A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 21 de diciembre de 2012

AS RESPONSABILIDADES DA ALIANZA GALEGA DE ESQUERDAS (A.G.E.)


Carlos Dafonte

Cando analicei neste blog, no artigo do 23 de outubro do presente ano, os resultados das eleccións autonómicas en Galicia, establecín polo menos catro responsabilidades que AGE adquiriu ó presentarse ó proceso e sobre todo despois dos bos resultados acadados, non só diante dos seus electores, senón diante dunha parte importante da sociedade galega que non a votou, pero que celebrou a aparición dun discurso e un programa próximo a unha alternativa; tamén a nivel de estado creou expectativas importantes que non pode defraudar.
resultados elecciones gallegas
Pasados os momentos de alegría polos resultados, de celebración, creo que deben reflexionar Esquerda Unida e ANOVA , e dicir AGE, e non por separado, sobre estes catro aspectos e comezar a dar respostas claras á sociedade que agarda. De non facelo así, nun tempo prudencial, estes sectores sociais deberán considerar que a proposta lanzada á sociedade por AGE e un fraude máis, como outros tantos que se realizan nas campañas electorais co sinxelo, pero deturpador obxectivo de acadar votos; unha chacota máis que se lle fai a unha parte da sociedade galega.
Entendía que AGE adquiría o compromiso, responsabilidade dicía eu, sobre catro aspectos que me parecen fundamentais; outros desde o meu punto de vista non o son tanto.
“En primeiro lugar, dicía na devandita análise, concreta-la alternativa anticapitalista, que se ofertou na campaña dun xeito moi vago, quizais por falla de tempo, para que poda ser discutida e asumida por amplas capas da sociedade galega, que a liguen ás correntes estatais e internacionais de loita contra a crise e o capitalismo.
Un segundo aspecto é a responsabilidade que vai asumir de ser a única forza de oposición no Parlamento e na rúa, pola ausencia dos que debían compartir esa responsabilidade.(...)
Un terceiro aspecto no que AGE ten responsabilidade a partires deste momento, e o que podemos chamar xenericamente de avanzar na “reconstrución da esquerda galega”, a creación dun amplo movemento político cultural, froito da confluencia das esquerdas anticapitalistas, a internacionalista e a nacionalista.
En cuarto a responsabilidade de non deixarse engulir pola institución, hai que prima-lo traballo na sociedade.(...)”
caída muro berlín
Temos que asumir que a desaparición de todo un bloque de países que se autodenominaban socialistas, incluso comunistas, denominación que as forzas reaccionarias facían súa, foi decisivo para establecer unha nova correlación na loita de clases a nivel mundial e significou unha derrota para a esquerda no seu conxunto; non porque o que desaparecía fora unha sociedade a imitar, senón polo que significaba, tanto como una experiencia real dunha sociedade onde o capitalismo e a burguesía fora derrotada, como por representar un contrapeso ós intereses de recolonización imperialista e freo a unha globalización ó servizo das multinacionais e os poderes oligárquicos.
O capitalismo converteuse así, no modo de produción hexemónico, cando comezábase de novo a sentir na economía a tendencia a decrecer da taxa de ganancia, non ben se saíra da crise anterior iniciada a finais dos anos 60. Polo tanto as receitas para a saída da crise, están a ser as que a unha capa da clase dominante mellor lle permiten derrota-los traballadores e pula-lo proceso de concentración do capital.
Nos países tamén chamados de “socialismo real”, a URSS incluída, avanzouse cara o sistema capitalista, desde o modelo de produción alí establecido, nun proceso dirixido polas elites que monopolizaran o poder desde a finalización da II ª guerra Mundial e diante da indiferenza das clases populares que viron como o que lles pertencía, o sector público, se despedazaba, vendíase o mellor ofertante, roubábase, e dun día para outro as vellas elites convertéronse nos dirixentes do novo réxime; como dixo alguén, pasaron dos despachos das institucións ós despachos das empresas. Este cataclismo foi moi ben aproveitado pola clase dominante europea a nivel ideolóxico, político e social para inducir e apoiar, poñendo os seus medios de comunicación o seu servizo, a dous procesos: en primeiro lugar a desaparición dos grandes partidos comunistas como alternativa ó sistema capitalista; en algúns casos a súa disolución e a creación, en todos os casos, agás poucas excepcións, de movementos políticos que asumen nos seus programas as propostas da antiga socialdemocracia e en segundo, o abandono por parte da socialdemocracia da súas posicións e a aceptación, dándolle un certo verniz progresista, ás propostas do neoliberalismo, único xeito, entenden, de que os poderes económicos lle permitan accede-lo poder político; pero tamén a socialdemocracia xogará un importante papel que non me canso de repetir, cooptar para a política conservadora, neoliberal, sobre todo nos aspectos económicos, a capas das clases populares e sectores obreiros, que son enganados por estes partidos que se presentan como de esquerdas, que os medios de información do sistema tamén os cualifican así, interésalles un sistema político baseado no bipartidismo, pero que fan políticas de dereita e polo tanto se teñen convertido en partidos de dereita, progresistas algunhas veces, pero de dereita. Como di James Petras, referíndose a cando acceden ós gobernos, “ entran pola esquerda e saen pola dereita”.
No estado español, os devanditos dous procesos, produciron un “bipartidismo imperfecto”, pola existencia de burguesías nacionalistas organizadas, onde PP e PSOE constitúen unha relación dialéctica; son politicamente antagónicos, pero en termos sociais son a mesma cousa; ámbolos dous son a expresión política de dous sectores da mesma clase, a burguesía. “Tacticamente son antagónicos e estratexicamente aliados”, lín non me lembro onde, hai algún tempo.
A crise sistémica do capitalismo actual, agudizou as contradicións sociais e intercapitalistas e como a crise na estrutura económica se converte en crise da superestrutura político-ideolóxica, institucións, partidos políticos, aparellos do estado, etc tamén entran en crise e converteuse nunha necesidade a reconstrución da esquerda, para facer fronte a agresión contra @s asalariad@s da capa hexemónica da burguesía, a oligarquía.
Beiras precisou ben ese obxectivo cando, eu entendino así, consideraba que a contradición principal neste momento de forte crise e de ataque ós dereitos d@s asalariad@s, non era, simplificando, Galicia-estado centralista, que se concreta na loita polo dereito de autodeterminación, senón a contradición propia da loita de clases, explotados-explotadores, que é a que leva, no seu momento, a aparición dos partidos e organizacións que asumen a teoría revolucionaria que é o marxismo, o que lle levou a pactar con EU. E así o entenderon, penso, a maioría dos votantes de AGE e outros moitos que non votaron; que se estaba a poñer en marcha un instrumento ó servizo dos traballadores e das capas populares galegas, que ía máis aló do marco institucional; abríndose unha espectativa superior á estritamente electoral de conseguir un grupo maior ou menor de deputados no parlamento, pois desta crise os traballadores van aprendendo que o estado burgués, e o Parlamento de Galicia forma parte do mesmo, está o servizo da clase dominante e pouco se pode esperar do mesmo para solucionar os problemas. Do que verdadeiramente se trataba era da creación e consolidación, tendo como inicio a vía electoral, dunha nova estrutura política que cinguira á esquerda internacionalista e a nacionalista creando un instrumento ó servizo d@s explotad@s.
A crear esta espectativa, axudaron as declaracións dos líderes das formacións que ían configurar AGE, falando de crea-la “Siryza galega” e traendo a participar en plena campaña á formación grega e a outras que responden as acenos de identidade de forzas políticas que nacen e se desenvolven, nos seus países, ó marxe dos partidos da esquerda tradicional.
Aínda que non estivera no seu maxín, crear unha estrutura política, movemento anticapitalista, enfrontada ó sistema, hoxe en Galicia é unha demanda á que teñen que dar unha resposta positiva. Porque a pesares da dureza da crise, de todos os recortes que PSOE e sobre todo o PP foron aprobando, que afectan á “capacidade de manobra” da clase, situacións como a actual, son tamén unha oportunidade para os cambios sociais, para formular un proxecto alternativo de esquerdas Lembremos a celebre sentencia de Mao Zedong, “Todo baixo o sol é un caos absoluto, a situación é excelente”.
Non chega con que apareza AGE no Parlamento, ten que aparecer na sociedade cun discurso, un programa e un proxecto propio, unificado. Será capaz AGE de construír poder popular e hexemonía ou só vai ser unha oposición moi combativa, pero pechada nas paredes da rúa do Hórreo, cuxos deputados de cando en vez xúntanse cos movementos sociais?
E para acadar ese obxectivo hai que elaborar un programa; na campaña, moitas das propostas parecían pouco definidas, no programa hai que establecer obxectivos entendibles pola maioría da xente, que serva para agrupar e debater non só sobre o que hai que facer hoxe no parlamento e na sociedade, pero tamén como referencia de como debe se-la futura sociedade unha vez superada a etapa capitalista. A.G.E presentouse como unha forza anticapitalista, adquiriu o compromiso de clarexar o seu significado. Ser anticapitalista non é “lavarlle a face” ó que temos hoxe, caer na postura fácil de defende-lo estado de benestar como obxectivo estratéxico, hai que ir máis aló; partindo dunha critica estrutural do capitalismo, hai que facer propostas que permitan avanzar cara outro modelo de sociedade que non estea baseada na explotación da forza de traballo e acadar beneficios a calquera prezo; pero tamén hai que critica-las formas políticas nas que o capitalismo se sustenta, a iso que “chaman democracia pero non o é”. Hai que configurar, en suma, unha ideoloxía alternativa á que hoxe é hexemónica na sociedade galega, para enfronta-lo sistema, o que tamén significa establecer aliados, tanto tácticos, aqueles cos que vas dar os primeiros pasos, como os estratéxicos, cos que podes chegar ó final do percorrido.

En Galicia no mes de decembro de 2010

1 comentario:

  1. Ola, Carlos.
    Estou globalmente de acordo co artigo. O que conviña cambiar é o gráfico dos resultados, porque induce a engano. O PP, PSOE e BNG tiveron unha enorme perda de votos respecto de 2009. Ademáis, por arte da lei electoral, o PP co 45% do voto válido (unha barbaridade que indica a súa hexemonía) atribúese o 54% dos deputados. Entre as moitas batallas que compre dar é a de restarlle lexitimadade ó PP para entrar a saco contras dereitos básicos da xente.
    Un saúdo
    Román

    ResponderEliminar