A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

jueves, 24 de octubre de 2013

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A SITUACIÓN POLÍTICA INTERNACIONAL


Carlos Dafonte

A crise económica non debe ser para as xentes da esquerda revolucionaria a principal e única consideración a salientar na situación actual. Esta é un proceso consubstancial co capitalismo, o seu desenvolvemento a xera, e sérvelles, ós máis poderosos para concentrar capital, eliminar competidores e modificar no seu beneficio as condicións de explotación da forza de traballo.
O que nos debe preocupar máis e que despois de varios lustros de ataque organizado a nivel mundial contra os traballadores, sobre todo no centro do sistema capitalista, é si o que afirmou Trotski no Programa de Transición aprobado en 1938, de que “a situación política mundial caracterizábase pola crise histórica da dirección do proletariado” é hoxe tamén unha realidade, nunha situación na que non hai máis saída, de acordo ós intereses dos asalariados, que a substitución do capitalismo por unha nova formación social onde o modo de produción capitalista non sexa hexemónico.
Naquel intre o revolucionario soviético referíase a quen tiña a responsabilidade de dirixi-la revolución mundial, a Internacional Comunista ou III ª Internacional. organismo que naceu como resultado da visión política, do traballo e da necesidade que Lenin consideraba para a extensión da revolución, consideraba inviable a posibilidade do “socialismo nun só país”; pero Lenin morreu en 1924; hoxe por non existir un organismo internacional desas características, podemos afirmar que a incapacidade das forzas revolucionarias para dar unha resposta organizada á agresión do imperialismo contra os pobos e @s traballador@s e como superala, debe ser un dos elementos centrais do análise da situación política; posiblemente o máis importante. Mentres non se solucione o problema da dirección política, o capitalismo terá maiores facilidades para impoñe-los seus criterios e cargará, como é lóxico nun sistema baseado na explotación, sobre as costas da forza do traballo os custes de toda crise.

Pola contra, as forzas capitalistas coordínanse, chegan a acordos para actuar a nivel planetario, a traveso de mecanismos, moitos convertidos en institucións, Unión Europea, OTAN, Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Organización Mundial de Comercio, etc, ou G-8, G-20; neles discuten as súas diferenzas, múltiples contradicións e planifican a economía e a saída da actual crise, no seu exclusivo beneficio.
A crise da dirección política fai que sindicatos e movementos sociais se atopen nun “carreiro sen saída”, como amosan, salvo contadas excepcións as respostas ás medidas do capital, que non son todo o contundentes que se precisan, nin contan ca perspectiva estratéxica nin ca coordinación necesaria para que en grandes áreas do planeta se dean respostas unitarias. Os intentos de coordinación dos análise e das respostas, os Foros Sociais, sen poder afirmar que foran un total fracaso, non cubriron as espectativas que levantaran.
Nun segundo termo hai que destacar, ó tempo que foi avanzando a crise, organismos que foron moi belixerante, cos países que abandonaran o sistema capitalista, como a Internacional Socialista, que facían bandeira “doutro socialismo”e que se consideraban alternativa fronte o proxecto neoliberal, teñen desaparecido do panorama político, integrada na esfera deste, e reforzando a capacidade do proxecto neoliberal para cooptar a aqueles sectores do movemento obreiro onde, os que se fan chamar socialistas, aínda teñen influenza.
Nun terceiro, a restauración do capitalismo na antiga URSS, Europa do leste e China, pon en maior evidencia as contradicións que se xeran dentro do sistema capitalista, ó tempo que lle restan ó imperialismo norteamericano a súa capacidade política para dirixi-lo planeta terra, polo que terá que recorrer ó seu poderío militar para tentar impor o seu dominio. Nesta perspectiva temos que entende-la creación de AFRICOM a mediados da década anterior, que por moito que digan, e o organismo encargado para intervir en todos os países de África agás Exipto e a revitalización da IVª flota, inoperante durante moitos anos cuxa actividade oriéntase a área de América Latina.
E curioso e digno de ser salientado, o feito que cando a URSS e China dicían querer construí-lo socialismo tiñan diferenzas que parecían insalvables, e agora, cando o capitalismo volve a se-lo modo de produción dominante nas súas formacións sociais, todo indica que as relacións teñen mellorado.
Se a isto engadímoslle a necesidade de importantes países como Brasil, India e Suráfrica, a quen se lles denomina, xunto con outros, co cualificativo de emerxentes, de facer unha política ó marxe das potencias imperialistas centrais, explica a aparición do grupo denominado BRICS, formado por Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica, nun intento de establecer un “imperialismo de baixa intensidade”, que lles permita solucionar as súas necesidades e penetrar en numerosos lugares do planeta. Non debemos esquecer que representan ó 42 % da poboación mundial, o 45% da forza laboral do planeta e o comercio entre os mesmos, acada un monto de 500.000 millóns de dólares ano
De consolidarse esta perspectiva, podíase inaugurar a nivel planetario unha nova dinámica de bloques, onde países como Cuba baixo constante ameaza, ou aqueles outros que tentan desembarazarse da influencias dos EEUU e os seus máis fieis aliados, a U.E., poidan integrarse e atopar axudas pagando uns menores custos, tanto no eido económico, como no político e social.
Permitirán os USA a consolidación deste proxecto, onde China, o seu inimigo fundamental que vai camiño de se converter na primeira potencia económica do planeta, xoga un papel central?. Sen dúbida tentará por todos os medios que non sexa así, sobre todo polo que representaría de consolidarse, para certos países de América Latina, continente que os ianquis sempre consideraron o seu “patio traseiro”, que nestes momentos amosan un distanciamento certo respecto das directrices de Washington, creando o ALBA, como alternativa ós Tratados de Libre Comercio e a Alianza do Pacífico, que os USA impoñen e toda outra serie de institucións económicas e políticas, MERCOSUR, que os imperialistas non controlan, e garanten a autonomía económica e política dunha parte da rexión respecto do núcleo central imperialista.
Os USA necesitan impor os seus criterios no resto do planeta, golpeados por una grande crise económica que ten importantes repercusións no nivel de vida dos seus habitantes; entre 2007 e 2010 a renda media caeu un 40%, e a distancia entre o 1% máis rico e o resto da poboación fíxose maior; ten unha débeda pública do 120% do PIB, máis de 16.699 billóns de $. da que un 37 % atópase en mans de países estranxeiros, sobre todo China e Xapón. Como se coñeceu en días pasados, o debate sobre subir ou non o teito da débeda, en 1,1 billóns de $, mantivo en vilo á economía mundial, pois de non facerse, non poderían pagar os vencementos, se declararía en bancarrota, o que significaría o inicio dunha nova recesión mundial.
Polo tanto a primeira potencia militar do mundo necesita seguir roubando a maior parte da plusvalía que producen os traballadores do planeta, para seguir mantendo tamén o seu “status” de primeira potencia económica o que vai abrir toda unha serie de enfrontamentos, a maior parte das veces non directos, con quen lle disputan ese “status”. Necesita seguir a ser o país refuxio para a maior parte do capital mundial, procedente moitas veces de negocios ilegais como o narcotráfico, venda de armas, etc., que lle permite paga-los intereses da súa débeda.
Mante-lo seu status de potencia económica levoulle ás constantes intervencións nos territorios do próximo e medio oriente, onde se atopan fontes de enerxía moi importantes, comezando polo apoio ó xendarme da zona, Israel e continuando pola xa afastada intervención en Afganistán, para desaloxar os gobernos de corte comunista. Para levalo a cabo financiou e prestou apoio político e loxístico ó movemento muhaidís formado por miles de islamistas fanatizados procedentes tamén dos máis diversos lugares, pero que unha vez expulsados os “pro-soviéticos”, a pesares da intervención ó seu favor da URSS, volveron para os seus países e constituíron os núcleos principais do islamismo máis intransixente, que comezou a organizarse e crear problemas, aínda que sexa un paradoxo, a aqueles gobernos que os USA apoiaban.
Produciuse máis tarde ó apoio a Sadam Houssein na guerra Iraq-Irán e as “garantías” ó primeiro, recibidas da embaixadora norteamericana, para intervir en Kuwait sen consecuencias, retiradas no momento da invasión do pequeno territorio, o que deu lugar ás dúas guerras do golfo e a partires do 2001, a invasión de Afganistán.
Outro trazo a subliñar, son a dificultade que teñen as rebelións producidas no norte de África e países árabes, onde as clases populares derrubaron a gobernos monicreques do imperialismo, para consolidar réximes democráticos, onde non se conculquen sistematicamente os dereitos humanos, pola estratexia do capital de impedir que os pobos sexan donos do seu destino e seguir a mante-lo seu dominio o que converte a eses países, en focos de permanentes conflitos sociais.
A intervención directa en Libia da OTAN, cuxas consecuencias, a fragmentación do poder, o fortalecemento de sectores islamistas radicais, o estrago de numerosas forzas produtivas, conduce a un futuro cheo de imprevistos o que obriga ó imperialismo a pensar mellor a súa intervención en Siria. Sería interesante analizar como o afianzamento do islamismo na costa sur do Mediterràneo, axuda a implantación do mesmo no Sahel, a fronteira sur do deserto do Sahara; a condenable intervención francesa en Malí ten moito que ver con este desorde que eles mesmos introducen.
Tampouco debemos esquecer con relación a este tema, que despois da descolonización do continente africano, o imperialismo apostou polo islamismo para contrarresta-las tendencias socialistas e panarabistas que xurdiron.
Destacaría outra característica da nova situación mundial que se ten valorado pouco, que ten moito que ver ca crise e que afecta a clases intermedias entre a burguesía e o proletariado; refírome ó proceso de proletarización que se está a producir a nivel mundial que leva a contra as teorías que falan da desaparición da clase obreira. Son centos os millóns de campesiños, chineses, da India, Bangla Desh, Brasil, etc, os que nas últimas décadas, e sobre todo na última, deixaron de pasar fame e penurias cultivando a terra e se incorporaron, nos cintos urbanos, en condicións moi precarias, como forza de traballo asalariada. Nesta nova condición, segundo vaian adquirindo conciencia, van protagonizar importantes loitas nos seus países. No ano pasado producíronse en China máis de duascentas mil folgas con motivo de reivindicacións de carácter laboral esixindo melloras nas condicións de traballo e salariais. De consolidarse este proceso, en numerosos países, onde empresas do centro do sistema capitalista foron deslocalizadas, se pode dar lugar, en poucos anos, a modificacións importantes na estrutura do traballo.

A INESTABILIDADE DA UNIÓN EUROPEA

Da Unión Europea destacaremos os seguintes trazos que cada vez máis nos aproximan ó modelo norteamericano de explotación, posible pola ditadura que o capital exerce a traveso dos dous partidos, o demócrata e o republicano, sendo moi cativas as posibilidades de que se abra camiño unha alternativa; en primeiro lugar a desaparición das garantías da antiga democracia burguesa, que ten tres vertentes salientables, todas elas xustificadas polos representantes da clase dominante, na existencia dunha fonda e prolongada crise. A primeira consiste no traslado do poder de decisión a institucións non elixidas polos cidadáns e sobre as que teñen unha grande influenza o que se coñece como os “mercados”, eufemismo do poder financeiro, permanecendo nembargantes, activas institucións nacionais que se podían considerar innecesarias, adicadas a aplicar as medidas que se toman fora dun xeito antidemocrático. A segunda o ataque á lexislación laboral e social específica, para facer desaparecer numerosos dereitos, que na UE parecían consolidados e inamovibles, aumentando así o grao de explotación da forza de traballo; a terceira as modificacións que os partidos no poder en cada estado, diante das protestas da cidadanía, polas novas condicións ás que se lles somete, levan a cabo na lexislación punitiva para afoga-lo dereito de protesta. Isto tradúcese nunha perda de numerosos dereitos políticos e democráticos, incluso dereitos humanos, como se a cidadanía fose culpable da crise e non tivese dereito a ningún tipo de protesta. Non hai que esquecer que un dos argumentos máis utilizados pola clase dominante é o de “vivíamos por enriba das nosas posibilidades”, como causa da crise. Argumento insuficientemente combatido polos sectores da esquerda.
En segundo lugar, parece como se a crise unificara os criterios das oligarquías mais importantes da UE, que se situaron todas na liña que marca a alemá a favor das políticas de loita contra o déficit público e de austeridade. Moi desesperadas e sen moitas perspectivas de saír da crise deben ter cando todas apostan por poñer en marcha en primeiro lugar a “locomotora alemá”, acosada pola febleza dos seus bancos que de non recupera-lo prestado poderían quebrar, e o amparo da mesma inicia-lo seu proceso de recuperación económica.
Neste senso as próximas eleccións o Parlamento Europeo, non teñen sentido algún, pois se algo debemos aprender do que estamos a vivir é que cando se manifesta a tendencia á caída da taxa de ganancia e a crise afoga, para as oligarquías non existe democracia algunha, paralízanse as institucións, leis, directivas etc e impóñense os seus criterios por enriba de calquera outro obxectivo.
En terceiro, estanse a senta-los alicerces para a UE a dúas velocidades, a do norte, formada por Alemaña e os seus satélites con Francia e Gran Bretaña e a U.E. dos rescatados e algún país máis.
En cuarto, é necesario salientar os avances da extrema dereita en case todos os países da área, con boas perspectivas electorais para as próximas eleccións europeas, consecuencia da integración da socialdemocracia e partidos ecoloxistas, como os verdes alemás, no proxecto neoliberal, a incapacidade da esquerda para redefinir un novo proxecto e o “trasvestismo político-ideolóxico” dunha parte da mesma. Estamos a falar da dereita racista e xenófoba, que coincide con moitas das medidas tomadas pola dereita conservadora e a antiga socialdemocracia cando chega ó poder, polo que os campos dentro da dereita perden as fronteiras o que posibilita que os seus argumentos cada vez gañen máis adeptos na sociedade.
Nos estados onde a clase obreira tivo unha actitude máis opositora e combativa, comezan a aparecer as primeiras organizacións de carácter nazi-fascista, caso de Grecia, pero van ter pouco percorrido, polo de agora, posto que a clase obreira non está en condicións de disputarlle o poder á burguesía. Se esta condición se dera, a “democrática U.E.” vería aparecer de novo o nazi-fascismo, financiado, como sempre polos grandes grupos económicos. Non esquezamos que naceron para defende-lo capital e non son outra cousa, como o franquismo, un estado de excepción permanente dentro do sistema capitalista.
Como consecuencia de todo o anterior aparece un novo trazo da situación, a perda de apoio do sistema democrático burgués por parte de sectores importantes da sociedade e a baixa consideración que a cidadanía ten dos políticos e das organizacións de todo tipo, sindicais, políticas, etc., polo que cada vez é máis importante situar nun primeiro plano a necesidade de que debe solucionarse, canto antes mellor,  a crise na dirección do proletariado.

En Galicia no mes de outubro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario