A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 29 de junio de 2022

FEIJOO ABANDONA GALICIA

Carlos Dafonte.

    O que foi presidente da Xunta durante doce anos, “solucionados” os problemas puntuais e estruturais que arrastraba a nosa terra, marcha agora a poñer solución os graves “problemas de España”, gobernada por comunistas, bolivarianos, sanchistas, etarras e quen quere romper a patria. E o vai facer ca axuda da presidenta da Comunidade de Madrid e dos “neofranquistas” de VOX. Ese podía ser un xeito de vela súa marcha, pero entendo que Feijoo marcha para dirixir unha operación político electoral de maior calado que é recupera-lo bipartidismo, facéndonos pensar que Feijoo é un “moderado” e que vai traer á política estatal esa moderación que se necesita para poñer fin á situación política que naceu do 15-M e do reto dos nacionalistas catalás. Agora chegou o momento da “moderación” e os “intelectuais orgánicos” da oligarquía nos queren vender ó PP, que pacta con VOX, como “moderado” e xa teñen deseñada a futura campaña electoral, vota ó moderado PP que é o único capaz de frear a VOX. Debemos preguntarnos, o frearemos con políticas de dereita que marxinan á maioría d@s traballador@s, ou con políticas de esquerda?, cas que se sintan representados. E por outra banda ó PP atópase na estratexia “marxiana”, de Groucho, “se non te gustan os meus principios, teño outros”

Marchou o “grande xestor” da dereita e da oligarquía, isa foi en realidade o seu traballo, e aquí nos deixa ó seu equipo de tecnócratas-burócratas mediocres feito a súa imaxe, non fora a ser que algún destacara por enriba do presidente. Aproveitou o proceso de autodemolición de Casado, a quen todos no PP acirraban para que seguira por ese camiño, que hai moi pouco era a solución para todos os “problemas de España” segundo o seus máis que correlixionarios, seareiros, e nunha hábil manobra orquestrada por determinados baróns, se subiu en olor das multitudes ó cumio dun PP desorientado: á presidencia estatal do partido.

A ningunha galega e galego poden enganar, con independencia de que se lle vote ou non; durante todos estes anos do seu mandato a xestión non foi boa e os problemas estruturais que xa se apuntaban na época de Fraga, a ningún se lle puxo remedio, e non  pola razón de que fose incapaz de facelo, senón pola razón de que a súa concepción da sociedade da economía e da política e fondamente neoliberal e para solucionar aspectos importantes ós que hoxe se enfronta Galicia no seu conxunto, necesitaba e segue a necesitar, outra política. A súa foi unha xestión de clase, dende a perspectiva da clase burguesa.

Se necesita outra política para sobrevir como pobo, circunstancia que só defendendo o noso idioma se pode lograr, e nestes anos de dominio de Feijoo vemos como o idioma galego retrocede fronte o avance do castelán e nada se fixo para revirar esa tendencia; é máis fíxose o contrario do que se debía facer

Necesítase outra política para frea-lo despoboamento dunha parte de Galicia, a interior sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, e si este proceso vai acompañado da desindustrialización, de permitir que centos de empresas galegas se instalen no norte de Portugal e que miles, atraídas polo “dumping fiscal” que practican outras comunidades do PP, sobre todo Madrid, son máis de 4.000 segundo os medios de información as que cotizan fora, representa unha perda de ingresos moi importantes. E non temos coñecemento que Feijoo teña dado batalla política algunha no seu partido para poñer fin a estas prácticas que benefician ás grandes comunidades como Madrid e que amosan a insolidariedade e a idea de que o máis forte debe dominar ó máis feble. Aínda que tamén podemos pensar que o máis feble non o é tanto si se lle permitira poñer en valor todo o que posúe e non se castrase o seu desenvolvemento en aras do centralismo.

Galicia necesitaba e necesita fontes de financiamento que compitan ca banca privada, e dende a Xunta, Feijoo e o seu partido, permitiron a venda da fusión das Caixas por “catro moedas” a un grupo venezolano con intereses alleos ós de Galicia, cando se puido configurar unha banca galega pública que pulara o desenvolvemento da Comunidade Autónoma; e fíxose todo o contrario, as decisións que toman os novos banqueiros, pechando caixeiros no rural e minguando o número de sucursais non axuda a fixar poboación. Non  pensan nas necesidades de Galicia, só en acadar importantes beneficios en momentos no que o Banco Pastor desaparece do panorama económico galego

Desindustrialización, falla de financiamento, traballos mal remunerados aínda que os beneficios de determinadas empresas sexan elevados, ten como resultado a emigración masiva de xoves universitarios ou non, que nestes 12 anos de mandato de Feijoo se pode aproximar a preto de 80.000, co que iso significa para o desenvolvemento do país. Non poden dicir que a causa foi o goberno do “bipartito”, pouco puideron facer en catro anos; a situación actual de Galicia é resultado dos gobernos de Fraga e de Feijoo e podemos estar de acordo que nos catro anos de goberno Psoe Bng, non vimos, aínda que só ficaran en proxectos, un intento fondo de modifica-la situación. É moi difícil cando unha parte do goberno acepta a  férrea disciplina neoliberal e os ditames da Unión Europea.

Se lle engadimos a desfeita na Sanidade constantemente denunciada pol@s traballador@s deste servizo básico, sobre todo cando contamos cunha poboación envellecida, o cativo gasto en dependencia e unha rede privada de residencias que xa ten amosado de abondo que na maioría das veces non funciona como o debe facer, máis pendente tamén do beneficio que da atención @s resident@s, como quedou amosado ca pandemia e a queda da poboación como os últimos datos indican, o futuro que temos no horizonte non se pode dicir que sexa bo. E como tal hai que cargalo sobre as costas do PP

Hai poucos días a Xunta de novo, como veu facendo todos estes anos, fai unha crítica, apoiada por determinados medios de comunicación afíns, cando se coñece o anteproxecto que debe entrar en vigor en 2024 do “mapa das liñas de autobuses estatais”. Esquece en primeiro lugar, como sempre as súas competencias en esta materia, en segundo que o país non se vai articular en función destes transportes, en terceiro que liñas que verdadeiramente articulaban o territorio teñen desaparecido nun proceso permitido pola Xunta, de concentración do capital deste sector e que polo tanto ó marxe das liñas estatais a Xunta debe facer unha planificación do transporte interior, onde no prime o beneficio senón a fixación de poboación e a articulación do territorio.

E non entro en si cas competencias que hoxe ten a autonomía podía levar políticas máis activas no sector gandeiro, leite e carne, na suba da luz, cunha enorme potencia eléctrica instalada na nosa comunidade, ou na dos combustible; a política do PP co “xestor”, foi botar balóns fora e reclamar á administración central. Non é pois estraño que con actuacións como a que denuncio cada vez máis, como se fora perfectamente estudado, as autonomías cada vez teñan menos valedores. A realidade, para convertela, como aconteceu en Galicia nunha “oficina de reclamacións”, non necesitamos nin a Feijoo nin á “Roda de reposto”. Para que funcione como o que establece o propio estatuto, necesítanse outros vimbios.

Seremos capaces @s galeg@s de diferentes tendencias de frea-lo esmorecemento da nosa terra e articular sen sectarismos un programa, que partindo das necesidades apremiantes que ten a clase traballadora, sexa capaz de articular ó seu redor a fraccións doutros sectores económicos e sociais? Coido que é a tarefa máis importante dende hoxe ata as próximas eleccións autonómicas.

En Galicia no mes de xuño 2022.


No hay comentarios:

Publicar un comentario