A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

miércoles, 25 de noviembre de 2009

CORRUPCIÓN E SISTEMA CAPITALISTA

Carlos Dafonte

Se o cumio do iceberg da corrupción que percorre o estado español, non ocupara tantas páxinas de diarios e revistas e horas de programación nos medios, posiblemente estaríamos a falar e discutir máis na sociedade e con maior fondura, da crise económica, da súa xénese, as particularidades do caso estatal e galego, sobre a “reconstrución” do capitalismo, das alternativas a este sistema depredador, do novo modelo que di o presidente do goberno querer construir, dos impostos, da situación real dos bancos e as súas ganancias e das caixas de aforros e as posibles fusións, e de toda outra morea de elementos que saen co gallo da crise económica e do modelo burgués de explotación. Pero tamén dun elemento que volve dun xeito recorrente nos momentos máis depresivos da economía capitalista, refírome á teoría do derrube do sistema, que fixo correr rios de tinta e sumiu á socialdemocracia e os principais partidos e dirixentes revolucionarios en numerosas polémicas desde finais do século XIX e principios do XX ata a actualidade.
Ningún marxista negará que o capitalismo avanza cara a un proceso de derrube; que como todo modo de produción tivo o seu inicio e terá o seu fin, pero isto, entendo, non nos debe levar a pensar, dun xeito simplista, que o capitalismo desapareza como resultado da crise e vai ser substituído polo socialismo. Pero sen entrar nesta cuestión que tratarei noutro artigo, algunhas consideracións sobre a corrupción.
En primeiro lugar, que se utilizan os casos de corrupción e se fala deles do xeito que menos interesa á clase traballadora: se os corruptos son “galgos ou podencos”, é dicir cal dos dous grandes partidos PSOE e PP, ámbolos dous representantes de sectores da oligarquía española, teñen máis corruptos nas súas fileiras, meténdonos no xogo, tamén con este tema, do bipartidismo. O análise nestes medios ten que ser superficial, para que cheguemos á conclusión que todos son corruptos, que é o poder quen corrompe e non un sistema económico e uns valores determinados.
Polo tanto fálase moito menos, por pertencer todos os medios a emporios capitalistas, se baixo este sistema e xestionado por individuos que son partidarios do mesmo, é posible unha xestión correcta dos cartos públicos e gobernos honestos das nosas institucións. En suma abrir un debate sobre a realidade económica, social, política e institucional que leva á corrupción. Pero é evidente que iso significa falar do capitalismo, da democracia española, da etapa chamada transición, da monarquía, etc, elementos sobre os que non hai moito interese en falar.
Sobre a sociedade ten actuado nos últimos 150 anos varios vectores que a configuran como a realidade actual: en primeiro lugar o chamado “sistema da restauración” ou sistema “canovista”, resultado do pacto interburgués na España de 1876, propiciado polo medo producido pola irrupción das masas obreiras e populares a partires da revolución de 1868. Este protagonismo xerou un sistema corrupto e oligárquico que perdurou ata 1930, ó que a segunda república tentou poñer fin, desde unha perspectiva burguesa, nun momento moi contraditorio de forte loita de clases. Este sistema ideado por Cánovas que contaba coa anuencia de Sagasta, teoricamente máis progresista, buscaba a quenda entre dous partidos, e marxinar da vida política ás clases populares a quen representaban republicanos e socialistas, e para elo servía calquera medio. Un segundo chanzo e a longa ditadura franquista produto da sublevación militar, de marcado carácter fascista, onde a corrupción era xeneralizada a todos os niveis: para gañar unhas oposicións, ata conseguir un posto de traballo ou comprar un coche; o terceiro chanzo, a propia saída pactada á ditadura, que non permitiu unha verdadeira rexeneración dunha grande parte do tecido social, corrompido por tantos anos de oscurantismo e a inserción sobre todo dos niveis medios e altos de dirección do franquismo na vida política; e por último, un proceso do que xa temos falado algunhas veces, e que se coñece dun xeito amplo como a derrota da esquerda, que se materializa nas últimas décadas do século XX, e que no estado español ten como fitos máis importantes a aceptación polo PSOE dun xeito “desmesurado” do sistema capitalista, a súa renuncia ó marxismo e a cooptación, como resultado de todo o anterior, de sectores do movemento obreiro para estas políticas. A isto debémoslle engadir, a práctica desaparición da esquerda comunista e todo o amplo sector que se situaba a súa esquerda. Visto doutro xeito podemos afirmar que a transición trouxo consigo a derrota dunha certa hexemonía do movemento obreiro, do que irradiaban toda unha serie de valores distintos dos actuais, resultado dunha realidade manifesta, incontestable, ser a dirección e o eixo vertebrador durante moito tempo na loita contra a ditadura. Derrota que pon de manifesto a hexemonía no debate ideolóxico, das ideas que son alicerces do capitalismo e o retroceso das de carácter socialdemócrata e marxistas revolucionarias.
Este último aspecto ten unha importancia capital para entender a situación de corrupción actual.
Hoxe os principios e os valores burgueses son os dominantes na sociedade; o afán de lucro, o enriquecemento o máis axiña posible e por calquera medio, o individualismo, a insolidariedade, o desprezo do público e do coñecemento, pero tamén o entreguismo de sectores do movemento obreiro, nos que ten penetrado toda unha serie de valores da clase dominante. Todos estes, son entre outros elementos aquí non citados, os que configuran a sociedade na que vivimos, que ademáis, como lle escoitei hai pouco a Julio Anguita, “pasou, da idade sen libros a idade da televisión, o que é demoledor”.
E non nos levemos a engano, os políticos reflicten a sociedade na que se vive, son parte da mesma, e unha sociedade alicerzada nos principios da nosa , dará máis políticos corruptos que unha sociedade que esté asentada noutros distintos. E cando os valores da esquerda son substituídos polos do capitalismo e hai unha perda da conciencia de clase, os resultados están á vista desde 1982.

En Galicia no mes de novembro de 2009

1 comentario:

  1. Coma sempre moi interesante a túa análise Carlos, mais cabe dicir
    que hogano configúrase un modelo sociopolítico máis execrábel, se
    cabe, que o canovista posto que, baixo a influencia dos medios de
    desinformación masiva, vivimos nunha realidade orwellinana
    deseñada á medida dos intereses oligárquicos españois e mundiais.
    Polo tanto, desde este punto de vista,existe unha clara alienación
    da masa social que impide calquera cuestionamento sobre os
    intereses da clase hexemónica.

    Agardo que, como di Saramago, non teñamos que ter o pé enriba da
    cabeza para cambiar este sistema xenocida.

    APERTAS

    ResponderEliminar