A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 25 de diciembre de 2017

CAVILANDO SOBRE A XORNADA ELECTORAL DO 21-D EN CATALUÑA


Carlos Dafonte

Comecemos esta reflexión con algúns datos que son obxectivos e que se atopaban no centro do debate nos últimos meses. Os partidarios ata o de agora, da vía da independencia unilateral, derrotaron en votos e escanos ós partidarios de aplica-lo artigo 155. Os primeiros suman 2.063.361 votos e 70 escanos e os segundos 1.889.176 votos e 57 escanos. Se ca convocatoria de eleccións por parte do PP queríase soluciona-lo problema, segue sen ser solucionado.
En segundo lugar, a participación foi moi alta, o 81,94%, a maior en toda a serie histórica de eleccións autonómicas dende a desaparición da ditadura. Case podemos dicir que foi unha votación plebiscitaria.
En terceiro lugar os partidarios do dereito a decidir tamén son unha ampla maioría. Sen facer especulacións sobre se moit@s ou pouc@s dos votantes de C's e PSC contestarían afirmativamente si se lles preguntara. Fago a consideración que tod@s os que votaron por estas dúas forzas, teñen posicións contrarias a este dereito.

Pero tamén estes resultados me deixan perplexo e apuntan a sinalar, algo do que somos conscientes desde hai anos, a dimensión da derrota dos conceptos de esquerda. Nunha sociedade que parece avanzada, progresista, os votos a favor das políticas de austeridade puladas pola UE, recortes sociais e laborais, privatización de servizos públicos fundamentais como son sanidade e ensino, foron nunha abafadora maioría para aqueles partidos que aprobaron reformas laborais contra @s traballador@s, que seguen sumisos as directrices da UE, o FMI e o Banco Central e so 12 deputad@s dos 135 que compoñen o Parlament, estarían en disposición de enfrontarse ás políticas anticrise deseñadas por e en beneficio da oligarquía.
Pero o que é máis doloroso é que nas zonas industriais do circundo de Barcelona e na mesma capital, onde o PSUC, o Partit Socialista Unificat de Catalunya, (Comunista), hai anos acadara máis de 20 deputados, hoxe esa zona sexa a celeiro dun “partido de deseño”, ultraliberal e dicir contrario ós intereses dos asalariad@s, ata o color que utiliza é o mesmo do da revolta parafascista en Ucraína ou en Kenia, propiciadas por “escuras onegés” vinculadas a estruturas dos servizos segredos dos EEUU, moi ben financiado polos poderes económicos, como é Ciudadanos.
A proposta política e o correspondente voto, non sae do sentir das clases sociais, dos seus intereses manifestados a traveso do partido, hoxe é cuestión de “marquetin”, bos “slogans”, boas fotos, moita saída nos medios hexemónicos do capital, candidat@s de deseño, e a non dicir nada que che poda facer perder votos. Non escoitei por parte da candidata Arrimadas medida algunha, no eido da economía para saír da situación de crise social, nin como gañando o seu partido ia sutura-la ferida que repetía constantemente, hai aberta na sociedade a quen se dirixía. Un método moi bo, e polo que se constatou eficaz, sinala-lo problema sen dar a solución. Pero tamén indica a despolitización dunha sociedade que só responde ó estímulo, que está moi ben, da identidade nacional.
Sinalada esta clave que hoxe nunca se sinala cando se analizan resultados electorais, o que manifesta a preponderancia do “pensamento único”, que afirma categórico que non hai alternativa ó capitalismo depredador e austericida, sería preciso dicir que o chamado “bloque constitucionalista”, sufriu unha derrota moi importante. Os dous partidos independentistas burgueses, suman en conxunto máis deputad@s que o conxunto dos partidarios da aplicación do artigo 155; estes últimos acadaron 57, fronte ós 66 das listas de Puigdemont e Junqueras.
E non vale dicir que hai máis votos en contra da independencia, o PP goberna con pouco máis do 30%, unha maioría moi cativa no Congreso e ten maioría absoluta no Senado cunha porcentaxe similar. A lei é a lei, que diría Mariano, e se non che gusta hai que cambiala.
O que conta a partires de agora é o número de representantes que teñas nas diferentes institucións e os independentistas, se os xuíces e tribunais non o entorpecen, poden consegui-la Presidencia da Generalitat e formar goberno, cunha votación en segunda volta na que se absteñan as CUP.
E acadaron esta vitoria nunhas condicións moi difíciles, sen facer a campaña en igualdade de condicións que o resto das candidaturas, con candidatos fora das circunscricións, en Bruxellas e outros no cárcere, por que como dixo a vicepresidenta nun arrebato de sinceridade, Rajoy descabezou as súas candidaturas, os xuíces segundo o parecer da vicepresidenta, actuaron ás ordes do Presidente do Goberno, confirmando o que algúns sospeitábamos, que non existe a separación de poderes.
Cos medios de comunicación hexemónicos e a maioría dos periodistas nunhas posicións moi favorables ós partidos que aprobaron a aplicación do 155; xogando ca “marcha de empresas” tentando dar a entender que saían de Cataluña os “centros de produción”, cando o único que fixeron foi traslada-la sé fiscal ou a central, que ten cativa repercusión nas finanzas de Cataluña, grazas a un decreto do Goberno que permitía tomar esta decisión ós Consellos de Administración, cando con anterioridade correspondía á Xunta de Accionistas. Algún tertuliano estes días manifestou que visitando os Rexistros para ver a realidade sobre este tema, descoñezo se é verdade ou mintira o que dixo, poucas máis de 300, afirmou, formalizaran o seu traslado, cando os medios repiten ata o cansanzo, que o fixeron máis de 3000, para dar esa sensación apocalíptica.
Cun número elevado de economistas augurando toda unha serie de catástrofes que se estaban a dar xa en Cataluña, a causa das declaracións de independencia e da república, pois nestas situacións de incerteza, afirmaban, o capital fuxe e os investimentos se paralizan; pero non explicaron as razóns de por que na época en que Rajoy non conseguía a investidura e a entrada de Podemos nun goberno era unha seria ameaza, creceron os investimentos e moitos deses economistas sinalaban que a política ía por un lado e a economía por outro. En fin.
Os militantes de Ciudadanos e tamén os do PP, o Psoe foi un pouco máis cauto nas súas afirmacións, constantemente estiveron chamando golpistas ós partidos proindependencia e moit@s periodistas utilizaban tamén este termo para cualificalos e facendo gala da súa iñorancia facían una similitude co ano 1934, pero non cualificaban de golpistas á CEDA e ó Partido Radical de Lerroux que dende as institucións querían poñer fin á República e a súa Constitución democrática e se non o fixeron, foi polas revoltas que a entrada da primeira no Goberno provocou. A realidade é que tamén cualificaban de golpistas os independentistas ós defensores da aplicación do 155. Ámbolos dous parecen descoñecer o que significa un verdadeiro golpe de estado.
O que se tentou dende o primeiro momento da aplicación do 155 foi o de crear un clima de medo, de convencer a unha parte dos que manteñen a chama da independencia e a república cos seus votos, que quedaran na casa, que o 1 de outubro non existiu, que a situación ía empeorar se persistían na súa actitude, e a pesares de toda a campaña de intimidación, con todos os enormes medios que empregaron na mesma, a xente persiste no “erro” e vota por unha maioría independentista no Parlamént e aínda maior se facemos a consideración de republicana; considero que os deputad@s de Podem e algúns do PSC terán esta condición, con independencia de que se considere adecuado o momento da declaración da mesma e o camiño a percorrer para facelo. Habería que preguntar a Ciudadanos e ó PP, os votantes independentistas son golpistas?. E os que votaron polo 155, pero sobre todo os de Ciudadanos e o PP, estarían dispostos a utiliza-las forzas armadas e toda a violencia do Estado para solucionar este conflito?
O que está claro e que os temas sociais, a situación da maioría dos traballador@s de Cataluña, non apareceron na campaña electoral; os temas sociais quedaron aparcados, como se non tiveran importancia, o que tamén indica as clases que se atopan representadas polos partidos políticos que participaron na campaña e que saíron nos medios de comunicación.
A Ciudadanos saíulles ben a súa aposta, converterse na dereita do Pp; para esta organización foron a maioría dos votos que antes acadaran os conservadores, tamén moitos dos nov@s mobilizad@s, que polas circunstancias nas que produciu esta campaña electoral foron a votar e noutras ocasións se quedaban na casa. E frea en seco a posible recuperación do PSC gañando nos seus bastións tradicionais: as zonas industriais.
Verdadeiramente o PSC que traballa facendo seguidismo dun PSOE aliado do PP, e que leva como candidatos a personaxes da antiga Unió Democrática de Cataluña, pouco pode ofrece-los seus posibles electores; nin a posibilidade doutra política alternativa á de austeridade, nin á aplicación do 135 da Constitución modificado polo propio Psoe e o Pp, con nocturnidade e aleivosía, sen referendo, nin unha alternativa nidia á aplicación do artigo 155.
Estes resultados de Ciudadanos deben abrir en Cataluña unha fonda reflexión nos minguados sectores da esquerda; como é posible que un partido liberal que se sitúa á dereita do Pp, pode gañar nas cidades industriais da provincia de Barcelona, onde se atopou durante anos a vangarda da clase obreira do Estado Español?
O grande derrotado foi o PP e Rajoy, incapaz ca súa estratexia de violencia policial e aplicación da Constitución cun artigo non desenvolvido, de frea-la maioría absoluta dos nacionalistas, pola bancarrota na que deixa o seu partido despois de cinco anos de estar a gobernar sen enfrontarse co problema de Cataluña, e polo feito de ter actuado neste caso como o fixo case sempre na súa carreira política, deixando empodrece-los problemas, sen decatarse que este non é un problema máis, poño que permitiu o avance de Ciudadanos que premendo dende a súa dereita non lle vai facilitar ningún tipo de negociación para soluciona-lo conflito e aparece no panorama electoral do Estado, como unha ameaza para a súa hexemonía.
Os resultados do día 21 tamén cegaron a posibilidade dunha saída transversal, un posible goberno constituído por Esquerra Republicana, PSC e Podem, xa moi difícil se houbera os votos necesarios, pero hoxe imposible, sobre todo cunha ERC derrotada pola candidatura de Puigdemónt e as outras dúas patas sen os resultados necesarios. Contra esta saída que algúns denominaban de esquerda, loitaron con todas as súas forzas os dirixentes de Ciudadanos pois consideran que a situación que máis lles beneficia para seguir a medrar en Cataluña e no resto do Estado é unha dinámica de confrontación de bloques.
Comentar algunhas das valoracións feitas por líderes políticos sobre os resultados. Paréceme dun cinismo enorme esas declaracións que falan da necesidade de gobernar para “o 100% de todos os catalás”. No capitalismo nunca se goberna para tod@s; nas sociedades divididas en clases sociais a clase que se atopa no poder o exerce para ampara-los intereses da súa clase, e nos momentos de bonanza, se hai moita presión d@s explotad@s, cede algunha migallas. Nos tempos actuais non están dispostos a ceder absolutamente nada. Polo tanto declaracións dese tipo son demagóxicas
Ten solución este conflito?. Negociando, cedendo por ambas partes, levando a cabo un referendo que indique o que pensan os cidadáns de Cataluña, retomando o Estatut cernado polo Tribunal Constitucional, modificando a Constitución entre outros aspectos, para recoñece-lo dereito de autodeterminación, facendo un referendo en todo o Estado sobre a modificación da mesma e un longo etc, unha perspectiva difícil, para o que se necesitan políticos con outra preparación política e intelectual, outra visión do seu papel neste momento e cun forte consenso nas diferentes clases na que se divide a sociedade.

En Galicia no mes de decembro de 2017


No hay comentarios:

Publicar un comentario