A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 1 de julio de 2013

PERMANECER NO EURO, DÉBEDA E UNIÓN EUROPEA, A MESMA TRAMPA CONTRA OS TRABALLADORES




 Carlos Dafonte

Hai que recoñecer que nos “venderon ben a burra” da entrada na Comunidade Europea no ano 1986, máis tarde, denominada Unión Europea, e na Unión Monetaria en 1999, e dicir, a nosa participación na creación do euro. Durante moitos anos os habitantes do estado español fomos maioritariamente europeístas, desta Europa dos grandes emporios financeiros, aínda que non soubéramos moi ben por que; cecais por pensar que despois da etapa franquista que nos singularizaba, pertencer a unha comunidade ampla facíanos perder o estigma do franquismo, sen decatarnos que esa entrada, en absoluto discutida pola sociedade, e sobre todo, os anos de permanencia na mesma, trouxeron os “lodos” das maiores dificultades para superar en certa medida, son da opinión que saír da actual crise é imposible, as dificultades económicas, políticas e sociais con que hoxe nos atopamos.

Agás pequenas excepcións, certas minorías políticas, moi maltratadas polos medios de comunicación e nas institucións onde a dereita, tanto progresista como conservadora tiña maioría, as grandes formacións políticas e as maiorías sociais, comezando polos sindicatos con maior peso, organizacións patronais, todas as institucións e aparellos que configuran un estado, aceptaron esa alternativa de integración, que como se coñece agora, por parte da maioría da sociedade, forma parte da estratexia dos sectores capitalistas máis poderosos para dobregar á forza de traballo. Ata algúns chegaron a pensar que por primeira vez nos situábamos no lugar que a historia ata ese momento nos negara!!. Lugar entre os grandes, reforzado tamén pola nosa permanencia á OTAN.
Da nosa entrada na Europa dominada polo capital, xa levamos falado bastante e desde hai anos. Pagámolo caro, estaleiros, siderurxia, outros sectores da industria pesada, pesca, diversos produtos agrícolas, etc foron sacrificados, para que os grandes emporios industriais de Alemaña ou Francia non tiveran competencia, a cambio nos dicían, virían as ZUR (zonas de urxente reindustrialización) que aínda, en Galicia as estamos a esperar e numerosos fondos europeos, que vistas as cousas con obxectividade, non representaron máis que “pan para onte e fame para hoxe”. A realidade é que a nosa entrada na Comunidade Europea situounos, por moito que nos tentaron convencer do contrario PSOE e PP, como un país marxinal. Como aseveran Joaquín Miras e Joan Tafalla “A entrada de España na U.E condenou ó país a un papel periférico para sempre na dinámica do desenvolvemento libre do capitalismo na área”
Cando se creou a moeda única, o euro, os traballadores asalariados, tiveron que facer enormes sacrificios para cumprir as condicións que se esixían para a entrada na Europa do euro, e aínda que facendo trampas, maquilláronse determinadas magnitudes, entramos. Cando estivéramos no euro, dicían, os sacrificios serían compensados.
Pero non estabamos nunhas condicións económicas moi boas, para entrar nunha “moeda única” xunto con países moito máis poderosos que nós a nivel económico, que son potencias industriais exportadoras, quedándonos sen os resortes do tipo de cambio que permiten a un país manter as súas posicións no mercado internacional e o equilibrio na balanza de pagos. Perigoso ademais para un país cunha alta inflación, pois perdemos competitividade respecto ó exterior. A inflación pode non ser  grave en si mesma, o é, como no caso español, cando é superior a dos nosos competidores.
Fíxose un “totum revolutum” con países desiguais, que tiñan diferentes economías con diferentes sectores económicos punteiros, con mercados pouco homoxéneos, cunha historia económica e conciencia fiscal diferente, no referente ó fraude por exemplo, e con moi diferentes formas de comportarse dos seus empresarios; aínda que todos extraen o beneficio da explotación dos traballadores, os do estado español destacan polo súa actitude inclinada ó fraude, a codicia e a non cumprir nin as mínimas regras que o seu propio sistema lles impón. Estes, son entre outros, aspectos salientables.
Pero por enriba de todo ás oligarquías hexemónicas interesáballes a Unión Monetaria, para impoñe-los seus criterios, e os políticos ó seu servizo, no estado español foron dos máis aplicados á hora de levala a bo termo.
E xa instalados na crise, para aumenta-la nosa competitividade, como non temos os instrumentos que perdemos entrando no euro, recórrese ás receitas neoliberais máis extremas, como as de baixar salarios, que o mercado laboral estea sen regular, facer reformas fiscais que beneficien ó capital contra o traballo, liberdade absoluta da circulación de capitais, etc., moitos destes aspectos, xunto con outros, recollidos como “principios” na chamada Constitución Europea, aprobada en referendo polos pobos do estado español, grazas o apoio incondicional á mesma do PP e PSOE, aínda que, espectáculo bochornoso, agora discutan pola aplicación dos mesmos.
A permanencia no euro converteuse nun instrumento contra os traballadores, que utilizan as oligarquías dominantes ó tempo que  aparecen descarnadamente, aínda que non hai interese en iniciar un debate en profundidade sobre os mesmos,  todos os problemas que a nosa permanencia no euro provocan e provocaron, o que debe ser aproveitado, polos sectores partidarios doutra construción europea,  ó servizo dos traballadores, para explicalos en profundidade.
Empezando, como afirma Martín Seco, pola propia formación da burbulla inmobiliaria, resultado da postura permisiva dos gobernos da quenda, PP-PSOE, dunha lei do solo  enmarcada dentro dos parámetros máis liberais, unhas entidades financeiras só obsesionadas con gañar cartos para así os seus dirixentes lucrarse e un Banco de España e un goberno que miraban para outro lado, cando se lles advertía, no 2005 e no 2006, co gobernador Caruana na época do goberno de Aznar, por medio de cartas e informes dos inspectores das entidades de creto,  do risco que estaban a correr cos investimentos no “ladrillo”, o endebedamento exterior e a necesidade de tomar medidas urxentes para “evitar, no posible, que as consecuencias dos erros cometidos polas entidades, ó conceder as súas operacións non acaben sendo transferidas, dunha maneira ou outra, á sociedade no se conxunto”. Fixeron oídos xordos a todos estes avisos, o mesmo que fixo o goberno e o gobernador que os substituíron.
Ó afirmado con anterioridade, hai que engadir que a entrada no euro permitiu superavits moi importantes ós bancos alemás e uns tipos de interese moi baixos; nunca o  Banco de España se os tivese que establecer o faría a ese nivel, e aí, como as “moscas ó pastel” foron as entidades españolas  á busca de cartos para investir no “ladrillo”. Endebedan aproximadamente 150.000 millóns ós bancos alemás e 120.000 millóns ós franceses, como os máis importantes. As Caixas endebedaban a principios de 2007,  591.736 millóns de euros ós mercados internacionais; é dicir un 60 % do PIB
De non existi-lo euro, nin o endebedamento das entidades financeiras nin a burbulla inmobiliaria serían como son na realidade de hoxe e... podo dicir máis, nin a débeda das familias tampouco, cuxo montante era no ano 2012 de 834.000 millóns de euros, unha parte importante declarados de “difícil cobro”. E para dicilo todo, a das empresas non financeiras ascende a 1,2 billóns de euros.
A máis soportable, en contra do que nos din o goberno e os liberais, que atribúen todo, ata a crise, ós gastos do estado, era a das administracións que no ano 2012 cifrábase, aproximadamente, en 883.000 millóns de euros, correspondente á da administración central, autonómica e local. Atopámonos cunha débeda impagable, unha parte “ilexítima”, sobre a que é necesario realizar unha auditoría; segundo o chamado “informe Turiel” esta débeda ilexítima ten un montante de máis de 120.000 millóns de euros, e cuxos intereses, que aumentan cada ano en cantidades enormes, deterioran, para facerlle fronte,  a nosa calidade de vida.
Se pertencer ó euro multiplicou a nosa crise, hoxe por estar no euro, atopámonos maniatados fronte a un montante de débeda a todas luces impagable e que aumenta cada vez máis, por estar a pagar un interese similar ó que pagaríamos se devalásemos unha moeda propia. E ademais sen soberanía, aceptando o que outros, alleos ós intereses dos pobos que configuran o estado, nos queiran impoñer. E temos certa experiencia de como actúa a “troika”, esixe constantemente que a situación dos traballadores se siga degradando, como quedou de manifesto na recente intervención dun representante do FMI.
O caso de Grecia, que actúa como laboratorio, pode servir de exemplo; as medidas esixidas pola “troika” contra a cidadanía, rebaixaron o seu PIB, nos últimos catro anos, en algo máis dun 20 %, pero o seu déficit público segue no 9% e a balanza por conta corrente é superior ó 10 %, situación que segundo recoñecidos economistas é imposible que teña saída. Si que tiveron saída, nestes tempos, máis de 280.000 millóns de euros, o 120 % do seu PIB. Estou convencido que si hai catro anos tivese abandonado Grecia a eurozoa, a súa situación non sería peor.
Pois ben, por ese mesmo camiño avanzamos nós. Conscientes do mesmo, desde hai un tempo aquelas persoas que pensamos que é importante recupera-la soberanía perdida, para poder enfrontarnos á situación na que nos atopamos, estamos a asinar un manifesto no que se establece a necesidade de abandoa-la moeda única que é tamén un xeito de iniciar o necesario debate que a sociedade precisa, sobre este tema.
Se permanecer no euro vai ser unha catástrofe, saír vai traer graves problemas, non é un camiño doado; saír do euro trae consigo falar dos salarios,  aforros, das nosas débedas, da fuga de capitais, de que tipo de moeda a substituiría, do seu devalo, do papel da banca, se hai que nacionalizala ou non, das débedas que ten, e un longo “etc”; temas todos eles moi complexos e que afectan moi directamente á cidadanía.
Pero si algún día temos no estado español a posibilidade de facelo, opino que sería importante, non só polo seu contido económico, senón polo aspecto político, pois significaría a consolidación de dous procesos diferentes: que os causantes principais da nosa entrada, PP e PSOE e moitos dos políticos que a fixeron posible e polo tanto causantes dos nosos problemas, que cunha cara dura insoportable, adícanse día si e día non a dar consellos, estarían fora de xogo, porque os seus partidos foron desprazados do poder e en segundo lugar, teríamos de novo soberanía para actuar en materia económica, ó servizo da maioría da cidadanía. Iso é fundamental, e de pouco serviría se esta soberanía se pon de novo ó servizo da oligarquía, dos seus intereses.
Parto da certeza de que PP, PSOE e algún outro partido burgués ou nacionalista, só sairán do euro se o “núcleo duro” da U.E., o esixe. Os partidos ó servizo dos intereses económicos hexemónicos, coñecen que saír do euro significa que as consecuencias da crise afectarán a toda a sociedade, burguesía oligárquica incluída.
Habería que discutir tamén sobre dous aspectos relacionados ca saída do euro, o primeiro si de levarse a cabo esixiría abandona-la Unión Europea e o segundo, que tampouco hai que pensar en facelo a nivel individual, podíase darse o caso dun abandono colectivo de países do sur de Europa, de seguirse a deteriorar a situación, o que non faría o paso a dar, tan grave e custoso.
Tamén teño unha certeza, que cando se fala da necesidade da unidade fiscal e política é un xeito máis de “marea-la perdiz”, un engano, unha quimera, nunca se vai a dar, non lle interesa ós poderes económicos con maior influenza, e nesa perspectiva o euro tarde ou cedo, posiblemente rachará, pero non temos tempo para esperar.
Alguén pode pensar que a actual Unión Europea é reformable, considero que non o é, e só os traballadores asalariados organizándose nos respectivos países e actuando coordinadamente a nivel europeo, poden botar abaixo a estrutura creada pola burguesía e dar os pasos necesarios para edifica-la Unión dos Estados Socialistas de Europa, única realidade supraestatal, que actuaría ó servizo da maioría da sociedade.

En Galicia no mes de Xullo de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario