A convicción profunda da actualidade da revolución, fai necesaria a organización política da clase obreira.

G. Lukács
 

martes, 26 de noviembre de 2013

ECONOMÍA, POLÍTICA E MONICREQUES.

Roberto Laxe

O debuxo que habitualmente representa a relación entre o capital e os seus políticos, un home gordo con smoking e sombreiro de copa, que coas súas mans move os fios dos políticos é, iso, a representación gráfica do poder do capital; mas esto non pode levarnos á confusión: é só umha representación, non un análise. Embora muitos sectores da esquerda trasladan esta imaxe á caracterización da realidade, coa consequência da súa simplificación e caricatura da verdadeira relación entre o capital e o Estado.

A POLÍTICA : “ECONOMÍA CONCENTRADA”
Do mesmo xeito que a guerra é a política por outros medios, é dicIr, que os obxectivos políticos ha varias maneiras de conquerilos, pacíficos ou militares,... que dependen, non da vontade individual, senon das contradicións sociais que lle deran orixe, a política “é economía concentrada”, de tal xeito que os obxectivos económicos dos diferentes sectores da sociedade achan nas propostas políticas a súa síntese, sentando as bases para o desenvolvimento da economía nun sentido ou outro. O monicreque é dono das chaves da economía capitalista. Cando un partido burgués defende o neoliberalismo está a defender un xeito de organizar a economía baseado no desregulamento total das relacions financeiras e laborais, e as propostas políticas, lexislativas e mesmo institucionais van por ese camiño. Por contra, se outro partido burgués defende o keynesianismo, o que esta a propor é a existencia de organismos politicos e institucionais concretos que faciliten a inxerencia do estado nos mercados.

A política dun partido ou doutro respostan a interese concretos de cada sector do capital, as súas contradicións exprésanse en partidos e politicos concretos, en propostas programáticas e políticas. As necesidades sociais e económicas de cada sector da burguesía sintetízanse nesas propostas, “a política é economia concentrada”. Xusto por elo, cando un sector da burguesía, nun momento concreto, fai umha proposta política que bate frontalmente con outro sector, limitando as súas capacidades de desenvolvimento, “a economía concentrada” que é a política recurre a outros medios, á guerra, para imporse un sobre outro.
A relación que existe entre a economía (o home gordo con smoking) e a politica (o monicreque) é a relación entre o obxectivo, as forzas economicas que moven a sociedade, e o subxectivo, a vontade dos seres humanos para enfrentalas, movelas ou modificalas. O subxectivo convirtese en obxectivo cando é capaz de mover as estructuras no sentido que a sociedade precisa. Esto é posible porque a través de mil fios un e outro interrelacionase, o estado e os políticos non son meros monicreques nas mans dos capitalistas, senón que son capitalistas, ou xestores seus (abogados, economistas, sociologos, etc.), que expresan, interpretan, analizan as necesidades dos capitalistas, e propoen saídas e tarefas.
Que estas sexan “neoliberais” ou “keynesianos”, por simplificar o exemplo, depende de a qué sector da sociedade burguesa resposte. O capital especulativo, o que máis depende do estado, é máis neoliberal, esta máis polo desregulamento das relacions co estado porque vive directamente del, do seu saqueo, das subvencións. A súa riqueza non a estrae só da explotación dos traballadores/as, mas principalmente do control dos orzamentos estatais.
Na época actual, imperialista, coa taxa de ganancia polo chan, fai que sexa este sector o dominante na política mundial, e dado que a través da política é a sintese das necesidades actuais do capital, as subvencions, as infraestructuras faraonicas, a especulación e o desregulamento… suplen a raquítica taxa de ganancia. Mas se por calquer motivo -non é o obxetivo deste texto analizar a casuística de cales serian- o capital precisase dun proceso de concesións o movimento obreiro e de masas, e a taxa de lucro o permtira (a posguerra mundial nos ”trinta gloriosos”), veriamos como os políticos dominantes non serían os neoliberais, senon “social liberais”. A imaxe do capital en abstracto cambiando o monicreque sería unha simplificación desta contradición.

CÓMO LEXITIMA A BURGUESÍA OS CONFLITOS INTERCAPITALISTAS.
Ninguén pode negar que a burguesía ten unha dupla contradición, a fundamental para o seu futuro, a que lle enfrenta á clase obreira para ter una taxa de explotación superior, mas non o fai por “maldade” persoal, senon porque ha umha outra contradicción subterranea: o todos contra todos.
Hobbes dixo, o “home é un lobo para o home”, e con elo sintetizaba a lóxica do capital. Os capitalistas son inimigos mortais uns doutros, a medio prazo o mercado destrúe os capitais menos rendibles e fai crecer a súa costa outros distintos. O capital esta en guerra comercial permanente polos mercados, divididos en sectores que exprésanse en organizacións politicas concretas, partidos, asociacións, etc., e resolve o capital estas contradicións internas a  través da democracia. En situación normal o sector “vitorioso” da burguesía lexitima a súa dominación sobre a base do xogos das maiorías e as minorías, facendo que a poboación vote.
O que a burguesía entende por poboación mudou o longo do tempo. O voto universal foi unha conquista do movemento obreiro porque nas revolucións o voto era censitario; só podían votar os homes libres e propietarios. Nin as mulleres, nin os obreiros/as, nin moitos menos os escravos tiñan ese dereito. Foi a loita obreira e popular a que conseguiu o voto universal. Era asi, porque os “pais” da revolución, sexa a que sexa, non tiñan como obxectivo favorecer a transformación social; umha vez que eles estaban no poder, o voto lles permitía dirimir “pacificamente” os conflictos entre os homes libres e propietarios, é dicer, os burgueses.
Cando as contradicións agudízanse, por mor dunha crise, dun crecemento exponencial dun sector burgués que ameaza os demais, etc., e a lexitimación “pacifica” a través do voto non chega, os diferentes sectores da burguesía comezan a linguaxe da guerra. Guerra comercial, diplomática,... ate que, senón queda outro camiño, a guerra “militar”, valga a redundancia; os capitalistas son ben conscentes de que “fora do poder todo é ilusión”.
Voltamos á política como “economía concentrada”, á guerra como a “política por outros medios”. Os diferentes sectores burgueses achan en políticos, partidos e militares quen mellor represente os seus interese; estes non son monicreques nas súas mans, senón os seus representantes, escollidos entre eles para levar adiante os seus proxectos, contra os outros sectores do capital e contra a clase traballadora.
Cando un sector da burguesía derrota nunhas eleccions a outro sector, non vence fisicamente a todos os inimigos, mas o que se impón é a politica dos primeiros a costa dos derrotados. Do mesmo xeito que cando un exército derrota a outro nunha guerra, non destrúe toda a poboación, senón que impón as súas condicións, os seus obxectivos políticos.

MOMENTOS CRÍTICOS, AS DITADURAS E A GUERRA.
Cando umha crise tensa a situación ate un punto no que as regras do xogo democrático non serven, a burguesÍa recurre a “grandes remedios”. Se nun conflito inter burgués ningÚn sector é capaz de impor as sÚas polÍticas, habitualmente recurren a un “bonaparte”, umha persoa que concita consenso entre eles baixo formas democráticas ou baixo formas dictatoriales, no que todos ponse dacordo de que as sÚas decisións resolven os conflitos diarios.
Desde que o capitalismo pasou á fase imperialista a tendencia ao bonapartismo -rexÍmenes presidenciais- é mais forte, porque mais aló das súas liortas polo poder económico, o seu inimigo mortal, a clase obreira chama ás portas. Desde 1917, a burguesía mundial é conscente de que as suas contradiccions poden xerar un proceso revolucionario, que poría en perigro as raices do seu poder. Por iso, a tendencia o bonapartismo agudízase; precisan incorporar a un sector da clase traballadora ao pacto social entre as burguesias, para evitar o inevitable, a revolución. Se isto non abonda, enton recurre ás ferramentas máis brutais, a dictadura militar ou o fascismo.
De igual xeito que os capitalitas recurren aos medios de guerra civil contra a clase traballadora e os pobos que supoen as dictaduras ou o fascismo, entre eles, cando a competencia intercapitalista chega a un punto critico, é a guerra o que ponse á orde do día.
Son históricos os exemplos da I e sobre todo a II Guerra Mundial, de cómo as potencias emerxentes daquela, Alemaña e Xapon, cuestionaron a hexemonía británica, en decadencia absoluta, como resolveron o control do mercado mundial e porén, que potencia dominaba no mundo. Enviaron, entre as dúas guerras mundiais, a máis 70 millons de seres humanos á morte. O final, nin uns nin outros gañaron, senon un terceiro, os EE UU, que construíron o seu poder sobre a destrución fisica de Europa, Xapón e parte de Asia.
Os Hitler e os Churchill, os De Gaulle e os Hiro Hito, os Rooswelt ou os Truman, non eran monicreques de ninguén, senón que eran os representantes dos sectores dominantes das súas burguesías. A derrota e suicidio de Hitler foi a derrota da burguesía alemá, a victoira de Truman foi a victoria dos USA. A derrota dos “monicreques” é unha derrota da burguesia á que representan, que abre as portas para acabar coas relacións sociais de produción que lles dan vida.

CLASE, ESTADO E POLÍTICOS.
Na imaxe inicial do sr do smoking cos fios movendo aos políticos podemos ver dous sectores das sociedade, a clase do sr do smoking, e ao político colgado do fio; mas falta o mecanismo que os une, que fai deles un todo orgánico. Seguindo a imaxe, esta serían os brazos do sr do capital, mas con isto non se resolve o problema das relacións entre a clase e os politicos, o que une a estructura economica coas superestructuras politicas.
O Estado -co goberno nalgúns casos, e noutros o rexime- é a institucion concreta na que se manifesta o poder da burguesía. Este nace na produción e distribución de mercadorias, sen conexións uns con outros, o estado, “agrupamento de homes armados” en definición de Engels, quen fai establecer esas ligazóns, quen garante o funcionamento dese proceso, e basicamente, quen defende as relacions sociais nas que se basea (a explotación dos traballadores/as).
No seculo XIX, no capitalismo do “laissez faire” non imperialista, era a principal tarefa do estado, garantir o poder do capital e a súa expansión. Mas coa aparición do imperialismo, dos oligopolios, as multinacionais, a agudización das contradicións interimperialistas, a decadencia do proprio sistema e coa revolución socialista chamando ás portas, o papel do estado cresce. Non pode se limitar a garantir militarmente o poder frente a clase obreira; sen perder este obxectivo central, asume unhas outras tarefas culturais, ideolóxicas e sobre todo de planificación economica; e dicer, o estado, o goberno, asume o papel do comité central da burguesía.
Os gobernos son aquelas persoas nas que sexa pola vía que sexa -habitualmente electoral- a burguesia confia a direción política dos seus interese; a adopción das medidas que conduzan á mellora das condicións da explotación da clase traballadora e de competencia cos demais capitais. Os politicos son os representantes dunha clase social, dun sector dela, que se manifestan a traves do control dos recursos dun estado feito á imaxe e semellanza da clase que domina. Cando o movemento de masas enfrenta aos políticos esta enfrentando ás institucions que representan, comezando polo goberno.
Voltamos á “política é economía concentrada”. A derrota da política económica dun politico é a derrota deste político, e umha vitoria frente á clase que esta trás el, situando a loita de clases nun patamar cualitativamente distinto. Non entender esta dialéctica convirte toda a loita de clases en mero sindicalismo que esgótase coa conquista social concreta, ou nun proxecto electoral limitado. Porén, esta claro que só a unica garantía de que esas conquistas sociais mantéñanse no tempo é cando a politica revolucionaria entra en xogo.

POLÍTICA E LOITA POLO PODER.
A política pódese resumir na loita polo poder. Fora do poder todo é ilusión, afirmou Lenin, é canta razón tiña. Rosa Luxemburgo, na sua polémica “reforma ou revolución” defendia a mesma idea, cando afirmaba que a única garantía de que as reformas perduraran non tempo era facendo a revolución, é dicer, loitando polo poder. Engels, no Prefacio á versión italiana do Manifesto Comunista, prantexa que a Comuna de Paris demonstrou á clase traballadora que non se pode conformar con tomar o estado burgués e poñelo o seu servizo, que era preciso “destruilo” para construir un novo.
Se a politica é economia concentrada, a loita polo poder é a quintaesencia desa política. A loita contra o poder economico da burguesía concéntrase na loita política contra o estado burgués, os diferentes reximes e gobernos nos que se concretiza en cada caso,
Para enfrentar esta relación, non se pode disolver o xeral no particular, nin o abstracto no concreto, e o invés. Cando se fala do poder do capital falamos en xeral en abstracto, a relacion social na formula matemática C/T (capital vs traballo). Este é o sr do smoking da imaxe inicial. Mas o longo do tempo, e nas condicións concretas do desenvolvimento histórico, cada formación social expresa dun xeito particular e concreto esta relación. Sería umha abstracción metafisica limitarse a dicir que nos EE UU e en Somalia o central é a contradiccion Capital vs Traballo, sen acto seguido expresar cales son as diferenzas que existe entre un e outro.
Pode que se vexa que esta comparanza é exaserada, mas diferenzas nas relacións tamén vémolas entre estados imperialistas e as súas expresións institucionais. Sigamos cos EE UU, porque dalgún xeito son o laboratorio máis perfecto dun estado burgués que sigue as normas de Montesquieu, da division de poderes, e a inexistencia dun aparato institucional intermedio entre a clase social e o goberno: o rexime.
O estado é a maneira historica da burguesía para organizar as súas institucións, a súa expresión diante da poboación é o goberno, o seu comité executivo; mas en case todo o mundo, polas condicións concretas do desenvolvimento social e político, faise preciso unha intermediación que de unha estabilidade da que a burguesía careceu: é o rexime politico. A forma concreta en cada estado na que a burguesia organiza a sua dominación.
Todo estado burgués ten tres institucións básicas, o goberno, o exército e o poder xudicial, non o parlamento, que fai parte da democracia burguesa, non das dictaduras militares e moito menos das fascistas. A forma na que se combinan e toman preeminencia cada unha destas institucions, incluído o parlamento no seu caso, constitúen o rexime concreto de cada Estado, a forma de dominación nun momento histórico dado da burguesía frente o traballo.
Pola súa conformación histórica –naceron coma burgueses sen ter que destruir ou pactar coas estructuras sociais feudais, co xenocidio dos nativos americanos “chegoulle”-, os EE UU non precisan do reaseguro do rexime político (monarquia, dictadura, republica) interposto entre estado e goberno, senon que estado e rexime confundese; por iso son a forma máis pura e estable de democracia burguesa. En contra, nos estados europeos conviven o Xefe do Estado (presidente, rei) co Primeiro Ministro, solapando institucions executivas para garantir unha estabilidade que o longo do século XX rompeu en demasiadas ocasions: Francia vai pola Vª republica, Alemaña pasou da republica de Weimar ao fascismo, despois a Republica Federal e agora á reunificación, Italia pasou da monarquia ao fascismo, para chegar ao Pentapartito e agora este rexime “inclasficable” que xera un Berlusconi; o Estado Español foi da restauración monárquica á ditadura, despois a república que lle seguiu unha dictadura e rematou cunha outra restauración monarquica. E todo trufado por ascensos revolucionarios da clase traballadora.
Esto fai que en cada estado o rexime concreto exprese umha forma particular de organizar as institucións que garanten a relación capital/traballo; desto deducese que as políticas e os programas cambian, adecuándose a cada situación en particular. A loita política ten que resumir e sintetizar a loita social, da clase traballadora e os oprimidos, nun momento preciso. Esto é o que significa, nin mais nin menos, a esixencia leninista de “análise concreto da realidade concreta”.
A derrota da clase social burguesa, e loita polo poder, non se da en abstracto, non é un feito intelectual, senón na loita concreta do día a día. Iso pon na obriga de precisar cales son as liñas de forza de cada organización estatal que permita á clase traballadora e ós oprimidos avanzar no camiño da destrución das institucións políticas da burguesía, o estado/rexime e os gobernos, e construir as súas institucións revolucionarias.

Galiza, no mes  de novembro do 2013




No hay comentarios:

Publicar un comentario