A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 12 de julio de 2013

A CLASE "MEDIA" VOLVE A SER CLASE OBREIRA


Roberto Laxe
 O longo dos anos da “burbulla”, e como consecuencia ideolóxica da restauración do capitalismo nos chamados estados “socialistas”, semellaba que as predicións sobre a desaparición da clase obreira eran reais. Todos eramos “clase media”, menos o 1% mais rico e os que, por motivos alleos o sistema, eran excluìdos del. Era a sociedade das tres capas, os mais ricos, as clases medias e os excluídos, onde non tiña sentido o concepto clase obreira.
Esta ideoloxía viuse reforzada no Estado Español pola desindustrialización forzada nos anos 80 para a integración na CEE (actual Unión Europea), que se levou por diante grandes sectores da industria, desde estaleiros ate siderurxias. Os gobernos de F González, Aznar e Zapatero, como a Xunta na Galiza, asumiron o papel do Estado Español que na división internacional do traballo impuñan as grandes potencias, destrución da fabricación de bens de equipa e de alto valor engadido, e deixalo como exportador de bens de consumo (automóbil que son deslocalizacións de empresas multinacionais, téxtil, por onde entraron algunhas multinacionais autóctonas, etc.),… e para variar, o turismo.

A crise, como toda sacudida na sociedade, esta baixando do soño do ben estar da clase “media” aos que sempre foron clase obreira, mesmo nos seus sectores máis poderosos. Cando o goberno de ZP militarizou aos controladores aéreos, asalariados/as con moi bos salarios, lembrou-lles o que eran, simples asalariados fronte o poder do capital, que quería a privatización do servizo sen os salarios e as condicións que tiñan daquela en AENA. Os pilotos de Iberia sufriron un “correctivo” semellante desde a empresa, que lles recordou que o capital é o capital, fronte o traballo, por moito diñeiro que gañen.

A clase en si nunca deixou de existir

Nun rizar o rizo da alienación, os anos 90 e comezos do século XXI ollaron como os asalariados e as asalariadas negábanse a si mesmos. A grande maioría deles negaba a súa condición de traballadores asalariados, de obreiros, repetindo o tempo que fichaban na entrada da empresa que non eran obreiros/as, que eran “clase media”.
Era unha realidade inaudita ver a xente que vivía do seu salario, que hipotecaba a súa vida para conseguir unha vivenda, negar o que eran.
Máis para que o sistema conseguira este colmo da alienación –un negándose a si mesmo- existía unha pinga de verdade, a burbulla permitiu a moitos traballadores e traballadoras, a base de facer horas extras, do endebedamento masivo, etc., e a existencia dun estado do ben estar mais ou menos desenvolvido, pensar que deixaran de ser o que eran, asalariados/as.
Como ían ser obreiros/as, se vivían como pequeno burgueses, se tiñan acceso ao “duplex”, ao adosado, ás vacacións e, por cima, tiñan unha seguridade social de certa calidade, os seus fillos ían á universidade publica, e os seus maiores tiñan pensións “decentes” e centros de día. iso non era ser obreiro, asociado toda a vida a pobre; aos que se ven nos vellos “films” ou nas fotos dos anos 30 ou os 50. ¡Non podía ser, eles non eran obreiros, eran “clase media”!.
Esta realidade, que era unha combinación entre conquistas da loita da clase obreira e concesións do sistema sobre a base dun saqueo sistemático dos pobos oprimidos, ocultaba o feito ineludible de que seguían sendo asalariados/as, é dicir, o seu nivel de vida dependía de vender a súa forza de traballo, de ter un traballo mais ou menos estable.
Eran clase en si, é dicir, clase obreira individualizada, non consciente da súa situación das relacións sociais do sistema capitalista, que grazas á combinación de factores obxectivos e subxectivos ante ditos autoenganábase. O creto barato, as horas extras, etc., non lles permitían ver nin aceptar o que algúns diciamos, que as rendas do capital estaban aumentando no reparto da renda nacional, a costa da perda das rendas do traballo ate chegar á situación actual, onde a clase traballadora só levase o 42% da renda nacional que ela xera. Por certo a Facenda Publica é mais “marxista” que moitos que se din marxistas, pois recoñece abertamente que hai unha contradición entre rendas de Capital e rendas de Traballo.

Clase asalariada, clase obreira e proletariado industrial

A crise sacou do “paraíso” a millóns de seres humanos, pois deixou-lles sen o seu medio de vida, o salario. De súpeto, decatáronse de que eran asalariados/as, clase obreira no seu mais amplo sentido, todos aqueles que viven da venda da súa forza de traballo por un salario.
É unha vella discusión non só no marxismo, máis tamén no conxunto da esquerda, sobre o concepto de clase, e no concreto, de clase obreira, pois nin Marx, nin os marxistas deixaron unha definición clara de clase obreira, mais aló do feito obxectivo de que unha clase “non se define pola cantidade de diñeiro que leva no seu peto”, senón pola súa relación coa propiedade dos medios de produción, distribución e financeiros.
Esta claro que o desenvolvemento do capitalismo, a extensión das sociedades por acións e o imperialismo, que supoñen unha separación entre a propiedade da empresa e a súa xestión, deixada nas mans de “asalariados” como os xerentes, conselleiros delegados, administradores, etc ven a introducir elementos novos na definición. En realidade estes sectores supostamente asalariados/as veñen a ampliar o concepto de burguesía, que xa non é o propietario directo da empresa senón unha maraña de accionistas, grandes e medianos, altos executivos, directivos,… todos eles con importantes ingresos a costa da produción e distribución das mercadorías, aínda que teñan a forma de “salario”. A clase burguesa actual caracterizase por seren un agrupamento de seres humanos que lles une, non tanto a propiedade directa mas tamén os investimentos produtivos ou especulativos en empresas, bancos, aseguradoras, fondos de investimento, etc., etc., de onde sacan as súas rendas.
Noutro polo da sociedade, entre os e as asalariadas, prodúcese a “proletarización” das capas medias da sociedade, dos técnicos e licenciados, que non fai tanto eran profesionais liberais como forma moi “elegante” de falar de pequenos burgueses. Hoxe, a maioría dos médicos, arquitectos, químicos e técnicos en xeral teñen como o seu futuro a súa proletarización, e unha minoría incorporarase á burguesía. A sociedade polarizase, como o demostra que a vangarda da loita contra as privatizacións da sanidade en Madrid sexa levada polos médicos.
E si, é proletarización, porque moitos deles van incorporarse ás grandes empresas que por mor do desenvolvemento da capacidade produtiva do sistema, fai deles os obreiros industriais do futuro (a nanotecnoloxia, que fabricará en laboratorios o que hoxe faise en plataformas petrolíferas, refinarías, etc.).
A clase obreira industrial, o “vello” proletariado en sentido estrito, ten iguais estratificacións que a produción, o sector I, extracción de materias primas (minaría, pesca, agrogandeira, etc.) e fabricación de maquinaria para a industria, o comercio, servizos, (bens de equipa), transformación da materia prima, etc., cuxo mercado son os propios capitalistas como donos do capital. O sector II da economía, a fabricación de bens de consumo como o téxtil, o automóbil, a industria do ocio e o lecer, teléfonos móbeis, aplicacións informáticas,…, que poden ter como punto final as masas ou nunha especialización, o consumo de bens de “alto standing”, dirixido aos capitalistas como individuos.
O consumo, o uso, destes bens supoñen a satisfación dunha necesidade real o ficticia do ser humano; mas ha un sector que desde os anos 40 o 50 controlan o 50% da economía ianqui e o 20% mundial, o chamado “aparello militar industrial”; é a industria da guerra e o armamento, que aínda xerando maisvalía, en realidade non satisfai ningunha necesidade social, o seu uso/consumo só pode ser destrutivo.
Sexa como sexa, todos constitúen o proletariado industrial, é dicir aqueles asalariados/as que co seu traballo modifican o produto orixinal (sexa materia prima ou non) aportándolle nese proceso o tempo de traballo necesario para a súa produción (traballo abstracto). Constrúa o que constrúa, elabore o que elabore, sexa un produto material como un coche, un barco o a transformación de bauxita en aluminio, sexa un produto inmaterial como un software, unha aplicación informática, unha serie de TV ou un “film” (aínda que todos eles teñan un soporte material, un hardware onde se incorporan), é proletariado industrial na súa acepción mais tradicional. Co seu traballo modifica o uso da mercadoría orixinal de tal xeito que o consumo da forza de traballo produce un excedente económico, incorporado a cada mercadoría en particular (traballo concreto). Este tempo de traballo incorporado na mudanza no valor de uso, a maisvalía, adquire a súa forma dineraria  no  mercado, na venda da mercadoría na competencia con outros produtores de mercadorías. A través do incremento da produtividade do traballo, determinase  o valor da mercadoría forza de traballo.
Este proceso de produción para o mercado implica outros sectores da clase asalariada necesarios para que o tempo de traballo incorporado na produción de mercadorías cheguen o consumidor, é o transporte e a venda. Son os traballadores/as non proletarios, mas necesarios para que o producido se rendibilice na forma na que o capital quere, diñeiro.
Non xeran ningunha plusvalía porque non modifican o uso da mercadoría orixinal nunha nova, non lle incorporan tempo de traballo excedente co seu traballo; mas non por iso non son necesarios, pois as mercadorías non chegan soas ao consumidor. Como se diría, todos son necesarios, mas só uns son imprescindibles.
A economía capitalista sublima a importancia dos primeiros fronte aos segundos, porque nas súas cabezas o imprescindible é a forma diñeiro da forza de traballo. Na cabeza dos capitalistas so colle unha idea, mercadoría=diñeiro. Como isto se consegue, tanto lle ten, a cuestión é que a mercadoría se converta en diñeiro.
Este, por certo, é un dos motivos que levan a que os economistas actuais, os social liberais e os neoliberais, non acerten coa saída da crise. Uns recomendan aumentar o investimento publico para aumentar o consumo, porque o problema é que ha un baixo consumo (as mercadorías non achan comprador), outros, recomendas austeridade e rebaixa dos chamados custos laborais, porque así, pensan, aumenta produtividade e a competencia, esquecendo que hoxe hai exceso de competencia.
Nin uns nin outros ven o fondo do problema, que é a longo prazo e estratéxico: a capacidade produtiva do sistema é tan grande que a tendencia é a deflación, é dicir, a queda do valor real das mercadorías e con ela dos beneficios empresariais.
O proletariado industrial é a parte imprescindible para o sistema capitalista, pois é aquel sector, mais ou menos grande, que co seu traballo modifica o valor das mercadorías. Mas o proletariado industrial non é a clase obreira/traballadora/asalariada, é unha das súas partes, e a loita del é a loita de toda a clase.

O carácter internacional da clase obreira

Que a clase obreira segue á burguesía, o capital, como a sombra ao corpo é unha realidade indubitable. Do mesmo xeito que capital nas súas formas primitivas, mercantil, comercial, existían antes do seu dominio mundial, tamén existía clase asalariada. De feito as primeiras folgas-forma de loita por excelencia dos asalariados/as- datan do vello Exipto, na construción das pirámides e no traballo portuario, que facían traballadores libres, non escravos.
Mas, a clase obreira ofrecese como alternativa social cando o capitalismo sae da marxinalidade é convertese no modo de produción dominante a nivel mundial o longo do século XIX. Marx e Engels dicían que o capitalismo con seu desenvolvemento xeraba o seu enterrador, a clase obreira.
Agora, no século XXI, o capitalismo xa non ten a competencia de ningunha outra maneira de organizar a sociedade, é o modo de produción exclusivo no planeta. No século XIX en realidade só existía en Europa, América, e non toda, e Xapón; o resto eran sociedades non capitalistas. Tras a revolución de Outubro o capitalismo “compartiu” o planeta con sociedades anticapitalistas –a pesar das súas políticas de conciliación de clases e coexistencia pacifica-.
O capitalismo é por definición un sistema que se expande dun xeito automático e non admite competidores. Pode comezar por un simple intercambio de agasallos a troques de madeira, prata ou ouro,… mas o final as leis do mercado corrompen todo o que tocan, introducen o veleno da competencia e a acumulación orixinaria, e destrúen as sociedades por eles afectadas. Queiran o non, as leis do capitalismo son “corrosivas” para calquera corpo social.
No caso dos estados obreiros, “socialistas”, esta corrosión ía acompañada dunha vontade de destruílas, de recuperalas para o mercado mundial para someter ás súas clases obreiras ás condicións de explotación que supón traballar para o mercado capitalista.
Tras esta corrosión, conscente ou non, vai o crecemento do enterrador, da clase obreira. Segundo datos da OIT, hoxe no mundo o 70% da poboación activa mundial nas zonas urbanas son asalariados/as, baixando ao 50% no rural. É dicir, a maioría da poboación traballadora mundial vende a súa forza de traballo por un salario, mais o menos grande, dependendo se falamos dunha potencia imperialista ou dunha colonia/semicolonia.
A relación capital/traballo nunca estivo tan estendida. Atinxe a todo o mundo, polo que se algunha dúbida existía do carácter internacional da clase obreira, esta claro que os datos négano. Alén mais, a crise tende a equiparar por baixo as súas condicións de vida, froito do aumento da productividade do traballo e a consecuente queda da taxa de lucro, cuns efectos sociais importantes. Senta as bases para romper o feito de que un sector da clase obreira nos estados imperialistas, compartira as migallas da superexplotacion dos estados dependentes, o que xeraba unha das divisións da clase obreira que esta na base de que a revolución non triunfara no mundo. Esta aristocracia obreira, segundo o concepto de Lenin, olla como os seus privilexios e conquistas son destruidos polos gobernos para sacar o capitalismo da crise.

A aristocracia obreira é a clase media

En definición de Lenin, a aristocracia obreira é aquel sector da clase que beneficase das migallas que caen da mesa das grandes multinacionais, corrompéndoas e facéndoas cómplices da opresión dos pobos que saquean e da explotación das súas clases traballadoras.
Polo seu nivel de vida, de ingresos e mesmo condicións de traballo, estes sectores asimílanse á pequena burguesía, viven con eles, nos mesmos barrios e iguais condicións. Este asimilamento non podía por menos que ter consecuencias na forma de pensar, na súa visión da vida. E a ideoloxía das “clases medias” lles permite explicar esa situación social, asalariado pola forma que teñen de se gañar a vida, pequeno burgués polas formas de vida.
Mas a “vida é dura”, e unha crise como a actual non podía deixar de golpear moi seriamente a estos sectores de “clase media”, lembrándolles o que realmente son, as capas altas da clase obreira, a aristocracia obreira… vinda a menos, en decadencia. Moitos deles reintegraranse entre a clase obreira, mas outros procuraran saídas individuais, “emprendedoras” á crise. A súa profundización, que é inevitable nas condicións actuais, vailles decepcionar co ser humano e fará deles carne de fascismo.

A clase para si

Ninguén con dous dedos de fronte diría que a crise ten algo bo, salvo en que pon de manifesto o verdadeiro carácter do capitalismo; e non seriamos marxistas se non ollaramos todas as perspectivas dela. A crise esta a disolver moitas ideas preconcebidas construídas o longo desa gran volta atrás social e ideolóxica que foron os anos 90. Sen pretender ser exhaustivo, vou dar algunhas
-          O capitalismo superara as crise e era o “fin da historia”. Da risa pensar agora nas “boutades” dun Francis Fukuyama, que, por certo, xa se “autocriticou”.
-          A democracia capitalista é o mellor dos sistemas posibles. As escoitas e a espionaxe de millóns de persoas postos á luz recentemente é a mellor demostración da falacia que supón esta afirmación.
-          O socialismo morrera. A vinte anos da restauración do capitalismo nos chamados estados socialistas, o certo é que case ningún cre que alí existira socialismo, salvo algúns nostálxicos de que “calquera tempo pasado foi mellor”, e sobre todo os propagandistas do sistema que teiman en chamar “socialismo” ao que era dexeneración burocrática duns estados que xurdiran en condicións de destrución case total.
-          “ a clase obreira, dixeron, desaparecera co socialismo e agora todos somos “clase media”. A teima do capitalismo de reducir os salarios, destruír as conquistas laborais de anos de loita, como as vacacións, a xornada, etc., para recuperar a produtividade demostra o contrario e canta razón tiña Marx cando establecía como unha das forzas contrarrestantes ás crises do capitalismo a redución do valor da forza de traballo.”
A crise, nun proceso contraditorio, esta abrindo as portas para que a clase obreira, aínda “en si”, de o salto á clase obreira “para si”; é dicir, recompoña a conciencia que ten de si, se recoñeza como clase social enfrontada o capital cun proxecto social propio, o socialismo revolucionario.

En Galiza no mes de xullo de 2013

















No hay comentarios:

Publicar un comentario