A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

viernes, 1 de noviembre de 2013

DÉBEDA, RELACIÓNS LABORAIS E RELACIÓNS SOCIAIS DE PRODUCIÓN

 Roberto Laxe

Cando se critican as políticas dos gobernos do PP, da Unión Europea, ... é habitual, facer unha relación de cales son, a saber: débeda, recortes nos servizos, resgates bancarios e privatizacións, reformas laborais e rebaixas de salarios, ou sexa, empobrecemento xeral da sociedade. Dáse como un feito coñecido a súa relación, establecendo como prioritario a débeda, os recortes e as privatizacións.
Esta claro que neste momento a resposta social máis contundente ás políticas dos gobernos veñen polo flanco das loitas contra as privatizacións, a sanidade á cabeza; é por iso que ante a sociedade visualícese a relación entre débeda, recortes e rescates bancarios. Doutra banda, ao longo de todos estes anos vendeuse a imaxe de que os problemas de déficit e débeda viñan, tamén, dos salarios e as condicións de traballo dos funcionarios, que sufriron nas súas carnes os golpes das conxelacións salariais e os recortes. Agora é o ensino, coas súas folgas contra a Lei Wert, as que aparecen como o centro das políticas dos gobernos.
A débeda e o seu pagamento, o desmantelamento do estado do benestar e os rescates bancarios non só están intimamente ligados, senón aparecen nidios diante da sociedade -non é difícil facer as sumas e restas-, por iso, esta centra os seus odios nos bancos. Así, nas enquisas os empresarios, sobre todo os pequenos e medianos, saen ben parados, véselles como vítimas igual que á clase traballadora, mentres que os bancos e as grandes empresas –coñecida como a “oligarquía financeira”- aparecen como os ogros, o que sen dúbida é san e progresivo, pois apuntan o corazón do sistema.

Pero, que relación ten isto cos salarios dos 13 millóns de asalariados e asalariadas que non son de publica, e os 5 millóns de parados. Non é a débeda publica a que provocou esta situación; non foron os bancos, nin os grandes empresarios os que de maneira directa destruíron todos eses postos de traballo, non son eles os únicos que baixaron os salarios, aumentado as xornadas laborais; alén máis, a última reforma laboral fixérona á medida non só dos grandes, senón dos medianos e pequenos empresarios ao modificar a relación de forzas dentro da empresa, abaratar o despedimento, permitir rupturas da negociación colectiva, etc., no camiño que todos eles queren: o desregulamento total das relacións laborais.

Burguesía ou oligarquía financeira

Non fai falta ser un lince para decatarse de que esta diferenciación, como a que se fai entre “economía especulativa” e “economía real” é interesada. Provén de sectores da esquerda no seu sentido máis amplo que buscan un recambio dentro do sistema capitalista; que renunciaron á revolución socialista e necesitan dunha muleta burguesa para a súa proposta de cambio. Por iso teorizan que os problemas da sociedade están na economía especulativa á que nos abocou a oligarquía financeira, salvando desta maneira a cara a aqueles capitalistas “produtivos”, que si queren crear emprego e desenvolver a sociedade, pero que “pobres eles”, a falta de crédito bancario impídello.
Loxicamente esta diferenciación interesada parte da caracterización que fan da crise; o problema actual non esta nas estruturas da economía capitalistas senón na cobiza dalgúns e no neoliberalismo, que quixeron se facer ricos por cima das proprias leis burguesas. Foron os especuladores e banqueiros, os aproveitados, os corruptos, axudados polos políticos, os que nos trouxeron até aquí. Os demais, desde empresarios até traballadores/as, a sociedade civil dirían algúns, foron as súas vítimas, polo que se impón un acordo, unha maioría social, entre os empresarios sans e os traballadores/as (chamados “clase media”) para sacarnos do buraco. Que esta alianza de clases déase a nivel nacional, estatal ou europeo xa depende do marco no que se mova cada un.
Desde un punto de vista socialdemócrata e progresista esta é unha perspectiva teorica loxica, non teñen a menor intención de levar adiante unha política anticapitalista; o seu obxectivo non é outro que volver aos “bos vellos tempos” do estado do benestar.
Pero a crise economica ten outras causas e por tanto converte este discurso nunha fantasia.
A causa central da crise non está nun problema subxectivo -a cobiza duns banqueiros e politicos corruptos-, esa é unha das súas manifestacións, senón obxectivo; a rendibilidade dos capitais investidos cae froito da tendencia decrecente da taxa de ganancia. É a burguesía no seu conxunto, como detentadora deses capitais, a que “sofre” a crise agudizando as contradicións entre os seus distintos sectores.
Di I.I. Rubin nos Ensaios sobre a Teoría Xeral do Valor que as crises son a ruptura do equilibrio entre produción e distribución. A ruptura desta proporcionalidade ou do equilibrio froito da caida da taxa de ganancia é a que provoca a situación actual, e afecta á burguesía como clase; máis aló de que pertenza á “oligarquía” financeira, ao capital industrial ou ao comercial. Todos eles están unidos por unha relación superior, as relacións sociais de produción capitalistas, o traballo asalariado e a propiedade privada e xestión dos medios de produción e distribución, da que depende os seus medios de vide.

A reforma laboral, a débeda e o capital financeiro
É xa case un lugar común afirmar que a débeda publica que atenaza a decenas de estados ven da socialización das perdas dos bancos, que desde o 2008 até hoxe han ir endosando aos estados polas máis diversas vías, resgates directos, avais, prestamos, compra de activos tóxicos, etc., etc. Isto conduciu a reformas constitucionais, a recortes brutais nas condicións de vida da cidadanía e nos dereitos dos traballadores/as públicos, nos seus salarios, etc.
A débeda publica é a xustificación que todos os gobernos utilizan para recortar nos servizos públicos, para proceder á súa privatización: tras a marcha do estado entran os bancos e as aseguradoras privadas. Pero que ten que ver isto co desregulamento das relacións laborais, a caída dos salarios dos 13 millóns de traballadores da empresa privada; que ten que ver coas reformas laborais. Como afirman desde sectores progresistas da sociedade, a política de recortes e austeridade é contraproducente porque descende o poder de compra, redúcese a demanda, afúndese o comercio e caen os ingresos do estado, levándonos a unha espiral cara abaixo.
Aínda sendo xusta esta critica, a súa concepción da crise fai que a súa denuncia ó PP, Angela Merkel, a UE, a Troika - lembremos que os que defenden estas teses están ben instalados na o esquerda, a oficial e a alternativa, nas cúpulas sindicais, en sectores das ONGs, etc.- limitase a que non se mantén o poder de compra da clase traballadora, e que son “suicidas”, gobernando ao servizo dunha ínfima minoría do capital, a “oligarquía financeira”. No fondo, a súa critica só leva á un capitalismo de “rostro humano”.
Como analizamos máis arriba é bastante difícil diferenciar “a oligarquía financeira” da burguesía como clase social propietaria e xestora dos medios de produción e distribución; agora vexamos como se interrelaciona a crise entre os distintos sectores da burguesía.
Lenin, no Imperialismo Fase Superior do Capitalismo, expuxo que froito do desenvolvemento do capitalismo os distintos sectores do capital fúndense nun, superior, que chamou “capital financeiro”, segundo o cal os banqueiros, os industriais e os comerciantes convértense en propietarios directos ou indirectos de grandes truts, que nós chamamos multinacionais. Que sexa daquela un fenómeno especifico dentro do capitalismo, onde conflúen diversos sectores da economía, non exclúe o que eses sigan existindo e cada un suxeito ás leis xerais do capital; pero pola súa interralación fai que as crise se contaxien dunha maneira máis rapida.
Marx falaba de que crise dentro do capitalismo había de moitos tipos, bancarias, comerciais, industriais; e o contaxio, aínda que existía se producía dunha maneira distinta á actual. No século XIX a caida da taxa de ganancia afectaba ao capital bancario porque os industriais -e por derivación os comerciantes- deixaban de pagar os préstamos ou os intereses que debían. Co capital financeiro, os bancos son accionistas das grandes empresas industriais, e os industriais son accionistas dos bancos; a caida da taxa de ganancia golpea directamente nos bancos non só a través do aumento da morosidade, mas tamén nas reparticións de dividendos. É concreto e directo.
Para recuperar a taxa de ganancia ten que aumentar a taxa de explotación da clase traballadora, e isto non ten nada que ver coa débeda, que é unha maneira de maquillar as contas de resultados, senón coas reformas laborais que buscan o aumento da produtividade do traballo. Por todo iso, o que para os socialdemócratas parece incomprensible, porque o goberno aparentemente mete nun canellón sen saída aos capitalistas coa súa política de empobrecemento social, aparece nidio diante de nós. O goberno actúa como o que é, o comité central da burguesía, que máis aló dos intereses particulares de tal ou cal sector capitalista, quere impor as medidas que recuperen a taxa de ganancia, única maneira que teñen para saír da crise.
Nesta liña apunta tamén o aumento da débeda publica. O que o goberno busca co desmantelamento do sector publico non é reducir a débeda, só pagarlle os xuros á banca e acredores, e o déficit, senón resolver a caida da taxa de ganancia a través da ampliación dos sectores produtivos. Para iso ten que converter os servizos públicos non xeradores de plusvalía porque non traballan para o mercado, en xeradores de plusvalía introducindo os criterios de competencia e produtividade, que mellore a achega de traballo humano non pago ao sistema.

A débeda e as relacións sociais de produción
En xeral a débeda non atenta contra as relacións sociais de produción posto que é o método de financiamento de calquera sistema baseado na produción de mercadorías. Crise de débeda hóuboas no Estado Español desde que se lanzou á aventura americana; a expulsión dos xudeus polos RR CC ten moito que ver coa débeda destes, é dicir, do estado cos comerciantes xudeus. O drama da débeda non é tanto o seu monto, senón a falta de ingresos para soster o pago das cotas.
É en xeral, porque no caso da actual Unión Europea esta relación “débeda/ingresos” non é tan clara. Cando vamos o concreto, ás relacións xurídicas europeas nas que se concretizan as relacións sociais de produción capitalistas, vemos como o Tratado de Maastricht impón aos estados o seu financiamento indirecto, a través da emisión de débeda nos mercados financeiros, onde van os bancos e inversionistas.... que compran o diñeiro a baixo prezo ao Banco Central Europeo. Redondo o negocio.
Por iso, cando traemos á actualidade a débeda soberana, publica ou como se lle queira chamar, dos estados europeos achamos con que está inflada artificialmente, por unha decisión política que buscaba tapar os buracos da caida da taxa de ganancia do capital financeiro (deixémonos de facer o xogo aos demagogos da dereita, falando de bancos e políticos corruptos soamente).
Volvemos á pedra chave de todo o edificio, a taxa de ganancia e a súa tendencia á caida. A débeda analizada no concreto, serve para evitar que as relacións sociais de produción colapsen froito desa caida. Non é a causa de nada, pero é unha boa muleta para impor un empobrecemento social que afecta fundamentalmente á clase obreira no que fai o salario indirecto, é dicir, servizos públicos e sociais. A débeda interrelaciónase coas formas políticas e xurídicas que adoptan as relacións sociais de produción, converténdoa nunha ferramenta do capital para tapar a crise que lle atenaza e así evitar o seu colapso.

A taxa de ganancia expresión das relacións sociais de produción
Á parte da súa formulación matemática (G’=p/c+v), a caida tendencial da taxa de ganancia expresa a relación inversamente proporcional entre o aumento da produtividade do traballador/a e os beneficios empresariais, que se ve matizada e mitigada polas forzas contrarrestantes que Marx sinala no Capital, por iso é unha tendencia, non unha lei absoluta. De feito a tendencia decrecente da taxa de ganancia dedúcese a medio e longo prazo, e principalmente, polas súas manifestacións, desemprego masivo, débeda publica e especulación.
O capitalista como individuo busca permanentemente revolucionar a competitividade da súa empresa fronte aos demais, co fin do aumentar a taxa de plusvalía (o traballo non pago), introducindo melloras técnicas que aumentan a composición orgánica do capital -o traballo morto da maquinaria, “c”- para reducir o tempo de traballo necesario para a produción da mercadoría e aumentar o non pago (plusvalía relativa, “p”).
Pero o capitalista individual móvese nun colectivo, a clase burguesa, e ao facer este movemento o que provoca é unha tendencia á deflación, é dicir, á caída do valor real das mercadorías, do tempo de traballo socialmente necesario para producilo, e con iso da taxa media de ganancia (G’). O sistema, para contrarrestar esta tendencia, ten varios mecanismos, un, abrir o comercio, é dicir incrementar a venda de mercadorías, dúas, ampliar o aparello produtivo, cunha achega masiva de traballo non pagado en sectores novos da produción, tres, aumentar a explotación dos traballadores/as que incremente a plusvalía absoluta xerada. O cuarto mecanismo é a destrución masiva de forzas produtivas, especialmente o traballo humano, que permita un novo proceso de acumulación de capital; algo así como un “reseteo” do sistema.
Esta contradición entre a necesidade do sistema de revolucionar constantemente o aparello produtivo na busca dunha maior rendibilidade e a tendencia á caida do valor real das mercadorías, é a que esta en o fondo da crise actual, incluída a da débeda, que se converteu na maquillaxe para tapar esa caida.
A relación entre débeda e tendencia decrecente da taxa de ganancia é a que existe entre a loita social en defensa dos dereitos de todos e todas a uns servizos públicos e as conquistas sociais coa loita da clase traballadora por acabar co mecanismo fundamental que xera as crises do capitalismo, as relacións sociais de produción, que impoñen que o criterio de riqueza social se base na acumulación de capital e non na resolución das necesidades sociais.

Galiza, a 25 de outubro do 2013




No hay comentarios:

Publicar un comentario