A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 8 de julio de 2020

"RECONSTRUÍR" E "VOLVER Á NORMALIDADE" INDICA QUE O PODER, O CAPITAL, NON SE ATOPA DISPOSTO A FACER NINGUNHA CESIÓN.


Carlos Dafonte.

            O marco político e social das eleccións en Galicia.
            Ademais da crise económica que se nos botaba enriba, a pandemia do covid-19 veu a  aguzala dende principios do ano en curso, ata extremos insospeitados facéndoa planetaria. Hai moito interese que acubillar esa situación anterior á pandemia, pero por exemplo no mes de agosto de 2019, os índices da actividade manufactureira estaban por debaixo de 50 en EEUU por primeira vez dende o ano 2009, e o mesmo acontecía ca zona euro e Xapón, o que indicaba que unha parte do “centro” do capitalismo mundial entraba nunha recesión manufactureira real. Italia xa se atopaba instalada na mesma e Alemaña, se revisamos os tres primeiros trimestres do ano 2019, estaba a entrar tamén en recesión. Hai moito interese en culpar da crise a pandemia, eles, os gobernantes, parece non foron responsables, pero a realidade é que se non tiveramos sufrido a pandemia de covid-19 atoparíamonos en medio dunha crise, cecáis menos potente, pero crise de difícil solución.

Na actualidade, ca queda dos PIB's, o crecemento do paro, amósase a incapacidade do capitalismo para facerlle fronte; nas discusións producidas no estado norteamericano de Wisconsin que relata Michael Roberst nun artigo, entre moneratistas convencionais e non convencionais, e Trump chamando a quen encabeza a FED inimigo dos EEUU, me induce a pensar que non teñen solución algunha tanto para a primeira como para a segunda. E aínda que pode servir para pouco, se debe abrir entre determinados sectores políticos unha reflexión sobre as saídas da mesma e as causas que as produciron.
            O que temos que considerar é que a crise, tanto sanitaria como económica e as consecuencias que posiblemente teña a nivel xeoestratéxico, son resultado da acción do capital, que necesita da desregulación total, ter as mans libres para seguir expoliando a natureza, entrar a saco na esfera do público, etc, para levar adiante procesos de revalorización, pero o único que consigue é facer máis ricos ós que xa o eran, agredir ó planeta e a quen o habita e crear constante burbullas de innumerables tipos, financeira, inmobiliaria, etc, e deixar sen defensa as poboacións cando como agora, a súa acción, se converten en crise que acabamos pagando @s traballador@s.
            Hai que recoñecer que as circunstancias para enfrontarse ó capital non son as máis ideais para as persoas de esquerdas; o progresismo nos vai “vender a moto” de que é posible humanizar a actividade  e que son capaces de levar esta crise a unha saída cara a un capitalismo de “faciana máis humana”. Poderíase conseguir por un tempo, curto se foran capaces estes progresistas de levantar un movemento de masas cunha clara conciencia do que está a acontecer e para elo se necesita a mobilización que rache co espontaneismo, que teña unha dirección política cunha visión estratéxica de cambio das estruturas actuais, combinada cunha clara e firme loita institucional  que pule o proceso mobilizatorio de cambio.
            Ó final da II guerra mundial, cun capitalismo tamén en crise, non só por ser o causante da guerra interimperialista, da morte e destrución, senón tamén por ter creado os partidos nazis e fascistas para loitar contra o movemento obreiro, naquelas circunstancias nembargantes se atoparon cun movemento obreiro organizado, en numerosos casos armados, e a existencia dunha URSS triunfante, que obrigou ó capital a facer concesión aplicando políticas keynesianas de redistribución, ata finais dos anos sesenta.
            Hoxe a situación é distinta; o movemento obreiro nin a nivel político nin sindical, non defende un modelo estratéxico de sociedade. No primeiro nivel cos partidos socialistas na órbita do neoliberalismo e os comunistas nun proceso de debilidade de todo tipo, após a “derrota histórica” que significou a restauración do capitalismo naqueles países do planeta, onde a burguesía fora derrotada e expropiada. E a nivel sindical, afastada a opción do sindicalismo sociopolítico, céntranse no pacto social cos empresarios sen mobilización, o que conduce a constantes cesións.
            Esta situación de crise dende 2006-2007 ata a actualidade, trae aparellada outra de carácter xeopolítico con consecuencias xeoestratéxicas. A loita pola hexemonía a nivel mundial se vai agudizar, e nese proceso imos a observar a modificación de antigas alianzas e a substitución por outras, e no mesmo, podemos chegar a contradicións interimperialistas que nos acerquen a unha conflagración mundial.
            A situación na U.E. e a zona euro è especialmente delicada; a crise económica e a pandemia amosou a Europa dividida, a do “norte” e a do “sur”; os primeiros basean a súa prosperidade relativa en manter ó sur sometidos ás políticas ordoliberais de Alemaña e co problema engadido de que aínda non se atopa solucionado o grave problema do “brexit”. Para non afondar na división interna, e para saír da crise, se vai dispor de unha cantidade moi importante de préstamos ou outro tipo de axudas, que haberá que devolver.
            O Gobernador do Banco de España falou hai poucos días, é un individuo situado no posto polo PP, que a nosa débeda que hoxe atópase na brutalidade do 100% do PIB, se elevará, após de recibi-las axudas da UE a un 130% do PIB e que polo tanto afirmou, a cidadanía terá que pasar por innumerables problemas  como son unha maior flexibilidade no sistema laboral, unha suba de impostos e citou ó IVE, etc; aquí podemos facer dúas reflexións, unha persoa nomeada polo PP, di que hai que subir impostos e o PP afirma que eles non os van a subir. Non será pola razón de que tanto para o PP como para o Gobernador do Banco de España, a suba de impostos só son aceptables cando o son ó consumo e non as grandes empresas e as grandes fortunas, que as hai no estado español e moi importantes? Se durante os últimos cinco anos se alardeaba de ser o país onde máis se crecía, e Feijóo e os seus datos, afirmaban que en Galicia se medraba máis que no resto do estado, e crecemento é beneficio, onde están eses beneficios? Como é posible que todos os sectores da economía se atopen na ruína?. O que teño claro é que ninguén se atopa disposto ó mínimo sacrificio e como sempre, a saída da crise volverá a caer sobre as costas d@s traballador@s.

            A situación en Galicia non vai ir para mellor.
            Non vou falar da situación dos nosos sectores produtivos, da desindustrialización, do problema de Alcoa, da emigración de mozas e mozos dos últimos anos, do retroceso no emprego do noso idioma, do proceso de privatización de servizos como a sanidade e o ensino, dos salarios máis baixos que no resto do estado, das baixas pensións, a brecha salarial entre traballadora/traballador, de ter perdido o control sobre as caixas de aforros e a súa venda, da incapacidade para articular o territorio por medio  do transporte como o tren, abducidos por un Ave que nada vai solucionar, nin a posibilidade de manter tres aeroportos sen subvencións, nin do gasto suntuario que representan dous superportos separados por unha distancia moi curta e toda outra serie de problemas dos que se teñen falado nesta campaña, etc.
Non se falou curiosamente, nin do dereito de autodeterminación do pobo galego, nin da necesidade de saír o estado español da zona euro e da UE para recuperar control sobre unha moeda propia, sobre o sistema bancario e medios de produción e intercambio. Supoño, aínda que eu non o considere así, por carecer de importancia o deixarán para outro momento. Xa van moitos momentos!!!
Quero concluír este artigo, facendo unhas afirmacións claras. Primeira, os problemas que se veñen enriba de nós son grandes, a incapacidade de Feijóo para xestionar os recursos públicos que foron moitos, a favor d@s traballador@s quedou demostrada após de 12 anos como presidente da Xunta; é un bo xestor a favor do capital.
Segunda, non hai entre os tres partidos que xunto ó PP poden acadar representación parlamentar, ningún candidato ou candidata que o poda facer peor que Feijóo, aínda que o tentara. Botar ó PP da Xunta se converte hoxe nunha necesidade histórica.
Terceira, para o caso de que o PP perda, “reconstruír” ou “volver á normalidade”, en Galicia hoxe non é aceptable. Nos situaría no período 2006-2019 e tod@s coñecemos a situación. Necesítase outra política, económica, social e outro xeito de gobernar, de non facelo así estarías de novo a  preparar a maioría absoluta do PP no ano 2024.

En Galicia no mes de xullo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario