A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 11 de octubre de 2013

EMPRESAS ELÉCTRICAS E BANQUEIROS: COMO A OLIGARQUÍA EXPLOTA Ó POBO



Carlos Dafonte.
A oligarquía española é cecais das máis explotadoras e corruptas dos países que configuran a U.E..Para enfrontarse ó pulo do movemento obreiro, un dos máis poderosos do continente, desde principios do século pasado, utilizou o exército e a posterior ditadura militar, para derrotalo e descabezalo, elevar a súa taxa de ganancia, e, o contrario que a italiana e alemá, ó entrar nun proceso democrático despois da morte do ditador, non pagou ningunha peaxe pola súa actitude durante máis de corenta anos: as súas fortunas, gañadas dun xeito ilexítimo, foron garantidas e ningunha empresa ou familia das que apoiaron a sublevación e posterior ditadura, sentouse nun banquiño dos acusados para dirimi-las súas responsabilidades políticas ou pagaron como no caso de Alemaña, as indemnizacións ás vítimas cas súas fortunas.

Traio o anterior a colación porque esta oligarquía desde hai bastantes anos, incrustada no sector eléctrico e financeiro, exercen como un verdadeiro poder e os temas relacionados cas compañías eléctricas,  a suba constante das tarifas, se hai unha base legal para facelo e toda outra serie de consideracións, e cas pensións de xubilación, sometidas a constante perda de poder adquisitivo, modificacións para o seu cobro e o debate de se é posible manter o actual sistema, ou hai que cambialo por outro distinto, ben público ou privado, atópanse entre os máis presentes tanto nos diferentes medios de comunicación como nas discusións entre particulares; e non debemos esquecer que ámbolos dous temas teñen moito que ver co desenvolvemento da loita da clases no estado español, e co intento desta oligarquía de financiar cos cartos de tod@s a crise destes dos sectores da mesma e de acrecenta-la súa taxa de ganancia.
Cando falamos das eléctricas, o debate é permanente sobre as tarifas e as constantes subas que sufrimos os usuarios, catro no que vai do ano 2013, ata conseguir que a electricidade no estado español sexa a máis cara de todos os países industrializados do planeta, segundo a consultora National Utility Service (NUS).
Acadamos este récord, que pesa como unha lousa sobre a economía dos asalariado, e pequena empresa, grazas a connivencia, mellor compadreo, dos dous grandes partidos, PP e PSOE e algunha outra organización política burguesa, cas “familias” que dominan o sector eléctrico. A pesares da súa liberación, ó mesmo que aconteceu cando se fixo co sector da venda de carburantes, debían pedir perdón a maior parte dos políticos, economistas e informadores, que anunciaban unha etapa de “competencia” entre empresas do que se beneficiarían os usuarios, esta non se notou en absoluto e funciónase en réxime de oligopolio impoñendo elas os prezos.
Pois ben unha vez “liberalizado” o sector eléctrico, en vez de caer a tarifa como en Suecia onde chegou a facelo nun 20 %, Dinamarca ou Italia, aquí, desde que comezou a crise aumentou nun 60%, ca axuda de PP e PSOE que permiten ás compañías impo -los seus criterios, baseados en toda unha serie de mentiras sobre supostos déficits, e proclamando que os beneficios que din ter non son reais, así como toda outra serie de patrañas, que salvo excepcións, son defendidas como verdades polos grandes medios de comunicación, cuxos accionistas maioritarios moitas veces son as propias compañías eléctricas.
O resultado de todo isto, que é o que interesa destacar, é que o custe do kw/h no estado español respecto á media dos países máis industrializados é un 40% máis alto. En países e cidades do entorno europeo, con salarios e nivel de vida máis alto que o noso, pagan o kw/h unha terceira parte menos do que o pagamos nós.
Como se puido chegar a esta situación? Aceptándolles ás compañías, por parte de políticos e partidos ó servizo das mesmas, en medio dunha forte campaña mediática, para afoga-las voces críticas, uns informes que conducían a un aumento das tarifas en base a repercutir custes por conceptos falsos como “saneamento”, “moratoria”, “parón nuclear”, etc, que o único que tentan é tapa-la realidade: que as compañías foron levadas a quebra por parte dos xestores das mesmas por investir en centrais nucleares. Polo tanto se teñen dificultades é pola mala xestións, que debía sentar nos banquiños diante da xustiza a moitos dos seus dirixentes.
O que estivo claro desde a apertura da primeira central nuclear, a de Zorita en 1968, ata a última a de Trillo en 1988, foi que non eran rendibles. Aquelo de que construílas era síntoma da modernidade e traería unha enerxía máis barata, non era outra cousa máis que a propaganda das empresas construtoras. Cando comezaron a funcionar, axiña púxose en evidencia os altos custes debido o seu financiamento en divisas, ás medidas necesarias pola seguridade e o almacenamento de residuos; gastos que levaban ás compañías a enormes dificultades económicas.
Por iso non protestaron cando o PSOE aprobou o “parón nuclear”, seguramente pactado cas compañías e así ter un argumento, diante da poboación, para esixir mellores condicións de explotación e supera-las súas dificultades económicas por unha mala xestión, ó tempo que o PSOE interesáballe o mesmo para gañar o voto de “ecoloxistas despistados” e gañarse a amizade das “familias das eléctricas”, motivo polo que aprobou, sen pasar polo parlamento, o Decreto 441/ 1986 que aumentaba a tarifa e “premiaba” cunha “subvención” ás compañías que tiveran unha contabilidade tramposa.
Despois dun ano e uns meses, por medio doutro decreto o 1538 de 11 de decembro legalizaba toda a chapuza anterior e consideraba o que antes era un servizo público como un “servizo de interese xeral”.
No goberno de Aznar, para establecer a suba no recibo, creouse o CESUR (Compra de Enerxía para o Fornezo do Último Recurso), que é unha poxa amañada entre as compañías e as súas filiais, onde sóbense unhas a outras o prezo para acada-lo obxectivo final, a suba dos prezos reais que pagan os consumidores.
Esta situación vese agravada tamén por non haber separación entre produción e comercialización, é dicir as compañías fan o que lles ven en gaña, non pagan nin a auga que utilizan na hidráulica, diante da mirada atónita dos cidadás que pagan todos os meses recibos cada vez máis altos e indescifrables. A culminación deste saqueo prodúcese cando a pesares dos enormes beneficios das empresas e dos substanciosos reparto dos mesmos entre os seus accionistas, os cidadáns do estado español, segundo os cálculos empresariais, debémoslles máis de 27.000 millóns de euros, sen que os gobernos do PP e PSOE desmintan, e se neguen a pagar, esta débeda ficticia.
Polo tanto non debe estrañar ver como moitos dos seus dirixentes e ex ministros cando rematan a súa vida política, entran nos consellos de administración das compañías a quen beneficiaron cas súas medidas, ou como asesores, sempre con soldos moi elevados; é de supoñer que polos “servizos prestados”.
En Endesa por exemplo, atopámonos con Aznar, Elena Salgado, Miquel Roca, Luis de Guindo, agora ministro, Pio Cabanillas fillo, Rodolfo Martín Villa que chegou á presidencia; en Iberdrola Angel Acebes, Ramón de Miguel, exsecretario de estado de Política Exterior; en Gas Natural Fenosa a Fílipe González, Narcis Serra; na italiana ENEL, matriz de Endesa a Pedro Solbes; en Rede Eléctrica de España a José Folgado ex secretario de Estado de Enerxía, a Miguel Boyer, a Ángeles Amador ex ministra, Luís Atienza, que foi ministro de agricultura, etc.
Esta situación non terá fin ata que a xente de abaixo se mobilice contra do roubo organizado, dado que sindicatos e organizacións que se chaman da esquerda só protestan nas institucións, pero non tentan organizar a reflexión e a mobilización diante da actuación do PP e PSOE e as compañías eléctricas.
E se este sector da oligarquía ten ben organizado o saqueo da cidadanía, desde hai anos estase a organizar outro moi importante a redor do sistema público de pensións, obxectivo da grande banca e das aseguradoras, que se vai materializando, sentando os seus alicerces, paseniñamente, cas medidas que nos últimos anos tomaron os dous grande partidos. O ataque ó sistema público comezou na época dos gobernos de Filipe González, que lle valeu unha folga xeral e continuou con Aznar e Rodriguez Z.
O obxectivo é ir socavando a conciencia da xente e crear un estado de ánimo favorable a que o actual sistema non é viable e quen queira cobrar o día de mañá unha pensión, haberá que recorrer a fondos privados. O exemplo a seguir que sempre se mencionaba era o sistema creado no Chile do xeral Pinochet, como se unha ditadura fixera algo beneficioso para as maiorías sociais; pois ben, hai que dicir, que o sistema chileno atópase quebrado.
Nos últimos tempos despois dunha forte campaña nos medios de comunicación e do acordo de rebaixa-las pensións do goberno de Rodríguez Z., chégase a plantear a necesidade de “facer algo” co sistema público de pensións se non se quere que quebre e que nuns anos non se poida cobrar. Hai que recoñecer que o bombardeo sistemático nos medios deu resultado; unha maioría social importante, influida por este debate trucado no que se evítou que apareceran os que argumentaban en contra, repite moitas veces contra os seus propios intereses, os argumentos próximos os intereses da oligarquía o que leva a moita xente e tamén a moitos pensionistas a aceptar a necesidade de reformas, sen que se produza un debate de verdade sobre a situación. E así lévase a cabo a reforma de 2011, que dixeron era para moito tempo; pois ben aínda non pasaron dous anos e volven á carga con novas reformas; vese que os poderes económicos non ficaron contentos.
O goberno para darlle certa credibilidade ó novo proxecto de reforma, nomea a dedo unha “comisión de sabios” a grande maioría ligados á banca e aseguradoras, que están esperando sacar tallada, e dicir beneficiarse da súa intervención neste campo, e favorables ás teses de deteriora-lo actual sistema. O ditame da comisión, como non podía ser doutro xeito, é favorable as teses do PP e agora o goberno, escondido tra-lo mesmo, tenta facernos crer que as modificacións que se van introducir é unha cuestións técnica, que non queda máis remedio que tomar as medidas que se van tomar, cando a realidade é unha opción político-ideolóxica, que tenta que a banca e aseguradoras, diante dun problema ficticio, como é si vivimos moito máis que antes, nacen menos nen@s e outras afirmacións parecidas, que inducen ó catastrofismo e crean inseguridade na poboación, se tomen medidas que deterioren as pensións públicas polo que deban ser complementadas con planos privados. É dicir poñer en mans da oligarquía unha inxente cantidade de cartos, para con eles poder especular e sacar enormes beneficios, sen que nunca se teña seguro o seu cobro.
A nova reforma introduce un chamado Factor de Sostibilidade, que ten dous elementos; por unha banda o relacionado ca lonxevidade dos futuros xubilados. Xa que se vai vivir máis se lles penaliza cun coeficiente redutor no cálculo inicial da súa pensión; isto vai a afecta-los novos pensionistas, a partires de 2019. Vai crear unha situación de inxustiza permanente con aqueles pensionistas que vivan pouco como tales. E por outra banda establécese unha revalorización anual que xa non se fará en base ó Índice de Prezos ó Consumo, que tamén hai que dicilo, sempre estivo manipulado, senón en base á diferencia entre os ingresos e os gastos do Estado e outra serie de factores. Se hai cartos cóbrase máis e se non os hai, menos, pero sempre que é o importante, permítese cumprir ca reforma do artigo 135 da Constitución, levada a cabo polos “dous de sempre”, PP e PSOE, que garante como fundamental pagar en primeiro lugar “ós poderes financeiros”, posuidores da débeda pública, situando nun segundo chanzo o resto das obrigas do estado, pago de pensións, seguro de paro, servizos básicos, etc. Isto último afecta a todos os pensionistas, que verán así rebaixada a súa pensión pois se lles vai garantir só un solo de aumento do 0,25 % moi por debaixo do que se elevaron e elevarán os prezos dos produtos básicos, alimentación, electricidade, gas, roupa, etc. En momentos de expansión económica pódese elevar máis, pero nas circunstancias actuais, por moitos anos vaise ver reducida. Na reforma do 2011 establecíase a súa entrada en vigor para o 2027, pero agora faise dun xeito inmediato.
Os cálculos sobre a aplicación do coeficiente redutor por motivo da lonxevidade, indican que para 2040 as pensións se verán reducidas nun 20% o que debe inducir a moit@s traballador@s a contratar un fondo privado. Ese é o verdadeiro obxectivo da reforma. Que os futuros pensionistas complementen a pública cunha privada e que os actuais, lamenten, e transmitan este sentimento, por non telo feito.
Partindo da base hipotética, de que o actual sistema de pensións non se pode soster, que non é certo, poderíase buscar outras solucións, posto os sistemas poden ser diversos, de reparto como é o noso, de impostos, páganse as pensións vía orzamentos do estado ou de capitalización, os traballadores ingresan en bancos e aseguradoras. Poderíase facer, digo eu, un sistema mixto, que vía impostos, se cubriran as dificultades que puideran aparecer; o que non é aceptable, como di o grupo de economistas TAIFA, é que o presuposto das pensións teña que estar equilibrado e o de xustiza, casa real, exército, etc non teña que estalo. Se as pensións as teñen que financialos pensionistas, que o exército o financien os militares e os monárquicos a casa real e a xudicatura a xustiza.
Xa rebatín nun artigo anterior, o argumento moi utilizado pola dereita conservadora e a progresista, que a consecuencia de que cada vez son menos os traballadores en activo que sosteñen a un pensionista; hai uns anos eran 5 e hoxe cada 3 en activo hai dous pensionistas, son necesarias as reformas que aproban; pois ben, é un argumento falaz, o número non importa, o que importa é a produtividade e o reparto da riqueza producida, e no estado español a produtividade é pequena, non pola parte dos traballadores que traballan máis horas e con salarios máis baixos que na media da zona euro, e o reparto da riqueza cada vez máis inxusto, unha oligarquía reducida acapara a maioría da mesma. Iso é o que non permite que as pensións sexan dignas e non todos os argumentos falaces que a dereita no seu conxunto, PP e PSOE, esgrimen.
Para o día 24 do presente mes, a nivel de estado, organizacións sindicais, ó marxe de CCOO e UXT, convocan unha xornada de loita contra os despidos que se seguen a producir, o recorte das pensións e os Orzamentos Xerais do Estado para 2014, que establecen recortes en servizos básicos. Vai coincidir cunha folga na ensinanza e mobilizacións de estudantes. Só ca loita organizada e coordinada en todo o estado pódese parar esta agresión constante da oligarquía contra os traballadores.
En Galicia no mes de outubro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario