A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

lunes, 18 de noviembre de 2013

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A LOITA DE CLASES NO ESTADO ESPAÑOL


Carlos Dafonte

O trazo máis salientable da situación, tanto nos aspectos económicos, sociais ou políticos, é que a pesares da violencia dos ataques dos sectores burgueses contra @s traballador@s asalariad@s, levados a cabo polos dous partidos que se alternan no goberno, por causas subxectivas, non nos atopamos inmersos nun proceso de loita de clases. Tentarei explica-la anterior afirmación.
As loitas e mobilizacións de todo tipo que se teñen dado desde o comezo do aumento da agresión oligárquica, poñendo como xustificación a necesidade de “salva-lo país e sacalo da fonda crise económica”, non son loitas por un cambio de poder de clase, substituír o poder da clase burguesa polo poder dos traballadores, que indicaría un grao de conciencia que hoxe non hai, senón que son loitas e mobilizacións, algunha moi importantes como as folgas xerais, de carácter defensivo, para evitar que se nos sigan a arrebatar dereitos de todo tipo, conseguidos para toda a sociedade, grazas á loita e sacrificio da clase traballadora.

Dicía Lenin no artigo “A nosa tarefa inmediata” que “A loita dos obreiros se convirte en loita de clases só cando os representantes avanzados da clase obreira dun país adquiren conciencia de que forman unha clase obreira única e comezan a loita, non contra patróns illados, senón contra toda a clase capitalista e contra o goberno que apoia a esa clase. Só cando o obreiro se considera membro de toda a clase obreira, cando ve na súa pequena loita cotiá contra un patrón ou funcionario unha loita contra toda a burguesía e contra todo o goberno, só entón a súa loita se transforma en loita de clases”. Sendo xustas as verbas de Lenin hai que afirmar que o outro opoñente nesa loita, a burguesía e sobre todo un sector da mesma, a oligarquía financeira, si ten conciencia de ser unha clase, hexemónica na sociedade, que esta inmersa nunha loita contra os traballadores e tenta derrotalos. Para ela toda loita social é loita de clases, que se manifesta a traveso de tres procesos, na loita económica, ideolóxica e na loita política. Imos analizar, aínda que sexa de forma moi sucinta estes tres aspectos referidos ó estado español.

A LOITA ECONÓMICA NO ESTADO ESPAÑOL


A saída da crise económica programada pola burguesía española golpea á maioría da poboación, reformas laborais, subas de impostos indirectos, que pagamos todos con independencia do poder económico de cada quen, modificacións ou desaparición dos impostos que afectan ós máis ricos, modificacións no IRPF, de sucesións e patrimonio, as SICAVS, xeración dunha enorme cantidade de parados que consolidan un exército de reserva que serve ós fins do capital, reforma das pensións e mingua das mesmas, co obxectivo de potencia-los planos privados, recortes nos orzamentos para servizos básicos, educación, sanidade, etc, o que se chama o “salario indirecto”, avanzando no proceso de privatización dos mesmos e así podíamos seguir a falar de toda unha serie de medidas, que co argumento da saída da crise, tomaron e seguen a tomar os gobernos, que só benefician ós máis poderosos e permiten reconduci-la tendencia da caída da taxa de ganancia. En resumo, aumentase a explotación da forza de traballo e se poñen os cartos públicos, que saen dos impostos que pagan maioritariamente as rendas do traballo, ó servizo do sistema financeiro e grandes empresas, aumentando o déficit e a débeda conseguinte, e como consecuencia dos mesmos, séguense a maltrata-las economías da grande maioría da sociedade.
E cal é a resposta dos traballadores fronte a esta agresión? Folgas, mobilizacións, paros, algunhas de carácter xeral, pero sen conexión unhas con outras, sen perspectivas de continuidade, e cando acontecen loitas importantes, como poden ser as de defensa de determinados servizos que afectan á grande maioría, ou as folgas xerais, son defensivas, illadas, sen que se mobilice o conxunto da clase traballadora, o que “queima” a moitos dos participantes, sobre todo cando loitar pode poñer en perigo o seu posto de traballo; outra característica destas mobilizacións é, a pesares da brutalidade da agresión, que non aparece dun xeito nidio unha alternativa ó actual sistema, como se unha enorme maioría dos manifestantes seguiran a ter confianza nunha transformación do actual e a posibilidade de volver á situación de décadas pasadas, cando dentro do propio sistema capitalista, estábase a levantar o feble, chamémoslle para entendernos, “estado de benestar”.
O anterior ten moito que ver con que as mobilizacións son convocadas e dirixidas, polos sindicatos maioritarios, cuxo obxectivo e case en exclusiva, é “negociar” ca patronal e o goberno, o que amosa que os análise que elaboraron sobre a crise ou non foron moi acertados, ou pensan que, para non perder protagonismo fronte á patronal, esa é a perspectiva de saída da actual situación que máis lles favorece: mobilizan sen dar saída alternativa e manteñen o “status quo” ca mesma.
A actuación sindical é resultado, entre outros procesos, da transformación de algúns dos sindicatos, que naceron, no caso de CCOO, cun marcado carácter sociopolítico, fortalecidos por moitos anos de loita contra a ditadura, en sindicatos de servizos, despolitizados, marxinando os cadros anticapitalistas e convertéronse en submisos co poder e incapaces de dar ós traballadores unha perspectiva estratéxica de loita por unha nova sociedade, o que non axuda a crear conciencia para si.
Paralelo ó proceso anterior é o de burocratización das cúpulas sindicais e a derrota da democracia obreira no interior das organizacións; os acordos impóñense de arriba abaixo e cada vez menos as asembleas de empresas ou sectores, teñen valor para esa casta burocrática. A maior parte das veces cando se celebran, é porque as bases as impoñen.
A pesares do dito, hai que considerar estas loitas como xermolos da loita de clases, xa que poderían transformarse nela se os obxectivos das loitas, ademais das reivindicacións inmediatas, tamén apareceran aqueles outros que todo traballador ou traballadora debe ter en perspectiva, acabar ca explotación da forza de traballo, igualdade home muller, respecto o medio ambiente, gozar de bos servizos, rematar co consumismo, reparto da riqueza creada dun xeito equitativo entre toda a sociedade, ter un estado ó servizo da grande maioría e non como agora, dunha minoría usurpadora, etc., é dicir poñer fin ó sistema capitalista.
Cunha dirección adecuada, as loitas actuais poden axudar, a pesares do seu espontaneísmo, á toma de conciencia de determinados sectores da clase.
Pero estamos a saír da situación de crise como anuncia agora o goberno de PP? Hai uns meses, nun xesto de sinceridade que deixou asombrados a medios de comunicación e a quen lles escoitou, a vicepresidenta do goberno, o ministro de economía, Guindos e o de facenda, Montoro, explicaron en rolda de prensa as previsións da situación económica do ano en curso e o próximo, de aumento das dificultades, do paro e toda outra serie de circunstancias, que se acolleu como un exercicio de realismo e que por primeira vez dicíase a verdade sobre a complicada situación económica na que vivíamos.
Lembremos; segundo a rolda de prensa dos tres representantes do goberno do día 26 de abril, a caída do PIB no 2013 ía ser do 1,3 %; o paro acadaría o 27,1 e no 2015 seria do 25,8, maior aínda que a última EPA do presidente Rodríguez Z que era do 21,5 e tampouco se cumpriría o obxectivo de déficit para este ano, o 4,5 do PIB, e quedaría no 6,3. Un verdadeiro desastre.
Pois ben, pasado o verán todo se ten transformado. Segundo o ministro Montoro, en recentes declaracións, España é “un exemplo para o mundo”, numerosa institucións ven agora xermolos verdes por todas partes e ata Botín anuncia que o diñeiro, dada a situación económica, achégase a montóns para investir nas nosas empresas e bolsa, nun xesto de confianza na “marca España”, seguindo o exemplo de Gates que investiu en FCC.
O que está a acontecer é que empresas, na bolsa e fora dela, o país no seu conxunto atópase de saldo e o normal é que nas “rebaixas” a xente, neste caso outras empresas, fondos de investimento estranxeiros e toda canta persoa teña cartos, merquen nun mercado como o español, que grazas as medidas do PP e PSOE, primeiro crearon unha burbulla e agora atopámonos en bancarrota. Esperemos que non vendan as obras dos museos e as praias; pronto privatizarán as cárceres, os cemiterios, ademais dos servizos básicos o que xa está en marcha.

A IMPORTANCIA DA LOITA IDEOLÖXICA
Todo o anterior serve para introducir outro aspecto da loita de clases: a loita ideolóxica; loita fundamental para impoñe-los criterios, o xeito de pensar e de resolve-los problemas, no estado español, dunha clase moi minoritaria, e que sexan asumidos como propios pola maioría. Non se necesita moito máis que todos os medios de comunicación reproduzan as novas manifestacións do goberno, que determinados intelectuais orgánicos ó servizo da burguesía nos múltiples faladoiros repitan que xa pasou o peor da crise, que xa se ve a luz ó fondo do túnel, para que a maioría se convenza, aínda que a realidade cotiá diga o contrario.
Os explotadores, a burguesía, non só teñen todo tipo de medios para impoñe-las súas ideas, televisión, radio, diarios, revistas, a propia escola, universidade, etc, ademais unha parte moi importante da intelectualidade pasouse ó seu bando, na busca de “fama e diñeiro”; de non facelo así, desaparecerían dos medios que crean opinión onde se comenta a súa obra, terían pechadas as editoriais que “venden” e toda outra serie de problemas, que só resisten aqueles que teñen un xeito de pensar moi firme e un compromiso férreo, cos que sofren e padecen a historia.
Polo tanto son numeros@s @s intelectuais que nesta época, abdican do seu labor fundamental, furgar e denunciar as cloacas do poder, para converterse en intelectuais dependentes dun partido burgués, en axentes electorais, sometidos ós vaivéns da política diaria.
Nesta época e moi ligado a este proceso e o da restauración do capitalismo nos países que racharan co mesmo, desapareceu a crítica xeneralizada ó imperialismo, ó neoliberalismo, as discusións teóricas sobre o socialismo e o marxismo e toda outra serie de contribucións que axudaban a crear conciencia.
A burguesía utilizou e utiliza este poderoso aparello, por exemplo, para facernos crer, á grande maioría da sociedade que: 1. “rematara a historia e as ideoloxías”, tese do norteamericano Fukuyama que viña a dicirnos que ca caída do “muro de Berlín” e da reconstrución capitalista nos países que buscaran outro camiño distinto, só o capitalismo neoliberal ía perdurar baixo a batuta dos EEUU. Bastaron poucos meses de crise para que en numerosas sociedades estean a buscar alternativas distintas do capitalismo. 2. Moi unido á construción teórica-ideolóxica anterior, foi pregoar-la inexistencia de alternativa ó sistema capitalista. Fracasado, dicían, o “socialismo” e o “comunismo”, a realidade é que nunca chegaran ó socialismo e menos ó comunismo neses países, a única alternativa, din nos debates cando acosan a alguén que defende outro tipo de formación social onde o capitalismo non sexa hexemónico, é Cuba ou Corea do Norte; e hai que recoñecer que algunhasas veces fan calar ó interpelado. Posiblemente pola falla de reflexión que na esquerda hai sobre a construción da nova sociedade 3. A desaparición da clase obreira como tal e a súa transformación por ter vacacións, piso hipotecado e coche, nunha ampla “clase media” con intereses moi distintos dos dun asalariado. 4. Que no estado español o PSOE representa o centro esquerda e o PP o centro dereita, polo que é beneficioso para a grande maioría da sociedade un sistema bipartidista no que se produce a quenda entre estes dous partidos. Así podíamos continuar poñendo exemplos sobre falsas verdades que a sociedade foi interiorizando.
A alienación ideolóxica constrúe e fomenta a “falsa conciencia” que necesitan as diferentes oligarquías burguesas para mante-lo seu dominio. Convencer a unha parte importante da sociedade, ten por obxectivo atrasar a toma de conciencia de amplas masas e que non se produza a confrontación de clases.
A esquerda anticapitalista ten varios problemas para organiza-lo debate ideolóxico, e dicir, dar resposta as posicións da dereita dun xeito contundente; en primeiro lugar a carencia de medios materiais, o que hai que apuntar tamén no “debe” do PSOE polas leis que aprobou relacionadas ca creación de medios de comunicación, leis que tiñan o obxectivo claro de que só os sectores máis fortes do capital puideran crealos; en segundo a súa fragmentación e sectarismo, o que dispersa o discurso; son moi numerosos os boletíns, revistas, algunha radio e TV alternativa, que están a funcionar pero necesítase un discurso e unhas propostas máis unificadas para poder agrupar a redor das mesmas á grande maioría da xente que pensa dun xeito parecido. En terceiro teño a impresión que sen supera-los anteriores aspectos caese nun erro que xa hai moitos anos sinalaba Gramsci nos seus “Cadernos do Cárcere”, e que é básico no aspecto ideolóxico da loita de clases. Dicía: “Na loita política e militar pode convir a táctica de irromper no punto de menor resistencia, para acharse así en condicións de embesti-lo punto máis forte co máximo de forzas que quedaron dispoñibles (...) Na fronte ideolóxica, en cambio, a derrota dos auxiliares e dos partidarios menores, ten unha importancia case insignificante; nel é preciso bater ós máis eminentes. Doutro xeito confúndese o xornal co libro, a pequena polémica cotiá co traballo científico: os menores deben ser abandonados á infinita casuística da polémica de xornal.
Unha ciencia obtén a proba da súa eficiencia e vitalidade cando amosa que sabe enfrontarse ós grandes campións das tendencias opostas, cando resolve cos seus propios medios os problemas vitais que estes suscitaron, ou amosa perentoriamente que estes problemas son falsos”.
Loitar contra os que defendan o pensamento máis poderoso, e ligar esta loita a todas as loitas é o xeito de que os explotados cheguen a decatarse de cales son os mecanismos utilizados para que as minorías explotadoras impidan o derrube dun orde social inxusto.
É necesario combate-los mecanismos de socialización, de control ideolóxico, etc, que fan que se acepten unhas condicións que parece imposible sexan aceptadas.
No centro do sistema capitalista as relixións xa non xogan o papel importante que xogou noutros tempos para crea-la “mentalidade submisa”; foi substituída por toda outra serie de argumentos, como o da sociedade capitalista “unha sociedade aberta”, onde hai oportunidades para tod@s , e se non se consegue unha vida mellor, o culpable é o propio individuo. En verbas de Borón, “inocentízase ó capitalismo e o libera de calquera responsabilidade na produción de pobreza”. O mesmo que cando nesta crise tan fonda, afirmase sen avergoñarse que é resultado de “vivir por enriba das nosas posibilidades”; os culpables da mesma é a grande maioría da sociedade, non o desenvolvemento capitalista que nos leva á crise.

A LOITA POLÍTICA.
Debemos entender por tal o enfrontamento que se produce entre as organizacións de clase no campo xurídico-político. Os explotados contra as leis e institucións que facilitan á burguesía a súa condición de clase hexemónica. Pode ter obxectivos moi variados, a consecución de maiores liberdades e dereitos, pero o punto culminante desta loita e a que desenvolven as organizacións creadas polas diferentes clases para acada-lo poder ou para manterse no mesmo.
O problema fundamental para que a loita institucional se converta, no estado español, en loita de clases é a ausencia dun forte partido da esquerda anticapitalista, un partido d@s asalariad@s que teña roto as amarras definitivamente co que representa hoxe o PSOE e o que representou no proceso que chamamos da “transición”. No mesmo, o PSOE, ademais de dividi-las forzas de oposición, de aceptar ir ás primeiras eleccións ca esquerda comunista na ilegalidade, de rexeita-lo marxismo, aceptando o neoliberalismo como “a única política posible e propia da esquerda”, aplicando as súas teorías económicas nos anos de goberno, intervindo moi activamente no debate ideolóxico contra todo o pensamento que representara transformación da sociedade capitalista, e todo o que fora capaz de consolidarse a súa esquerda, que o é marxista, ou non é, tivo como obxectivo fundamental o de atraer cara ás posicións capitalistas neoliberais a importantes sectores do proletariado e as clase populares, que pola súa oposición ó franquismo, situábanse no proxecto de transformación social.
Non hai máis que repasa-los resultados electorais do ano 1977 para verificar o seu éxito, cando non contaba con organización pero si con apoios importantes, a Internacional Socialista o primeiro e dentro do propio aparello gobernamental. Éxito que se consolidou no ano 1982 co “voto para o cambio” que engaiolou e enganou a importantes sectores populares e intelectuais, iniciándose unha etapa marcada polo bipartidismo, que axudou a consolida-lo nacionalismo de dereitas de Cataluña e Euskadi, utilizados como aliados nas tarefas de goberno, cando non acadaba, algún dos partidos da alternancia, a maioría absoluta.
A esquerda, despois da estrepitosa derrota de 1982, non analizarei as razóns, conseguiu a partires da campaña contra a OTAN de 1986 coller pulo ca creación de “Izquierda Unida”, enfrontándose ó bloque burgués PSOE-PP. Dinamitada anos máis tarde, por erros atribuíbles a súa actividade, pero tamén pola fractura, con grande apoio mediático, dunha parte minoritaria da dirección cuxo obxectivo era o pacto e colaboración co PSOE, alternativa que tentaban pular como a “unidade da esquerda”, esquecendo que este era un partido ó servizo da burguesía e defensor das políticas neoliberais, contribuíndo deste xeito á confusión no electorado, esquema que se repite hoxe en Andalucía, esquecendo dun xeito vergoñoso o “Rebélate”, lema central da pasada campaña electoral..
A construción dunha forza de esquerdas no estado español é un camiño cheo de atrancos e fracasos, e cando digo esquerdas, refírome a unha organización da clase obreira, que loite por unha sociedade distinta á actual á que xenericamente chamamos socialismo, da que non existe modelo algún que poidamos reproducir. É dicir unha forza política d@s traballador@s que loite polo poder en beneficio d@s traballador@s asalariad@s, o que quere dicir, polo poder da grande maioría da sociedade, que se instaure polo tanto, un sistema democrático.
Esta loita política hai que levala ás institucións e á rúa; hai que loitar contra as leis que consolidan o poder burgués pero tamén fora das institucións. Levar só a loita ás primeiras é estéril, pensar que os cambios virán a traveso dunha loita nunhas institucións feitas pola burguesía para asegura-lo seu dominio de clase, convértese nun “pecado” que se paga caro e leva directamente ó reformismo
Pero para loitar na rúa e nas institucións, necesítase organización, as loitas espontáneas dos traballadores, como dixo alguén moi sabio, alá pola afastada data de 1902, só conducen á redacción dun bo programa sindical.

En Galicia no mes de novembro de 2013

1 comentario:

  1. Un análisis concienzudo de nuestra realidad.
    Vale la pena leerlo, releerlo y volverlo a leer.

    ResponderEliminar