desprazou da presidencia a Rousseff, sería moi importante para poñer atrancos considerables ó que se denominou “ciclo progresista” na rexión. Que ten entre outros como obxectivos, marcar unha certa distancia cos EEUU, dos que nada bo poden esperar, unha mellor distribución da riqueza producida polos traballadores  e un proceso de integración latinoamericana ó marxe dos intereses dos USA e da cadea imperialista da que son polo de agora o elo máis forte. Nada, como se pode ver que teña relación cun proceso revolucionario; medidas reformistas que permitan dar de comer e un certo benestar á maioría da poboación.
Polo tanto en Venezuela non se está a xogar só o futuro do país, das súas clases populares e ata da democracia, senón tamén poñerlle máis atrancos  ó proceso moi sucintamente descrito máis arriba. O bolivarianismo trunfante con Chavez, significou poñer fin a moitos anos de democracia burguesa, ditatorial, o que se coñecía como “puntofixismo” feita á medida dunha clase explotadora, onde se turnaban no “mando” dous partidos oligárquicos, e a súa vitoria permitiu que a grande maioría do pobo se expresara en liberdade  e así viñeron as vitorias electorais, a aprobación dunha nova constitución e a derrota da oposición no referendo revogatorio (Estaría ben que na nosa constitución existisen toda unha serie de dereitos dos que gozan @s cidadáns e cidadás venezolan@s, entre eles ese tipo de referendo e outros). O bolivarianismo nos seus principios, representaba a sectores da pequena burguesía, populares e obreiros, tamén algún sector da burguesía excluída dos mercados a causa da competencia intercapitalista e os procesos de centralización e concentración do capital. Pero segue hoxe a representar iso, ou o paso dos anos convertiu a sectores do bolivarianismo nunha casta corrupta, que se serve do seu poder para seguir a saquea-lo país e facerse ricos?. Eu non poñería a “man no lume” nin por Maduro, nin pola maioría de ministros e exministros, cargos públicos e gobernadores, que representan o que alguén chamou o proxecto de República Corporativa-Burocrática; pero fronte o proxecto da dereita neoliberal e antidemocrática, hai un proxecto bolivariano de base, que no fondo se enfronta co proxecto do goberno e o da oposición, que sería o primeiro en ser destruído se esta gaña, de calquera do xeitos que o fixese.
E como nas urnas non se podía derrota-lo bolivarianismo, nun contexto de normalidade democrática burguesa, entón inícianse outro tipo de accións como bloqueos económicos que levan ó desabastecemento de produtos, baixada dos prezos do petróleo, campañas internacionais contra a democracia participativa venezolana acusándoa de ser unha ditadura e autora de numerosos crimes,  e iníciase hai uns anos, no 2014 unha campaña que cualifico de golpista, pola que se tenta crea-lo caos no país pola violencia empregada polos opositores que os medios de comunicación hexemónicos venden na maior parte do mundo e numerosos políticos cómplices dos USA, como unha campaña dentro dos canles democráticos cando son conscientes que si se producira nos seus países idénticos feitos, os autores e convocantes cargarían con penas de cárcere enormes; a proba está en que unha liorta nun bar de Alsasua entre mozos e gardas civís, se considera terrorismo e se piden penas de 62 e 50 anos. Pregunto: Matar policías, afiliados bolivarianos, a algún representante elixido nas urnas desa tendencia, e todo o que se ve que fai a “oposición democrática” nas rúas, contaría ca impunidade nos nosos civilizados países da UE? Esa é a idea á que chego escoitando as radios, vendo as televisións e lendoós xornais que se atopan en mans das grandes empresas transnacionais e teño que recoñecer que o seu traballo e moi eficiente, conseguen que o negro sexa branco e o branco negro, que os golpistas sexan demócratas e os que defenden a Constitución aprobada polo pobo e as leis dela emanadas, aparezan como ditadores. Que as vítimas sexan toda “vitimas de Maduro” cando a realidade e que unha parte importante son policías e bolivarianos. E así por estes métodos, e os erros propios, a oposición ó bolivarianismo conseguen a maioría na Asemblea, que non utilizan para solucionar os problemas do pobo venezolano, senón para seguir a botar máis “leña ó lume” na súa estratexia do golpe e dunha posible intervención militar do imperialismo.
Alguén cualificou o que esta a acontecer en Venezuela como a sublevación dos ricos, ninguén pode negar que son estes o que se atopan dirixindo o proceso, fronte os recén adquiridos dereitos por parte dos máis pobres; é normal polo tanto que as forzas políticas que se engloban dentro do título de “populares” apoien o que acontece nese país, son conservadoras e retrógradas, pero as xentes progresistas e menos os que se autodenominan “socialistas”, por moito que os medios de comunicación burgueses envelenen os seus fráxiles ideários políticos e ideolóxicos, non se poden prestar a apoiar os intereses dos que están dispostos a establecer unha ditadura en Venezuela. País moi rico, con grandes reservas de petróleo e segundo noticias de hai poucos días de coltan, mineral estratéxivo fundamental.
Ö imperialismo e os seus aliados non lles interesa moito a democracia, vemos como de novo en AL promoven ditaduras, senón as riquezas dos países, as súas materias primas para que determinadas empresas consigan importantes beneficios e determinados políticos xubilacións de luxo.
Venezuela e Cuba a mesma loita antiimperialista.
Cales son as razóns polas que introduzo o nome de Cuba na cabeceira deste comentario?.Pola sinxela de que o imperialismo leva máis de sesenta anos tentando facer caer ó réxime establecido en Cuba sen conseguilo e sen poder crear o grado de inestabilidade social que consigue en Venezuela e paréceme importante establece-los paralelismos e as diferenzas entre ámbolos dous países é procesos políticos.
Nos dous chegan ó poder institucional personaxes non desexados polos EEUU, pero os procesos son moi diferentes, en Cuba houbo unha revolución, en Venezuela unha votación. E iso é determinante a hora de analiza-los acontecementos posteriores.
En Cuba a burguesía nacional foi ó longo da historia do século XX cómplice e sostida no poder por ditaduras criminais que garantían a explotación d@s traballador@s, o que levou a súa fuxida despois da derrota de Batista e a que tivera que exiliarse, o que permitiu a expropiación das súas propiedades a maioría das veces acadadas dun xeito fraudulento.
En Venezuela, a pesares de que a explotación era un feito, os políticos do “punto fixismo”, pacto oligárquico acordado a finais da década dos cincoenta do século pasado,  representados por AD e COPEI, que se repartían o pastel da riqueza producida pol@s traballador@s mentres a grande maioría da poboación estaba marxinada da acción política e os beneficios de pouc@s eran saqueados e levados fora das fronteiras. Fronte a esta situación, para poñerlle fin, en 1980 un colectivo de militares se agruparon no Movemento Revolucionario Bolivariano-200. Os partidos do “puntofixismo” nunca pensaron que o pobo levara a outros políticos fora do bipartidismo a controlar as institucións; ademais o exército, sectores maioritarios do mesmo garantiron o proceso electoral que levou a Chávez á presidencia; outros sectores, con anterioridade, estiveron ó servizo da oligarquía que afogou todo intento de acada-lo poder pola vía revolucionaria.
Hai que facer algunhas consideracións sobre o exército de Venezuela pois non se pode dicir que sexa “calco e copia” dos de outros países do chamado cono sur. Ë certo que ó longo do século XX actuou moitas veces  ó servizo dos intereses oligárquicos, pero a “procedencia dunha parte da súa oficialidade e suboficialidade, como escribiu Fabricio Ojeda en 1963, que un ano antes abandonara a Cámara de Deputados par incorporarse á guerrilla e agora escribe desde o cárcere, veñen das capas medias e humildes da poboación, o que lles fai máis sensibles diante dos problemas populares” e continúa máis adiante, “Non se pode falar polo tanto, dunha casta militar en Venezuela, a pesares de estar as FF.AA. ó servizo de intereses estranos contra os que se comeza a observar unha fonda reacción”. “ A oficialidade venezolana é (…) altamente receptiva e asequible a unha liña de acción de carácter nacionalista, revolucionaria, que tente instaurar un réxime democrático, de contenido nacional e popular, para a liberación do país e o seu desenvolvemento económico independente”.
As FFAA venezolanas son en opinión de moitos outros analistas, bastante especiais, e pouco ligadas á burguesía e os sectores máis tradicionalistas do poder oligárquico e na opinión do capitán aeronáutico Alfredo Riera, expresada nos tempos da primeira vitoria de Chávez, “igualmente é comprobable que moitos homes de armas participaran con alma e pel nos levantamentos guerrilleiros dos anos sesenta”.
Para o antigo dirixente guerrilleiro Douglas Bravo, a educación recibida é un elemento fundamental: “Moitos dos oficiais que logo exerceron altos cargos, non pasaron pola escola militar. Viñan directamente de ser soldados  e de estudar en colexios e universidades públicas, en contacto cas necesidades, as reivindicación e os afáns de loita de outros mozas e mozos moi parecidos a eles. Esto non se da en ningún outro país do continente”.
En Cuba o exército actual naceu da guerrilla antiditadura e antiimperialista, que incorporou a algúns cadros do exército do réxime, que amosaran no transcurso do enfrontamento armado, posicións democráticas e a favor dos intereses populares. Son polo tanto dous exércitos “distintos” dentro das FFAA do continente. Hai moitos anos que alguén me comentou “que en América Latina non hai un xeral que se resista a un cañonazo dun millón de dólares”. Polo de agora, e aínda que teño descoñecemento do que está a pasar dentro do exército de Venezuela, parece que os mandos  máis importantes resisten a enorme presión que deben a estar a recibir do imperialismo e os seus aliados. Posiblemento pola razón de que unha grande parte dos altos mandos teñan o temor de que as súas ordes non foran tidas en consideración se estaban en contra dos intereses populares. A sublevación militar encabezada por Chavez en 1992, que fracasou, contou cun apoio manifesto de masas o mesmo que o golpe contra él no ano 2002 foi sofocado por millóns de persoas nas rúas e Chávez recuperou a liberdade e continuou como Presidente constitucional.
A oligarquía perdeu desde 1998 cando gana Chávez, as eleccións presidenciais e lexislativas durante moitos anos, pero tanto o seu poder económico como mediático seguiron a ser moi importantes. E organizada leva a cabo unha batalla criminal contra o seu inimigo de clase, os traballador@∫ venezolanos que nalgúns aspectos se senten representados polo bolivarianismo aínda que sexa o sector que encabeza Maduro. Os sectores da burguesía máis importantes, a oligarquía, ou é derrotada, ou vai seguir dando a batalla utilizando todos os métodos posibles, ata o terror e o golpe militar para recupera-la hexemonía perdida e teño a impresión que nestes anos de gobernos bolivarianos, non se atreveron a golpear a esta clase parásita minoritaria.
O pobo cubano tomou conciencia do que significaba o imperialismo dos USA desde os primeiros anos despois de haber acadado a independencia, o apoio ás ditaduras e o poder que exercía no país dende a aprobación a principios do século XX da “enmenda Platt”, pola que podía intervir nos asuntos internos cando o considerase oportuno, e unha vez trunfante a revolución, os métodos empregados como invasións, bloqueos criminais, actos terroristas como derrubar avións de pasaxeiros, bombas en hoteis, campañas internacionais e todas cantas accións o imperialismo empregou para torcer a vontade do pobo cubano, non tiveron o efecto desexado a pesares do sufrimento que para o pobo significaron. Non contaron cunha burguesía no interior tan poderosa como a que o imperialismo ten en Venezuela. En Cuba o imperialismo nunca foi capaz de organizala, non existe, só organizou a sectores completamente marxinais que en calquera país democrático serían considerados espías. Que acontecería no estado español si persoas a nivel individual ou colectivo, que se presentan como “opositores ó réxime” recibiran axudas monetarias, por realizar ese papel de suposta oposición, de organismos dependentes de países como China ou Rusia? Serían sometidos a xuízo e condenados a anos de cárcere. A “oficina para asuntos económicos” dos EEUU en Cuba, realiza ese labor desde hai moitos anos.
En Cuba, ó contrario de Venezuela, unha vez posto fin á ditadura do capital que unhas veces pode ter a forma de democracia parlamentar, outras de bonapartismo, de poder militar  directo ou de fascismo, instaurouse a maior democracia posible que é o poder do pobo traballador sobre a minoría explotadora, que tivo que fuxir e as súas propiedades, como dixen, pasaron a ser patrimonio da sociedade. Moitas destas propiedades eran da mafia norteamericana instalada na illa dende moitos anos atrás.A este concepto xurídico e ó que Marx denominou ditadura do proletariado; pois como a historia é a historia da loita de clases, sempre unha clase é hexemónica na sociedade e impón a súa ditadura sobre as demais, para levar a cabo a realización dos seus intereses valéndose do poder de Estado. Este nunca é neutral, non actúa por enriba das clases sociais.
O pobo cubano contou desde o primeiro momento cunha dirixencia revolucionaria que tiña claro, aínda que moitos militaran con anterioridade en partidos pequenoburgueses como o Partido Ortodoxo, cal era o labor que tiñan que levar adiante se querían que a revolución e o seu programa seguiran adiante.
En Cuba @s traballador@s destruíron o estado burgués e crearon outro novo, e desde hai moitos anos desde que Marx e Lenin o teorizaron, sen a destrución do estado da burguesía e a substitución por outro ó servizo dos traballadores, e moi difícil avanzar na construción dunha nova sociedade onde @s traballador@s sexan hexemónicos. Non se pode utilizar o estado burgués para avanzar por esa etapa á que comunmente se lle chama socialismo, que non se establece por decreto, que esta en función do desenvolvemento da loita de clases, onde os antagonismos teñen a maior virulencia. Aínda que sexa o chamado “socialismo do século XXI”, consigna que Chávez lanzou con certa frecuencia pero sen especificar moi ben en que consiste.
Os bolivarianos tiveron tempo nestes anos no poder, para tomar as medidas necesarias como para ter nas súas mans elementos da economía vitais para o pobo e que se enfrontara dun xeito decidido co desabastecemento de produtos básicos é non o fixeron, e teño a impresión de que unha mentalidade burguesa que impera na dirixencia deste movemento, lle impediu tomar as medidas necesarias para nos momentos actuais, enfrontarse con maiores argumentos ó desafío golpista; pero esta dirixencia se debía decatar que sempre os van tildar de ditadores, tomasen as medidas que tomasen que é a estratexía ideolóxica imperialista para ir convencendo as poboacións de que deben intervir para “salva-la democracia”, aínda que teñen difícil que cas tropelías que cometen os opositores podan convencer a alguén de que van ser eles os que instauren un sistema democrático. Non esquezamos as “armas de destrucción masiva” de Iraq. Que en Libia se estaba a masacra-lo pobo. Que Cuba é unha “ditadura sanguenta”, ou que Yeltsin era un “demócrata” a quen se lle reiu a graza de bombardear o primeiro parlamento elexido segundo os cánones occidentais, matar a deputados e disolvelo pola razón de que non era resultado do que as “democracias” esperaban. En Honduras, Paraguai, México e Colombia, a pesares dos asasinatos constantes de líderes sociais e periodistas, os políticos da UE e os do estado español, os do PP, C’s ou PSOE, non gastan nin una verba en condenar a violencia estructural deses países, fomentada desde os seus propios gobernos.
Pero tamén somos críticos ca dirixencia bolivariana pola súa indefinición de clase, que non debía levar a perde-lo apoio da pequena e da media burguesía, se nunha situación de conflicto extremo como é a actual, en nome d@s traballador@s, se implementan medidas a favor dos sectores sociais máis afectados pola crise; é un xeito de que a clase obreira acade a hexemonía social. A única clase que necesita o socialismo, obxectivamente, son @s traballador@s para poñer termo á explotación da forza de traballo; a pequena e a media burguesía arruinada pola coxuntura económica, non van máis aló de esperar que o capitalismo se recupere, que faga aparecer a “súa faciana humana” e ter un “posto ó sol” na nova situación.
A dirixencia bolivariana nesta situación chamou ó pobo a votar por unha nova Asemblea Constituínte, que se converte no órgano máximo do estado por enriba incluso dos poderes do Presidente da República. Os cipayos do imperialismo en Latinoamérica e na UE, saíron á palestra dicindo que a votación era un golpe de estado, o mesmo que os golpistas e algún sectores da esquerda do país.
Eu pregúntome: a súa convocatoria atópase dentro do establecido pola Constitución?. Vai recortar capacidade para que os traballadores se organicen? Para que os sectores populares tomen maior grao de conciencia dos cambios que son necesarios introducir para enfrontarse en mellores condicións ó imperialismo e á oligarquía?. Vai limita-lo poder da oposición golpista nas institucións?. O problema para os sectores populares e a esquerda en Venezuela é, que deixar caer ó sector burocrático e potencialmente corrupto que encabeza Maduro, significa abri-lo camiño á oposición golpista e ó imperialismo. Que facer? que escribiu o outro en 1902.
En Galicia no mes de agosto de 2017


No hay comentarios:

Publicar un comentario